Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2014 Páx. 25180

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 61/2014, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo.

O artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas e, en virtude de tal atribución, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En desenvolvemento da citada lei –e no que respecta ao xogo do bingo– ditouse o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aprobou o Regulamento do xogo do bingo, modificado parcialmente polo Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro, e posteriormente polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

A disposición derradeira segunda deste último decreto habilitou a persoa titular da consellería competente en materia de xogo para determinar mediante orde o valor facial dos cartóns de xogo do bingo nas súas diferentes modalidades, así como as contías e as porcentaxes dos seus premios. En exercicio desta habilitación aprobáronse dúas ordes: a Orde do 22 de febreiro de 2012 fixou as porcentaxes e contías dos premios do xogo do bingo, aínda que incluíu no seu ámbito de aplicación unicamente o xogo do bingo explotado polas empresas que se acollesen ao disposto na disposición transitoria segunda da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para o ano 2012 e a Orde do 15 de outubro de 2012 que fixou as contías e as porcentaxes dos premios do xogo do bingo tradicional, con carácter definitivo e xeral para todas as empresas do sector.

Malia a existencia xa dunha habilitación expresa contida na disposición derradeira segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, para unha máis adecuada técnica normativa así como para unha maior claridade e seguridade xurídica, procede modificar os artigos 3bis, 4 e 6 do Regulamento do xogo do bingo para substituír a regulación concreta que se fai nestes artigos do valor facial dos cartóns e das porcentaxes e das contías dos premios por unha habilitación para que tales aspectos sexan determinados por orde da consellería competente en materia de xogo.

A regulación destes aspectos mediante orde parece a máis apropiada logo de se constatar na práctica que a demanda da regulación destas cuestións por parte do público - e, polo tanto, do propio sector do bingo- é especialmente dinámica e cambiante e isto exixe dun instrumento normativo de rápida estruturación e de áxil modificación que permita dar puntual resposta ás necesidades formuladas.

Ademais existen outras circunstancias recollidas no regulamento que participan da mesma situación, como son a dotación do premio da prima e os seus límites polo que, a pesar de que non veñen reflectidas na citada disposición derradeira segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, cómpre diferir tamén a súa regulación específica a unha orde, modificando con este fin o número 3 do artigo 3 bis e o artigo 8 do Regulamento do xogo do bingo.

Estes cambios veñen acompañados dun necesario réxime transitorio en relación con aspectos do xogo que precisan dunhas regras claras que serán aplicables mentres non se aprobe a orde pola que serán regulados con carácter definitivo. Trátase en concreto do valor facial dos cartóns e das contías e das porcentaxes dos premios do xogo do bingo.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, oída a Comisión de Xogo de Galicia, oído o Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta Galicia na súa reunión do día vinte e tres de maio de dous mil catorce

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo

Un. O artigo 3 bis do regulamento queda redactado do seguinte xeito:

«1. O xogo do bingo poderá practicarse conforme as seguintes modalidades:

a) Modalidade do xogo do bingo tradicional.

b) Modalidade do xogo do bingo interconexionado.

c) Modalidade do xogo do bingo simultáneo.

d) Modalidade do xogo do bingo electrónico.

2. O bingo tradicional é a modalidade do xogo do bingo desenvolvida nun só establecemento, con cartóns físicos, que poderán ser subministrados de forma presencial ou por medios telemáticos pola consellería competente en materia de facenda, e que polo menos en parte se realice con soportes materiais ou persoais.

3. O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran no seu desenvolvemento dous ou máis establecementos de forma coordinada, e que consiste na obtención dun premio adicional polas persoas xogadoras que resulten premiadas co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio adicional deberá cantarse bingo coa bola de orde igual ou inferior á que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar o número de orde da referida bola coa periodicidade e no número de bolas que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

A cantidade que se distribuirá no premio adicional do bingo interconexionado é a resultante de detraer a cantidade calculada de conformidade co que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

O importe do premio será como máximo de 30.000 €, polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional.

4. O bingo simultáneo é unha modalidade do xogo do bingo, baseada na realización simultánea do xogo do bingo tradicional entre varios establecementos, en formato de unidade de xogo para todos eles.

O número de partidas e a hora de celebración destas será a que se concrete na norma de desenvolvemento e farase coincidir nas horas que determine a xestora do sistema.

Esta modalidade desenvolverase conforme as normas xerais que rexen o bingo tradicional, coas seguintes especificidades:

a) Consiste na celebración dunha partida de bingo tradicional de forma simultánea por todos os xogadores presentes nas diferentes salas que estean adheridas ao sistema e en conexión entre si e unha unidade central do proceso de datos ou central operativa.

b) Ten como base os cartóns de bingo, mediante series especiais, o suficientemente amplas para asegurar que todas as persoas xogadoras poidan xogar, sen que existan cartóns repetidos. O valor facial dos cartóns correspondentes a esta modalidade será o que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

c) O sorteo poderase celebrar tanto nunha central operativa como en calquera das salas adheridas ao sistema e en cada sala recibirase a información do xogo e das diferentes extraccións a través de imaxe de vídeo remitida pola central operativa. Desta forma, o establecemento que queira participar deberá dispor dun sistema informático conectado á dita central operativa que permita enviar ás salas os datos relativos ao desenvolvemento da partida e recibir daquel información consolidada e de control. Ademais, os establecementos estarán dotados dun sistema de reprodución de imaxe de televisión que permita reproducir as extraccións realizadas polo sistema de produción do sorteo e que deberá estar conectado ao circuíto pechado de televisión da sala.

5. O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo realizada e xestionada integramente en soporte electrónico, que se desenvolve con independencia da modalidade tradicional, nun establecemento ou en varios de forma simultánea, a través de terminais de autoservizo.

A práctica da modalidade do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica se realice en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento que reúnan especiais condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade.

Ten como base cartóns electrónicos, os cales deben ser adquiridos polos xogadores mediante a correspondente tarxeta prepagamento. Nestes cartóns irán plasmándose as diferentes extraccións de bolas que se van producindo no desenvolvemento da partida, os cales deberán identificarse en canto a serie, número, valor e código de seguridade.

Estes cartóns electrónicos mostraranse nos terminais informáticos de xogo debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Os cartóns electrónicos, así como os programas informáticos que os xeren, deberán cumprir as especificacións técnicas e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería competente en materia de facenda. A consellería competente en materia de xogo establecerá mediante orde a forma de rexistro das operacións e o valor facial dos cartóns.

6. Os elementos do xogo específicos das modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico, que deberán estar previamente homologados, son os seguintes: nas modalidades do bingo interconexionado e simultáneo existirá unha central operativa, que será o centro de xestión, control e coordinación de todo o sistema e ao cal deberán estar conectados todos os establecementos que queiran participar e, na modalidade do bingo electrónico, un sistema informatizado do bingo electrónico, terminais informáticos de xogo, en que se reflectirán os cartóns electrónicos necesarios para participar na partida e tarxetas electrónicas prepagamento para efectuar a compra dos cartóns e cobramento dos premios.

7. As especificidades que sobre as regras do bingo tradicional presenten as modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico, serán obxecto de desenvolvemento mediante orde da consellería competente en materia de xogo. As ditas modalidades deberán xestionarse en soportes electrónicos previamente autorizados, que garantan a total transparencia no desenvolvemento do xogo, a seguridade dos datos, o rigoroso control tributario e deberán incorporar mecanismos de control e información, xa sexa en liña ou mediante formatos de exportación electrónica, accesibles para os organismos competentes para o seu control, accesibilidade que en ningún caso levará aparellado ningún custo para a Administración.

8. A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo nas súas modalidades do bingo tradicional, simultáneo e electrónico será a que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo».

Dous. O primeiro parágrafo da letra a) do artigo 4 do regulamento queda redactado da seguinte forma:

«a) Cartóns.

O xogo do bingo tradicional só poderá practicarse cos cartóns físicos autorizados e homologados pola consellería competente en materia de xogo e expedidos pola consellería competente en materia de facenda. Entenderase por cartón físico a unidade en soporte material ou virtual en que a persoa xogadora irá marcando as diferentes extraccións de bolas en cada partida. Cada cartón deberá ser identificado en canto ao seu número, serie a que pertence, número de orde dentro desta e número de cartóns de que consta a serie, valor e distribución porcentual de premios. Cada cartón será válido unicamente para unha partida. O valor facial destes cartóns será o que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo».

Tres. Modifícase o artigo 6 do regulamento que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6.

A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá na porcentaxe do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo e a súa contía determinarase de acordo co disposto na dita orde».

Catro. Modifícase o artigo 8 do regulamento que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 8.

1. A dotación do premio da prima será dividida en dúas categorías de premio denominados prima e prima-plus.

2. O premio de prima será outorgado á persoa ou persoas que completen e canten o bingo ordinario co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, que non poderá ser inferior a aquel que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo, a partir da partida inmediata posterior a aquela en que se alcanzase o importe ou contía mínima necesaria para obter o premio. Esta contía será determinada pola sala no mesmo momento de fixar o número de extraccións para o mencionado premio, que non poderá ser superior á cantidade que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

No suposto de que o premio de prima non fose adxudicado por superarse o número de extraccións fixado inicialmente, este incrementarase nunha unidade de extracción en cada unha das partidas posteriores ata que se produza a adxudicación.

O número de extraccións necesarias para cada partida será anunciado ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

3. O premio de prima-plus será outorgado á persoa ou persoas que completen e canten o bingo co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, que non poderá ser inferior ao número que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo. A cantidade que se outorgará polo dito premio será determinada pola sala e terá como límite máximo a cantidade que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

No suposto de que o premio de prima-plus non fose adxudicado por se ter superado o número de extraccións fixado e unha vez alcanzada a contía máxima, este incrementarase nunha unidade de extracción diaria en cada unha das sesións de xogo posteriores ata que se produza a adxudicación e as detraccións adicionais destinaranse na súa totalidade para constituír o importe do novo premio de prima-plus.

O número de extraccións necesarias para cada sesión anunciarase ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

4. En caso de que a persoa que xogue obteña o premio de bingo, en bola igual ou inferior ás determinadas para os premios de prima e prima-plus, e ambas as dúas se encontren en xogo, terá dereito á obtención dos dous premios».

Disposición transitoria primeira. Valor facial dos cartóns

Mentres non se aprobe a orde prevista no parágrafo primeiro da letra a) do artigo 4 do Regulamento do xogo do bingo, o valor facial dos cartóns a que se refire o devandito parágrafo será de 1, 1.5, 2 ,3, 4 e 6 euros.

Disposición transitoria segunda. Réxime vixente en canto ás contías e ás porcentaxes dos premios

Mentres non se aprobe a orde prevista nos artigos 6 e 8, continuará en vigor a Orde do 15 de outubro de 2012 pola que se fixan as contías e as porcentaxes do xogo do bingo.

Disposición transitoria terceira. Outorgamento dos premios en xogo

Os premios en xogo pendentes de outorgar no momento da entrada en vigor deste decreto rexeranse polas regras establecidas para eles con anterioridade.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificado como segue:

Un. A letra b) do parágrafo 3 do artigo 3 do decreto queda redactado do seguinte xeito:

«O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran no seu desenvolvemento dous ou máis establecementos de xeito coordinado, e que consiste na obtención dun premio adicional polas persoas xogadoras que resulten premiadas co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio adicional deberá cantarse bingo coa bola de orde igual ou inferior á que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar o número de orde da referida bola coa periodicidade e no número de bolas que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

A cantidade que se distribuirá no premio adicional do bingo interconexionado é a resultante de detraer a cantidade calculada de conformidade co que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

O importe do premio será como máximo de 30.000 €, polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional».

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza