Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 18 de xuño de 2014 Páx. 27633

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de vicesecretario xeral da Deputación Provincial de Ourense, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de vicesecretario xeral da Deputación Provincial de Ourense que se xuntan como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que estean nas situacións previstas nas letras a), b) e c) do artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Segunda. Os/As interesados/as dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante, dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da presente resolución no Boletín Oficial del Estado, e xuntarán á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figura na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Resolución da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense do 12 de febreiro de 2014 pola que se aproba a convocatoria para a provisión do posto de traballo de vicesecretario xeral da Deputación Provincial de Ourense, mediante libre designación entre funcionarios con habilitación de carácter nacional, de conformidade coas seguintes bases:

1. Obxecto:

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para cubrir, polo procedemento de libre designación, regulado no artigo 92.bis, número 6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, o seguinte posto:

– Denominación: vicesecretario xeral.

– Clase: primeira.

2. Características do posto e requisitos:

a) Corporación: Deputación Provincial de Ourense.

b) Denominación e clase do posto: vicesecretario xeral, clase primeira.

c) Nivel de complemento de destino: 30.

d) Complemento específico anual: 36.216,82 €.

e) Requisitos para o seu desempeño conforme coa relación de postos de traballo: estar integrado na subescala de secretaría, na categoría superior.

f) Coñecemento de lingua galega: de conformidade co disposto no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os aspirantes ao posto deberán acreditar o coñecemento da lingua galega por calquera dos seguintes medios alternativos:

f.1. Estar en posesión do certificado da lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f.2. En defecto do anterior, mediante a superación dunha proba de carácter eliminatorio, que se valorará co resultado de apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao esixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

g) Requisitos adicionais para optar ao posto: non estar incursos en ningún dos supostos previsto no artigo 18.3.a), b) e c) do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

3. Convocatoria:

A convocatoria seralle remitida pola Presidencia ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e remisión ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

4. Solicitudes:

a) As solicitudes dirixiránselle á Presidencia, dentro dos 15 días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

b) Ademais do contido mínimo previsto no artigo 70.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na solicitude deberá indicarse o número de rexistro persoal, situación administrativa en que estea o solicitante e destino.

c) Xunto coa solicitude, os aspirantes achegarán o seu currículo, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados, outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto e a súa acreditación documental.

d) Achegaranse, así mesmo, os xustificantes documentais dos títulos ou diplomas que os aspirantes posúan (Celga 4 ou equivalente), se é o caso, en relación co coñecemento da lingua galega.

5. Realización de probas de aptitude de lingua galega:

Unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes e para o suposto de que existisen aspirantes que cumprindo os requisitos xerais exixidos nesta base non acrediten estar en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente, a Presidencia procederá á fixación da data, do lugar e da hora de realización da proba de aptitude correspondente, o que se lles notificará oportunamente aos interesados.

A proba terá carácter eliminatorio e valorarase co resultado de apto ou non apto. A súa avaliación corresponderalles a dous técnicos especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, cuxa identidade se lles comunicará aos interesados, e que estarán suxeitos ao deber de abstención e poderán ser obxecto de recusación nos supostos previstos no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Resolución do procedemento:

a) Unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes e, se é o caso, realizada a proba de aptitude de lingua galega prevista na base anterior, a Presidencia procederá a ditar a resolución correspondente na forma e cos requisitos previstos no artigo 28.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

b) Da resolución daráselle conta ao pleno da corporación e trasladaráselles ao órgano competente da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

7. Toma de posesión:

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación de carácter nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

José Manuel Baltar Blanco. Presidente da Deputación Provincial de Ourense.