Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2014 Páx. 18642

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2014 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa da actividade docente e investigadora, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Por Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que, mentres a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23 dos estatutos, seguiranse aplicando os establecidos polas normas en vigor, no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

De acordo co anterior, a avaliación das actividades docentes e/ou investigadoras, previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento ao labor docente e/ou investigador, levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio).

De conformidade co establecido na citada orde, en cada convocatoria establecerase a data concreta en que os solicitantes deberán ter cumprido o requisito establecido no artigo 6, números 1.3 e 2.3 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo.

Por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da ACSUG, polos que se delega, na súa presidencia, a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e o complemento de recoñecemento ao labor investigador establecidos, respectivamente, no artigo 2.1º e 2.2º, do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Segunda. Destinatarios

1. De conformidade co disposto no artigo 1 do citado Decreto 55/2004, poderá solicitar esta valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

2. Tendo en conta o carácter individual e consolidable destes complementos, non se admitirán a trámite as solicitudes dos solicitantes que xa fosen valoradas favorablemente en convocatorias anteriores.

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, os artigos 6.1º e 6.2º da mesma disposición, así como co disposto polos artigos 2 e 3 da Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006, para obter a valoración positiva, será necesario:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

3. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, cumprido en 31 de decembro de 2013.

4. Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.

5. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

b) Para el complemento de recoñecemento ao labor investigador:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

3. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, cumprido en 31 de decembro de 2013.

4. Ter presentado na universidade un traballo de investigación, que sendo xulgado por un tribunal avaliador, se lle teña outorgado o grao de doutor.

5. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

Cuarta. Formalización das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a instancia (anexo I), común para ambos complementos, e as memorias de autoavaliación (anexo II.A e II.B), nos modelos dispoñibles na aplicación informática á cal se poderá acceder a través da páxina web: www.acsug.es

2. As solicitudes que se presenten deberán indicar cunha aspa para cal ou cales das retribucións adicionais se solicita a valoración. No caso de que se solicite a valoración previa das dúas retribucións farase na mesma instancia.

3. Non se valorarán as solicitudes que non fosen cubertas telematicamente.

Quinta. Presentación das solicitudes

1. Una vez cuberta a instancia (anexo I) deberá imprimirse e presentarse nos lugares sinalados no número 5.3, debidamente asinada, xunto coa documentación que se relaciona a seguir, sempre que esta non fose remitida telematicamente:

– DNI ou documento equivalente, no caso de non prestar autorización á ACSUG para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

Ademais, en función do complemento retributivo para o cal se solicite a valoración, os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

– Breve memoria de autoavaliación do labor docente que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.A.

b) Para o complemento de recoñecemento ao labor investigador:

– Xustificante de grao de doutor (este requisito non será necesario para os solicitantes que sexan profesores de corpos docentes nos cales se exixa o título de doutor, circunstancia esta última que se deberá facer constar na solicitude).

– Breve memoria de autoavaliación do labor investigador que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.B.

2. Para a comprobación do cumprimento dos demais requisitos exixidos na base terceira e non especificados nos dous puntos anteriores, a ACSUG solicitará ás universidades do SUG unha lista oficial na cal se certifique se os solicitantes están integrados no cadro de persoal docente e investigador da universidade que lle corresponda, nos termos exixidos nesa base.

3. As solicitudes dirixiranse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e poderán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia con domicilio https://sede.xunta.es e, de xeito presencial, en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administro común así como nos rexistros de calquera das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia.

Sexta. Prazo

O prazo para presentar instancias será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que lle resulte de aplicación ou non se xunten os documentos exixidos nestas bases, a ACSUG requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a carencia, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, dándoselle por desistido da súa petición no caso de non contestar o requirimento, despois da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992.

Oitava. Procedemento

1. O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, que serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, esgotan a vía administrativa, e poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que se proceda, se é o caso, por parte dos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Novena. Efectos económicos

Cando, de conformidade co disposto na base anterior, se proceda á asignación dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2014 e nas cantidades establecidas na Lei 11/2013, do 26 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (DOG do 31 de decembro).

Décima. Protección de datos de carácter persoal

Na presente convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Lamas de Abade, s/n. Edif. CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décimo primeira. Entrada en vigor

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file