Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2014 Páx. 18582

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 46/2014, do 10 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de sendas peonís na AC-423, p.q. 11+580 e 13+970, no concello de Ponteceso (clave AC/13/063.06).

Con data do 18 de novembro de 2013, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción de sendas peonís na AC-423, p.q. 11+580 e 13+970, no concello de Ponteceso (clave AC/13/063.06).

O mencionado proxecto ten por obxecto a execución dunha senda peonil na marxe dereita da estrada AC-423 entre os pp.qq. 11+580 e 13+970, que discorre pola parroquia de Anllóns e remata á entrada da localidade de Ponteceso. A necesidade xorde do aumento da circulación peonil e da maior densidade de edificacións.

As obras consisten na ampliación da plataforma para dispoñer a referenciada senda peonil, así como a realización de elementos de drenaxe, limpeza, sinalización e construción dunha pasarela de madeira para solucionar o encharcamento nos meses de inverno.

A situación existente obriga a unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas de seguridade viaria na zona da AC-423. De aí a necesidade de proceder de xeito inmediato á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Segundo o punto 5 do artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente e da urxencia da ocupación. Todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de sendas peonís na AC-423, p.q. 11+580 e 13+970, no concello de Ponteceso (clave AC/13/063.06).

Santiago de Compostela, dez de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas