Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2014 Páx. 20942

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de abril de 2014 pola que se regula o exercicio de dereito ao voto das persoas traballadoras por conta allea nas eleccións ao Parlamento Europeo convocadas para o día 25 de maio de 2014 polo Real decreto 213/2014, do 31 de marzo.

Convocadas eleccións ao Parlamento Europeo para o 25 de maio de 2014, mediante o Real decreto 213/2014, do 31 de marzo (Boletín Oficial del Estado núm. 79, do 1 de abril), e ao abeiro do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, cómpre regular as diversas situacións que se poidan presentar para o exercicio do dereito ao voto daquelas persoas traballadoras que non gocen do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñan dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

Para este fin, e logo do acordo co delegado do Goberno de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as normas que lles serán de aplicación, o día das eleccións do 25 de maio de 2014, ás persoas traballadoras por conta allea que teñan a condición de electoras e non gocen, durante ese día, do descanso semanal previsto no artigo 37.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e a aquelas persoas en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores e interventoras ou apoderados e apoderadas.

Artigo 2. Permisos

Para que as persoas traballadoras por conta allea poidan participar nas eleccións ao Parlamento Europeo que se levarán a cabo o 25 de maio de 2014, no suposto de que non gocen en tal data de descanso semanal, terán un permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:

a) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais, ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de catro horas.

2. En todos os supostos anteriores, cando por tratarse de persoas traballadoras contratadas a tempo parcial que realicen unha xornada inferior á habitual na actividade, a duración do permiso antes sinalado reducirase en proporción á relación entre a xornada de traballo que desenvolven e a xornada habitual das persoas traballadoras contratadas a tempo completo na mesma empresa.

3. Correspóndelle ao empresario ou empresaria a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que as persoas traballadoras disporán de permiso para acudiren votar.

Artigo 3. Permiso para o voto por correo

No suposto de persoas traballadoras por conta allea que na data da votación non se atopen na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira ca o establecido no artigo anterior, para poderen formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.

Artigo 4. Membros das mesas electorais

1. As persoas traballadoras por conta allea nomeadas presidente ou presidenta ou vogal das mesas electorais e as que acrediten a súa condición de interventoras disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1 e 78.4 da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral.

2. Se algunha das persoas traballadoras a que se refire o parágrafo anterior ten que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5. Apoderados e apoderadas

As persoas traballadoras por conta allea que acrediten a súa condición de apoderadas, de acordo co previsto no artigo 76.4 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6. Xustificación

Os empresarios e empresarias poderán solicitar das persoas traballadoras que exerzan os dereitos regulados na presente orde a certificación de voto ou, de ser o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar