Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2014 Páx. 22052

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de abril de 2014 pola que se acorda a execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recaída no Plan xeral de ordenación municipal da Pobra do Caramiñal (PO 4249/2007 e PO 4838/2008).

O Tribunal de Xustiza de Galicia, con data do 15 de decembro de 2011, ditou sentenza nos procedementos ordinarios números PO 4249/2007 e PO 4838/2008, interpostos por Mercedes Puente Fernández e Ramón Boo Franco contra as ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, do 1 de marzo e do 25 de outubro de 2007, sobre a aprobación definitiva do PXOM da Pobra do Caramiñal.

A referida sentenza, declarada firme o 17 de abril de 2012, na súa parte dispositiva, sinala: «Estimamos parcialmente o recurso interposto por Mercedes Puente Fernández e Ramón Boo Franco, contra as ordes do 1 de marzo de 2007 e do 25 de outubro, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sobre aprobación definitiva do PXOM da Pobra do Caramiñal, e anulamos as mencionadas resolucións única e exclusivamente en canto á clasificación do ámbito físico especificado no fundamento de dereito quinto desta sentenza, que debe ser considerado como solo urbano consolidado, con desestimación das restantes pretensións».

Con data do 8 de abril de 2014 ten entrada no rexistro do Portelo Único (entrada número 2014/355) comunicación do Concello da Pobra do Caramiñal do Acordo plenario do 27 de marzo de 2014, acordo en que se aproba o documento anexo que recolle as modificacións do PXOM para executar a sentenza 01222/2011. Esta modificación consiste en: «tomando como base o plano A-04 do PXOM da Pobra do Caramiñal, aprobado definitivamente mediante as ordes do 1 de marzo de 2007 e do 25 de marzo da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (DOG nº 54, do 16 de marzo de 2007, DOG nº 220, do 14 de novembro, e DOG nº 168, do 1 de setembro de 2008), corríxese este extraendo esas superficies, marcadas na sentenza, do polígono AR-POL 2 e vincúlanse ao uso residencial B+3 adxacente como solo urbano consolidado. Como consecuencia disto, o polígono AR-POL vólvese delimitar segundo queda en documentación adxunta».

No mesmo acto, acórdase comunicar o dito acordo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ao Tribunal Superior de Xustiza e aos recorrentes.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

Á vista de todo o que antecede, e seguindo as indicacións dese tribunal,

RESOLVO:

Primeiro. Prestar aprobación á proposta formulada polo Concello da Pobra do Caramiñal, no Acordo plenario do 27 de marzo de 2014, no que respecta á aprobación do documento anexo ao plan xeral que recolle as modificacións derivadas do cumprimento da decisión contida na sentenza nº 01222/2011, ditada nos procedementos xudiciais 4249/2007 e 4838/2008.

Segundo. Notifíqueselle esta resolución ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas