Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2014 Páx. 27791

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago, e se convoca a súa XIX edición para o ano 2014.

O intercambio de culturas e o entendemento entre os pobos é un dos valores fundamentais que xurdiron entre as voltas dos camiños de Santiago desde o século IX ata os nosos días. Nestes séculos de intercambios e coñecementos vaise conformando uns dos itinerarios culturais de maior valor simbólico, coñecido en todo o mundo, que representa a unidade e a transferencia de coñecementos sen límites e a liberdade de movementos. Os camiños de Santiago, un deles o primeiro itinerario cultural europeo ou, se se quere, a rúa maior de Europa, sentaron os fundamentos do progreso e dos vínculos entre os pobos, promovendo o xermolo da idea de unidade de Europa. Durante moitas décadas foi o espírito anovador que conxugou o relixioso, o espiritual, o deportivo, o cultural e o económico sen esquecer tampouco o seu carácter de eixe vertebrador dun patrimonio cultural propio e que cómpre protexer.

Despois dun momento de declive, por mor das convulsións sociais que asolaron Europa e que motivaron que case caese no esquecemento e que os camiñantes buscasen novas rutas de peregrinación, xa nos derradeiros anos do século XX regresou con nova forza e vitalidade grazas á adopción dunha serie de medidas encamiñadas á promoción, conservación e revitalización dos camiños de Santiago que acadou nestes últimos tempos un grande auxe e nos permite asistir a un novo renacemento das rutas xacobeas.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.18º como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, de interese de Galicia, e no artigo 32 que corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes.

Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a protección e posta en valor dos camiños de Santiago e fomentar a revitalización destes sen menoscabo do seu coidado, e promover e difundir os seus valores intrínsecos impulsando actividades por medio das cales se divulgue e facilite a comprensión da enorme potencialidade dos camiños de Santiago.

No exercicio destas funcións, a consellería con competencia en materia de cultura creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de persoas que, como Elías Valiña Sampedro, un dos maiores revitalizadores dos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción dos camiños de Santiago, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica, e incluso fomentando a creación de asociacións de amigos do camiño que velasen pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.

Para o presente exercicio desenvólvese concretamente o que se entende por labor revitalizador e promocional especificando e engadindo conceptos inherentes a estes, como a protección na súa dobre vertente de conservación material e recuperación, o fomento do coñecemento e a potenciación dos valores sociais, espirituais e solidarios propios dos camiños. Isto contribuirá tamén a unha maior precisión na obxectividade do outorgamento do premio. Procúrase que a documentación se ordene e sistematice conforme os criterios de valoración determinados nas bases e se admite un recoñecemento a quen sobresaia especialmente nalgún deles. Vólvese introducir a mención especial a unha persoa física sobre a base da súa sensibilidade, compromiso e dedicación. Determínase, así mesmo, a posibilidade ou non, e as súas consecuencias, de compartir o premio e a distinción á que tamén se fai referencia.

En consecuencia, do anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Mediante esta orde establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión, e o compromiso económico que comporta, do premio Elías Valiña para distinguir o esforzo protector, revitalizador, promocional e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro. Nestas bases inclúese, así mesmo, a proposta do xurado dunha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.

2. O texto das bases achégase como anexo I desta disposición.

Artigo 2. Obxecto e fins

1. Con esta orde preténdese o recoñecemento institucional e social ao esforzo protector, revitalizador e promocional e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social.

2. Ao expediente derivado desta orde incorporarase un informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural onde se recolla o cumprimento efectivo dos obxectivos da orde conforme a indicadores que se corresponden cos criterios de valoración das bases reguladoras.

3. Así mesmo, mediante esta orde convócase o dito premio para o ano 2014.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 09.21.433A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2014, por un importe máximo de 10.000 € (dez mil euros).

2. A concesión do premio queda sometida á condición da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. A concesión do premio recollido nesta orde será tramitada en réxime de concorrencia competitiva.

4. O premio regulado ao abeiro desta orde é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán participar nesta convocatoria as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro cunha traxectoria de polo menos cinco anos que acrediten o seu labor na protección, revitalización, promoción e fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago e que desenvolvan a súa actividade, tanto dentro como fóra do territorio de Galicia, consonte as bases que figuran como anexo I desta orde.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os formularios da solicitude da axuda (anexo II desta orde) poderanse obter na guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 5. Modalidade e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e artigo 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Prazo e duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa é o previsto na base reguladora novena, punto 3º, desta orde, que non poderá superar os prazos establecidos no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería http://cultura.es, na súa epígrafe E- Servizos, trámites e axudas.

b) Os teléfonos 981 54 48 93 e 981 54 58 01.

c) Presencialmente, nas dependencias do Servizo de Protección e Fomento, na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento da orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Bases reguladoras da convocatoria do premio Elías Valiña

Primeira. Obxecto e réxime.

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión do premio Elías Valiña como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector, revitalizador e promocional e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social.

2. Ao expediente derivado desta orde incorporarase un informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural onde se recolla o cumprimento efectivo dos obxectivos da orde conforme a indicadores que se corresponden cos criterios de valoración reflectidos na base oitava.

3. Ao premio, que será do importe que cada ano estableza a orde de convocatoria, aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto. Caberá a posibilidade, cando así o prevexa a convocatoria, de distinguir varias categorías. A mención especial só se outorgará de xeito individual.

4. A asociación ou entidade premiada recibirá un diploma e o importe do premio, que lle será aboado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre as persoas galardoadas.

5. Ademais do premio en metálico, que recibirán a entidade ou entidades galardoadas, farase unha mención especial a unha persoa física que, pola súa sensibilidade, compromiso, esforzo e dedicación, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. A mención especial non comporta, en ningún caso, compromiso económico por parte da Administración autonómica.

6. O procedemento para a concesión do premio recollido nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará á regulación establecida no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda. Persoas beneficiarias

Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, promoción, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de polo menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Solicitudes

1. As candidaturas ao premio presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. As solicitudes deberán axustarse ao modelo normalizado que se inclúa na orde de convocatoria e irá acompañada da seguinte documentación :

– Escritura de válida constitución da entidade.

– Copia do DNI, ou NIE se é o caso, da persoa representante, no suposto de que non dea a súa autorización para a verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Memoria xustificativa do labor realizado neste campo en que se detallarán as actividades ordenadas e sistematizadas conforme os criterios establecidos na base oitava e polo período de cinco anos, co grao de concreción axeitado para facilitar a valoración.

– Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial que desenvolva funcións no ámbito cultural ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que avalen a candidatura, pola súa importancia e relevancia no desenvolvemento do labor de protección, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso aos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes.

3. A documentación da candidatura premiada ao abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu adecuado arquivamento, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e reservarase esta o dereito de divulgación gratuíta da dita documentación por calquera medio de reprodución con destino a actividades promocionais e divulgativas.

A documentación das candidaturas non premiadas seralles devolta ás persoas interesadas no caso de que estas o soliciten expresamente.

Cuarta. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa representante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa representante da interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. Esta consellería publicará na súa páxina web o nome da entidade premiada e o importe do premio, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da entidade premiada e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. O premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

Quinta. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión deste premio e da mención especial referida nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ditar a resolución da súa concesión, con indicación do nome da entidade premiada ou premiadas e a contía que lles corresponde.

Sexta. Tramitación

1. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden os erros ou presenten a documentación exixida ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Nese requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidos da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirírselle á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido na base seguinte.

Sétima. Comisión de valoración

1. Composición:

O premio será outorgado a proposta dun xurado, que terá a consideración de comisión de valoración, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e estará integrado polos seguintes membros:

– A persoa titular da subdirección competente en materia de protección do patrimonio cultural, que exercerá a vicepresidencia.

– A persoa que desempeñe a presidencia do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago ou outra persoa en quen delegue (Regulado no capítulo I do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago).

– Dous membros nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de cultura entre persoas de recoñecido prestixio na materia.

– A institución, asociación cultural, fundación ou persoa gañadora na última convocatoria.

– As persoas que presidan as entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela cos números 120, 121, 122 e 123, que serán substituídas o vindeiro ano polas catro seguintes e así sucesivamente ata que roten todas.

– Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, unha persoa titular dun dos servizos da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural designado pola persoa titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

No caso de que na mesma entidade concorresen a condición de último gañador do premio Elías Valiña e da entidade inscrita no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago, segundo a relación prevista nesta orde cos números 120, 121, 122 e 123, a entidade formará parte do xurado en calidade de gañadora da última edición, co que entraría a formar parte deste a seguinte entidade rexistrada na orde que proceda segundo a numeración correlativa subseguinte.

A mesma solución será de aplicación no caso de que non se acade un mínimo de sete persoas por motivos de imposibilidade ou renuncia a participar como xurado a entidade gañadora da última edición ou dalgunha ou algunhas das entidades que correspondan, segundo a prelación prevista neste artigo.

2. Funcións:

As propostas do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios previstos na base seguinte.

O premio poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto. No caso de premio compartido (tanto se hai so unha ou distintas categorías previstas) serao a partes iguais.

O xurado proporá, ademais, unha mención especial a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.

Oitava. Criterios de valoración

Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

1) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, tales como a recuperación, conservación, sinalización, acondicionamento e posta en valor de tramos do Camiño de Santiago ou de elementos a el asociados, así como no seu contorno, ata un máximo de 20 puntos. Valorarase o número de actuacións, de intervencións e a importancia do recurso cultural (material ou inmaterial) e natural ou paisaxístico afectado, así como tamén o apoio ou patrocinio recibido por parte de entidades públicas ou privadas para eses proxectos.

2) Accións de difusión, divulgación e fomento do coñecemento entre o público xeral, ata un máximo de 20 puntos. Teranse en conta o número de actuacións (xornadas, seminarios e outros eventos análogos, edicións de folletos e revistas, publicacións e/ou material audiovisual, participación en programas en medios de comunicación social, etc), e o número de persoas beneficiarias directas e indirectas.

3) Actuacións de investigación, documentación e fomento do coñecemento do camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica, ata 20 puntos, que se outorgarán en función de criterios similares aos expostos no parágrafo anterior.

4) Accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e organizacións de peregrinacións e outras actividades para membros e simpatizantes, ata 20 puntos. Teranse en conta o número de accións e a súa repercusión (contada a través de indicadores obxectivos como número de novos membros ou de participantes).

5) Accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, tales como accións educativas durante a peregrinación, labores de acollida e hospitalidade nos albergues, promoción de actividades de reinserción e con grupos desfavorecidos ou marxinais e tarefas asistenciais en xeral, ata 20 puntos. Para a súa valoración teranse en conta o número e a envergadura das actividades realizadas.

Novena. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elevarao, xunto coa proposta de resolución, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, á vista da proposta, ditará a resolución que proceda debidamente motivada, no prazo de quince días, e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, na páxina web da consellería.

3. O órgano xestor deberá observar que no momento de ditar resolución se cumpren as formalidades previstas no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O último día para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa será o 14 de outubro de 2014. En calquera caso, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación da concesión deste premio sen que a persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia a este, entenderase que o acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima a persoa interesada para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décima. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas beneficiarias incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá, se é o caso, un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Décimo segunda. Control

As persoas solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

missing image file
missing image file