Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 27 de xuño de 2014 Páx. 29189

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2014 pola que se gradúan os incumprimentos de condicións nos expedientes tramitados ao abeiro da Resolución do 26 de novembro de 2013, pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tramitadas para a convocatoria de 2014 mediante expediente anticipado de gasto e publicadas no Diario Oficial de Galicia número 229, do 29 de novembro de 2013.

As bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder Galicia 2007-2013, establecen no artigo 17.3.b) a posibilidade de desenvolver mediante resolución do director xeral, ditada por delegación do Consello de Dirección e publicada no Diario Oficial de Galicia, os criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar os seguintes criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable respecto aos expedientes tramitados ao abeiro da Resolución do 26 de novembro de 2013 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tramitadas para a convocatoria de 2014 mediante expediente anticipado de gasto e publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 229, do 29 de novembro de 2013:

1. Non manter a sociedade en destino durante o período establecido no artigo 14.a) das bases reguladoras suporá a perda da subvención nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

2. No caso de que algunha empresa da agrupación non acredite –no momento da liquidación– que está ao día coas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma daría lugar a incumprimento parcial polo que respecta ao pagamento da subvención correspondente ás ditas empresas, e poderase liquidar ás demais a súa subvención correspondente, sempre e cando sexan polo menos tres as empresas restantes que cumpran as condicións para seren beneficiarias da axuda.

3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder,

4. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento do prazo máximo para a constitución da sociedade ou filial en destino ou posta en marcha do centro de actividade ou contratación do xerente sen solicitar a modificación do dito prazo.

b) Constitución da filial en destino con porcentaxes distintas ás establecidas na resolución.

c) Substitución de socios sen modificación previa.

d) Minoración orzamentaria fóra de prazo (antes do fin do prazo de execución).

e) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.g) das bases reguladoras.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5. Suporá a perda dun 10 % da subvención concedida nos seguintes casos:

a) No caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 14.k) das bases reguladoras respecto ao envío ao Igape de informes trimestrais –previa reclamación expresa por parte do Igape–.

b) No caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5.4 das bases reguladoras, en canto a que para modificar o provedor seleccionado se deberá pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio, suporá a perda do 10 % da subvención concedida para o concepto subvencionable correspondente.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica