Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 15 de maio de 2014 Páx. 21853

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de abril de 2014 pola que se regula o procedemento para a designación das persoas representantes de organizacións sindicais nos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional de Galicia, que modifica a Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula a organización e o funcionamento do Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación, que responda ás demandas sociais e económicas, e estableza os requisitos dos centros de formación profesional e, en concreto, dos centros integrados de formación profesional.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, determina a existencia dun consello social, que se define como o órgano de participación da sociedade nos centros integrados de formación profesional.

Nesta liña, o Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece a composición dos consellos sociais dos centros integrados en Galicia. A disposición adicional segunda habilita as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo para desenvolver o citado decreto nos seus respectivos ámbitos de competencia.

A Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula a organización e o funcionamento do Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia, establece o marco normativo que permite facer efectiva a participación dos sectores sociais nos centros integrados para dar unha mellor resposta ás demandas sociais e dos sectores produtivos. No artigo 4 da dita orde establécese a composición dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional na nosa comunidade autónoma, e en concreto, a designación de dous membros polas organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, a sentenza 00407/2013 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 15 de maio de 2013, fai referencia á función da Administración de arbitrar un mecanismo para que poida facerse posible a participación institucional dos tres sindicatos que teñen a condición de máis representativos no ámbito autonómico.

Tendo en conta que a mencionada Orde do 22 de xaneiro de 2009 non concreta o procedemento que se vai seguir para a designación dos representantes sindicais nos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesario proceder á súa regulación toda vez que, determinando a norma o número máximo de representantes deste sector, este pode non ser coincidente co número de organizacións sindicais que teñan recoñecida a cualificación de máis representativas no ámbito autonómico, polo que se debe ter en conta tal circunstancia de xeito que se respecten os dereitos que teñen recoñecidos pola Lei orgánica de liberdade sindical.

En virtude do exposto, e en uso das competencias que lles están conferidas, e de acordo co artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a conselleira de Traballo e Benestar,

DISPOÑEN:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a determinación do procedemento para a designación das persoas representantes das organizacións sindicais máis representativas nos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Certificación da condición de maior representatividade

Para proceder á determinación da composición dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería competente solicitará ao órgano competente en materia de relacións laborais a expedición da certificación sobre as organizacións sindicais que teñen a condición de máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Designación das persoas representantes sindicais

Atendendo á propia definición do consello social como órgano de participación que impulsa a colaboración entre a sociedade galega e estes centros, mediante a determinación das necesidades do seu contorno, coa finalidade de contribuír eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, na designación das persoas representantes das organizacións sindicais procurarase:

1. Que non sexan membros da comunidade educativa do centro e, en todo caso, que non sexan membros do claustro de profesorado do centro integrado de formación profesional.

2. Que se atenda ao principio de presenza equilibrada en aplicación da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 4. Determinación de quendas

Co fin de garantir a representatividade en cada un dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, a fórmula para determinar a designación das persoas representantes sindicais nestes órganos terá en conta os seguintes puntos:

1. Repartirase o tempo do mandato legalmente establecido, catro anos, en dous períodos iguais, de dous anos de duración cada un. Para cada un dos períodos designaranse en cada consello social dúas persoas representantes das organizacións sindicais, entre os sindicatos que teñan, no momento da constitución do órgano, o carácter de máis representativos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Establecerase un sistema rotatorio de quendas, articulado de tal xeito que garanta a presenza, durante cada mandato, da totalidade dos sindicatos máis representativos en cada un dos consellos sociais, asegurando unha representación homoxénea de todas as organizacións sindicais máis representativas na nosa comunidade na totalidade dos consellos sociais, alternando a súa presenza.

3. Procederase ao nomeamento da totalidade das persoas representantes das organizacións sindicais en todos os consellos sociais. Designaranse as dúas persoas representantes sindicais de cada consello social para o período de dous anos que corresponda, comezando polo consello social do primeiro centro integrado, ordenados os centros educativos por orde de código do centro, e as organizacións sindicais por orde alfabética da súa denominación. Pasados os dous primeiros anos de designación procederase á renovación dunha das persoas representantes sindicais, aplicando o mesmo criterio establecido.

4. No caso de producirse variación no número de centros integrados de formación profesional ou no número de organizacións sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, procederase a unha nova designación que recolla as novas circunstancias, seguindo o procedemento regulado nesta orde.

Disposición transitoria

No prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor desta orde procederase ao nomeamento de todas as persoas representantes sindicais dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional. Para estes efectos, as organizacións sindicais terán un prazo de quince días para comunicarlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as persoas designadas.

No primeiro trimestre do curso 2016-2017 realizarase a renovación dunha das persoas representantes sindicais en cada un dos consellos sociais, e a partir dese momento, sempre que corresponda, segundo o artigo 8 da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula a organización e o funcionamento do Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da consellería competente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar