Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2014 Páx. 22050

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 54/2014, do 24 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de instalación de estación depuradora de augas residuais en Buchabade (concello de Ponte Caldelas).

O Concello de Ponte Caldelas, en sesión que tivo lugar o día seis de febreiro de dous mil catro, aprobou o proxecto de obras de instalación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Buchabade (concello de Ponte Caldelas) e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o Concello e o informe do técnico municipal, actualmente o sistema de saneamento realízase mediante fosas sépticas, pozos negros e verteduras ilegais, e que estas últimas orixinan un grave problema de saúde pública e afección ambiental, polo que urxe a necesaria instalación da EDAR para solucionar este problema.

No núcleo rural de Buchabade están instalados os colectores para saneamento de fecais, actualmente sen uso pois para o seu correcto funcionamento é necesaria a colocación e posta en marcha da EDAR, e para isto é necesario ocupar unha leira particular e tramitar o correspondente expediente de expropiación.

A urxencia para acometer canto antes as obras vén xustificada pola necesidade de instalar unha estación depuradora de augas residuais en Buchabade, o que evitaría a existencia de verteduras ilegais e dos riscos que estas supoñen para a salubridade pública e o ambiente, e máis aínda na saúde das persoas, polas consecuencias que pode supoñer non prestar un correcto servizo de saneamento aos veciños do concello; a execución da obra repercutirá favorablemente na vida e na salubridade do núcleo afectado, e posibilitará que o Concello acade o cumprimento das súas obrigas normativas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de instalación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Buchabade (concello de Ponte Caldelas), a cal deberá, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e catro de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza