Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2014 Páx. 25362

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2014, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de delineantes, pola que se fai pública a adopción de varios acordos.

En sesión que tivo lugar o día 23 de maio de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 13 de febreiro de 2014, da Consellería de Facenda, para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de delineantes, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Anular, con base nas alegacións presentadas:

1. As preguntas número 1, 49, 50, 55 e 56 do cuestionario para os aspirantes de acceso libre, que pasan a ser substituídas, por orde correlativa, polas preguntas de reserva número 81, 82 e 83.

2. As preguntas número 37, 76, 77 do cuestionario de promoción interna, que pasan a ser substituídas, por orde correlativa, polas preguntas de reserva número 81, 82 e 83.

Segundo. Modificar o cadro de respostas correctas con respecto da pregunta número 60 do cuestionario de acceso libre establecendo como correcta a resposta c).

Modificar o cadro de respostas con respecto da pregunta número 81 do cuestionario de promoción interna establecendo como correcta a resposta c).

Terceiro. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Cuarto. Que, de acordo co establecido na base II.1.1.1 da orde de convocatoria, superaron o primeiro exercicio os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez (10) puntos, fixándose en (37) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base, para os dous sistemas de acceso e quendas.

Quinto. Realizar os trámites oportunos para publicar as puntuacións obtidas polos/as aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de delineantes, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na página web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Sexto. Que, de acordo co disposto na base II.1.2.8 da orde da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da orde da convocatoria os aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo), para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitavo. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada nos termos previstos nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2014

Isidoro García López
Presidente do tribunal