Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2014 Páx. 18658

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de postos de traballo xenéricos vacantes no Instituto de Medicina Legal de Galicia, para o corpo de médicos forenses.

De conformidade co establecido no artigo 531 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e mais nos artigos 43 a 48 e 51 a 53 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, anúnciase concurso de traslados para a provisión de postos xenéricos vacantes que se citan no anexo I, para o Instituto de Medicina Legal de Galicia, entre os funcionarios do corpo de médicos forenses, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión, por concurso de traslados, dos postos de traballo xenéricos vacantes incluídos nas relacións de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

En todo o non previsto concretamente na presente convocatoria, nin na Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, nin no Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aplicarase o disposto na lexislación xeral sobre a función pública.

Segunda. Requisitos e condicións de participación

1. Poderán tomar parte neste concurso os funcionarios de carreira pertencentes ao corpo de médicos forenses, calquera que for o ámbito territorial en que estean destinados, que reúnan as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes de participación e os manteñan ata a resolución definitiva do concurso.

2. Só poderán tomar parte neste concurso os médicos forenses se para a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes transcorreron dous anos desde que se adoptou a resolución pola que se convocou o concurso de traslados no cal se lles adxudicou destino definitivo, ou a resolución na cal se lles adxudicou destino definitivo se se trata de funcionarios de novo ingreso.

Para o cómputo dos anos considerarase como primeiro ano o ano natural en que se adoptaron as resolucións de que se trate, con independencia da súa data, e como segundo ano, o ano natural seguinte.

Os funcionarios que non teñan destino definitivo están obrigados a participar nos concursos de acordo coa normativa vixente, estando excluídos da dita limitación temporal.

3. Non poderán tomar parte neste concurso:

a) Os declarados suspensos en firme, mentres dure a suspensión.

b) Os médicos forenses que estean en situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na devandita situación.

c) Os sancionados con traslado forzoso, ata que transcorran un ou tres anos (se se trata de falta grave ou moi grave, respectivamente), para obter destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción.

d) Os que, tras obteren destino en anteriores concursos, non tomasen posesión do destino que lles foi adxudicado.

Terceira. Postos que se poden solicitar

1. Os participantes poderán solicitar os postos de traballo relacionados no anexo I.

Os ditos postos identificaranse polo número de resolución do Instituto de Medicina Legal de Galicia. Coa soa solicitude do número de resolución dun destes centros enténdense pedidas todas as vacantes do corpo existentes nel.

2. Tamén se poderán solicitar os postos xenéricos que queden vacantes como consecuencia da resolución do presente concurso, que se incorporarán en concepto de resultas ás vacantes ofertadas, agás que se pretendan amortizar mediante un proxecto de modificación das relacións de postos de traballo ou reordenación de efectivos dun centro de traballo, neste caso non se anunciará ningunha resulta correspondente ao corpo.

Os postos de traballo téñense que identificar polo número de resolución da convocatoria. Coa soa solicitude dun posto de traballo enténdense pedidas todas as vacantes do corpo existentes no devandito centro e, mais, todas as resultas que se puideren producir, na orde de preferencia indicada.

Co fin de que os posibles solicitantes poidan exercer o dereito que se lles recoñece de solicitar as resultas producidas pola resolución do concurso, desde a data de publicación desta resolución, e durante o período de presentación de solicitudes, expoñerase na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) e mais na intranet xudicial a relación de centros de destino que se poden solicitar, con indicación do número de resolución dos devanditos centros.

3. Os médicos forenses participantes deberanse asegurar de que os números de orde de convocatoria que especifiquen na súa instancia se corresponden cos publicados para este concurso tanto no anexo I coma nas resultas, co fin de evitar que se indiquen outros códigos erroneamente.

Os médicos forenses que participen no concurso deberanse asegurar de que os números de orde de convocatoria que solicitan se corresponden exactamente coas denominacións dos centros de destino ofertados, xa que unha vez transcorrido o prazo de presentación non se admitirá ningunha modificación da solicitude formulada, nin tampouco renuncia en caso de adxudicación.

4. Excepcionalmente poderase eliminar algunha das prazas anunciadas como vacantes, no caso de que se producise de forma sobrevida algunha circunstancia que obrigase a facelo así.

5. Canto aos médicos forenses procedentes do corpo de médicos do rexistro civil, atenderase ao disposto na Lei orgánica 7/1992, do 20 de novembro, pola que se fixa a idade de xubilación de xuíces e maxistrados e se integra diverso persoal médico no corpo de médicos forenses.

Cuarta. Presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes para tomar parte neste concurso deberanse axustar ao modelo publicado como anexo II desta resolución, do cal se deberán cubrir todos as epígrafes que se lles exixan.

2. As solicitudes deberanse presentar no prazo dos dez días naturais seguintes ao da publicación simultánea da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado e mais no Diario Oficial de Galicia. Estas solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, e presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, situado no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Se a dita simultaneidade non for posible, os termos e prazos establecidos contaranse, en todo caso, a partir da data da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

3. As solicitudes poderanse remitir tamén na forma prevista no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se as solicitudes se presentan a través das oficinas de Correos, deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.

4. Os funcionarios destinados en órganos das comunidades autónomas con competencias asumidas, presentarán a súa solicitude no órgano correspondente da dita comunidade, e os destinados no ámbito de competencia do ministerio, presentarana no Ministerio de Xustiza.

5. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante, aínda que se soliciten prazas radicadas no territorio das comunidades autónomas con competencias transferidas, que, polo tanto, figuren nas convocatorias que simultaneamente a esta realicen os gobernos autónomos.

De se presentar máis dunha solicitude de participación, só se terá en consideración a última.

6. Ningún participante poderá anular ou modificar a súa instancia unha vez rematado o seu prazo de presentación.

7. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

8. Canda a solicitude achegaranse os seguintes documentos:

a) Fotocopia da resolución pola que se lle adxudicou a última praza desempeñada en propiedade.

b) O concursante en situación de excedencia achegará fotocopia compulsada da resolución pola cal se lle concedeu a excedencia.

9. Unha vez recibida a solicitude, o órgano competente do último destino expedirá unha certificación orixinal actualizada dos servizos prestados no corpo de médicos forenses, con detalle dos períodos desde a data de inicio (día, mes, ano) ata a data final (día, mes, ano), e uniraa á instancia.

Así mesmo, o dito órgano de persoal cubrirá na cabeceira da instancia ou en folla anexa a puntuación por idioma e indicará se o funcionario leva no seu actual destino o período legalmente establecido no artigo 46 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e se está incurso nalgunha das situacións previstas no artigo 43.2 da devandita norma.

Quinta. Peticións condicionadas

No suposto de estaren interesados dous funcionarios nas vacantes que se anuncian para un mesmo municipio, partido xudicial ou provincia, poderán condicionar a súa petición ao feito de que ambos obteñan destino no mesmo municipio, partido xudicial ou provincia, entendéndose no caso contrario desistidas as peticións condicionadas efectuadas por ambos. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicionada deberán concretalo na súa instancia na alínea C, especificando o nome e apelidos e NIF da persona con quen condicionan, e achegar fotocopia da solicitude do outro funcionario. Se algún dos concursantes non o indicase na alínea C, quedarán anuladas ambas as dúas instancias.

Polo feito de cubrir a alínea C da instancia, enténdese que se acollen á petición condicionada prevista no artigo 48.2 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

Sexta. Baremación do concurso

1. Os méritos alegados e acreditados valoraranse con referencia á data de finalización do prazo para presentar solicitudes de participación.

2. Avaliaranse os méritos de conformidade co seguinte baremo:

A) Antigüidade, cun máximo de 60 puntos, a razón de 2 puntos por ano completo de servizos como titular no corpo de médicos forenses. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,00555556 por día, establecéndose os meses como de trinta días.

B) Coñecemento oral e escrito da lingua galega, cun máximo de 12 puntos. O coñecemento deste idioma valorarase do seguinte xeito:

1) Certificado Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

2) Certificado do curso de linguaxe xurídica medio: 8 puntos.

3) Certificado do curso de linguaxe xurídica superior: 12 puntos.

Para valorar estes coñecementos deberase achegar certificado expedido conforme a normativa en vigor nesta comunidade.

3. O presente concurso constará dunha única fase na cal se valorarán os méritos enumerados nas letras A) e B) do baremo.

Sétima. Adxudicación de postos

A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo establecerase pola puntuación total obtida segundo os baremos establecidos na base sexta desta convocatoria.

En caso de empate na puntuación total, incluído o idioma, acudirase para dirimilo á maior antigüidade no corpo de que se trate, e de persistir o empate, ao número de orde obtido no proceso selectivo de acceso ao devandito corpo, incluído o idioma ou dereito propios.

Oitava. Carácter dos destinos adxudicados

1. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, e en consecuencia non xerarán dereito ao aboamento de indemnizacións por concepto ningún.

2. Os destinos serán irrenunciables, de acordo co disposto no artigo 53 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

Novena. Resolución do concurso

1. O presente concurso será resolto coordinadamente polo Ministerio de Xustiza e esta comunidade autónoma. O prazo para a resolución será de seis meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A resolución expresará o posto de orixe dos interesados aos cales se lles adxudique destino e a súa localidade, así como tamén a súa situación administrativa, se esta é distinta da de activo, e o posto adxudicado a cada funcionario.

Décima. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición competente, conforme o establecido na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Boletín Oficial del Estado. E todo isto sen prexuízo da interposición do recurso potestativo de reposición ante o director xeral de Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, consonte o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO I
Vacantes-Galicia

Postos de traballo que se poden solicitar en aplicación do punto 1 da base terceira.

Núm. orde

Centro de traballo

Denominación

Localidade (provincia)

Vacantes

Resultas

Idioma

137

Instituto Medicina Legal. Subdirección

Médico forense (xeneralista)

A Coruña

1

X

Si

136

Instituto Medicina Legal. Dirección

Médico forense (xeneralista)

Santiago de Compostela (A Coruña)

3

X

Si

139

Instituto Medicina Legal. Subdirección

Médico forense (xeneralista)

Lugo

1

X

Si

140

Instituto Medicina Legal. Subdirección

Médico forense (xeneralista)

Ourense

1

X

Si

141

Instituto Medicina Legal. Subdirección

Médico forense (xeneralista)

Pontevedra

1

X

Si

missing image file
missing image file