Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 30 de xuño de 2014 Páx. 29330

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo para a modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se adscribirá á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria.

Con data do 18 de decembro de 2013, as persoas representantes da Administración da Xunta de Galicia e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e USTG asinaron o acordo para a modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se adscribirá á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, que foi ratificado con data do 20 de decembro de 2013 pola Comisión de Persoal, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representatividade, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas.

Esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Acordo para a modificación substancial das condicións de traballo
de carácter colectivo do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se adscribirá á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería
de Economía e Industria

En Santiago de Compostela o 18 de decembro de 2013.

Reunidos.

A comisión negociadora.

Asistentes en representación da Consellería de Economía e Industria:

Borja Verea Fraiz, secretario xeral técnico (preside a reunión).

José Alfonso Marnotes González, vicesecretario xeral.

Ricardo Miguel Baños Fojo, subdirector xeral de Administración Industrial.

Juan Carlos Pernas Maques, xefe do Servizo de Persoal e Asuntos Xerais (actúa como secretario da reunión).

Asistentes en representación da Axencia Galega de Innovación (GAIN):

Manuel Antonio Varela Rey, director.

Representante da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (Fundación):

José Higinio Antuña Álvarez, xerente.

Asistentes en representación dos traballadores:

1. Servizos centrais (SS.CC.):

– David Santomil Mosquera, CIG.

– Berta Castaño Torrado, CIG.

– Flora González Carracedo, CC.OO.

– Roberto Vieito Raña, CC.OO.

– Juan Vicente Suárez Bouzas, UGT.

2. CIS-Madeira:

– Gonzalo Piñeiro Veiras, CC.OO.

– María del Rosario Castilla Pascual, CC.OO.

3. CIS-Galicia:

– Carlos Sánchez Vecino, USTG.

– Santiago Nieto Mengotti, USTG.

4. LOMG:

– Javier Rodríguez López, CIG.

– Julio Alberto Cabanelas Domínguez, CIG.

– Fernando Troncoso Caamaño, CIG.

Antecedentes:

O Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería, establece a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de tal maneira que asuma os seus medios persoais e materiais a Axencia Galega de Innovación (a excepción do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), que será asumido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas), tendo en conta a similitude de obxecto e fins entre a Fundación e a Axencia Galega de Innovación e entre o LOMG e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

O artigo 7 do citado decreto establece que as relacións de postos de traballo da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Economía e Industria deberán ser obxecto das modificacións necesarias para axustalas ás consecuencias desta asunción do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Antes de proceder á elaboración da RPT é preciso operativizar a adscrición dos traballadores da Fundación, que está regulada nos artigos 4, 5 e 6 do citado decreto, que desenvolven previsións específicas respecto do réxime aplicable á adscrición e reorganización do persoal laboral fixo, laboral indefinido non fixo e temporal de organismos a extinguir no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal, ao abeiro do disposto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores sobre a sucesión de empresa.

Esta adscrición non supón a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia para os efectos previstos no artigo 12 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (1. O persoal que opte pola integración como persoal laboral da Xunta de Galicia adquirirá a condición de persoal laboral da Xunta de Galicia e quedará suxeito ao convenio colectivo deste).

O cumprimento da Lei 16/2010 e do Decreto 134/2013 supón o marco imprescindible dentro do que é preciso situar calquera acordo no ámbito deste proceso de adscrición.

A incorporación dos medios humanos e materiais procedentes da Fundación reforzará e incrementará a capacidade da Axencia para enfrontarse aos seus actuais desafíos e obxectivos, pero é preciso modificar a súa estrutura para que soporte as novas actuacións, así como acomodar as capacidades dos recursos humanos que as integran facilitando o aproveitamento das súas capacidades.

Realizando unha revisión e comparación das funcións que vén desenvolvendo o organismo a extinguir (Fundación) e a Axencia de Innovación e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, identifícanse redundancias, solapamentos e duplicidades en número importante, que afectan gran parte do persoal da Fundación. Estas ineficiencias de estrutura, técnicas e operativas, por si mesmas, xustifican a necesidade dunha reorganización técnica e funcional da Axencia, que deriva na proposta dunha modificación substancial das condicións de traballo do persoal da Fundación, para acadar a eficiencia que a absorción persegue.

De conformidade co disposto no Estatuto dos traballadores e co fin de lograr a consecución dun acordo satisfactorio entre a Administración e os traballadores, abriuse un período de negociación no seo do cal foi creada unha comisión negociadora, que se reuniu por primeira vez o día 5 de decembro de 2013 na Sala de Xuntas da Consellería de Economía e Industria. Pola súa vez, esta comisión negociadora designou un grupo de traballo que celebrou reunións os días 10, 12 e 16 de decembro e que, tras diversas propostas e contrapropostas, grazas aos esforzos realizados por ambas as partes negociando de boa fe, cristalizou co seguinte acordo que pon fin ao período de consultas.

Acordo:

1. Principios que se aplicarán a todo o persoal da Fundación:

– Manterase a categoría profesional que cada traballador tiña na Fundación sobre a base do disposto nos seus respectivos contratos de traballo, mantendo unha asignación de funcións acorde coa devandita categoría profesional.

– Desde o punto de vista funcional, a asignación do traballador realizarase preferentemente na área de especialización funcional en que teña coñecemento e/ou experiencia. Non obstante, poderase traballar noutras áreas funcionais diferentes ás do ámbito funcional de especialización, considerando os obxectivos e prioridades da Axencia e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Achégase proposta de adscrición no anexo I.

– Redúcese a estrutura directiva para adecuala á estrutura e funcións da GAIN e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. Desde o punto de vista xerárquico e de responsabilidade non se manterán aquelas posicións que non se correspondan co exercicio de funcións de xefatura ou responsabilidade nas novas tarefas que se van desenvolver dentro da estrutura e funcións de organización de destino.

2. Mantemento do emprego. Manterase o emprego, polo menos, durante o ano 2014 incluíndo os traballadores que prestan servizo para a encomenda de xestión da Amtega.

3. Condicións retributivas. Aplicaranse as condicións retributivas do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia nos seguintes termos:

– Homologación dos salarios base aplicando o correspondente á categoría do traballador segundo a das condicións retributivas establecidas no V convenio.

– Homologación da antigüidade aplicando o réxime previsto no V convenio.

– Eliminación inmediata con efectos do 1 de xaneiro de 2014 de todos os complementos de dirección, xefatura de área, dispoñibilidade, secretaría de dirección e xefaturas de unidade.

– Para efectos funcionais manteranse nove unidades indicadas no anexo II. O persoal responsable delas percibirá un complemento de singularidade de posto (artigo 26 do V convenio) análogo ao actual de xefatura de unidade.

– Os incrementos ou diminucións derivados da homologación retributiva a que se refire este punto aplicaranse de xeito gradual, durante un período de 3 anos (2014 a 2016) rematando o 31 de decembro de 2016, a razón dun 25 % anual, de tal xeito que na nómina de xaneiro de 2017 a homologación será completa. Rematado o proceso de integración, ao persoal laboral fixo procedente da Fundación e que se integre como persoal laboral da Xunta de Galicia respectaráselle ad personam e como condición máis beneficiosa a redución progresiva ata o 31 de decembro de 2016, nos termos recollidos no acordo.

4. Mobilidade xeográfica. A mobilidade xeográfica pactada fóra da localidade de destino realizarase no prazo de dous meses e será retribuída coas indemnizacións previstas no V convenio colectivo.

5. Asignación de funcións. A asignación das funcións ao traballador realizarase preferentemente na área de especialización funcional na que teña coñecemento e/ou experiencia e sempre acorde a súa categoría profesional.

6. Impulso aos centros produtivos. Co obxecto de impulsar a actividade dos centros produtivos que serán adscritos á Axencia Galega de Innovación:

– Contarase cunha unidade funcional de apoio á sociedade da información formada polo persoal que actualmente presta servizos para a encomenda da Amtega.

– Realizarase un plan de actuación para o CIS Galicia no período 2014-2016 potenciando a unidade produtiva, a vixilancia tecnolóxica, a transferencia de tecnoloxía e ampliando as funcións do centro mantendo o nodo da rede E.E.N Galactea Plus.

7. Obriga de comunicación por parte da Administración. A Administración procederá a comunicar á autoridade laboral que, a partir do 1 de xaneiro os traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste acordo, pasan a rexerse segundo o establecido no V convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, salvo naqueles aspectos que pola natureza das súas disposicións non resulte de aplicación.