Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2014 Páx. 26610

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2014 pola que se autoriza a explotación do berberecho birollo (Cerastoderma glaucum) en parques de cultivo mariño localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos parques de cultivo mariño e nas zonas de explotación marisqueira situadas no dominio público marítimo-terrestre da Comunidade Autónoma de Galicia vénse explotando tradicionalmente, entre outras especies de moluscos bivalvos, o berberecho común (Cerastoderma edule), especie apreciada de alto interese comercial.

Como especie acompañante nos bancos naturais, pero sen o atractivo do berberecho común, destaca a presenza do berberecho birollo (Cerastoderma glaucum), ata o momento especie de menor interese comercial.

En Galicia está confirmada a coexistencia dos dous recursos nas zonas de produción tradicionais de marisqueo, en que a distribución espacial de ambas as especies se solapa, ben que ocupan nichos ecolóxicos diferentes e é posible a súa distinción morfolóxica.

En paralelo coa elevada mortalidade detectada no Cerastoderma edule durante a campaña extractiva do ano 2013, en determinados bancos naturais da Comunidade Autónoma de Galicia obsérvase un incremento considerable da especie Cerastoderma glaucum, co que o berberecho birollo se constitúe como unha especie acompañante susceptible de ser extraída comercialmente.

Diversas confrarías de pescadores xa dispoñen da preceptiva autorización para extraer berberecho birollo como especie acompañante dentro dos plans de explotación de marisqueo e, se é o caso, para efectuar a correspondente venda en lonxa.

O 16 de abril de 2014, a Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico realiza un informe sobre a explotación de berberecho birollo na costa galega no que indica que as dúas especies xa estaban sendo explotadas e comercializadas conxuntamente naqueles bancos marisqueiros onde conviven. Aínda que a abundancia é variable tanto a nivel espacial como temporal, recoméndase que o berberecho birollo se inclúa nas listas de especies de interese comercial e, polo tanto, tamén nas de especies de interese para a acuicultura.

Neste senso, procede que nos parques de moluscos da Comunidade Autónoma de Galicia, que ata agora tiñan autorización para o cultivo do berberecho común (Cerastoderma edule) ou berberecho (Cerastoderma spp) se amplíe esta, permitindo a explotación comercial do berberecho birollo (Cerastoderma glaucum).

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, atribúe á Consellería do Medio Rural e do Mar a competencia en acuicultura na Administración galega.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, sinala que calquera modificación das condicións establecidas nas concesións na zona marítimo-terrestre requirirá autorización da consellería con competencias en materia de acuicultura.

O artigo 2.2.1 da Orde do 30 de marzo de 2012, de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, delega no secretario xeral do Mar a autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos en establecementos na zona marítimo-terrestre.

En atención ao exposto, e vista a proposta da Secretaría Xeral do Mar, a Consellería do Medio Rural e do Mar,

resolve:

Primeiro. Autorizar a explotación do berberecho birollo (Cerastoderma glaucum) nos parques de cultivo mariño de moluscos bivalvos, localizados na Comunidade Autónoma de Galicia, baixo as seguintes condicións:

a) Que o establecemento dispoña do preceptivo título administrativo habilitante en vigor para o exercicio da actividade.

b) Que o título prevexa como especie autorizada o berberecho común (Cerastoderma edule) ou berberecho (Cerastoderma spp).

c) Que o cultivo se realice exclusivamente a partir de individuos procedentes de fixación natural no propio parque.

Segundo. Modificar os títulos habilitantes para o exercicio da actividade nos parques de cultivo que cumpran as condicións do punto primeiro incluíndo como especie autorizada o berberecho birollo (Cerastoderma glaucum).

Terceiro. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, segundo o establecido nos artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2014

P.D. (Orde do 30 de marzo de 2012)
Juan Carlos Maneiro Cadillo
Secretario xeral do Mar