Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2014 Páx. 24110

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2014 pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise público o Acordo do 30 de abril de 2014, adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, polo que se aproba definitivamente o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, que literalmente di:

«1. Aprobar definitivamente o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2. Consonte o disposto nos artigos 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, e 8.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, deberase modificar o planeamento urbanístico municipal para adecuar as súas determinacións ao plan aprobado.

3. O plan sectorial de referencia entrará en vigor o día seguinte ao da publicación do acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia. As disposicións normativas entrarán en vigor cando sexan publicadas no Diario Oficial de Galicia, en virtude da disposición adicional 2.1 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia».

En virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), fanse públicas as disposicións normativas do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (PSOAEG) para a súa entrada en vigor.

Normativa do PSOAEG

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1. O ámbito de aplicación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (no sucesivo PSOAEG) abrangue todo o territorio de Galicia.

2. O PSOAEG establece as condicións xerais para o futuro desenvolvemento das actuacións de preparación de solo para actividades empresariais que son o seu obxecto, definindo os criterios de deseño, as características funcionais e a localización, que garantan a accesibilidade e a súa inserción no territorio. As súas determinacións:

2.1. Responden aos criterios establecidos nas directrices de ordenación do territorio (no sucesivo DOT) para o desenvolvemento do solo empresarial en Galicia.

2.2. Adáptanse, no ámbito territorial comprendido no Plan de ordenación do litoral (no sucesivo POL), ás determinacións contidas no dito instrumento de ordenación territorial, así como ás determinacións dos demais instrumentos de ordenación territorial aprobados que poidan incidir no PSOAEG.

Artigo 2. Natureza e obxecto

1. O PSOAEG é un instrumento de ordenación territorial de incidencia supramunicipal redactado ao abeiro do disposto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2. O obxecto do PSOAEG é regular a implantación e determinar as condicións xerais para o desenvolvemento de actuacións de preparación de solo para actividades empresariais/industriais.

Artigo 3. Funcións

As funcións que persegue o PSOAEG, integradas nos seus propios obxectivos, son as seguintes:

1. Establecer as reservas de solo necesarias para cubrir os déficits de solo empresarial no ano horizonte do PSOAEG, baixo criterios de sustentabilidade e en congruencia co modelo territorial establecido nas DOT.

2. Determinar os criterios para que se poidan incorporar, con posterioridade á aprobación do PSOAEG, ao desenvolvemento do solo empresarial novas actuacións que teñan como obxectivo dar resposta ás necesidades de solo empresarial derivadas da aplicación das determinacións das DOT, permitir a implantación de proxectos industriais estratéxicos, en concordancia co establecido na Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, e posibilitar, con criterios de sustentabilidade, a incorporación ao desenvolvemento de solo empresarial de asentamentos industriais á marxe do planeamento.

3. Garantir o respecto ao patrimonio natural e cultural, determinando o contido dos estudos necesarios que permitan identificar as afeccións, tanto das ampliacións das actuacións existentes como das novas actuacións previstas no PSOAEG ou daqueloutras que se poidan incorporar no futuro ao proceso de desenvolvemento do solo empresarial, para adoptar as medidas correctoras necesarias para minimizar as afeccións que poidan xerar ao ambiente, á paisaxe e ao patrimonio cultural.

Artigo 4. Eficacia

De conformidade co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as determinacións contidas no presente PSOAEG terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente dos concellos en que se asenten as actuacións obxecto do PSOAEG.

Artigo 5. Revisión e modificacións do PSOAEG

1. O PSOAEG terá vixencia indefinida, sen prexuízo dos prazos que para a execución de cada unha das actuacións previstas nel se fixen nos correspondentes proxectos sectoriais.

2. O PSOAEG poderá ser revisado ou modificado de acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000. Para estes efectos, enténdese por revisión a reconsideración total do modelo establecido polo PSOAEG como consecuencia da adopción de novos criterios e obxectivos.

3. Por modificación enténdese a simple alteración de forma puntual e illada das súas determinacións. Non se considerarán revisión nin modificación do PSOAEG as alteracións puntuais que os proxectos sectoriais poidan introducir ao regular detallada e pormenorizadamente os distintos ámbitos das actuacións de solo empresarial. Para estes efectos, os proxectos sectoriais poderán reaxustar, por causas debidamente xustificadas, a superficie dos ámbitos delimitados, sempre que tal reaxuste non supoña unha modificación igual ou superior ao 10 por 100 da superficie do ámbito delimitado polo plan sectorial. Exceptúanse desta limitación aquelas actuacións que se poidan ver afectadas pola eventual aparición de elementos arqueolóxicos de importante valor, conforme o disposto no número 2 do artigo 33 da presente normativa.

Artigo 6. Réxime

1. As determinacións establecidas no PSOAEG non implican clasificación urbanística do solo. Serán os concellos os que no momento da revisión ou modificación do seu planeamento urbanístico clasifiquen o solo do termo municipal, de conformidade coas clases e categorías de solo establecidas na Lei 9/2002, do 30 de decembro (LOUG), ou na lexislación urbanística que a poida substituír no futuro, en coherencia coas determinacións do presente PSOAEG.

2. De conformidade co establecido no artigo 5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, os plans e proxectos sectoriais estableceranse no marco das determinacións contidas noutros instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, polo que o presente PSOAEG recolle as determinacións das DOT, en particular as relativas ao desenvolvemento de solo empresarial, así como as determinacións do POL que teñan incidencia sobre as actuacións de solo empresarial. Neste contexto, aquelas áreas empresariais que se poidan instalar no ámbito do POL, ou a reordenación daqueloutras existentes no dito ámbito, respectarán os valores recoñecidos por dito documento.

Artigo 7. Coordinación administrativa

En cumprimento do establecido no artigo 84.3 da LOUG, iniciada a fase do planeamento xeral, a consellería competente en materia de urbanismo, logo de solicitude da Administración municipal que o formulase, subministraralle a esta, no prazo máximo de dous meses, canta documentación considere necesaria ou de interese para os efectos da adaptación do planeamento ao Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia e coordinará canta información deba ser tida en conta para a redacción do instrumento de ordenación de que se trate e que deba ser achegada polos diferentes departamentos da Administración autonómica.

Artigo 8. Interpretación

As determinacións recollidas nesta normativa deben interpretarse seguindo os criterios de:

1. Congruencia. Cos principios e obxectivos establecidos no PSOAEG así como coas determinacións dos demais documentos deste.

2. Caución. No caso de que haxa varias interpretacións posibles, escollerase aquela que mellor salvagarde a defensa dos valores descritos no presente PSOAEG para cada un dos elementos do modelo territorial.

3. Precisión cartográfica. Na aplicación deste instrumento ao aproximarse a unha escala menor atenderase á cartografía máis precisa, actualizada e contrastada, salvo contradición manifesta coa de escala superior.

4. Escala. O plan preséntase a escalas entre 1:425.000 e 1:850.000 para os planos do estudo territorial a nivel autonómico. A planimetría dos ámbitos delimitados estudados en detalle elaborouse a escala 1:25.000 e 1:5.000 segundo cada caso.

TÍTULO II
Desenvolvemento do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais (PSOAEG)

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 9. Introdución

No presente capítulo defínese o proceso que se debe seguir para o desenvolvemento das actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG.

Artigo 10. Clasificación das actuacións de solo empresarial

As actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG divídense en dous grandes grupos:

1. Actuacións delimitadas.

Inclúense dentro deste grupo, as actuacións delimitadas no PSOAEG seguintes:

1.1. As que actualmente están en execución, en tramitación ou en estudo que proceden das determinacións do Plan estratéxico 2009-2015.

1.2. As actuacións novas delimitadas no presente PSOAEG, coa finalidade de cubrir os déficits de solo empresarial resultantes do estudo de mercado do solo empresarial.

2. Actuacións non delimitadas ou de incorporación posterior á aprobación do PSOAEG.

Enténdense como actuacións non delimitadas ou de incorporación posterior á aprobación do PSOAEG aquelas actuacións de solo empresarial susceptibles de incorporarse ao proceso de desenvolvemento do PSOAEG, con posterioridade á súa aprobación definitiva, coa finalidade de cubrir necesidades de solo derivadas da aplicación das determinacións das DOT, desenvolver proxectos industriais estratéxicos ou permitir a incorporación ao desenvolvemento de solo empresarial de asentamentos industriais á marxe do planeamento.

2.1. Actuacións derivadas da aplicación das determinacións das DOT.

Son actuacións que poidan xurdir no futuro para a creación de solo empresarial coa finalidade de realoxar actividades industriais existentes en lugares inadecuados, facilitar a implantación de actuacións hoxe pendentes da execución de infraestruturas de transporte ou de servizos previstas na planificación territorial.

2.2. Proxectos industriais estratéxicos.

Enténdese por proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para a implantación ou ampliación dunha ou varias instalacións industriais, que teñan como resultado previsible unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a súa consolidación, conforme o establecido na Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia (no sucesivo Lei 13/2011). Considerando que a localización e dimensións destas actuacións son imprevisibles na actualidade, o PSOAEG permite a incorporación ao desenvolvemento do solo empresarial destas actuacións industriais, con posterioridade á súa aprobación.

2.3. Asentamentos industriais á marxe do planeamento.

Estas actuacións de solo empresarial correspóndense cos asentamentos industriais á marxe do planeamento a que se refire o número 2 da disposición transitoria décimo terceira da LOUG. O PSOAEG establece as condicións para a incorporación destes asentamentos industriais ao proceso de desenvolvemento do solo empresarial, que requirirá de acordos ou convenios entre administracións e empresarios, para garantir a incorporación ao desenvolvemento do solo empresarial e que se xustifique a súa inserción no modelo territorial das DOT.

CAPÍTULO II
Instrumentos para o desenvolvemento do Plan sectorial de áreas empresariais
de Galicia (PSOAEG)

Sección 1ª. Instrumentos de ordenación

Artigo 11. Tipos de instrumentos de ordenación

1. Das actuacións delimitadas no PSOAEG.

1.1. O desenvolvemento da ordenación das actuacións de solo empresarial delimitadas no PSOAEG levarase a cabo a través de proxectos sectoriais, de conformidade co previsto na Lei 10/1995 e no Decreto 80/2000.

1.2. As actuacións de solo empresarial delimitadas que proceden dos PXOM con clasificación urbanística adecuada e con determinacións compatibles coas establecidas no PSOAEG, desenvolveranse a través dos correspondentes instrumentos de desenvolvemento urbanístico establecidos na LOUG ou a lexislación que a poida substituír no futuro, en función da clase de solo en que se localice a actuación; é dicir, plan parcial en solo urbanizable delimitado, plan de sectorización en solo urbanizable non delimitado e plan especial de reforma interior en solo urbano non consolidado, de uso industrial ou terciario.

2. Das actuacións non delimitadas ou de incorporación posterior á aprobación do PSOAEG.

2.1. Actuacións derivadas da aplicación das determinacións das DOT.

O desenvolvemento da ordenación das actuacións que poidan xurdir por aplicación das determinacións das DOT levarase a cabo mediante algún dos instrumentos de ordenación establecidos no número 2 anterior, para as actuacións en estudo ou novas delimitadas no PSOAEG.

2.2. Asentamentos á marxe do planeamento.

O desenvolvemento da ordenación dos asentamentos á marxe do planeamento tamén se levará a cabo a través dalgún dos instrumentos de ordenación establecidos anteriormente.

2.3. Proxectos industriais estratéxicos.

Para a implantación dos proxectos industriais estratéxicos deberase seguir o procedemento de declaración establecido no artigo 41 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

Artigo 12. Ampliación de áreas empresariais existentes

As ampliacións das áreas empresariais existentes, ordenadas mediante un proxecto sectorial, consideraranse, para efectos da súa tramitación, como modificación do proxecto sectorial que desenvolveu a ordenación do ámbito orixinal, polo que non será necesaria a declaración da incidencia supramunicipal.

Sección 2ª. Estudos de viabilidade

Artigo 13. Desenvolvemento do estudo de viabilidade

1. Ámbito de aplicación.

1.1. Será obrigatorio o desenvolvemento de estudos de viabilidade nas actuacións delimitadas no PSOAEG nos seguintes casos:

a) Nas actuacións delimitadas que estean en estudo (non se iniciou o planeamento de desenvolvemento) e nas actuacións novas.

b) Nas actuacións non delimitadas ou de desenvolvemento posterior á aprobación definitiva do PSOAEG que xurdan como consecuencia da aplicación das determinacións das DOT e nos asentamentos industriais á marxe do planeamento.

As actuacións que procedan de proxectos industriais estratéxicos regularanse polo establecido no artigo 41 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

1.2. Obxectivos.

Os estudos de viabilidade teñen como obxectivo a análise dos factores a que se refiren os puntos seguintes nas actuacións a que se refire o número 1.1 anterior para:

a) Xustificar a idoneidade dunha determinada localización e avaliar o efecto que terá a actuación prevista sobre o territorio.

b) Establecer a ordenación en coherencia coas medidas correctoras que se deben adoptar para minimizar os efectos negativos que poida xerar a actuación.

1.3. Tramitación dos estudos de viabilidade.

Os estudos de viabilidade presentaranse perante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que será o órgano encargado de emitir informe sobre a viabilidade da área empresarial proposta. Para tal efecto, o IGVS consultará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en calidade de órgano ambiental, e os demais organismos que considere oportunos co obxectivo de determinar a viabilidade da actuación proposta tanto desde un punto de vista económico como ambiental.

1.4. Contido do estudo de viabilidade.

O estudo de viabilidade deberá conter como mínimo:

a) Unha análise sobre a capacidade de acollida do territorio.

b) Grao de adaptación ao modelo territorial establecido polas DOT.

c) Alternativas propostas para o caso das actuacións a que se refire o número 2.1 do artigo 10.

1.5. Análise da capacidade de acollida do territorio.

Os estudos de viabilidade dos proxectos sectoriais e dos demais instrumentos de ordenación que desenvolvan as actuacións delimitadas e as que se poidan incorporar no futuro ao proceso de desenvolvemento do solo empresarial, terán en conta para a análise da capacidade de acollida do territorio os factores que se citan a seguir que poidan afectar o ámbito da correspondente actuación. A análise dos ditos factores realizarase conforme os criterios e recomendacións contidos no informe de sustentabilidade do PSOAEG
(DOC. XI) e nas directrices para o desenvolvemento do PSOAEG e dos proxectos sectoriais que desenvolvan o contido deste (DOC. VIII).

a) Factores ambientais.

▪ Áreas estratéxicas de conservación (espazos naturais, reservas da biosfera, zonas húmidas, hábitats prioritarios, etc).

▪ Masas forestais autóctonas e montes veciñais.

▪ Cursos de auga e zonas inundables.

▪ Zonas queimadas.

b) Factores patrimoniais.

▪ Patrimonio arquitectónico e etnográfico.

▪ Xacementos arqueolóxicos.

▪ Camiños de Santiago.

c) Factores físicos.

▪ Pendentes.

▪ Xeotecnia.

d) Factores socioeconómicos.

▪ Expropiación de terreos.

▪ Edificacións, instalacións e infraestruturas existentes no ámbito e na súa contorna.

▪ Proximidade entre áreas empresariais.

▪ Identificación de terreos propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.6. Grao de adaptación ao modelo territorial establecido polas DOT.

Para a análise do grao de adaptación de cada actuación ao modelo territorial establecido polas DOT, os estudos de viabilidade deberán analizar, en función dos tipos de áreas empresariais, a relación destas cos asentamentos de poboación e coas infraestruturas de transporte e de servizos que se citan nos puntos seguintes. Esta análise realizarase conforme os criterios e recomendacións contidos nas directrices para o desenvolvemento do PSOAEG e dos proxectos sectoriais que desenvolvan o seu contido.

a) Áreas empresariais.

▪ Parques de carácter estratéxico: os novos parques de carácter estratéxico cumprirán os seguintes requisitos:

– Deberán estar asociados ás rexións urbanas ou nas áreas urbanas.

– Deberán ter posibilidades de conexión coa rede de estradas de altas prestacións, a rede ferroviaria e os servizos de transporte colectivo, tanto preexistentes como de nova implantación.

▪ Parques empresariais de influencia supracomarcal: para a análise da localización dos parques empresariais de influencia supracomarcal teranse en conta os seguintes aspectos:

– Deberán estar asociados a algunha das vilas e pequenas cidades do sistema urbano intermedio.

– Terán posibilidades de conexión coa rede de estradas de altas prestacións e, de ser o caso, coa rede ferroviaria; deberán facer, en todo caso, as oportunas previsións de mobilidade sustentable que garantan a accesibilidade con diferentes modos.

▪ Parques empresariais de rango comarcal: para a localización dos parques empresariais de rango comarcal terase en conta os seguintes aspectos:

– Deberán estar asociados a algún dos nodos para o equilibrio do territorio.

– Deberán estar conectados coas estradas de maiores prestacións do termo municipal e considerar os servizos de transporte colectivo.

▪ Parques tecnolóxicos: a localización dos parques tecnolóxicos (orientados a innovación, desenvolvemento e investigación) estará condicionada polo cumprimento da súa vinculación aos campus universitarios.

▪ Parques especializados: a localización dos parques especializados estará condicionada pola zona á cal deben atender, pola súa dinamicidade ou para acompañar medidas de reequilibro territorial.

▪ Plataformas loxísticas: para a localización das plataformas loxísticas terase en conta que deberán estar asociadas aos seguintes ámbitos:

– Aos portos comerciais autonómicos e aos portos de interese xeral do Estado.

– Aos nodos de confluencia de infraestruturas viarias de alta capacidade ou ferroviarias.

– Aos núcleos do sistema urbano que destaquen pola súa accesibilidade.

b) Infraestruturas e nodos de transporte.

Os estudos de viabilidade e o planeamento de desenvolvemento das actuacións de solo empresarial, deberán ter en conta, en relación con as infraestruturas e nodos de transporte, o seguinte:

▪ Rede viaria: ademais da análise da accesibilidade á localización da área empresarial desde a vía recomendada para cada tipo de área empresarial, teranse en conta as limitacións no tocante ao uso e edificación nos terreos estremeiros coa vía, de conformidade co establecido no artigo 26 desta normativa.

▪ Ferrocarril: naquelas actuacións de solo empresarial destinadas a actividades vinculadas coa loxística de transporte e asociadas aos portos de interese xeral do Estado, aos portos comerciais autonómicos e aos nodos de confluencia de infraestruturas viarias e/ou ferroviarias, analizaranse as posibilidades de conexión da área empresarial, coas vías e co ferrocarril.

Tamén se terán en conta as limitacións no tocante á edificación e uso dos terreos estremeiros co ferrocarril, conforme o establecido no artigo 27 desta normativa.

▪ Portos: no deseño das áreas empresariais terase en conta que o uso que precisan os portos é o loxístico, así como as previsións sobre ferrocarril citadas no punto anterior.

No que respecta á participación das autoridades portuarias en sociedades e outras entidades, aplicarase o disposto no artigo 28 desta normativa.

▪ Aeroportos e servidumes aeronáuticas.

Os estudos de viabilidade e o planeamento que desenvolva as actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG terán en conta as servidumes aeronáuticas establecidas legalmente, o que implica que as afeccións polas ditas servidumes poden ter incidencia, non só nas áreas empresariais localizadas en terreos próximos aos aeroportos e radares, senón tamén ás situadas nas proximidades das zonas de seguridade das instalacións radioeléctricas de axuda á navegación aérea, das zonas de superficie de aproximación, da superficie de suba en engalaxe e superficie de transición ou terreo que está próximo ás ditas superficies limitadoras, así como as superficies limitadoras do resto de servidumes aeronáuticas, conforme a regulación do sistema xeral aeroportuario e servidumes aeronáuticas establecida no artigo 29 da presente normativa.

c) Infraestruturas de servizos.

Os estudos de viabilidade e o planeamento que desenvolva a ordenación das actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG deberán ter en conta, en relación coas infraestruturas de servizos, o seguinte:

▪ Abastecemento de auga e saneamento. As novas áreas empresariais deberán resolver o ciclo de auga, conforme o disposto no artigo 31 desta normativa.

▪ Enerxía eléctrica: os estudos de viabilidade e o planeamento que desenvolva a ordenación das actuacións de solo empresarial establecidas no PSOAEG terán en conta as servidumes das infraestruturas eléctricas, establecidas legalmente.

Tanto no que respecta ás limitacións de edificación e uso dos terreos polos que discorren as infraestruturas eléctricas como no relativo ao acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica aplicarase o disposto no artigo 30 da presente normativa.

▪ Infraestruturas petrolíferas e gasistas: os estudos de viabilidade e o planeamento que desenvolva a ordenación das actuacións de solo empresarial establecidas no PSOAEG, terán en conta as servidumes das infraestruturas petrolíferas e gasistas que discorren pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección 3ª. Proxectos sectoriais

Subsección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 14. Obxecto dos proxectos sectoriais

1. Os proxectos sectoriais teñen por obxecto a regulación detallada e pormenorizada da implantación das actuacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal en que se localice, axeitándose á súa función vertebradora dunha política territorial, definindo os criterios de deseño, as características funcionais e a localización que garantan a accesibilidade e a inserción da totalidade do territorio nunha racional dispoñibilidade dos ditos elementos estruturantes.

2. Os proxectos sectoriais redactaranse de acordo co disposto na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, que a desenvolve, e, por remisión destas, coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, e pola Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Artigo 15. Determinacións dos proxectos sectoriais

1. As determinacións que deberán conter os proxectos sectoriais que desenvolvan as actuacións de solo empresarial previstas no presente PSOAEG serán, conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 80/2000, as seguintes:

1.1. Localización exacta da actuación empresarial obxecto do proxecto sectorial, así como de todas as obras e usos do solo previstas para o seu adecuado funcionamento e delimitación do ámbito territorial de incidencia do proxecto.

1.2. Xustificación do interese público ou utilidade social da instalación prevista.

1.3. Xustificación do cumprimento dos estándares urbanísticos de acordo co disposto no artigo 5 do Decreto 80/2000.

1.4. Descrición detallada das características técnicas das actuacións.

1.5. Medidas de corrección e minimización dos impactos producidos sobre o territorio físico e a paisaxe.

1.6. Medidas de articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio vixentes.

1.7. Prazo de inicio e terminación das obras.

1.8. Identificación completa da Administración pública, entidade mercantil, persoa física ou xurídica promotora do proxecto sectorial e responsable da súa execución.

2. Ademais destas determinacións, os proxectos sectoriais deberán conter, en virtude do disposto no artigo 23 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, na súa redacción modificada pola Lei 6/2007, e de acordo co artigo 19 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, as determinacións urbanísticas establecidas no artigo 66 da Lei 9/2002, para as cales remite ao artigo 64 da Lei 9/2002. Estas determinacións son as seguintes:

2.1. Delimitación do ámbito de planeamento.

2.2. Cualificación dos terreos, entendida como a asignación detallada de usos pormenorizados, tipoloxías edificatorias e niveis de intensidade correspondentes a cada zona.

2.3. Sinalamento das reservas mínimas para dotacións que establece a Lei 9/2002 no seu artigo 47.2 en relación coas alíneas:

a) Sistema de espazos libres públicos destinados a parques, xardíns, áreas de ocio, expansión e recreo da poboación.

b) Sistema de equipamentos públicos destinados á prestación de servizos sanitarios, asistenciais, educativos, culturais, deportivos e outros que sexan necesarios.

c) Prazas de aparcadoiros de vehículos.

2.4. Trazado e características da rede de comunicacións propias do sector e do seu enlace co sistema xeral de comunicacións previsto, se é o caso, no plan xeral, con sinalización de aliñacións, rasantes e zonas de protección de toda a rede viaria.

2.5. Características e trazado das redes de abastecemento de auga, de sumidoiros, enerxía eléctrica, iluminación pública, telecomunicacións, gas e daqueloutros servizos que, se é o caso, prevexa o proxecto sectorial.

2.6. Determinacións necesarias para a integración da nova ordenación cos elementos valiosos da paisaxe e da vexetación.

2.7. Medidas necesarias e suficientes para garantir a adecuada conexión do sector cos sistemas xerais exteriores existentes e, se é o caso, a ampliación ou reforzo dos devanditos sistemas e dos equipamentos e servizos urbanos. Igualmente deberá resolver os enlaces coas estradas ou vías actuais e coas redes de servizos de abastecemento de auga e saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións, gas, residuos sólidos e outros.

2.8. Ao abeiro do artigo 23 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, modificada polo artigo 19, número 1, da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo deberán conter, ademais das determinacións exixidas no dito artigo, as que se indican no artigo 66 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, determinacións recollidas nos números 2.1 a 2.7 anteriores, e cando os ditos proxectos afecten terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, exixirase o informe favorable do organismo que teña a competencia sectorial por razón do correlativo valor obxecto de protección.

Subsección 2ª. Documentación e contido dos proxectos sectoriais

Artigo 16. Documentación e contido xeral dos proxectos sectoriais

A documentación dos proxectos sectoriais estará integrada pola documentación e contido seguintes:

1. Memoria descritiva detallada das características técnicas da actuación, así como do ámbito territorial afectado.

2. Memoria xustificativa.

• Do interese público ou utilidade social.

• Do seu carácter supramunicipal, de acordo co artigo 4 do Decreto 80/2000.

• Da idoneidade da localización elixida, indicando as alternativas analizadas.

• Da viabilidade económico-financeira da actuación.

• Da adecuación do proxecto sectorial aos instrumentos de ordenación do territorio vixentes e ao propio PSOAEG.

Esta xustificación realizarase tendo en conta as determinacións das directrices de ordenación do territorio (DOT) e do Plan de ordenación do litoral (POL), a que se refiren os artigos 17 e 18 da presente normativa.

3. Estudo da incidencia territorial da actuación, que inclúa as medidas de corrección ou minimización de impactos producidos sobre o territorio físico e a paisaxe.

4. Xustificación do cumprimento das normas de aplicación directa contidas nos artigos 104 e 106 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

5. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente, e xustificación e detalle das modificacións que o proxecto propón. Para tal fin achegarase información urbanística municipal emitida polos concellos afectados. Indicarase tanto na memoria como nos planos:

Planeamento vixente no concello ou concellos afectados.

Clasificación e cualificación da totalidade dos terreos.

Nova clasificación proposta.

6. Vías. O estudo das vías incluirá:

Un anexo xustificativo da adaptación do acceso.

Un anexo de tráfico.

7. Mobilidade. Ademais do estudo sobre previsión de prazas de aparcadoiro e estándares exixidos legalmente, deberanse ter en conta, desde o punto de vista da mobilidade, os impactos negativos do uso de vehículos privados.

8. Estudo acústico. Deberase realizar un estudo acústico da situación actual e prevista da área afectada por cada área empresarial que se desenvolva, establecendo as medidas correctoras necesarias para minimizar as posibles afeccións sobre a poboación da contorna e o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica para a área acústica correspondente, de acordo ao sinalado na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas.

9. Regulamentación detallada dos usos pormenorizados, volumes, características técnicas e condicións de deseño e adaptación ao contorno das infraestruturas, dotacións ou instalacións.

10. Prazo de inicio e remate das obras.

11. Identificación do promotor e responsable da súa execución, obrigas asumidas e garantías.

12. Planos:

• De situación a escala 1/5.000 ou 1/2.000 segundo os terreos afectados estean clasificados como solo rústico ou urbano.

• Sinalización dos usos, vías, servizos e edificacións existentes no contorno.

• De clasificación e cualificación vixente dos terreos.

• Nos que se reflicta a proposta de nova ordenación coa clasificación dos terreos, conforme as clases e categorías de solo establecidas na Lei 9/2002, a escala 1/2.000.

• De localización exacta das dotacións ou instalacións, en que se reflictan:

– Trazado e características dos accesos viarios (existentes e de nova apertura).

– Redes de condución e distribución de servizos.

– Edificacións, usos do solo e liñas delimitadoras das zonas.

13. Relación de bens e dereitos afectados, para os efectos da expropiación.

14. Avaliación do impacto ambiental. De conformidade coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Subsección 3ª. Adecuación do proxecto sectorial aos instrumentos
de ordenación do territorio

Artigo 17. Directrices de ordenación do territorio (DOT)

1. Análise de compatibilidade estratéxica (ACE).

Segundo o disposto na determinación 10.1 18 das directrices de ordenación do territorio (DOT), os instrumentos de ordenación territorial e de urbanismo en ausencia destes, axustaranse ás determinacións das DOT, concretando aquelas que se desenvolvan de forma particular no seu ámbito de actuación, evitando redundancias e incoherencias e incluirán unha análise de compatibilidade estratéxica (ACE), para garantir a coherencia da planificación en serie e a consideración da prevención e minimización dos posibles efectos que poidan xerar. Tanto a xustificación da integración das determinacións, como a ACE deberán formar parte da documentación dos ditos instrumentos.

2. Adecuación dos proxectos sectoriais ás determinacións das DOT para o desenvolvemento das áreas empresariais.

Os proxectos sectoriais deberán adecuarse ás determinacións das DOT para o desenvolvemento do solo empresarial. En concreto, do contido das determinacións 3.2.1, 3.2.1.g), 3.2.3 e 3.2.6, despréndese a conveniencia de redactar un estudo xustificativo da idoneidade da localización da correspondente actuación e da súa integración no modelo territorial establecido nas DOT. Os obxectivos e contido deste estudo, denominado estudo de viabilidade, recóllense na sección 2ª do presente capítulo.

Artigo 18. Plan de ordenación do litoral (POL)

Tal e como sinala o artigo 5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, e o artigo 5.3 do POL, os plans e proxectos sectoriais establécense no marco das determinacións contidas noutros instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, polo que as determinacións do presente PSOAEG recollen os criterios establecidos no Plan de ordenación do litoral.

Tal e como se establece nas determinacións da memoria ambiental do POL:

1. Os instrumentos de ordenación do territorio que se aproben ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, incluídas as súas modificacións, así como outros plans previstos na lexislación sectorial non incluídos nos precedentes, que estean ou poidan afectar o ámbito do POL, axustaranse aos obxectivos, criterios e procesos previstos neste.

2. Os instrumentos de ordenación territorial que se tramiten dentro do ámbito do POL tras a súa aprobación definitiva incluirán dentro do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, a través do informe de sustentabilidade ambiental, as medidas para a súa articulación coas determinacións do POL e deberán establecerse mecanismos que garantan a coherencia en serie e transversal. A análise de compatibilidade estratéxica (ACE) preséntase como un instrumento adecuado para este fin.

3. A consellería competente en materia de ordenación do territorio emitirá informe sobre os plans e programas promovidos por unha administración pública que incidan sobre o ámbito litoral galego, en concreto, sobre a coherencia dos plans urbanísticos, regulados na LOUG, e os instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, ou nas normas que as substitúan.

Subsección 4ª. Avaliación ambiental

Artigo 19. Avaliación ambiental estratéxica

Segundo o disposto na Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, modificada pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal serán obxecto de avaliación ambiental cando así o decida o órgano ambiental.

Para tal efecto seguirase o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada para a emisión do informe ambiental estratéxico, descrito nos artigos 29 a 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

De conformidade co sinalado na memoria ambiental, co obxectivo de garantir o cumprimento do trámite de información pública e consultas que establece o procedemento de AAE así como o establecido no artigo 3 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de aceso á información, de participación pública e de aceso á xustiza en materia de ambiente, as áreas empresariais do PE de Chaos en Lobeira, do PE de Moaña, a ampliación do PE do Novo Milladoiro en Ames, o PE Seixalbo-O Cumial en Ourense e o PE das Encrobas en Cerceda (incluídas como resultado da fase de información pública) someteranse a un procedemento de avaliación ambiental ordinario, de conformidade coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Artigo 20. Avaliación de impacto ambiental

Os proxectos de execución das infraestruturas, dotacións ou instalacións que se prevén executar serán obxecto de avaliación de impacto ambiental de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

De conformidade coa Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, os proxectos que deban someterse ao procedemento de avaliación de impacto ambiental deberán incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística e de impacto sobre o patrimonio cultural, coas condicións e documentos establecidos nos puntos seguintes:

1. Estudos de impacto e integración paisaxística.

1.1. Determinacións: os proxectos sectoriais integrarán os criterios da Lei 7/2008, do 7 de xuño, de protección da paisaxe de Galicia, e daqueles instrumentos da lexislación paisaxística necesarios para asegurar unha adecuada protección, xestión e ordenación da paisaxe como son:

• Os catálogos da paisaxe.

• As directrices da paisaxe.

• Os estudos de impacto e integración paisaxística.

• Os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas.

De conformidade coa Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, en todos os proxectos que deban someterse ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, segundo establece a lexislación vixente, as entidades promotoras incorporarán no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística, nas condicións que determina o artigo 11.2 da citada lei, como un documento específico no cal se avaliarán os efectos e impactos que o proxecto poida provocar na paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas.

Nos estudos de impacto e integración paisaxística recoméndase a aplicación das directrices e criterios contidas na Guía para a elaboración de estudos de impacto e integración paisaxística.

1.2. Contido: os estudos de impacto e integración paisaxística terán, como mínimo, o seguinte contido:

• Análise e diagnose dos compoñentes da paisaxe, caracterización sensorial e distribución territorial.

• Xustificación, descrición e alcance da actuación prevista.

• Determinación de impactos. Fraxilidade paisaxística e capacidade de acollida.

• Análise de visibilidade.

• Valoración de impactos e grao de afectación e reversibilidade.

• Valoración da estratexia de integración paisaxística, con expresión das alternativas analizadas.

• Xustificación do cumprimento das determinacións contidas na lexislación vixente, así como as derivadas dos instrumentos de protección, xestión e ordenación da paisaxe que lles sexan de aplicación.

2. Estudo de impacto sobre o patrimonio cultural.

2.1. O estudo de impacto ambiental deberá incluír un estudo de impacto sobre o patrimonio cultural, que permita localizar os elementos de patrimonio cultural (de tipo arqueolóxico, etnográfico ou arquitectónico), incluíndo as medidas correctoras que se deben adoptar.

2.2. A ordenación que se formule mediante os proxectos sectoriais e, se é o caso, por outros instrumentos de ordenación urbanística que desenvolven o PSOAEG, integrará os bens culturais na súa ordenación, tanto os identificados polo PSOAEG como os que se identifiquen nos traballos de elaboración do estudo de impacto ambiental, conforme o establecido no artigo 33 desta normativa.

Sección 4ª. Plans parciais, plans de sectorización e plans
especiais de reforma interior

Artigo 21. Disposicións xerais

1. Os instrumentos de ordenación urbanística que, se é o caso, desenvolvan actuacións previstas no PSOAEG cumprirán as condicións específicas establecidas na LOUG para os ditos instrumentos e, ademais, incluirán a seguinte documentación:

1.1. Xustificación da adecuación do plan parcial, plan de sectorización ou plan especial de reforma interior aos instrumentos de ordenación do territorio, de acordo coas determinacións dos artigos 17 e 18 da presente normativa.

1.2. Estudo de viabilidade.

1.3. De ser o caso, estudo de impacto e integración paisaxística e estudo de impacto sobre o patrimonio cultural, a que se refiren os apartados 1 e 2 do artigo 20 da presente normativa.

2. Tamén se terán en conta as directrices para o desenvolvemento do PSOAEG e dos proxectos sectoriais que desenvolvan o contido do PSOAEG e as medidas contidas no número 7 do ISA (DOC.XI).

Artigo 22. Avaliación ambiental estratéxica

Segundo o disposto na Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, os plans parciais, os plans de sectorización e os plans especiais someteranse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica cando así o decida o órgano ambiental en cada caso, agás que o planeamento xeral que desenvolvan fose sometido a avaliación ambiental estratéxica.

Para tal efecto, seguirase o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada para a emisión do informe ambiental estratéxico, descrito nos artigos 29 a 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Como resultado da fase de información pública incluíronse novas actuacións na proposta do PSOAEG sobre as cales non houbo a posibilidade de formular alegacións. Co obxectivo de garantir o cumprimento do trámite de información pública e consultas que establece o procedemento de AAE así como o sinalado no artigo 3 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de aceso á información, de participación pública e de aceso á xustiza en materia de ambiente, as áreas empresariais do PE de Chaos en Lobeira, do PE de Moaña, a ampliación do PE do Novo Milladoiro en Ames, o PE Seixalbo-O Cumial en Ourense e o PE das Encrobas en Cerceda someteranse a un procedemento de avaliación ambiental ordinario, de conformidade coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, co fin de que quede garantida a participación pública.

CAPÍTULO III
Xestión e execución das actuacións de solo empresarial

Artigo 23. Promotores das actuacións de solo empresarial

1. De conformidade co establecido no artigo 12 do Decreto 80/2000, os proxectos sectoriais poderán ser promovidos e desenvoltos por iniciativa pública ou privada. O artigo 9.3.h) do citado Decreto 80/2000, en relación cos promotores, especifica: que entre a documentación dos proxectos sectoriais deberá presentarse a identificación da Administración pública, entidade mercantil, persoa física ou xurídica promotora do proxecto sectorial e responsable da súa execución.

2. A promoción dos instrumentos de ordenación urbanística poderá ser por iniciativa pública ou privada.

Artigo 24. Sistemas de actuación

1. Os polígonos de execución desenvolveranse polo sistema de actuación que a Administración determine en cada caso (artigo 126.1 LOUG).

2. O sistema de actuación que se aplicará elixirase tendo en conta as características e complexidades da iniciativa que se vai desenvolver, os medios con que conte, a colaboración da iniciativa privada e as demais circunstancias que concorran. De acordo con estas condicións, os sistemas de actuación que se aplicarán corresponderanse con algún dos establecidos no artigo 126.2 da LOUG:

2.1. Sistemas de actuación directos (cooperación e expropiación).

2.2. Sistemas de actuación indirectos (concerto, compensación e concesión de obra urbanizadora).

3. De conformidade co establecido no artigo 11.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, no acordo de aprobación definitiva do proxecto sectorial, o Consello da Xunta de Galicia poderá acordar, se é o caso, a declaración de utilidade pública ou interese social das obras, instalacións e servizos previstos de maneira concreta, así como a necesidade da ocupación para efectos da expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial, sempre que conste a descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados.

TÍTULO III
Normas derivadas da aplicación da lexislación urbanística e sectorial vixentes

Artigo 25. Disposicións de carácter xeral

1. O presente PSOAEG adáptase ás determinacións dos instrumentos de ordenación do territorio: directrices de ordenación do territorio (DOT), Plan de ordenación do litoral (POL) e aos demais instrumentos de ordenación territorial, aprobados definitivamente, que se poidan ver afectados polas determinacións do presente PSOAEG, así como ás determinacións da lexislación urbanística e sectorial vixentes.

2. Os proxectos sectoriais e os demais instrumentos de ordenación urbanística suxeitaranse, con carácter xeral, ás determinacións contidas na lexislación urbanística e sectorial vixentes, que sexan de aplicación e, en concreto, ás contidas nos artigos seguintes.

Artigo 26. Vías

1. Os estudos de viabilidade, así como o planeamento que desenvolva a ordenación das actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG, respectarán as determinacións establecidas na Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas estatais, pola Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e pola Ordenanza reguladora de uso e defensa das estradas provinciais, especialmente en canto ás limitacións establecidas na zona de dominio público, na zona de servidume e a liña límite de edificación.

2. O planeamento de desenvolvemento deberá incorporar:

Anexo xustificativo da adaptación do acceso.

Anexo de tráfico.

3. De acordo co informe do Ministerio de Fomento (Subdirección Xeral de Explotación e Xestión da rede) e da Deputación da Coruña, o planeamento de desenvolvemento das actuacións de solo empresarial deberá ter en conta o seguinte:

• O informe e, para efectos globais, posteriormente a execución das obras pertinentes en cada caso serán obxecto de informe individualizado.

• Previamente a cada proxecto sectorial verificarase a existencia de estudos informativos pendentes de redacción e aprobación ou aprobados que poidan afectar o ámbito de actuación. Tamén se verificarán co organismo competente as previsións de obras, proxectos,…

• As solicitudes individualizadas deberán conter:

– Planos a escala adecuada con zonas de protección da vía estatal, limitacións de usos e as dotacións de servizos previstas que se sitúen fóra da zona de dominio público.

– Reflectiranse a liña límite de edificación así como as prohibicións de calquera tipo de obra segundo a lexislación vixente, dentro desta.

– Delimitarase correctamente o solo urbano.

– As novas conexións coa rede requirirán de informe favorable, así como dun estudo de tráfico e capacidade.

– A normativa recollerá que para as novas construcións será necesario un estudo previo de ruídos co mapa de isófonas.

– No tocante á diferente clasificación de solo, a normativa do PSOAEG terá en conta a compatibilidade de actuacións e limitación de actividades na zona de protección.

Artigo 27. Ferrocarril

Os estudos de viabilidade, así como o planeamento que desenvolva a ordenación das actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG, respectarán as prescricións establecidas na Lei 39/2003, do 17 de novembro, do sector ferroviario, e o Real decreto 2387/2004, do 30 de decembro, Regulamento do sector ferroviario, especialmente en canto ás limitacións establecidas na zona de dominio público, na zona de protección e a liña límite de edificación, así como as modificacións a elas referidas na Orde FOM 2230/2005
e Real decreto 354/2006, do 29 de marzo, e as modificacións introducidas na Lei do sector ferroviario e no seu regulamento pola disposición adicional 7ª do Real decreto 810/2007, do 22 de xuño (Regulamento de seguridade da circulación) e polo punto primeiro da disposición derradeira 23 da Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable.

Artigo 28. Portos

1. A participación das autoridades portuarias en sociedades e outras entidades está regulada no artigo 46 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

2. En virtude do antedito, as autoridades portuarias só poderán participar en actividades ligadas ao desenvolvemento de actividades portuarias, loxísticas, de transporte e tecnolóxicas que promovan de forma directa a competitividade dos portos e tráficos portuarios; será preceptivo un informe previo de Portos do Estado.

Artigo 29. Sistema xeral aeroportuario e servidumes aeronáuticas

1. Sistema xeral aeroportuario.

1.1. O perímetro que delimita a área do sistema xeral aeroportuario será o que figura no correspondente plan director do aeroporto de conformidade coas súas respectivas ordes:

a) Orde FOM/2385/2010 do Ministerio de Fomento, do 30 de xuño, pola que se aproba o Plan director do Aeroporto de Vigo (BOE nº 223, do 14 de setembro). Plan director do aeroporto da Coruña aprobado pola Orde do Ministerio de Fomento do 31 de xullo de 2001 (BOE nº 220, do 13 de setembro).

b) Orde FOM/3416/2010, do 29 de novembro, pola que se aproba o Plan director del aeroporto de Santiago.

c) Orde FOM/581/2004, do 1 de marzo, pola que se modifica a definición numérica das coordenadas que delimitan a zona de servizo do aeroporto da Coruña.

1.2. No ámbito do sistema xeral aeroportuario dos ditos aeroportos, os usos admisibles serán exclusivamente os previstos na planificación aeroportuaria e, en xeral, os necesarios para a explotación do aeroporto. Os plans xerais e demais instrumentos xerais de ordenación urbana cualificarán os aeroportos e a súa zona de servizo como sistema xeral aeroportuario e non poderán incluír determinacións que supoñan interferencia ou perturbación no exercicio das competencias de explotación aeroportuaria, de conformidade co artigo 8 do Real decreto 2591/1998, do 4 decembro, sobre a ordenación dos aeroportos de interese xeral e a súa zona de servizo, en execución do disposto polo artigo 166 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

1.3. Os plans territoriais e os instrumentos de planeamento que desenvolvan o PSOAEG ou as construcións que non precisen dun instrumento urbanístico posterior para a súa execución, cando estean en ámbitos afectados polas pegadas de ruído incluídas no Plan director dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo para os escenarios actuais e a configuración de desenvolvemento previsible, deixarán claramente establecida a incompatibilidade de novas edificacións destinadas a usos residenciais ou dotacionais educativos ou sanitarios.

1.4. As construcións e instalacións, así como calquera outra actuación que se recolla no plan sectorial, incluídos todos os seus elementos (como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, así como calquera outro engadido sobre tales construcións, así como os medios mecánicos necesarios para a súa construción (guindastres, etc.) modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as súas pas, carteis, etc.), así como a delimitación exterior da vía ou da vía férrea non poden vulnerar as servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, aeródromo de Rozas (Lugo) e os radares das Pontes e Espiñeiras, que veñen representadas nos planos nº XII.1.1.11 de servidumes aeronáuticas do plan sectorial, salvo que quede acreditado, ao xuízo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), que non se compromete á seguridade nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións das aeronaves, de acordo coas excepcións recollidas no Decreto 584/1972, na súa actual redacción.

1.5. Nas zonas de seguridade das instalacións radioeléctricas para a navegación aérea prohíbese calquera construción ou modificación temporal ou permanente da constitución do terreo, da súa superficie ou dos elementos que sobre ela se encontren, sen consentimento previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), de acordo co artigo 15, alínea b), do Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas, modificado polo Decreto 2490/1974.

2. Servidumes aeronáuticas.

2.1. Os plans urbanísticos ou territoriais que afecten os aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, aeródromo de Rozas (Lugo) e os radares de Espiñeiras e As Pontes, ou os seus espazos circundantes suxeitos ás servidumes aeronáuticas establecidas ou que se establecerán deberán ser remitidos antes da súa aprobación inicial (plans urbanísticos) ou durante o proceso de información pública (planeamento territorial) á Dirección Xeral de Aviación Civil para que sexan informados conforme o indicado na disposición adicional segunda do Real decreto 2591/1998, acompañados, en caso necesario, de estudo aeronáutico de seguridade, sen que se poidan aprobar definitivamente os plans que non acepten as observacións formuladas polo Ministerio de Fomento, no que afecte as competencias exclusivas do Estado.

2.2. Igualmente, as construcións, instalacións ou calquera tipo de actuación, incluídos os medios necesarios para a súa construción, como poden ser postes, antenas, aeroxeradores, incluídas as súas pas, guindastres de construción, carteis, torres de vixilancia, liñas de transporte de enerxía eléctrica, etc., aínda que non precisen dun instrumento urbanístico posterior para a súa execución, que se sitúen en terreos afectados polas servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, aeródromo de Rozas (Lugo) e aos radares de Espiñeiras e As Pontes requirirán resolución favorable previa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 30 e 31 do Decreto 584/1972, modificado polo Real decreto 297/2013, que se deberá presentar, en caso necesario, xunto cun estudo aeronáutico de seguridade.

2.3. En caso de que as limitacións derivadas das servidumes aeronáuticas non permitan materializar a totalidade dos aproveitamentos fixados polos plans urbanísticos, proxectos sectoriais, plans parciais ou plans de sectorización, esta circunstancia non dará lugar a indemnización por parte do Ministerio de Fomento, nin do xestor aeroportuario nin do prestador dos servizos de navegación aérea.

2.4. Sempre que as actuacións recollidas polo PSOAEG ou as construcións que se pretendan desenvolver vulneren as servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, aeródromo de Rozas (Lugo) e os radares de Espiñeiras e As Pontes, e en particular sempre que se pretenda realizar calquera tipo de actuación en ámbitos nos cales o terreo vulnera ou está próximo ás mencionadas superficies, así como naqueles ámbitos incluídos total ou parcialmente dentro das zonas de seguridade das instalacións radioeléctricas aeronáuticas, considérase que é necesario un estudo aeronáutico de seguridade que acredite, a xuízo da autoridade competente en materia de seguridade operacional aeronáutica, que non se compromete a seguridade nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións das aeronaves, que debe estar asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional competente.

2.5. En canto á posible instalación de aeroxeradores ou liñas de transporte de enerxía eléctrica debido ás súas grandes dimensións deberase asegurar que en ningún caso vulneren as servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, aeródromo de Rozas (Lugo) e os radares de Espiñeiras e As Pontes. Aplicarase o mesmo para as infraestruturas de telecomunicacións tales como antenas de telefonía, enlaces de microondas e demais estruturas que polo seu funcionamento precisen ser situadas en plataformas elevadas. En relación coa implantación de instalacións cuxa actividade poida supoñer un perigo para as operacións aéreas, cando se presente a solicitude a que se fai referencia nos artigos 30 e 31 do Decreto 584/1970, modificado polo Real decreto 297/2013, e co fin de xustificar o disposto no artigo 10 da devandita norma deberá presentarse acreditación sobre os seguintes aspectos, aos cales se fixo referencia anteriormente, en relación á súa inclusión no documento de planeamento:

a) Que todos os vehículos de transporte de residuos sexan de cabina pechada.

b) Que todas as operacións de transferencia se realicen en recinto pechado.

c) Que en ningún caso se produzan amoreamentos de residuos á intemperie que atraian aves.

d) Se se realizan operacións de lavado de cubas de camións, que as augas residuais sexan tratadas adecuadamente.

e) Que se adopten as medidas para minimizar a produción de olores.

f) Que as instalacións se manteñan limpas e o seu plan de xestión inclúa previsións de actuación ante accidentes que poidan ocasionar verteduras de residuos.

2.6. Segundo o artigo 10 del Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas, modificado polo Real decreto 297/2013, o planeamento deberá ter en conta que a superficie comprendida dentro da proxección ortogonal sobre o terreo da área de servidumes de aeródromo e das instalacións radioeléctricas aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago, Vigo, aeródromo Rozas (Lugo) e radares As Pontes e Espiñeiras queda suxeita a unha servidume de limitación de actividades, en virtude da cal a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) poderá prohibir, limitar ou condicionar actividades que se sitúen dentro dela e poidan supor un perigo para as operacións aéreas ou para o correcto funcionamento das instalacións radioeléctricas. Esta posibilidade estenderase aos usos do solo que faculten para a implantación ou exercicio das ditas actividades, e abarcará, entre outras:

a) As actividades que supoñan ou comporten a construción de obstáculos de tal índole que poidan inducir turbulencias.

b) O uso de luces, incluídos proxectores ou emisores láser que poidan crear perigos ou inducir a confusión ou erro.

c) As actividades que impliquen o uso de superficies grandes e moi reflectantes que poidan dar lugar a cegamentos.

d) As actuacións que poidan estimular a actividade da fauna no contorno da zona de movementos do aeródromo.

e) As actividades que dean lugar á implantación ou funcionamento de fontes de radiación non visible ou a presenza de obxectos fixos ou móbiles que poidan interferir o funcionamento dos sistemas de comunicación, navegación e vixilancia aeronáuticas ou afectalos negativamente.

f) As actividades que faciliten ou comporten a implantación ou funcionamento de instalacións que produzan fume, néboas ou calquera outro fenómeno que supoña un risco para as aeronaves.

g) O uso de medios de propulsión ou sustentación aéreos para a realización de actividades deportivas, ou de calquera outra índole.

2.7. Para as actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG, que poidan verse afectadas polas servidumes aeronáuticas, conforme o informe emitido pola Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento terase en conta o seguinte:

a) O planeamento de desenvolvemento das ditas actuacións deberá contar con informe favorable emitido por Aviación Civil ou con autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para as construcións ou instalacións previamente á súa execución cando estas non precisen de instrumento urbanístico superior.

b) AESA deberá acreditar que se garante a seguridade e de forma significativa a regularidade das operación aéreas mediante estudo aeronáutico do promotor sometido a informe de AENA e o planeamento de desenvolvemento deberá recoller este estudo.

c) En caso de proceder a algún desenvolvemento urbanístico dentro da área de cautela, este deberá acordarse con AENA, co obxecto de compatibilizalo co desenvolvemento da infraestrutura aeroportuaria.

d) En caso de que as limitacións da servidume non permitan materializar a totalidade dos aproveitamentos fixados polo planeamento de desenvolvemento, podendo resultar inviable a dita área, en ningún caso dará lugar a indemnización por parte do Ministerio de Fomento, nin xestor aeroportuario nin do prestador dos servizos de navegación aérea.

e) Os estudos de viabilidade dos proxectos sectoriais e dos demais instrumentos de planeamento de desenvolvemento das novas actuacións de solo empresarial ou daquelas que se poidan incorporar no futuro ao proceso de desenvolvemento do solo empresarial, conforme as determinacións do presente PSOAEG, teranse en conta no proceso de delimitación do ámbito correspondente, as servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, do aeródromo de Rozas e dos radares das Pontes e Espiñeiras, en particular:

e) 1. As zonas de seguridade das instalacións radioeléctricas de axuda á navegación aérea localizadas nos termos municipais de Oleiros, Culleredo, Santiago de Compostela, Oroso, O Pino, Boqueixón, Ames, Vigo, Redondela, Mos, O Porriño e As Pontes de García Rodríguez.

e) 2. Nas zonas do ámbito territorial do PSOAEG nas cales o propio terreo vulnera a superficie de aproximación, superficie subida en engalaxe e superficie de transición ou o terreo está próximo ás ditas superficies limitadoras, non se permitirán novas construcións, instalacións, modificación do terreo ou obxectos fixos ou aumentar en altura as xa existentes. Excepcionalmente, poderán ser autorizados os respectivos proxectos construtivos que superen os límites establecidos polas servidumes aeronáuticas cando se presenten estudos de apantallamento que acrediten, ao xuízo da AESA que non se compromete a seguridade, nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións das aeronaves ou ben que queden apantallados.

e) 3. Nas zonas do ámbito territorial do PSOAEG nas cales o propio terreo vulnera ou está próximo a vulnerar as superficies limitadoras do resto das servidumes aeronáuticas nos termos municipais de Culleredo, A Coruña, Cambre, Cerceda, A Laracha, Oleiros, Arteixo, O Pino, Santiago de Compostela, Boqueixón, Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Ponteareas, Mos, Vigo e O Porriño non se permitirán novas construcións, instalacións, modificación do terreo ou obxectos fixos ou aumentar en altura as existentes. Excepcionalmente, poderán ser autorizados os respectivos proxectos construtivos que superen os límites establecidos polas servidumes aeronáuticas cando se presenten estudos aeronáuticos ou estudos de apantallamento que acrediten, ao xuízo da AESA que non se compromete a seguridade, nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións das aeronaves ou ben que queden apantallados.

f) Os plans xerais e demais instrumentos xerais de ordenación urbana clasificarán as áreas de cautela como solo rústico e non procederán á consolidación daquelas zonas non consolidadas comprendidas nelas, xa que a súa urbanización podería supor un impedimento ao desenvolvemento futuro do aeroporto.

g) De conformidade co disposto no artigo 51 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e no Real decreto 1093/1997, a afección por servidumes aeronáuticas farase constar, mediante anotación no correspondente rexistro da propiedade, nos termos seguintes:

«Este predio está incluído na zona de servidumes aeronáuticas legais correspondentes aos aeroportos da Coruña, Santiago, Vigo, aeródromo Rozas (Lugo) e os radares de Espiñeira e As Pontes, e está sometida a eventuais sobrevoos de aeronaves a baixa altura, como consecuencia da súa proximidade ás instalacións aeroportuarias e da súa localización baixo as traxectorias das manobras das aeronaves que operan no referido aeroporto, polo que a realización de edificacións, instalacións ou plantacións nela non poderá superar en ningún caso as alturas resultantes da aplicación das ditas servidumes».

2.8. En relación coas autorizacións en materia de servidumes aeronáuticas, terase en conta o seguinte:

a) Ao afectar o ámbito do PSOAEG zonas de servidumes aeronáuticas legais, a execución de calquera construción ou estrutura e a instalación dos medios necesarios para a súa construción requirirá resolución favorable previa da AESA, circunstancia que se debe recoller nos documentos de planeamento de desenvolvemento.

b) Naquelas zonas do ámbito do plan sectorial que non están situadas baixo as servidumes aeronáuticas correspondentes aos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, ao aeródromo de Rozas (Lugo) e aos radares das Pontes e de Espiñeiras, a execución de calquera construción ou estrutura, e a instalación dos medios necesarios para a súa construción, que se eleve a unha atura superior aos 100 metros sobre o terreo ou sobre o nivel do mar requirirá pronunciamento previo da AESA en relación coa súa incidencia na seguridade das operacións aéreas.

2.9. En caso de contradición entre a presente normativa ou entre a normativa urbanística e os planos recollidos no plan sectorial, prevalecerán as limitacións ou condicións impostas polas servidumes aeronáuticas sobre calquera outra disposición recollida no planeamento urbanístico.

3. Normativa de aplicación.

3.1. No planeamento de desenvolvemento (proxectos sectoriais, plans parciais e plans de sectorización) do PSOAEG, ademais das condicións establecidas nos puntos anteriores, será de aplicación a normativa seguinte:

a) Normativa xeral.

▪ Real decreto 297/2013, do 26 de abril (BOE nº 118, do 17 de maio) polo que se modifica o Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas, e o Real decreto 2591/1998, sobre a ordenación dos aeroportos de interese xeral e a súa zona de servizo.

▪ Lei 48/60, sobre navegación aérea, modificada pola Lei 55/1999, sobre medidas fiscais administrativas e da orde social.

▪ Lei 21/2003, de seguridade aérea.

▪ Disposición adicional terceira e transitoria terceira da Lei 37/2003, de ruído.

▪ Artigo 166 da Lei 13/1996, de medidas fiscais administrativas e da orde social.

▪ Real decreto 374/1996, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas no aeroporto da Coruña.

▪ Real decreto 799/1991, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas no aeroporto de Santiago de Compostela.

▪ Real decreto 2278/1986, polo que se establecen as novas servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo.

▪ Real decreto 1240/1990, polo que se establecen as servidumes aeronáuticas do aeródromo de Rozas.

▪ Real decreto 1367/2007, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do ruído, no referente á zona acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas.

▪ Orde FOM/926/2005 pola que se regula a revisión de pegadas de ruído dos aeroportos de interese xeral.

▪ Orde do Ministerio de Fomento pola que se aproba o Plan director do aeroporto da Coruña.

▪ Orde do Ministerio de Fomento pola que se aproba o Plan director do aeroporto de Santiago.

▪ Orde do Ministerio de Fomento pola que se aproba o Plan director do aeroporto de Vigo.

▪ Real decreto 2050/2004, polo que se establecen as servidumes aeronáuticas da instalación radioeléctrica de axuda á navegación aérea radar das Pontes.

▪ Real decreto 2276/1986, polo que se establecen as servidumes da instalación radioeléctrica de axuda á navegación aérea radar en Espiñeiras.

b) Sistema xeral aeroportuario.

▪ Lei 13/1996, de medidas fiscais, administrativas e de orde social.

▪ Real decreto 2591/1998, de ordenación dos aeroportos de interese xeral e da súa zona de servizo, modificado polo Real decreto 1189/2011 e modificado polo Real decreto 297/2013.

▪ Plan director do aeroporto da Coruña aprobado pola Orde do Ministerio de Fomento do 31 de xullo de 2001.

▪ Orde FOM/581/2004 pola que se modifica a definición numérica das coordenadas que delimitan a zona de servizo do aeroporto da Coruña.

▪ Plan director do aeroporto de Santiago aprobado pola Orde do Ministerio de Fomento do 29 de novembro de 2010.

▪ Plan director do aeroporto de Vigo aprobado pola Orde do Ministerio de Fomento do 30 de xuño de 2010.

c) Afeccións acústicas: normativa aplicable.

▪ Lei 48/1960, sobre navegación aérea modificada pola Lei 55/1999, sobre medidas fiscais, administrativas e da orde social.

▪ Disposicións adicionais terceira e transitoria terceira da Lei 37/2003, do ruído.

▪ Real decreto 1367/2007, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do ruído.

▪ Orde FOM/926/2005 pola que se regula a revisión das pegadas sonoras dos aeroportos de interese xeral.

d) Servidumes aeronáuticas. Normativa aplicable.

▪ Servidumes establecidas na Lei 48/1960, sobre navegación aérea, e no Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas, modificado polo Decreto 2490/1974, polo Real decreto 1541/2003, polo Real decreto 1189/2011 e polo Real decreto 297/2013.

▪ Real decreto 374/1996, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas para o aeroporto da Coruña.

▪ Real decreto 799/1991, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas para o aeroporto de Santiago de Compostela.

▪ Real decreto 2278/1986, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas para o aeroporto de Vigo.

▪ Real decreto 1240/1990, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas para o aeroporto de Rozas (Lugo).

▪ Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeroporto da Coruña aprobado por orde do Ministerio de Fomento definida de acordo co Decreto de servidumes aeronáuticas e cos criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI).

▪ Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeroporto de Santiago de Compostela aprobado por orde do Ministerio de Fomento definida de acordo co Decreto de servidumes aeronáuticas e cos criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI).

▪ Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeroporto de Vigo aprobado por orde do Ministerio de Fomento definida de acordo co Decreto de Servidumes Aeronáuticas e cos criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI).

▪ Real decreto 2050/2004, polo que se establecen as servidumes aeronáuticas da instalación radioeléctrica de axuda á navegación aérea radar das Pontes.

▪ Real decreto 2276/1986, polo que se establecen as servidumes aeronáuticas da instalación radioeléctrica de axuda á navegación aérea radar de Espiñeira.

Artigo 30. Enerxía eléctrica

De conformidade co establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, os proxectos sectoriais, plans parciais, plans de sectorización e ordenación detallada dos PXOM terán en conta o seguinte:

1. O artigo 2 da Lei do sector eléctrico establece que as actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica se exercerán garantindo o acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica a todos os consumidores demandantes do servizo dentro do territorio nacional e terán a consideración de servizo esencial.

2. As afeccións ás instalacións eléctricas competencia desta administración deberán estar suxeitas á normativa sectorial, en especial ao disposto no artigo 5 da Lei 54/1997, do sector eléctrico.

3. Desde o punto de vista económico cabe sinalar que con respecto aos investimentos que se realizarán no proceso de urbanización deberase ter en conta o establecido en:

3.1. Real decreto 2819/1998, polo que se regulan as actividades de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

3.2. Real decreto 325/2008, pola que se establece a retribución da actividade de transporte de enerxía eléctrica para instalacións postas en servizo a partir do 1.1.2008.

3.3. Real decreto 222/2008, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución da enerxía eléctrica.

3.4. Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica.

4. A Lei 13/2003, reguladora do contrato de concesión de obras públicas, establece que será de aplicación ás instalacións de rede de transporte de enerxía eléctrica:

4.1 Soterramento de liñas.

Deberá reducirse o impacto ambiental e paisaxístico das redes de transporte enerxético polo que se procederá ao seu soterramento e acondicionamento e daráselles prioridade ás que discorren por espazos urbanos e por espazos naturais protexidos.

4.2. Afeccións de servidumes aeronáuticas.

En relación coa posible instalación de aeroxeradores ou liñas de transporte de enerxía eléctrica debido ás súas dimensións, non se deberán vulnerar as servidumes aeronáuticas dos aeroportos.

Artigo 31. Augas

1. Os estudos de viabilidade e o planeamento de desenvolvemento das actuacións de solo empresarial establecidas no PSOAEG, respectarán as determinacións establecidas na Lei de augas e no Regulamento de dominio público hidráulico e, en concreto, as seguintes:

1.1. Deberá xustificarse para cada área empresarial:

a) A dispoñibilidade de recursos hídricos.

b) O destino das verteduras.

c) As afeccións ao dominio público hidráulico.

1.2. As obras que se realicen na zona de policía están suxeitas a autorización.

1.3. Están prohibidas as verteduras directas.

1.4. As características das verteduras cumprirán coas condicións establecidas na Lei de augas e no Regulamento de dominio público hidráulico.

2. Os instrumentos de desenvolvemento das actuacións de solo empresarial establecidas no PSOAEG, deberán remitirse á Subdirección Xeral de Xestión del Dominio Público Hidráulico, que establecerá as prescricións concretas en cada caso.

3. De acordo co informe do Ministerio de Agricultura, Alimentación, e Medio Ambiente (Confederación Hidrográfica do Douro, Comisaría de Augas), terase en conta o seguinte:

3.1. Para calquera obra que afecte as canles deberase solicitar a autorización administrativa correspondente.

3.2. En relación co ciclo da auga de cada actuación:

a) Proxectaranse redes de saneamento separativas.

b) A evacuación das augas pluviais a canle pública exixirá a autorización previa do organismo de bacía, ademais deberase realizar un pretratamento das augas.

c) A rede de augas residuais poderá resolverse mediante conexión a depuradora existente ou con depuradora propia (terase en conta o documento «Execución do Plan nacional de calidade das augas: saneamento e depuración 2007-2015»).

d) Deberán terse en conta as obrigas en canto a verteduras.

3.3. En relación coa dispoñibilidade de recursos hídricos, terase en conta o seguinte:

a) Xustificación da demanda de auga prevista en función dos usos do solo.

b) Acreditación do dereito ao uso da auga para as demandas previstas mediante concesión administrativa ou autorización que o ampare.

Artigo 32. Zonas queimadas

As zonas queimadas non poderán ser urbanizadas, por imperativo legal, nos dez anos posteriores á data do incendio. Así mesmo, e segundo a LOUG no seu artigo 32.2.b, este solo deberá ser clasificado no planeamento urbanístico municipal como solo rústico de protección forestal.

Artigo 33. Patrimonio cultural

1. Determinacións.

De conformidade co establecido no número 9.5 das determinacións das DOT, os instrumentos que desenvolvan a ordenación detallada das actuacións establecidas no PSOAEG, deberán incorporar as accións e medidas necesarias para garantir a protección e conservación dos ámbitos de interese do patrimonio cultural, relacionados nas DOT, así como aqueloutros ámbitos susceptibles de presentar valores patrimoniais de calquera das súas manifestacións.

2. Informes.

En virtude do establecido polo artigo 32 da Lei 8/1995, os instrumentos que desenvolvan o PSOAEG precisarán de informe favorable do órgano competente en materia de patrimonio cultural que establecerá as medidas protectoras e correctoras que considere necesarias para a protección do patrimonio cultural de Galicia. Estas medidas poderán mesmo condicionar o desenvolvemento e a redelimitación do contorno aínda que supere o límite do 10 % establecido no número 3 do artigo 5 da presente normativa, pola eventual aparición de elementos arqueolóxicos de importante valor.

3. Medidas protectoras e correctoras.

A ordenación que se formule mediante os proxectos sectoriais e os outros instrumentos de planeamento que desenvolvan o PSOAEG integrará os bens culturais na súa ordenación, tanto os identificados polo PSOAEG como os que se identifiquen nos traballos de elaboración do estudo de impacto ambiental. Neste sentido, teranse en conta as medidas establecidas no número 7 do ISA (DOC XI), e en xeral:

3.1. Vincularanse as cesións de zonas verdes e espazos libres aos bens culturais e aos seus contornos de protección.

3.2. Estudarase a posible asignación do uso dotacional de equipamentos aos bens arquitectónicos existentes no ámbito cara á súa recuperación e posta en valor.

4. Catálogos.

Os proxectos sectoriais e os outros instrumentos de planeamento que desenvolvan o PSOAEG deberán conter un catálogo de protección dos bens con valor cultural existentes no seu ámbito co seguinte contido mínimo:

4.1. Datos identificativos: denominación do ben e código arqueolóxico para este tipo de bens.

4.2. Datos de localización: identificación da parroquia e do lugar, coordenadas UTM, plano de situación a escala adecuada sobre a cartografía base dos planos de ordenación cun grafismo que permita a identificación clara do ben e dos seus ámbitos de protección, e a referencia aos planos de ordenación e de xestión en que apareza o ben. Indicarase o sistema de referencia a que se refiren as coordenadas UTM, que poderá ser o ETRS89 ou o ED50, en ambos os dous casos co fuso 29.

4.3. Delimitación do seu ámbito de protección: no plano de situación antedito incluirase a delimitación do ben e a da súa contorna de protección.

4.4. Descrición gráfica: as fichas incluirán cando menos unha fotografía do ben que sexa representativa tanto do ben como da súa relación coa contorna inmediato.

4.5. Descrición das súas características construtivas: breve descrición da tipoloxía.

4.6. Descrición do estado de conservación: indicarase o estado de conservación tomando como referencia o estado orixinal do ben.

4.7. Determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación: deberá indicarse o nivel de protección asignado (integral, estrutural ou ambiental para os bens arquitectónicos e etnográficos e os correspondentes para os bens arqueolóxicos) así como aquelas actuacións singulares que se consideran necesarias.

5. Normativa de aplicación.

• Lei 16/1985, do 25 de xuño, de patrimonio histórico español.

• Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

• Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

• Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago.

• Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

• Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos.

• Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

• Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

• Decreto do 22 de abril de 1949 sobre os castelos españois.

• Decreto 571/1963, do 14 de marzo, sobre protección dos escudos, emblemas, pedras heráldicas, pezas de xustiza, cruces de termo e pezas similares de interese histórico-artístico.

• Decreto 449/1973, do 22 de febreiro, polo que se colocan baixo a protección do Estado os «hórreos» ou «cabazos» antigos existentes en Galicia e Asturias.

• Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

• Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

• Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

• Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio.

• Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia.

Artigo 34. Costas

As actuacións de solo empresarial localizadas no ámbito do POL cumprirán, conforme o establecido no presente PSOAEG, coas determinacións contidas no dito instrumento de ordenación territorial, o que tamén implica o cumprimento das condicións establecidas na lexislación de costas, ao estar recollida no POL.

Artigo 35. Patrimonio de solo autonómico

A aprobación de proxectos sectoriais e dos instrumentos de planeamento urbanístico que desenvolvan a ordenación das actuacións de solo empresarial previstas no PSOAEG, que afecten bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia serán notificadas á consellería competente en materia de patrimonio ou á entidade pública instrumental titular deles, conforme o establecido no artigo 101 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 36. Ambiente

Segundo as DOT, os instrumentos de ordenación territorial e urbanística incorporarán as accións e medidas necesarias para garantir a protección dos recursos naturais e incentivar a mellora da calidade ambiental do territorio, garantindo o seu uso sustentable por parte da sociedade.

Normativa de aplicación.

Con carácter xeral para a protección do ambiente teranse en conta as determinacións contidas na seguinte normativa:

• Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia (LPAG).

• Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

• Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental (AIA).

Artigo 37. Residuos

Teranse en conta as determinacións das DOT relativas á xestión de residuos.

Nos proxectos de execución de obras realizarase un estudo da xestión de residuos da construción e demolición atendendo ao Real decreto 105/2008, tal e como recolle o ISA, e consideraranse diferentes alternativas para a xestión dos residuos industriais atendendo ás consideracións do Programa de residuos industriais recentemente aprobado a través da Resolución do 29 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Normativa de aplicación.

• Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

• Real decreto 106/2008, do 1 de febreiro, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos.

• Real decreto 208/2005, do 20 de decembro, sobre aparellos eléctricos e electrónicos e a xestión dos seus residuos.

• Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

• Real decreto 21168/1998, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais.

• Lei 11/1997, do 24 de abril, de residuos e envases.

• Real decreto 59/2009, do 20 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade dos residuos.

• Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

• Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

• Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

TÍTULO IV
Adaptación do planeamento vixente

Artigo 38. Adaptación do planeamento municipal vixente ás determinacións do PSOAEG

1. De conformidade co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as determinacións contidas no presente PSOAEG vincularán o planeamento urbanístico dos municipios en que se asenten ás actuacións obxecto do PSOAEG, que se deberán adaptar a elas nos prazos establecidos no artigo 39 seguinte.

2. De conformidade co establecido no artigo 45.2 da LOUG, o planeamento urbanístico municipal está vinculado xerarquicamente a este PSOAEG, e deberá redactarse en coherencia co seu contido.

Artigo 39. Adaptación do planeamento xeral

1. Os planeamentos urbanísticos dos concellos afectados por actuacións de solo empresarial delimitadas no PSOAEG deberán adaptar o seu contido ás determinacións establecidas no PSOAEG nos seus respectivos ámbitos territoriais.

2. Prazo para a adaptación.

2.1. Planeamento municipal en tramitación.

a) Os plans xerais de ordenación municipal que no momento da entrada en vigor do presente PSOAEG estean en tramitación e non acadasen a aprobación definitiva deberán adaptar o seu contido ás determinacións establecidas no PSOAEG, nos seus respectivos ámbitos territoriais.

b) A simple adaptación do contido do PXOM en tramitación ás determinacións do PSOAEG non implicará, por si soa, a necesidade de sometelo a nova información pública, agás cando se pretendan introducir outras modificacións que alteren substancialmente a ordenación proxectada e non sexan consecuencia da adaptación, aspecto que será obxecto de informe polo secretario ou secretaria municipal.

2.2. Planeamento municipal vixente.

Os municipios con planeamento vixente non adaptado á LOUG, ou adaptado a dita lei, iniciarán a adaptación do seu planeamento municipal ás determinacións do PSOAEG, simultaneamente coa tramitación da súa revisión ou a través dunha modificación puntual tramitada para ese efecto e, en todo caso, no prazo de tres anos desde a aprobación do correspondente proxecto sectorial, ou no prazo que neste se estableza expresamente.

Artigo 40. Adaptación do planeamento de desenvolvemento ás determinacións do PSOAEG

1. As actuacións delimitadas no PSOAEG, que dispoñan dun proxecto sectorial ou dalgún dos instrumentos de ordenación urbanística, que conseguisen a súa aprobación definitiva antes da entrada en vigor do PSOAEG, manterán a súa plena vixencia e entenderase que as determinacións de ordenación neles contidas son vinculantes.

2. Os proxectos sectoriais e os demais instrumentos de ordenación urbanística, que actualmente están en tramitación e que non teñan acadado a súa aprobación definitiva no momento da entrada en vigor do PSOAEG, poderán proseguir a súa tramitación ata acadar a dita aprobación.

3. Os proxectos sectoriais e demais instrumentos que desenvolvan a ordenación das actuacións delimitadas no PSOAEG, que actualmente están en estudo, e as novas actuacións deberán adaptarse ás determinacións contidas no PSOAEG.

4. Os proxectos sectoriais e demais instrumentos que desenvolvan a ordenación das actuacións de solo empresarial de incorporación posterior á aprobación definitiva do PSOAEG adaptaranse ás determinacións contidas no PSOAEG. Exceptúanse os proxectos industriais estratéxicos, que se regularán pola súa lexislación específica.

Contra este acordo cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2014

Teresa María Gutiérrez López
Directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo