Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 6 de maio de 2014 Páx. 20391

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de abril de 2014 pola que se habilita e autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT) para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, cara á obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

O Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, ten por obxecto establecer a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, así como os requisitos para a súa obtención.

O artigo 6.1 do devandito decreto establece que obterán a certificación galega de competencias dixitais en ofimática as persoas que acrediten as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia, mediante a superación dunha proba convocada para esa finalidade pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O Plan formativo ofimático de Galicia é a denominación que se aplica a un conxunto de cinco unidades formativas cun contido adaptado ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais que busca promover a avaliación e a acreditación das competencias profesionais en ofimática, de forma que se favoreza o desenvolvemento laboral e social das persoas e que se satisfagan as necesidades do sistema produtivo.

Por medio do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, apróbanse os estatutos da Amtega.

Entre as competencias da Amtega, recollidas no artigo 6 dos devanditos estatutos, encóntranse o deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, así como a planificación e coordinación, coa colaboración dos departamentos e institucións con competencias en programas de formación, de programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías, particularmente daqueles colectivos en risco de exclusión social.

Así mesmo, o artigo 21 deste decreto establece entre as súas funcións a planificación, xestión e coordinación da Rede de centros para a modernización tecnolóxica (Rede CeMIT) e a súa programación.

A Rede CeMIT iniciou a súa actividade en marzo de 2011 co obxectivo de integrar e fomentar o uso das TIC na sociedade galega, tendo a formación dixital á cidadanía como un dos seus servizos principais.

A localización estratéxica das aulas que forman parte desta rede, presente nas 53 bisbarras de Galicia, favorece a accesibilidade de calquera das persoas usuarias e permite garantir unha correcta articulación territorial e social para o fomento dos seus fins.

En consecuencia, debe determinarse o procedemento que habilite a Rede CeMIT para a formación e avaliación, da cidadanía en xeral, sobre as capacidades e coñecementos nas materias que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia co fin de obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Por medio desta orde, e en desenvolvemento da liña estratéxica L3: cidadanía dixital, nos seus puntos L3-P3: programa de acreditación de competencias dixitais e L3-P5: a nova Rede CeMIT, da Axenda Dixital 2014.gal, garántese o acceso da cidadanía á formación necesaria para a adquisición daqueles coñecementos, destrezas e capacidades necesarias para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en informática.

Á vista do exposto, e en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto habilitar e autorizar a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT) para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, cara á obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (en diante Codix ofimática).

Artigo 2. Implantación e autorización

1. A Rede CeMIT incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades, nas cales se estrutura o módulo formativo MF0233_2. Ofimática (190 horas) do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, asociado á unidade de competencia UC0233_2: manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, en diante itinerario formativo en ofimática:

a) Sistema operativo, procura de información: internet/intranet e correo electrónico (30 h).

b) Aplicacións informáticas de tratamento de textos (30 h).

c) Aplicacións informáticas de follas de cálculo (50 h).

d) Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (50 h).

e) Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información (30 h).

2. Estas actividades formativas serán autorizadas pola Amtega, que terá en conta os seguintes criterios:

a) Adecuación da programación didáctica proposta á finalidade do módulo MF0233_2. Ofimática do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade.

b) Adecuación aos obxectivos, ao programa e aos contidos curriculares establecidos no Plan formativo ofimático de Galicia.

Artigo 3. Modalidades formativas

As unidades formativas que forman parte do módulo MF0233_2. Ofimática poderán ser cursadas nas seguintes modalidades:

a) A modalidade presencial realizarase a través da Rede CeMIT.

b) A modalidade de teleformación poderase seguir polos medios telemáticos en liña no portal de formación da Rede CeMIT, a través de quendas titorizadas e nas datas que se determinen.

c) A modalidade de autoformación utilizando recursos externos á Rede CeMIT.

Artigo 4. Requisitos de acceso á formación

Poderán acceder á formación titorizada descrita nas alíneas a) e b) do artigo 3, todas aquelas persoas interesadas maiores de 16 anos, inscritas como persoal usuario da Rede CeMIT.

A modalidade de autoformación será realizada independentemente polas persoas interesadas mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.

Artigo 5. Certificación das unidades formativas realizadas a través da Rede CeMIT

A superación de cada unha das cinco unidades que compoñen o itinerario formativo en ofimática, levado a cabo a través da Rede CeMIT, nas súas modalidades de formación presencial ou teleformación, certificarase, de ser o caso, tras a realización dunha proba para cada unha delas.

Todas aquelas persoas que superen as devanditas probas obterán unha certificación expedida pola Amtega que acreditará que a persoa titular adquiriu as competencias funcionais da unidade correspondente.

Artigo 6. Requisitos de acceso á acreditación: proba de avaliación presencial

1. Tanto as persoas que completen o itinerario formativo en ofimática a través da modalidade presencial na Rede CeMIT como as procedentes das modalidades de teleformación e autoformación poderán voluntariamente optar á proba de avaliación final convocada pola Amtega, a través da Rede CeMIT, para acreditar as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática co fin de obter ou actualizar o Codix ofimática, tal e como se recolle no artigo 6.1 do Decreto 218/2011, do 17 de novembro.

2. A proba de avaliación final terá carácter presencial para garantir a calidade e a transparencia do proceso de acreditación.

3. Estas probas terán as características que a Amtega estableza nas convocatorias correspondentes, onde se sinalarán os mecanismos necesarios para o seu desenvolvemento.

Artigo 7. Tratamento de datos persoais

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a mencionada lei, os datos facilitados polo alumnado serán incorporados ao ficheiro Usuarios/as Rede CeMIT cuxo responsable é a Amtega, rexistrado na Axencia Española de Protección de Datos coa finalidade de xestionar o persoal usuario desta rede, así como a de coordinar e xestionar as diferentes actividades que se programan dentro da Rede CeMIT.

Disposición adicional. Entidades colaboradoras da Rede CeMIT

A Amtega poderá asinar aqueles convenios coas entidades recoñecidas como colaboradoras da Rede CeMIT que faciliten a impartición das actividades formativas de preparación para a obtención da certificación Codix ofimática.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase a dirección da Amtega para ditar as resolucións e instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza