Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 13 de xuño de 2014 Páx. 26900

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2014 pola que se amplía o crédito dispoñible para o exercicio 2014 das bases reguladoras das axudas de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Mediante Resolución do 26 de novembro de 2013 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013 (DOG nº 230, do 2 de decembro), e procedeuse á súa convocatoria para o exercicio 2014, en réxime de concorrencia competitiva. Estas bases foron modificadas mediante Resolución do 24 de marzo de 2014 (DOG nº 61, do 28 de marzo).

Na dita resolución, no seu punto cuarto, establécense os créditos dispoñibles, así como que a Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e ao tratar de dar resposta á ampla demanda de axuda, semella oportuno incrementar o importe aprobado para as axudas establecidas nestas bases.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único. Amplíase para o exercicio 2014 o crédito establecido na partida 08.A1.741A.4817 en 390.000 € para as axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, que queda establecido do seguinte xeito:

Procedemento

Partida orzamentaria

Orzamento 2014

IG114. Apoio ás iniciativas abertas de difusión

08.A1.741A.4817

500.000 €

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica