Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2014 Páx. 24775

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Moaña (expediente IN407A 2013/268-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS, CTC Piolleira.

Situación: Moaña.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 506 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo que se realizará no apoio proxectado C 1000/22, intercaldo na LMT aérea CAG 806, e final no CTC proxectado. Centro de transformación de 250 kVA, RT 20 kV/400-230 V, situado no lugar de Piolleira, Quintela, Moaña. Retensado dos vans aéreos contiguos ao apoio proxectado.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 30 de decembro de 2013, no BOP do 3 de xaneiro de 2014, no periódico El Faro de Vigo do 13 de decembro de 2013 e no taboleiro de anuncios do Concello de Moaña. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación según a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Con data do 3 de marzo de 2014 María Iglesias Martínez presenta un escrito no cal alega que:

• O predio identificado no expediente como o nº 1 está gravado por unha servidume de paso aéreo dunha liña eléctrica de Unión Fenosa Distribución, S.A. polo que pide que non se grave dobremente o mesmo inmoble con outra afección se hai outra alternativa legal e técnica que o evite.

Indica que é factible que ese punto de apoio se poida colocar no camiño público, nunha zona onde este se ensancha e onde se poderían acadar os 12 m2 necesarios para a obra proxectada, polo que propón que a conexión coa liña subterránea se faga xa onde está o poste, podendo discorrer esta polo linde do seu predio co do lado ata o camiño.

• Considera un gravame innecesario que o punto de apoio proxectado se sitúe no medio da fachada ao camiño, non só porque rompe a estética e a súa funcionalidade, senón que limita o libre acceso a esta desde a vía pública.

• Propón como alternativa que, de ser imposible o punto anterior, se poida liberar a fachada do predio á vía pública situando o punto de apoio, en vez de no lugar proxectado, no vértice superior dereito do predio, recollendo a líña aérea ao lado do poste xa existente e que a conexión coa líña subterránea se faga xa desde o punto de apoio ata o camiño, discorrendo polo linde do seu predio co do lado.

Con data do 25 de abril de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A. contesta a alegación presentada por María Iglesias Martínez, indicando:

• Que a modificación proposta non se pode levar a cabo posto que non conta cos permisos de todos os afectados por esta.

Consideracións previas:

O artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, indica que non poderá impoñerse servidume de paso para liñas de alta tensión sobre calquera xénero de propiedades particulares, sempre que se cumpran conxuntamente as condicións seguintes:

• Que a liña se poida instalar sobre terreos de dominio público, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

• Que a variación de trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que según proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante desta.

• Que tecnicamente sexa posible.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Conclusións:

Segundo os planos do proxecto, a liña subterránea discorre polo camiño e os apoios atópanse situados no lindeiro do predio, polo que non é aplicable o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran neste e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuizo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción desta resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente no seu dereito.

Pontevedra, 7 de maio de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra