Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2014 Páx. 20305

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 marzo de 2014 pola que se renova o recoñecemento aos contrastes de garantía da Imprensa Nacional-Casa da Moeda, S.A.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 14 de agosto de 2006, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de abril de 2006 pola que se recoñecen os contrastes de garantía da Imprensa Nacional-Casa da Moeda, S.A., na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta resolución establecía un período de validez do recoñecemento de tres anos desde a súa notificación.

Segundo. Con data do 20 de febreiro de 2014 e nº de rexistro de entrada 132196 no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, María Luisa Pacheco, en nome e representación da empresa Imprensa Nacional-Casa da Moeda, S.A., con enderezo na avda. António José de Almeida 1000-042 Lisboa, na súa calidade de administradora, solicita a renovación do recoñecemento das marcas de contrastación oficiais portuguesas e das súas condicións de análise e de marcación independente das súas contrastarías de Lisboa e do Porto nos mesmos termos que foi concedida pola Resolución do 17 de abril de 2006.

Terceiro. Na solicitude de renovación do recoñecemento indícase que se manteñen as condicións que deron orixe á anterior declaración de recoñecemento, en particular, que non houbo variación na lexislación que regula os metais preciosos e a súa marcación en Portugal, e que se mantén o persoal técnico e as acreditacións dos laboratorios.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é competente para resolver, de acordo co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, que acorda o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 13.2 da Lei 17/1985, do 1 de xullo, pola que se regula a fabricación, o tráfico e a comercialización de metais preciosos, redactado pola disposición adicional trixésimo quinta da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, establece os requisitos exixibles para a comercialización en territorio español de obxectos fabricados con metais preciosos procedentes doutros Estados membros da Unión Europea.

De conformidade co referido precepto, o contraste de identificación de orixe deberá ter sido rexistrado polo órgano correspondente do Estado membro de procedencia, o que se acreditará ante o órgano competente dunha comunidade autónoma con carácter previo á comercialización por primeira vez en territorio español dos obxectos que posuíran o correspondente contraste de identificación de orixe.

Pola súa banda, o contraste de garantía, que ofrecerá unha información equivalente á exixida pola Lei 17/1985 a tales contrastes, deberá ter sido realizado por un organismo independente ou, de ser o caso, por un laboratorio suxeito ao control da Administración pública ou dun organismo independente dun Estado membro; será necesario que estes organismos independentes ou laboratorios sexan recoñecidos polo órgano competente dunha comunidade autónoma con carácter previo á comercialización por primeira vez en territorio español dos obxectos que posuíran o correspondente contraste de garantía efectuado por un de tales organismos independentes ou laboratorios.

Vistos os referidos preceptos, así como o regulamento da antedita lei, aprobado polo Real decreto 197/1988, do 22 de febreiro, e demais normativa de aplicación, o conselleiro de Economía e Industria, no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Renovar o recoñecemento ás contrastarías de Lisboa e do Porto do Departamento de Contrastarías da Imprensa Nacional-Casa da Moeda, S.A. (INCM, S.A), como laboratorios sometidos ao control da Administración pública portuguesa, para efectos da comercialización en territorio español de obxectos fabricados con metais preciosos procedentes do referido Estado membro da Unión Europea, conforme o previsto no artigo 13.2 da Lei 17/1985, do 1 de xullo, para as marcas de garantía de toque que a continuación se describen, xunto coa súa equivalencia cos contrastes de garantía a que se refire o regulamento aprobado polo Real decreto 197/1988, do 22 de febreiro (anexo II).

Este recoñecemento baséase no contido informativo das marcas de garantía de toque correspondentes ao ouro e á prata referidos e equivalentes ás marcas dos punzóns de garantía establecidos na Lei 17/1988.

O contido e alcance desta resolución están suxeitos ás condicións seguintes:

Primeiro. Este recoñecemento será válido en canto non se alteren as condicións en que esta declaración se concedeu. Os laboratorios oficiais de contrastación de metais preciosos de Lisboa e do Porto deberán comunicar calquera alteración das condicións referidas. Esta nova situación poderá dar orixe a unha nova declaración.

Segundo. Este recoñecemento é válido por un período de 3 anos a partir da data da notificación desta resolución, e poderá ser renovado por períodos da mesma duración logo da presentación da solicitude de renovación e mentres non sexa de aplicación un acordo entre os dous Estados sobre condicións de recoñecemento mutuo de contrastes de obxectos fabricados con metais preciosos.

Terceiro. Este recoñecemento concédese no marco do recoñecemento mutuo; polo tanto, terá validez mentres sexan recoñecidos os contrastes do laboratorio oficial de Galicia.

Cuarto. Os obxectos fabricados con metais preciosos a que se refire a presente resolución quedarán sometidos a todas as restricións xerais contidas no anexo I e aos contrastes de garantía contidos no anexo II da Resolución do 17 de abril de 2006.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido no artigo 116.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ao amparo do disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen procedente.

Da presente resolución, e para os efectos procedentes, notifícase á Imprensa Nacional-Casa da Moeda, S.A., sita na avda. António José de Almeida 1000-042 Lisboa, e ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, sito no Paseo de la Castellana, nº 160, Madrid.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2014

P.D. (Orde do 26.7.2013, DOG nº 154)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria