Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2014 Páx. 22054

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de abril de 2014 pola que se acorda a execución das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recaídas no Plan xeral de ordenación municipal da Pobra do Caramiñal (PO 4026/2008 e PO 4082/2008).

O Tribunal de Xustiza de Galicia, con data do 27 de xaneiro de 2011 e do 22 de setembro de 2011, ditou sentenzas nos procedementos ordinarios números PO 4036/2008 e PO 4082/2008, interpostos por Luis Miguel e por Antonio e Juan Boullón Juanatey e Bandaseca, S.L., respectivamente, contra as ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, do 1 de marzo e do 25 de outubro de 2007, sobre a aprobación definitiva do PXOM da Pobra do Caramiñal.

A Sentenza 74/2011, declarada firme o 2 de maio de 2011, na súa parte dispositiva, sinala: «Estimamos parcialmente o recurso interposto por Salvador Manuel Fernández Barreras, contra as ordes do 1 de marzo de 2007 e do 25 de outubro, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sobre aprobación definitiva do PXOM da Pobra do Caramiñal, e anulámola no que alcanza á propiedade do recorrente, situada no número 18 do paseo do Areal, que debe ser clasificada como solo urbano consolidado e fóra da área de repartición do polígono 1».

A Sentenza 843/2011, declarada firme o 5 de marzo de 2012, na súa parte dispositiva, sinala: «Estimamos parcialmente o recurso interposto por Antonio e Juan Boullón Juanatey e Bandaseca, S.L., contra as ordes do 1 de marzo de 2007 e do 25 de outubro, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sobre aprobación definitiva do PXOM da Pobra do Caramiñal, e anulamos a dita resolución no que se refire á inclusión no polígono AR-POL1 da vivenda nº 15 do paseo do Areal e da parte do predio en que radica, que está na zona destinada a equipamento, e declaramos que ese inmoble debe ser clasificado como solo urbano consolidado e excluído do polígono».

Con data do 8 de abril de 2014 ten entrada no rexistro do Portelo Único (entrada número 2014/355) comunicación do Concello da Pobra do Caramiñal do Acordo plenario do 27 de marzo de 2014, acordo en que se aproba o documento anexo que recolle as modificacións do PXOM para executar as sentenzas 74/2011 e 843/2011. Para a execución de ambas as dúas, tómase como punto de partida o plano A-03 do PXOM da Pobra, aprobado definitivamente mediante as ordes do 1 de marzo de 2007 e do 25 de marzo, da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (DOG nº 54, do 16 de marzo de 2007, DOG nº 220, do 14 de novembro, e DOG nº 168, do 1 de setembro de 2008):

– Extraendo do POL 1 a propiedade de Salvador Manuel Fernández Barreras, sita no número 18 do paseo do Areal, clasificando o extraído como solo urbano consolidado residencial, coa edificabilidade existente. Como consecuencia disto, o POL 1 vólvese delimitar, restando a superficie extraída e resitúase a superfice para equipamento dentro do polígono.

– Extraendo do POL 1 a vivenda do recorrente, sita no número 15 do paseo do Areal, e a parte do predio en que radica que está na zona destinada a equipamento, clasificándoas como solo urbano consolidado residencial, coa edificabilidade existente. Como consecuencia disto, o POL 1 vólvese delimitar, restando a superficie extraída e resitúase a superfice para equipamento dentro do polígono.

No mesmo acto, acórdase comunicar o dito acordo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ao Tribunal Superior de Xustiza e aos recorrentes.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

Á vista de todo o que antecede, e seguindo as indicacións dese tribunal,

RESOLVO:

Primeiro. Prestar aprobación á proposta formulada polo Concello da Pobra do Caramiñal, no Acordo plenario do 27 de marzo de 2014, no que respecta á aprobación do documento anexo ao plan xeral que recolle as modificacións derivadas do cumprimento das decisións contidas nas sentenzas 74/2011 e 843/2011, ditadas nos procedementos xudiciais 4249/2007 e 4838/2008.

Segundo. Notifíqueselle esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas