Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2014 Páx. 26613

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2014 pola que se convoca un curso básico de capacitación para a categoría de policía dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso básico de capacitación para a categoría de policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron as correspondentes probas de acceso á categoría de policía dos corpos da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 12 de setembro de 2014.

Contido e duración do curso.

O curso desenvolverase en réxime de internado, na sede Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

– Xurídico.

– Policía de tráfico.

– Operativo.

– Asistencial.

– Técnico.

– Policía administrativa.

– Social-humanístico.

– Policía xudicial e de investigación.

– Formación física.

O curso terá unha duración de nove meses, seis meses de formación teórica na Agasp e tres meses de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nela rexerase polo seu regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro.

Datas:

– Este curso desenvolverase desde o 22 de setembro de 2014 ata o 22 de maio de 2015, na forma que a continuación se indica:

– Na Academia, en dous períodos:

1. Do 22 de setembro ao 19 de decembro de 2014.

2. Do 12 de xaneiro ao 20 de marzo de 2015.

– Nos concellos de procedencia realizando o período de prácticas:

1. Do 20 de decembro de 2014 ao 11 de xaneiro de 2015.

2. Do 21 de marzo de 2015 ao 22 de maio de 2015.

Certificado.

De acordo co previsto no artigo 19 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe en que certifique a dita superación, de maneira que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de xuño de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública