Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2014 Páx. 19935

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 49/2014, do 16 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da AC-444 entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+570 a prol do Concello de Negreira.

A teor do previsto no artigo 9.5 da Lei 8/2013, do 8 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das travesías urbanas ou de tramos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, cando adquiran a consideración de vías urbanas, se realicen a favor do concello polo que discorran e exista acordo entre este e a Administración titular da estrada, poderán ser aprobados pola consellería competente en materia de estradas. No resto dos casos, deberán ser aprobados, de forma motivada, por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da citada consellería.

O Concello de Negreira solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade da avenida das Brañas (AC-444).

A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe favorable sobre o cambio de titularidade do treito da AC-444 entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+570 (límite co Concello de Negreira).

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 8/2013, do 8 de xuño, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Negreira do treito da estrada AC-444 entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+570.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 8 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Negreira deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Negreira, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas