Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2014 Páx. 23036

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de maio de 2014 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública para cubrir catro prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, debe desenvolver as accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co disposto no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que está adscrita á antedita consellería segundo o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004, aprobouse no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan xeral de normalización da lingua galega, desenvolvido, no seu momento, por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No dito plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no plan é o de «consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas cales xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino de lingua, literatura e cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos, como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Son precisamente estes centros o instrumento idóneo para promover unha formación eminentemente práctica entre os titulados universitarios que cumpran cos requisitos de participación exixidos nesta convocatoria. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro dos seus programas de formación relacionados coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas, dirixidos a unha ampla gama de destinatarios, ofrécelle a este colectivo a posibilidade de se incorporar aos centros de estudos galegos, co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en exclusiva para o colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas e ofrece tamén a posibilidade de realizar ou de completar estudos de posgrao nas universidades de destino.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de catro prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:

Destino

Localidade

País

Universidade de Extremadura

Cáceres

España

Universidade de Deusto

Bilbao

Universidade de Cork

Cork

Irlanda

Universidade do Miño

Braga

Portugal

Artigo 2. Contía mensual e libramento

1. O importe íntegro mensual que percibirán as persoas adxudicatarias desta convocatoria respectará, como mínimo, as seguintes contías:

– 1.123,96 €, para aqueles lectorados localizados en universidades españolas.

– 1.277,12 €, para aqueles lectorados localizados en universidades estranxeiras.

2. Nestes importes considéranse incluídos todos os conceptos; é dicir, os beneficiarios asumirán, con cargo á contía que van percibir, os gastos de tipo profesional ou persoal que poidan derivar da súa condición, tales como: impostos, cotizacións á Seguridade Social, gastos de locomoción, manutención e residencia, custos de matrícula e gastos de inscrición en actividades formativas, requisitos burocráticos, etc.

3. As persoas adxudicatarias percibirán o seu correspondente importe mensual directamente da universidade de destino, en virtude do compromiso adquirido por esta, mediante convenio, no cal se comprete a formalizarlle un contrato laboral cuxa modalidade mellor se axuste ao establecido nesta convocatoria, no dito convenio e consonte o recollido nos seus propios estatutos.

4. Estas persoas, de acordo co establecido no seu artigo 1 e por mor da relación laboral establecida coa universidade de destino, quedan fóra do ámbito de aplicación do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social e quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.

Artigo 3. Orzamento

A través dos correspondentes convenios de colaboración asinados coas respectivas universidades de destino establécense os compromisos económicos contraídos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4. Requisitos

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non estar incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

– Poderá solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Filoloxía Galega.

• Licenciatura en Filoloxía Hispánica, subsección de Galego-Portugués.

• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.

• Grao en Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Estudos de Galego e Español.

• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

• Grao en Lingua e Literatura Españolas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en Lingua e Literatura Galegas ou Maior Plus en Introdución á Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Lingua e Literatura Modernas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en Lingua e Literatura Galegas ou Maior Plus/modalidade mixta en Introdución á Lingua e Literatura Galegas.

– Poderá solicitar a praza localizada en Irlanda aqueles que estean en posesión dalguna das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 16.

Artigo 5. Duración

O programa de formación das persoas seleccionadas terá unha duración máxima de tres anos. A data prevista de incorporación será o 1.9.2014, cando os destinos adxudicados sexan as universidades de Extremadura e de Cork, e o 1.10.2014, para os restantes destinos. As datas de remate serán, en todo caso, o 31.8.2017 e o 30.9.2017, respectivamente.

Artigo 6. Programa de formación

1. As persoas adxudicatarias, baixo a dirección do responsable do centro de estudos galegos, en coordinación con este e como complemento práctico ao seu programa de formación, desenvolverán actividades de docencia, de programación e organización de tarefas, de investigación, de difusión e de promoción relacionadas coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas, que se concretan nos convenios de colaboración asinados coas correspondentes universidades. As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico universitario senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

2. Á marxe da actividade docente académica, será parte integrante do programa de formación a impartición de cursos preparatorios de cara a superar as probas para a obtención dos certificados acreditativos do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) que se realicen na súa localidade de destino.

3. Os beneficiarios non poderán desenvolver outras actividades que impidan, dificulten ou menoscaben o cumprimento das condicións establecidas para o aproveitamento do programa de formación.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.xunta.es/linguagalega

2. Ás solicitudes xuntarase, polo menos, a seguinte documentación preceptiva:

– No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade, copia compulsada do DNI ou do documento acreditativo da identidade.

– Copia compulsada da titulación académica exixida no artigo 4 ou da acreditación de que foi solicitada.

– En relación coa titulación exixida, orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, na cal debe constar a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

– Currículo, no cal deben figurar todos os méritos alegados.

– Para cada universidade solicitada, proxecto didáctico e de traballo, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude.

3. As persoas interesadas poderán solicitar, como máximo, tres destinos que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación

1. A documentación recollida no artigo 7.2 xuntarase na mesma orde establecida no dito artigo, sen ningún tipo de encadernación que dificulte a súa manipulación e precedida da solicitude.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e número ou código único de rexistro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e número ou código único de rexistro.

3. Os méritos alegados no currículo xustificaranse mediante documento orixinal ou copia compulsada, se se utiliza a vía presencial, e da forma indicada para a documentación complementaria, no suposto de presentación electrónica. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados nel.

Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante copia simple da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. No caso de publicacións extensas, recoméndase a entrega de orixinais, que se devolverán unha vez que se resolva a convocatoria.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán ir acompañados dunha tradución a algún destes, e incluirán ao pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

Artigo 9. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou acompañe os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

Artigo 10. Órgano instrutor

1. A instrución do procedemento para a concesión das catro prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas correspóndelle á Subdirección Xeral de Política Lingüística.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Os méritos alegados polas persoas solicitantes serán valorados por unha comisión integrada polos seguintes membros:

– A subdirectora xeral de Política Lingüística, que actuará como presidenta.

– A xefa do Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

– O xefe da Sección de Habilitación.

– Por parte das universidades, os responsables dos centros de estudos galegos. Se a súa presenza non é posible, notificaranlle este feito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e poderán delegar a súa representación. Ambas as circunstancias deben comunicarse por escrito.

– Un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario/a, con voz pero sen voto.

A ausencia dalgún dos membros representativos da Administración será cuberta por algún dos seguintes suplentes:

– A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que exercerá como presidenta da comisión ante a ausencia do seu titular.

– A xefa do Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

– A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

2. A Comisión de valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 12. Valoración de méritos

1. Os méritos valoraranse de acordo cos criterios que se indican no anexo II desta orde.

2. A Comisión reunirase para valorar os méritos debidamente acreditados de cada unha das solicitudes admitidas segundo o contido do antedito anexo II.

3. Cando o número de solicitudes admitidas supere a contía de 12, limitarase o acceso á fase de entrevista aos doce candidatos que acaden as maiores puntuacións nos méritos 1 a 5 do anexo II.

4. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web institucional e comunicaralles a través do correo electrónico facilitado polos solicitantes a relación dos candidatos seleccionados para a fase de entrevista, así como o lugar, a data e a hora de realización.

5. Será causa específica de desistencia non presentarse á entrevista persoal.

6. Rematada a valoración de méritos, a Comisión remitiralle á persoa titular do órgano instrutor do procedemento a acta da reunión en que se indicarán, ordenadas de maior a menor, a puntuación total obtida, así como o detalle das puntuacións en cada unha das partes valoradas, por cada unha das solicitudes admitidas en cada destino solicitado, e as incidencias que poidan influír na resolución desta convocatoria.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, tendo en conta a acta da Comisión de valoración e o expediente de cada unha das solicitudes presentadas, formulará unha proposta de resolución provisional baseada nas maiores puntuacións obtidas; non poderá, para o efecto, recaer a adxudicación sobre candidatos cunha valoración total inferior a 5 puntos.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública por un prazo de dez días contados a partir do seguinte á data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que consideren pertinentes nos lugares e formas indicados no artigo 7.

3. Se algún dos candidatos propostos tiver a intención de non aceptar a adxudicación da praza, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

Artigo 14. Resolución

1. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de cinco meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. A persoa titular do órgano instrutor elevaralle á persoa que dirixe a Secretaría Xeral de Política Lingüística a proposta de resolución definitiva.

3. Con base na proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística ditará resolución pola que se adxudican as prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas convocadas por medio desta orde. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, exporase na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e notificaráselles ás correspondentes universidades de destino.

4. No caso de funcionarios en servizo activo, a adxudicación da praza dependerá de que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

5. Para efectos do estipulado nos artigos 16 e 17 e para cada destino ofertado, integrarán unha listaxe de suplentes aquelas solicitudes que, respectando a orde de prelación por puntuación, estean situadas a continuación da persoa adxudicataria e, como mínimo, acaden unha puntuación total igual a 5.

6. Non se adxudicarán as prazas daqueles lectorados que non conten, no momento de ditar a resolución, co correspondente convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a respectiva universidade. Non obstante, poderá demorarse esta adxudicación se existe a certeza de que o convenio será subscrito dentro dos dous meses seguintes á adxudicación das restantes prazas.

7. A concesión da praza para a formación e a percepción do importe mensual non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da praza e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

As persoas adxudicatarias quedan obrigadas a:

– Acreditar que superaron o Curso de formación de profesores de galego ou, no seu defecto, comprometerse a asistir e superar o devandito curso na edición que lles indique a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non cumprir co previsto neste punto dará lugar á aplicación do estipulado no artigo 17.

– Comunicarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística o desenvolvemento de actividades alleas ao obxecto desta convocatoria que poidan influír ou comprometer a súa actuación.

– Reintegrar os importes indebidamente percibidos.

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

– Obter, se é o caso, os permisos pertinentes para unha estadía legal no país de destino, para o cal debe realizar os trámites oportunos e asumir os gastos correspondentes.

– Asistir ás actividades de formación a que sexan convocadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 16. Substitucións

1. Se, unha vez adxudicadas as prazas, algún dos beneficiarios renuncia, aplicarase, para a súa cobertura provisional, o procedemento descrito no artigo 13.3 sobre a listaxe de suplentes a que fai referencia o artigo 14.5. Estas prazas serán incluídas na seguinte convocatoria para a súa adxudicación mediante concurso público de méritos.

2. Cando sexa necesaria a substitución temporal do lector titular empregarase tamén o procedemento descrito no punto anterior. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

Artigo 17. Revogación e suspensión

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da instrución do correspondente procedemento, poderá revogar a concesión da praza, ou suspendela temporalmente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Evolución negativa ou pouco satisfactoria na súa formación e no aproveitamento das experiencias e prácticas realizadas no lectorado.

– Incumprimento total ou parcial do disposto no artigo 6 desta orde.

– Notoria falta de actitude no desenvolvemento das actividades previstas no artigo 6.

– Non axustarse, no exercicio das súas actividades, ás vixentes Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas pola Real Academia Galega.

– Coñecemento sobrevido de circunstancias invalidantes da adxudicación da praza.

– Perda de vixencia do convenio asinado coa universidade de destino.

– Calquera actuación que afecte o correcto funcionamento do lectorado.

Artigo 18. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a presentalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión da praza polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Segundo o previsto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web as bases que regulan a presente convocatoria e, no Diario Oficial de Galicia, as bases e os datos relevantes referidos ás subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude supón a autorización dos beneficiarios para o tratamento dos datos necesarios para este fin.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 19. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable á presente convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE núm. 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003.

Artigo 20. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única

Deléganse expresamente na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as facultades de resolución que deriven da aplicación dos artigos 14, 16 e 17 desta orde, con base no establecido na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a resolución dos recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas, conforme o disposto no seu artigo 3, alínea c).

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 12 puntos

1.1. Polo título de doutor:

1 punto

1.2. Por cada titulación universitaria a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro) e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor.

Ata 5 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas.

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas.

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas.

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas.

1,00 punto

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas.

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas.

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas.

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas.

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, seminarios, relatorios, etc., relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas.

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas.

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas.

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas.

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas.

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades sexan realizadas en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente na epígrafe 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas.

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas.

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas.

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas.

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

No caso de autoría múltiple, a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número de autores.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias simples en que consten o ISBN, ISSN ou depósito legal, segundo corresponda, e o índice.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado.

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado.

1,00 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións, etc.:

2.3.2.1. Non especializado ou publicacións de curta extensión.

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado.

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado.

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado.

0,20 puntos

2.4. Docencia no ensino regrado de lingua, literatura e cultura galegas en centros de Galicia:

Valoraranse con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Dinamización e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia (dirección e/ou coordinación):

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas.

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas.

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas.

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas.

0,80 puntos

3.2. Coñecemento da comunidade autónoma ou do país en que se encontre a universidade solicitada, e da súa situación sociocultural (acreditación exclusiva mediante residencia):

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán): 1.

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1.

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2.

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3.

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4.

1,00 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/licenciatura/grao.

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado, residencia no país máis de 3 meses seguidos, etc.).

0,15 puntos

4. Interese do proxecto docente, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas que se desenvolverá na universidade solicitada:

Máximo 2 puntos

Valoraranse tendo en conta os seguintes criterios:

– Coñecemento e fundamentación teórica (máximo: 0,40 puntos).

– Deseño de actividades (máximo: 0,40 puntos).

– Aplicabilidade do proxecto (máximo: 0,40 puntos).

– Bibliografía (máximo: 0,40 puntos).

– Outros aspectos (máximo: 0,40 puntos).

5. Adecuación do currículo presentado ao perfil formativo da praza solicitada:

Máximo 2 puntos

6. Entrevista persoal:

Máximo 4 puntos

A entrevista persoal poderá versar sobre os seguintes temas:

– Motivación pola que solicita este destino.

– Calidades e habilidades persoais e coñecementos seus que destacaría como apropiados para o destino a que aspira.

– Filosofía e metodoloxía de traballo na aula.

– Explicación do proxecto docente presentado.

– Coñecementos sobre a universidade solicitada, sobre a actividade do seu centro de estudos galegos (CEG) e, en xeral, sobre os CEG, así como sobre o país ou comunidade autónoma en que se localiza.

– Coñecementos sobre a regulación do ensino da lingua galega e sobre a acreditación do nivel de competencia en lingua galega (Celga).

– Coñecementos sobre as bases desta convocatoria.

– Outros aspectos (idiomas, etc.).

A valoración da entrevista, nunha escala coa seguinte graduación: 0, 0,25 e 0,50, obxectivarase a través da cualificación de cada un dos seguintes criterios:

– Empatía e sociabilidade.

– Aptitude e actitude persoal para a realización das actividades.

– Habilidades comunicativas.

– Seguridade na exposición dos conceptos que defende.

– Competencias persoais, capacidade de razoamento e de resolución de problemas.

– Motivación profesional.

– Dispoñibilidade para seguir os programas de formación.

– Coñecementos técnicos e didácticos.

1 MCERL: Marco europeo común de referencia para as linguas.

  ALTE: Asociación de avaliadores de linguas europeas.

missing image file
missing image file