Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2014 Páx. 18871

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Telecomunicaciones Cantábrico, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Telecomunicaciones Cantábrico, S.L, que se subscribiu con data do 28 de novembro de 2013 entre a representación empresarial e a representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Convenio colectivo da empresa Telecomunicaciones Cantábrico, S.L.

Artigo 1. Ámbito funcional, persoal e territorial

I. O presente convenio colectivo ten como ámbito de aplicación a empresa Telecomunicaciones Cantábrico, S.L. e regulará as relacións laborais entre os traballadores que presten servizos en todos os centros de traballo que teña a citada empresa e os seus traballadores, salvo o persoal que teña asinado contrato de alta dirección regulado polo Real decreto 1382/1985 ou a normativa que con relación a este tipo de contratacións se encontre vixente en cada momento.

II. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación do presente convenio:

A) Conselleiros, persoal directivo e persoal de alta dirección.

B) Profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servizos.

C) Artistas.

D) Colaboradores, independentemente de que manteñan a relación continuada coa empresa, e bolseiros en prácticas.

E) Os axentes comerciais ou publicitarios que traballen para a empresa, con liberdade de representar outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade.

F) O persoal pertencente a empresas que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servizos coa empresa a que se refire o presente convenio.

O presente convenio será aplicable aos centros de traballo que a empresa ten na Comunidade Autónoma de Galicia e a todos aqueles que se poidan crear.

Artigo 2. Ámbito normativo

Todas as materias que son obxecto de regulación no presente convenio colectivo forman parte e serán de aplicación a todos os contratos de traballo existentes na actualidade ou a aqueles que se poidan subscribir no futuro.

Artigo 3. Vixencia

A vixencia deste convenio colectivo será de catro anos, que se computarán desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2017. Non obstante, seguirá mantendo a súa vixencia ata que se subscriba o convenio colectivo que o substitúa.

Artigo 4. Denuncia

A denuncia do presente convenio formularase por escrito cunha anticipación mínima de dous meses á data do seu vencemento.

Artigo 5. Organización do traballo

A organización do traballo corresponde á dirección da empresa.

Artigo 6. Comisión paritaria

Constituirase unha comisión paritaria para a interpretación e aplicación do pactado neste convenio que está composta por tres membros designados por cada unha das partes asinantes deste convenio colectivo e que entenderá necesariamente, con carácter previo, do tratamento e solución de todas as cuestións de interpretación conflitos que poidan xurdir no ámbito de aplicación do presente convenio.

A comisión mixta intervirá ou resolverá calquera consulta que afecte a interpretación das normas establecidas neste convenio colectivo, e intervirá de xeito preceptivo e previo ás vías administrativa e xudicial na substanciación dos conflitos colectivos que poidan formular os traballadores á empresa. Designarase un secretario, que será unha persoa da comisión. Os acordos requirirán o voto favorable da metade máis un dos membros da comisión.

A comisión reunirase unha vez cada doce meses e sempre que sexa requirida para a resolución de cuestións que entren dentro das súas competencias. Neste caso a reunión celebrarase nun prazo dos 15 días seguintes ao requirimento.

A comisión terá as funcións que establece o artigo 85.3 do Estatuto dos traballadores, isto é, resolver as discrepancias que poidan xurdir en relación á modificación das condicións de traballo e en relación á inaplicación das condicións de traballo a que se refire o artigo 82 do ET, sempre que non se alcance un acordo no período de consultas.

Esta comisión poderá utilizar os servizos ocasionais ou permanentes de asesores en cantas materias sexan da súa competencia. Estes asesores serán designados libremente por cada unha das partes e terán voz pero non voto para a toma de decisións.

Artigo 7. Período de proba e aviso previo de cesamento

Os períodos de proba por grupos profesionais serán os seguintes:

Grupo I -6 meses.

Grupo II-6 meses.

Grupo III-3 meses.

Grupo IV-3 meses.

1. Durante o período de proba, o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ao seu grupo profesional e á ocupación que desempeñe, salvo os derivados da resolución laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes.

2. Transcorrido o período de proba sen que se produza a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, considerándose como data de inicio do desempeño efectivo da ocupación aquela en que deu comezo o período de proba. En situación de incapacidade temporal e maternidade, interromperase o período de proba.

3. Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servizo na empresa e estean contratados por medio de contrato de duración igual ou superior a 3 meses estarán obrigados a avisar á empresa como mínimo cos seguintes días de anticipación:

– Técnicos: 30 días.

– Empregados ou operarios: 15 días.

O incumprimento da obriga de avisar coa referida anticipación dará dereito á empresa a descontar da liquidación do traballador unha contía equivalente ao importe do seu salario diario por cada día de atraso no aviso.

Artigo 8. Contratación

A contratación de traballadores axustarase ás normas legais xerais sobre emprego, e a empresa comprométese a utilizar os diversos modos de contratación de acordo coa finalidade de cada un dos contratos.

Artigo 9. Contrato de obra ou servizo determinado

O contrato para a realización de obra ou servizo determinado é aquel cuxa execución está limitada no tempo, pero que nun principio é incerta.

O contrato para obra ou servizo determinado é consubstancial á actividade da empresa, aqueles que se realicen para afrontar calquera lanzamento ou proxecto que aínda sendo consubstancial á actividade da empresa tivese unha duración limitada no tempo pero incerta.

A duración deste contrato será a prevista para a obra e servizo determinado obxecto del e extinguirase ao rematar esta, producindo plenos efectos liberatorios a quitación asinada entre o traballador e a empresa para todos os efectos, con relación a contratacións anteriores.

Non obstante, o persoal contratado por obra ou servizo poderá prestar para a mesma empresa outros servizos similares de duración incerta, durante un período máximo de tres anos consecutivos, sen perder a devandita condición de contratado por obra ou servizo.

Artigo 10. Contrato eventual

En desenvolvemento do disposto no artigo 15.1.b) do ET, a empresa poderá acollerse a esta modalidade de contratación por un tempo máximo de doce meses dentro dun período de dezaoito.

Artigo 11. Contrato a tempo parcial

Regularase polo disposto no Real decreto 15/1998 ou polas normas que en cada momento estean vixentes e regulen esta modalidade contractual.

En desenvolvemento do artigo 12 do Estatuto dos traballadores, establécense os seguintes parámetros a esta modalidade de contratación:

I. Cando o contrato a tempo parcial leve consigo a execución dunha xornada diaria inferior á dos traballadores a tempo completo e esta se realiza de forma partida, poderá ser distribuída pola dirección da empresa, respectando os descansos legalmente establecidos e sen prexuízo da xornada máxima anual establecida neste convenio.

II. En calquera caso, o acceso regulado no parágrafo anterior deberá respectar as seguintes regras:

a) O dereito de preferencia para acceder a un posto de traballo recollido no artigo 12.4 do ET entenderase sen prexuízo da mobilidade funcional regulada no artigo 13 deste convenio.

b) O dereito dos traballadores a subscribiren as vacantes que se produzan no grupo profesional a que estean adscritos estará condicionado á cualificación profesional.

III. Respecto á distribución das horas complementarias, aplicarase a planificación da xornada anual de traballo determinada no artigo 16 do presente convenio colectivo, respectando, en calquera caso, o disposto para os descansos obrigatorios no Estatuto dos traballadores.

Artigo 12. Contratos formativos

I. Contrato de traballo en prácticas. Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

II. Contrato para a formación. Poderán concertarse contratos para a formación con traballadores maiores de 16 anos e menores de 25, sen limite de idade cando se trate de traballadores minusválidos ou en situación de exclusión social.

Con carácter transitorio permítese ata que a taxa de desemprego do noso país se sitúe por baixo do 15 % concertalo con traballadores menores de 30 anos.

O contrato para a formación axustarase ás seguintes regras:

Considerando que o obxecto deste tipo de contratación é que o traballador adquira a formación teórica e práctica necesaria para realizar adecuadamente un oficio ou un posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación, os contratados carecerán da titulación necesaria para realizaren un contrato en prácticas.

A duración mínima destes contratos será de seis meses, e o seu período máximo de duración será de tres anos.

A retribución deste tipo de contratos será unha porcentaxe do salario de convenio, en proporción ao tempo de traballo efectivo, concretamente o seguinte:

O primeiro ano de formación: 65 %.

O segundo ano de formación: 70 %.

O terceiro ano de formación: 80 %.

En todo caso respectarase, canto á retribución, o artigo 11 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 13. Mobilidade funcional

A mobilidade funcional é aquela que se produce dentro dun mesmo grupo profesional.

A empresa poderá destinar os traballadores a traballos de categoría superior, sen que en ningún momento poidan consolidar tal situación. A devandita situación non poderá prolongarse máis de seis meses nun ano ou oito meses no prazo de dous anos. Durante esta situación o traballador percibirá a retribución que corresponde ao grupo superior. Para o cómputo do tempo límite de realización de funcións de categoría superior, non poderá computarse o tempo de substitución por excedencia, vacacións, enfermidade ou baixa dun compañeiro de traballo. Os períodos en que o traballador realice traballos de categoría superior non xerarán dereito a ascenso, o cal se levará a efecto unicamente polas regras que a empresa ten fixadas para os ascensos.

Por necesidades da empresa poderanse destinar os traballadores a traballos de categoría inferior á que desenvolven habitualmente. O traballador conservará as retribucións do seu grupo profesional.

Artigo 14. Mobilidade xeográfica

I. Enténdense por desprazamentos o destino temporal dun traballador a un lugar distinto do seu centro habitual de traballo.

A empresa poderá desprazar os seus traballadores ata o límite máximo dun ano.

As empresas designarán libremente os traballadores que deban desprazarse cando o destino non exixa pasar a noite fóra de casa ou cando, existindo esta circunstancia, non teña duración superior a tres meses.

Nos supostos en que os desprazamentos exixan pasar a noite fóra do domicilio e teñan unha duración superior a tres meses, as empresas proporán o desprazamento aos traballadores que consideren idóneos para realizaren o traballo e, no suposto de que por este procedemento non cubrisen os postos necesarios, procederá á súa designación obrigatoria entre os que reúnan as condicións de idoneidade profesional para ocuparen as prazas.

As comunicacións dos desprazamentos realizaranse por escrito, salvo aqueles desprazamentos que sexan consecuencia dunha situación imprevista, como incapacidade temporal, indisposición ou ausencia non programada dun traballador doutro centro. Nese caso a comunicación será verbal, sen prexuízo da comunicación escrita posterior.

II. Cando existan razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción, a empresa poderá proceder ao traslado individual ou colectivo dos traballadores, seguindo para iso os procedementos previstos no artigo 40 do ET.

III. Cando o traslado a que se fai referencia neste artigo no seu número 1 se realice dentro da mesma provincia, aplicarase a lexislación vixente.

Cando se dean estas circunstancias, o traballador ou traballadores afectados non terán dereito a percibir ningún tipo de compensación por gastos nin indemnización por compensación do cambio no lugar da prestación do servizo.

Artigo 15. Formación

Sendo a formación un elemento básico para o desenvolvemento profesional e persoal dos recursos humanos, os traballadores están obrigados a realizar a formación que a empresa considere como indispensable.

No suposto de que o traballador teña que recibir a formación fóra do seu centro de traballo, a empresa asumirá os custos de desprazamento.

Artigo 16. Xornada

I. A xornada anual de traballo efectivo queda establecida en 1.824 horas distribuídas de forma irregular de luns a domingo. O cómputo da xornada realizarase de conformidade co establecido no artigo 34.5 do Estatuto dos traballadores, cos descansos legalmente establecidos. O calendario de traballo poderá ser modificado pola empresa cando concorran circunstancias extraordinarias.

II. A empresa poderá establecer, logo de acordo, se é o caso, cos representantes legais dos traballadores, de conformidade co artigo 33.3 do Estatuto dos traballadores, a superación do tope máximo de nove horas, respectando os descansos mínimos establecidos na lei.

III. Descanso. O descanso semanal poderá ser rotativo de luns a domingo, ambos incluídos, para todo o persoal. Preferiblemente, os descansos desfrutaranse en fin de semana, sempre que non prexudique a organización do traballo.

IV. Ao non permitir a natureza da actividade da empresa un horario ríxido de traballo, cada traballador terá asignado un horario básico, de conformidade co considerado no artigo anterior, que é aquel en que normalmente presta os seus servizos.

V. Os responsables de cada unha das seccións ou departamentos de que se compón a empresa, cumprindo as instrucións dadas pola dirección, distribuirán a sinalización de horarios, repartición de tarefas e control de asistencias. O horario básico poderá ser modificado pola empresa, respectando sempre o pactado no convenio canto á xornada máxima e descanso.

VI. Todos os traballadores da empresa estarán ao dispor dos departamentos correspondentes en todo momento para cubrir aquelas necesidades informativas de carácter extraordinario ou eventual e, en todo caso, respectando sempre os descansos mínimos entre xornadas previstos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 17. Vacacións

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afectado polo presente convenio será de trinta días naturais para todos os traballadores.

A empresa poderá fraccionar, mediante acordo das partes, o desfrute das vacacións do persoal.

O cómputo de vacacións efectuarase por ano natural e calcularase en proporción ao tempo de permanencia na empresa nos casos de novo ingreso.

O traballador percibirá durante o período en que desfrute o período de vacacións unha retribución consistente en salario base e complemento convenio.

Artigo 18. Festas aboables

Dada a especial característica da empresa, poderase traballar naquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, podendo compensarse o devandito traballo economicamente ou ser aumentado o período de vacacións de desfrute persoal a razón dun día e medio de descanso por cada festivo traballado, á escolla da empresa.

Artigo 19. Dispoñibilidade horaria

Co obxecto de prestar un mellor servizo e en razón da operatividade do centro ou centro de traballo, establécese unha bolsa de horas dispoñibles, co fin de cubrir a necesaria operativa da empresa e que afectará os traballadores designados pola empresa.

Tendo en conta a xornada máxima anual regulada para cada ano de vixencia do presente convenio, establécese unha bolsa de horas de 60 horas, que non pode exceder 20 horas mensuais.

Para tal efecto, os traballadores afectados percibirán un complemento denominado complemento de dispoñibilidade horaria.

Artigo 20. Horas extraordinarias

I. Serán consideradas horas extraordinarias as que excedan a xornada anual pactada no artigo 16 deste convenio.

II. As horas extraordinarias compensaranse preferentemente con descanso, no mes seguinte, sempre que isto non perturbe o normal proceso produtivo das empresas. A compensación por descanso ou a retribución de horas extraordinarias será a que estea establecida na empresa ou a que poida pactarse no seo desta.

III. Sen prexuízo da xornada anual pactada, non terán a consideración de horas extraordinarias para os efectos de cómputo do artigo 35 do Estatuto dos traballadores as que sexan necesarias para reparar avarías ou calquera outra causa puntual non imputable á organización da produción, que serán consideradas para todos os efectos horas extraordinarias de obrigado cumprimento.

Artigo 21. Licenzas retribuídas

I. O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a percibir salario base e complemento de compensación, polos motivos establecidos no Estatuto dos traballadores.

Se non for posible a xustificación con anticipación ao desfrute, a xustificación entregarase á empresa posteriormente.

ll. Para estes efectos, entenderase que existe desprazamento cando o traballador teña que se trasladar a outra provincia distinta da do seu centro de traballo ou domicilio, e sempre que polo menos teña que desprazarse 100 km.

Artigo 22. Clasificación profesional

Os traballadores que presten os seus servizos nas empresas incluídas no ámbito do presente convenio serán clasificados en atención á ocupación, en relación coas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

A clasificación realizarase en grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan os traballadores.

Poderán establecerse, dentro dos novos grupos profesionais, divisións en áreas funcionais.

Por acordo entre o traballador e o empresario establecerase o contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo, así como a súa pertenza a un dos grupos profesionais previstos neste convenio.

Factores de encadramento:

1. O encadramento dos traballadores incluídos nos ámbitos de aplicación do presente convenio dentro da estrutura profesional pactada e, por conseguinte, a asignación a cada un deles dun determinado grupo profesional será o resultado da conxunta ponderación obxectiva dos seguintes factores: coñecementos e experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

2. Na valoración dos factores anteriormente mencionados teranse en conta:

a) Coñecementos e experiencia: factor para cuxa valoración se terá en conta, ademais da formación básica necesaria para cumprir correctamente os labores, a experiencia adquirida e a dificultade para a adquisición dos devanditos coñecementos e experiencia.

b) Iniciativa: factor para cuxa valoración se terá en conta o grao de seguimento de normas ou directrices para a execución de tarefas ou funcións.

c) Autonomía: factor para cuxa valoración se terá en conta o grao de dependencia xerárquica no desempeño das tarefas ou funcións que se desenvolvan.

d) Responsabilidade: factor para cuxa valoración se terá en conta o nivel de influencia sobre os resultados e a relevancia da xestión sobre os recursos humanos, técnicos e produtivos.

e) Mando: factor para cuxa valoración se terá en conta o grao de supervisión e ordenación das funcións e tarefas, a capacidade de interrelación, as características do colectivo e o número de persoas sobre as cales se exerce o mando.

f) Complexidade: factor para cuxa valoración se terá en conta o número e o grao de integración dos diversos factores antes mencionados.

3. Os grupos profesionais teñen un carácter meramente enunciativo, sen que as empresas estean obrigadas a considerar na súa estrutura organizativa todos e cada un deles, podendo, se for o caso, establecerse as correspondentes asimilacións.

Grupo profesional I.

1) Criterios xerais: o persoal pertencente a este grupo planifica, organiza, dirixe e coordina as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa. Realiza funcións que comprenden a elaboración da política de organización, as formulacións xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización conforme o programa establecido ou a política adoptada; o establecemento e mantemento de estruturas produtivas e de apoio e o desenvolvemento da política industrial, financeira e comercial. Toma decisións ou participa na súa elaboración. Desempeña altos postos de dirección e execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos etc., en que que se estrutura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha.

2) Formación: titulación de grao superior ou experiencia profesional equivalente e acreditada.

3) Enunciativo: director técnico, director comercial, director financeiro, xefe de produción, xefe de informática, encargado xeral.

Grupo profesional II.

1) Criterios xerais: funcións que supoñen tarefas técnicas homoxéneas e heteroxéneas que poden ou non implicar responsabilidade de mando relacionado con obxectivos con adecuado grao de exixencia en autonomía e contido intelectual. Funcións que supoñen a integración, coordinación e, se for o caso, supervisión de actividades realizadas por colaboradores nunha mesma unidade funcional.

2) Formación: titulación universitaria de grao medio ou superior ou experiencia profesional equivalente e acreditada.

3) Enunciativo: enxeñeiros, licenciados, contables, xefe de persoal, xefe de departamento técnico, xefe de grupo de comerciais, xefe de tendas.

Grupo profesional III.

1) Criterios xerais: tarefas e traballos consistentes na execución de operacións que requiran adecuados coñecementos profesionais, aptitudes prácticas e iniciativa axeitada cuxa responsabilidade está limitada por supervisión, e que poden ser axudados por outro ou outros traballadores.

2) Formacións: titulación formación profesional de grao superior, complementada cunha formación específica do grupo profesional que se vai desempeñar ou tamén experiencia profesional equivalente e acreditada.

3) Enunciativo: oficiais, montadores, administrativos, técnicos instaladores, comerciais, dependentes.

Grupo profesional IV.

1) Criterios xerais: tarefas que se executen segundo instrucións concretas con alto grao de dependencia que requiran esforzo físico ou atención. Así mesmo, formarán parte deste grupo as tarefas consistentes en operacións realizadas seguindo un método de traballo preciso, con alto grao de supervisión, que normalmente exixen coñecementos profesionais de carácter elemental e dun período breve de adaptación.

2) Formación: titulación formación profesional de grao medio/educación secundaria e/ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión.

3) Enunciativos: auxiliares, peóns, axudantes.

Traballos de categoría superior. A empresa poderá destinar os traballadores a traballos de categoría superior, reintegrándoos ao seu antigo posto de traballo cando cese a causa que motivou o cambio. O traballador destinado a un posto de categoría superior terá dereito a percibir as retribucións do devandito posto de superior categoría desde o primeiro día de desempeño efectivo ata que cese neste. Os períodos en que o traballador realice traballos de categoría superior non xerarán dereito a ascenso, o cal se levará a efecto unicamente polas regras que a empresa ten fixada para os ascensos.

Traballos de categoría inferior. Por necesidades da empresa poderanse destinar os traballadores a traballos de categoría inferior á que desenvolven habitualmente. O traballador conservará as retribucións da súa categoría habitual.

Artigo 23. Réxime retributivo

Quedarán sen efecto e sen aplicación todos os conceptos retributivos vixentes ata este momento, que serán substituídos polos que establece este convenio.

I) 1º. Salario base. Quedan establecidas as táboas de salarios mínimos anuais garantidos por grupos profesionais nas seguintes cantidades anuais que se percibirán en doce pagas máis dúas pagas extraordinarias:

Euros

Grupo I

14.000

Grupo II

12.600

Grupo III

9.800

Grupo IV

9.380

2º. Complemento de convenio: os traballadores percibirán un complemento de convenio co importe que se fixa na táboa salarial. No caso de traballadores a tempo parcial percibirán o complemento en proporción á xornada realizada.

3º. Complemento de dispoñibilidade: os traballadores que, ademais do labor asignado, sexan designados pola empresa para estaren en situación de dispoñibilidade para cubrir aquelas necesidades de carácter excepcional e eventual que se produzan, percibirán un complemento de dispoñibilidade cuxa contía se fixará coa empresa. Da percepción deste complemento non se deducirá a prolongación da xornada. Este complemento non será consolidable, e tanto o traballador como a empresa poderán, logo de comunicación, deixar sen efecto o compromiso de dispoñibilidade e conseguintemente o aboamento do complemento.

4º. Complemento de compensación: este complemento, que non será consolidable pero si absorbible, aboarase a aqueles traballadores cuxas percepcións no momento da sinatura do convenio sexan superiores ás que se establecen neste convenio para o seu posto de traballo, co obxecto de garantir a contía das percepcións que recibe neste momento. A súa contía será a que sexa precisa en cada momento para garantir a mesma retribución que percibe no momento da sinatura do convenio por todos os conceptos. Este complemento será absorbido cos incrementos establecidos no convenio e figurará no recibo de salarios como «complemento compensable absorbible».

II) Gratificacións extraordinarias: os traballadores percibirán dúas pagas extraordinarias que se percibirán por períodos semestrais nos días 30 de xuño e 31 de decembro. O importe de cada unha delas será a que corresponda a salario base. A empresa poderá acordar o seu aboamento rateándoas mensualmente.

Artigo 24. Quilometraxe

Os traballadores que utilicen os seus vehículos para desprazamentos que realicen por orde da empresa recibirán unha indemnización de 0,19 euros por cada quilómetro.

Artigo 25. Xubilación

Establécese a xubilación obrigatoria dos traballadores que alcancen a idade mínima legal para accederen á xubilación, sempre que reúnan os requisitos legais mínimos para accederen a unha prestación de xubilación.

Artigo 26. Réxime disciplinario

I. Os traballadores poderán ser sancionados pola Dirección da empresa de acordo coa regulación de faltas e sancións que se especifican nos puntos seguintes:

II. Toda falta cometida por un traballador se clasificará atendendo á súa índole e ás circunstancias que concorran en leves, graves e moi graves.

III. A enumeración das faltas que a seguir se sinalan faise sen unha pretensión exhaustiva, polo que poderá ser sancionada polas direccións das empresas calquera infracción da normativa laboral vixente ou incumprimento contractual, mesmo no caso de non estar tipificada no presente convenio.

A) Faltas leves.

1. As de descoido, erro ou demora inexplicable na execución de calquera traballo.

2. A suma de faltas de puntualidade na asistencia ao traballo cando exceda 20 minutos durante o período dun mes, sempre que destes atrasos non deriven pola función especial do traballo graves prexuízos para o traballo que a empresa lle teña encomendado, caso este en que se cualificará de moi grave.

3. Non cursar en tempo oportuno o parte de baixa correspondente cando se falte ao traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado, así como a falta de presentación dos partes de confirmación en prazo.

4. O abandono sen causa xustificada do traballo, aínda que sexa por breve tempo.

5. Pequenos descoidos na conservación do material e da uniformidade.

6. Non comunicar á empresa os cambios de domicilio.

7. Uso dos teléfonos fixos ou móbiles para fins particulares no lugar de traballo.

B) Faltas graves.

1. A suma de faltas de puntualidade na asistencia ao traballo non xustificadas, cando exceda 30 minutos no período dun mes.

2. Faltar un día ao traballo durante o período dun mes sen causa xustificada, cando desta falta deriven prexuízos para a empresa ou o público, considerarase como falta moi grave.

3. Entregarse a xogos ou distraccións de calquera tipo, durante o tempo de traballo.

4. A reiteración no descoido, erro ou demora inexplicable na execución de calquera traballo.

5. A desobediencia aos superiores no exercicio das funcións ou tarefas. Se a desobediencia é reiterada, implica quebranto manifesto para o traballo ou dela deriva prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

6. Descoido importante na conservación dos xéneros ou artigos da empresa, mesmo a uniformidade.

7. Non atender o público coa corrección e dilixencias debidas ou faltándolle ao respecto ou consideración.

8. As discusións ou altercados cos compañeiros de traballo dentro das dependencias da empresa.

9. O uso do material propia da empresa para fins particulares sen a debida autorización. Cando o prexuízo para a empresa sexa grave e afecte o normal desenvolvemento do traballo, poderá considerarse como falta moi grave.

10. A falta de aseo e limpeza de tal índole que poida afectar o normal desenvolvemento do traballo e a imaxe da empresa, ou que produza queixa dos clientes ou dos compañeiros de traballo. A reincidencia considerarase como falta moi grave.

11. Acordar modificacións de horario con outros compañeiros sen a previa conformidade da dirección.

12. A reincidencia en tres faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, cometidas dentro dun período de seis meses desde a primeira.

13. O acoso sexual a un compañeiro ou compañeira de traballo.

14. A embriaguez non habitual no traballo.

15. O incumprimento das medidas e procedementos de seguranza.

C) Faltas moi graves.

1. Fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como no trato cos compañeiros de traballo ou calquera outra persoa ao servizo da empresa en relación de traballo con esta.

2. Facer negociacións de comercio ou industria por conta propia ou doutra persoa sen expresa autorización da empresa, cando se trate de actividade concorrente.

3. Facer desaparecer, inutilizar ou causar danos en materiais, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, obxectos e documentos da empresa, así como empregalos para uso propio ou levalos fóra das dependencias da empresa sen a debida autorización.

4. O roubo, furto ou malversación cometidos tanto á empresa coma aos compañeiros de traballo ou a calquera persoa dentro ou fóra da empresa, sexa cal for o importe.

5. A embriaguez ou drogadicción habitual cando redunde negativamente no rendemento no traballo.

6. Violar o segredo da correspondencia ou documentos reservados á empresa.

7. Revelar a terceiros alleos á empresa algún dato da empresa ou dos seus clientes e revelalos a traballadores da propia empresa que non precisen dispor destes.

8. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración aos directivos e mandos da empresa ou aos seus familiares, así como aos compañeiros e subordinados.

9. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor, incumprindo os obxectivos legalmente sinalados.

10. Orixinar liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

11. Fumar durante o desempeño do traballo cando estiver expresamente prohibido pola empresa.

12. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada laboral.

13. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun período de seis meses desde a primeira.

14. O acoso sexual reiterado ou cando o sexa cara a persoal subordinado.

15. O reiterado incumprimento das medidas e procedementos de seguranza ordenados.

16. A renuncia de responsabilidade por parte dos xefes e responsables.

17. A simulación de enfermidade ou accidente.

Artigo 27. Réxime de sancións

Corresponde á Dirección da empresa a facultade de impor as sancións nos termos contidos no presente convenio. As sancións máximas que poderán impoñerse, en cada caso, atendendo á gravidade das faltas cometidas serán as seguintes:

– Por faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo de ata tres días.

– Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de catro a quince días.

– Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días.

Extinción do contrato con perda de todos os seus dereitos na empresa.

Para a imposición das sancións seguiranse os trámites previstos na lexislación xeral.

28. Igualdade.

A empresa garantirá a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, así como a non discriminación por motivos de sexo, nacionalidade, idade, ou calquera outra condición.

A comisión paritaria terá facultades para analizar as cuestións que se sometan á súa consideración en relación a cuestións de igualdade e discriminación.

Serán obxectivos prioritarios os seguintes:

1º. Que homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades canto ao acceso á formación, acceso e mantemento do emprego e promoción profesional.

2º. Que mulleres e homes reciban a mesma retribución por traballos de igual contido.

3º. As relacións laborais, a organización do traballo e as condicións de traballo orientaranse de forma axeitada para home e mulleres.

Disposición adicional primeira. Revisión salarial

Para o ano 2015 páctase un incremento salarial que afectará o salario base dun 0,5 % e que estará condicionado a que a empresa feche o exercicio 2014 cun beneficio que supere o 1 % da facturación anual. Para os anos 2016 e 2017 páctase un incremento salarial que afectará unicamente o salario base, que será o IPC real o 31 de decembro do ano anterior, cun límite máximo, en todo caso, do 0,5 % cada ano, polo que, se for superior o IPC, só se incrementarán os salarios nun 0,5 %.

Categorías

Salario base

Complemento convenio

Total mes

Extra verán

Extra nadal

Total ano

– Grupo I

Director

1.000

90

1.090

1.000

1.000

15.080

Encargado xeral

1.000

90

1.090

1.000

1.000

15.080

– Grupo II

Xefe persoal

900

90

990

900

900

13.680

Xefe depar. técnico

900

90

990

900

900

13.680

Xefe grupo comerciais

900

90

990

900

900

13.680

Xefe tendas

900

90

990

900

900

13.680

Contable

900

90

990

900

900

13.680

– Grupo III

Administrativo

700

90

790

700

700

10.880

Técnico instalador

700

90

790

700

700

10.880

Comerciais

700

90

790

700

700

10.880

Dependentes

700

90

790

700

700

10.880

– Grupo IV

Aux. administrativo

670

90

760

670

670

10.460

Axudante

670

90

760

670

670

10.460

– Complemento festivo

(artigo 18)

6 €/día