Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.
Denominación: LMT e CT Vilariño II.
Situación: Nigrán.
Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 324 metros de lonxitude, con orixe no apoio HV 1600/15 da LMT GON807, á altura do p.q. 19,035 da estrada PO-340, e final no CT proxectado Vilariño II. Centro de transformación de 250 kVA, RT 20 kV/400-230 V, situado en Vilariño de Abaixo, San Pedro, Nigrán.
Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 26 de decembro de 2013, no BOP do 20 de decembro, no xornal Faro de Vigo do 12 de decembro e no taboleiro de anuncios do concello de Nigrán. Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:
Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Pontevedra, 3 de xuño de 2014
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra
