Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 13 de xuño de 2014 Páx. 26879

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 5 de xuño de 2014 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Mediante a Orde do 11 de xuño de 2013 (DOG núm. 116, do 19 de xuño), a Consellería do Medio Rural e do Mar estableceu as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Iniciado o exercicio orzamentario 2014, procede realizar a convocatoria correspondente a este ano.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para o exercicio orzamentario 2014, en réxime de concorrencia competitiva polo sistema de rateo, as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, e as súas bases reguladoras son as contidas na Orde do 11 de xuño de 2013, publicadas no DOG núm. 116, do 19 de xuño.

A finalidade desta liña de axudas é fomentar a participación dos agricultores e gandeiros nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada mediante a contribución ao financiamento dos custos fixos que esta participación ocasiona.

Artigo 2. Solicitudes e procedemento de xestión

1. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 11 de xuño de 2013, pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas.

2. No caso de axudas correspondentes a programas de calidade xestionados por consellos reguladores que teñan asinado o convenio a que se refire o punto 2 do artigo 6 das bases reguladoras, as solicitudes presentaranse de maneira colectiva, de acordo co modelo que figura no anexo II-A («Solicitude de axuda a produtores tramitada polos consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración», procedemento MR362B) desta orde, e os ditos consellos actuarán, ademais de como entidades colaboradoras, como representantes dos beneficiarios. Xunto co dito impreso achegarán unha relación numerada de produtores solicitantes da axuda, de acordo co modelo do anexo II-B e certificado de que todos os produtores teñen as súas explotacións inscritas no correspondente programa de calidade e están sometidos aos controis pertinentes.

Para acreditar a vontade dos beneficiarios de solicitar a axuda, a entidade colaboradora deberá dispor das correspondentes solicitudes individuais cubertas polos beneficiarios, conforme o modelo que figura no anexo II-C («Autorización ao consello regulador para tramitar as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada») e cumprir o establecido no artigo 32.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No caso de produtores que participen en programas de calidade nos cales non exista un órgano de representación que teña asinado convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, as solicitudes presentaranse anualmente de xeito individual conforme o anexo I («Solicitude de axuda para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración», procedemento MR362A) acompañadas, no caso de solicitantes persoas xurídicas, da documentación que acredite a representación da persoa física que asina a petición. Tamén achegarán copia do DNI do solicitante ou representante, segundo corresponda, no caso de que non se autorizase a verificación da identidade.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda) consonte o establecido nos artigos 11 e 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Gastos atendibles na convocatoria de 2014 e contía das axudas

1. Segundo o recollido nas bases serán subvencionables, excluídos impostos recuperables, os gastos derivados da inscrición e as cotas de participación nun programa de calidade diferenciada dos alimentos do sector agroalimentario galego, incluíndo, se é o caso, os gastos de rexistro, control ou inspección e certificación necesarios para comprobar o cumprimento das especificacións do programa. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.

A contía da axuda poderá chegar ata o 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

2. Para a convocatoria de 2014, serán atendibles os gastos imputados á campaña anual que comprende o período que vai do 1 de xuño de 2013 ata o 31 de maio de 2014.

Artigo 4. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2014, na aplicación orzamentaria 12.20.713D.770.1, cunha dotación de oitocentos noventa e nove mil novecentos vinte e sete euros (899.927 €). Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Deste orzamento inicial destinarase o 50 % para financiar as solicitudes dos agricultores e gandeiros que participen no programa de calidade diferenciada da produción agrícola ecolóxica, regulada polo R (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e o 50 % para atender as restantes solicitudes. Os remanentes que puideren existir logo de atender as peticións dos solicitantes dun dos grupos antes establecidos poderán ser utilizados para ampliar a dotación do outro.

3. As axudas que establece esta orde están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 75 %.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Órganos competentes para a instrución e resolución

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a dita subdirección requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria examinará as solicitudes presentadas e elaborará a proposta de resolución. A dita proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda e a contía desta.

3. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 7. Prazo de resolución e notificación

1. Consonte o establecido no artigo 8 das bases reguladoras, as solicitudes destas axudas resolveranse no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar. Nesta publicación informarase de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado con fondos Feader incluído dentro do eixe 1 («Mellora da competitividade do sector agrario e forestal»), medida 132.00 («Apoio aos agricultores que participan en programas relativos á calidade dos alimentos») e especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a finalidade da subvención outorgada, a cantidade concedida, o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos soportados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

Se a instrución do procedemento o aconsellar, poderase substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 8. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 9. Tramitación do pagamento das axudas

Realizados os gastos, dentro do prazo que se indique na resolución de concesión, que será en todo caso anterior ao 30 de novembro, presentarase a documentación que se recolle nos parágrafos seguintes.

No caso de solicitudes colectivas (procedemento MR362B), cada entidade colaboradora remitirá:

– Solicitude de pagamento (anexo III-A, «Solicitude de pagamento da axuda para produtores inscritos en consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración»).

– Relación numerada de beneficiarios inscritos no programa de calidade que solicitan o pagamento da axuda (anexo III-B).

– Xustificantes dos gastos efectuados por cada produtor: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Sen prexuízo do disposto anteriormente, as entidades colaboradoras presentarán certificación de que o gasto está realizado e pagado e que constan no seu poder os xustificantes dos gastos de cada produtor.

– Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), en que se acredite que todas as explotacións obxecto da solicitude están inscritas no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e están sometidas aos controis pertinentes.

No caso de solicitudes individuais (procedemento MR362A), cada produtor remitirá:

– Solicitude de pagamento (anexo IV, «Solicitude de pagamento para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración»).

– Xustificantes dos gastos efectuados: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

– Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no cal se acredite que a explotación obxecto da solicitude está inscrita no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e está sometida aos controis pertinentes.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar neste caso a certificación nos termos previstos regulamentariamente. No caso de que o importe da axuda non sexa superior a 1.500 euros, as ditas certificacións poderán ser substituídas por unha declaración responsable de estar ao día no seu cumprimento, conforme o establecido no artigo 52 da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións informativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a
secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar as instrucións que sexan necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file