Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 1 de xullo de 2014 Páx. 29619

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 9 de xuño de 2014, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisoria dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Mandín-Feces de Abaixo-Feces de Cima (Verín-Ourense).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Mandín-Feces de Abaixo-Feces de Cima (Verín-Ourense), e ao non exceder o número de recursos presentados e pendentes do 6 % dos titulares das explotacións, nin representar os reclamantes máis do 10 % da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios. A toma de posesión é obrigatoria para todos os interesados e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro). No caso de que algún propietario non permita a toma de posesión dos predios de substitución no prazo indicado, será obxecto, logo do apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da antedita lei, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impoñer conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes desta lei.

Os interesados poderán reclamar ante esta xefatura territorial, sita na rúa Florentino López Cuevillas, 4 e 6 baixo de Ourense, xuntando ditame pericial sobre diferenzas superiores ao 2 % entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo dos sesenta días naturais seguintes á data en que os predios de substitución se poñan á disposición dos novos propietarios para a toma de posesión deles (artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia).

As denuncias contra os propietarios que impidan a toma de posesión deberán facelas os novos propietarios no prazo sinalado no segundo parágrafo deste aviso.

Así mesmo, ponse en coñecemento de todos que a posesión dos predios de substitución outorga aos que no acordo de concentración figuren como adxudicatarios os medios de defensa establecidos nas leis.

Para os efectos oportunos establécese como data de toma de posesión o día seguinte ao da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia.

En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión, logo de petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza, da Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo entenderase que pertencen ao propietario do novo predio.

Desde o día 1 de xullo de 2006, data en que tivo entrada en vigor o Decreto 105/2006 (Diario Oficial de Galicia nº 125, do 30 de xuño), polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, deberase ter en conta o establecido nos seus artigos 21 e seguintes de cara a evitar posibles danos nos predios en cuestión.

Ourense, 9 de xuño de 2014

P.A. (Resolución do 23.5.2014)
Iván Rodríguez Jiménez
Xefe territorial de Ourense