Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 27 de xuño de 2014 Páx. 29187

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2014 pola que se gradúan os incumprimentos de condicións nos expedientes tramitados ao abeiro das bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores Igapex de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tramitadas para a convocatoria de 2014 mediante expediente anticipado de gasto e publicadas no Diario Oficial de Galicia número 229, do 29 de novembro de 2013.

As bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores Igapex de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, establecen no artigo 19.3.c) a posibilidade de desenvolver mediante resolución do director xeral, ditada por delegación do Consello de Dirección e publicada no Diario Oficial de Galicia, os criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á non xustificación da base subvencionable ou o incumprimento de xustificación da contratación de polo menos 6 meses de prazo.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar os seguintes criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á non xustificación da base subvencionable respecto aos expedientes tramitados ao abeiro das bases reguladoras das axudas do Igape á contratación de xestores Igapex de internacionalización, cofinanciadas no 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013 (Diario Oficial de Galicia nº 229, do 29 de novembro de 2013):

1. No caso de incumprimento da obriga de que o xestor estea dado de alta na bolsa de traballo na data de contratación, o prazo de contratación subvencionable iniciarase na data da dita alta en dita bolsa de traballo.

2. No caso de incumprimento da obriga de contratar un novo xestor para completar o prazo de execución do proxecto, subvencionarase o prazo de contratación subvencionable sempre que o gasto subvencionable sexa igual ou superior ao 50 % da base subvencionable e se xustifiquen polo menos 6 meses de contratación subvencionable.

3. No caso de que na fase de acreditación non se demostre que o xestor contratado cumpre os requisitos mínimos para formar parte da bolsa de traballo de xestores Igapex, o prazo de contratación subvencionable iniciarase cando se acredite a contratación dun xestor que cumpra os requisitos destas bases. Tal acreditación deberase producir no prazo legal de 10 días de emenda.

4. No caso de incumprimento da obriga de dar de alta ao xestor nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social no caso de contratos de traballo formalizados conforme a lexislación española, o prazo de contratación subvencionable iniciarase na data da dita alta.

5. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE.

b) O incumprimento do prazo máximo establecido para o inicio do contrato.

6. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

a) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.n) destas bases.

b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica