Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 1 de xullo de 2014 Páx. 29531

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoal experto en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede a súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento PR 809A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e a desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade, e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A devandita Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece como prioridade en materia de sensibilización e educación para o desenvolvemento a potenciación dos axentes de cooperación para o desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Do mesmo xeito, o III Plan director da cooperación galega 2014-2017 recolle como unha das súas liñas de actuación o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación.

Con estas bolsas preténdese apoiar a formación de persoal experto en cooperación para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica dos/as titulados/as universitarios/as con estadías na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, nos proxectos que co apoio da Xunta de Galicia se executen nos países prioritarios da cooperación galega, nas oficinas técnicas de cooperación dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia, ou noutros organismos internacionais, de acordo co previsto nos acordos subscritos para efecto.

Neste senso, por medio desta orde establécense as bases reguladoras para a convocatoria de oito bolsas de formación en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento. Pola súa vez, procede convocar a concesión das devanditas bolsas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 e aos correspondentes para o ano 2015, de acordo coas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento, que se inclúen no anexo I desta orde.

2. Convocar a concesión de oito bolsas de acordo coas devanditas bases reguladoras. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 116.779 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 114.000 € (58.000 € para o ano 2014 e 56.000 € para o ano 2015), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.480.0, e 2.779 € (1.112 para o ano 2014 e 1.667 para o ano 2015) que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.484.0, que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social, respectivamente.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 2.779 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por continxencias comúns e profesionais.

Disposición derradeira primeira

A todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas, poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira terceira

De conformidade co previsto no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira cuarta

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira quinta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de oito bolsas destinadas á formación de persoal experto en cooperación internacional para o desenvolvemento para o ano 2014

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de oito bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (en diante, Dirección Xeral) ou no exterior, nas oficinas técnicas de cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e en organizacións internacionais multilaterais.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Requisitos das persoas solicitantes

As persoas solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Ter nado o 1 de xaneiro de 1983 ou con posterioridade a esa data.

c) Estar en posesión dun título universitario de licenciado/a, diplomado/a, grao ou equivalente.

d) Non ser ou ter sido beneficiaria dunha bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.

e) Non manter relación laboral vixente co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

f) Durante o período de desfrute da bolsa, non colaborar con ningún axente da cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

g) Non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as cales se convocan as bolsas.

h) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 xuño).

Terceira. Solicitude, documentación, prazo de presentación e instrución do procedemento

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Xunto coa solicitude presentarase, ademais, a seguinte documentación, orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Título universitario ou xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

b) Certificación académica persoal de carácter oficial do titulo universitario con que se presenta á bolsa.

c) Curriculum vitae da persoa solicitante, no cal se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

d) Memoria sobre os coñecementos na materia de cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e/ou o sistema galego de cooperación. A devandita memoria debe presentarse en formato A4, mecanografada a dobre espazo e por unha soa cara, e a súa extensión non será inferior a dez nin superior a vinte páxinas. A non presentación desta memoria suporá a exclusión do/a candidato/a, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o parágrafo terceiro do punto oito da base terceira.

Esta documentación deberá presentarse ordenada segundo o esquema de epígrafes anterior.

Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo/a interesado/a comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

5. As solicitudes das persoas interesadas xuntarán os documentos e as informacións determinados nesta base, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, publicarase na páxina web http://www.cooperaciongalega.org a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e a referida publicidade.

7. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación ao ficheiro denominado «Bolseiros/as de cooperación exterior» creado pola Orde do 1 de decembro de 2010 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 238, do 14 de decembro).

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será a tramitación do expediente correspondente á selección e xestión dos/as bolseiros/as de cooperación exterior e a que derive da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Así mesmo, a presentación da solicitude polo/a interesado/a implicará a autorización á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE á cesión dos seus datos persoais a terceiros, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, co fin de realizar os trámites administrativos de xestión da bolsa. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude polo/a interesado/a implicará tamén a autorización á Dirección Xeral para a transferencia dos seus datos persoais ás oficinas territoriais dos organismos en que se van desenvolver as bolsas, todo iso de acordo co establecido na devandita Orde do 1 de decembro de 2010.

Decláranse recoñecidos e poderán exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na guía do cidadán da páxina web da Xunta.

8. O prazo para a presentación da solicitude e a documentación sinalada no número 2 da base terceira será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación presentada contivese erros ou fose incompleta, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición procedendo ao arquivamento do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

10. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

Cuarta. Duración das bolsas, obrigas do persoal bolseiro, plan formativo e contía

1. Duración das bolsas.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2014 e 2015 cunha duración máxima de dez meses, con data de inicio prevista o 1 de setembro de 2014, logo de aceptación por parte da persoa solicitante que resulte seleccionada.

2. Obrigas do persoal bolseiro.

A aceptación da bolsa xera a obriga dos/as bolseiros/as seleccionados/as de subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, que terá cobertura internacional para o caso dos/as bolseiros/as destinados/as no exterior, e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura.

Ademais, os/as bolseiros/as seleccionados/as deberán presentar un certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

Así mesmo, deberán presentar antes do primeiro pagamento e de cada un dos pagamentos mensuais:

– Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

– Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (anexo III).

Os/as bolseiros/as seleccionados/as tamén se obrigan pola aceptación a:

– Cumprir as demais obrigas que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

– Obter pola súa conta o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de desfrute da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

– Presentarse persoalmente ante o/a responsable da súa formación no destino adxudicado, no prazo máximo de dez días naturais para os/as bolseiros/as destinados/as no exterior e de tres días naturais para os/as bolseiros/as destinados/as na sede da Dirección Xeral, a partir do día sinalado para o comezo da bolsa. No caso de atraso na súa incorporación, a mensualidade da bolsa verase reducida proporcionalmente.

– Residir no lugar de destino durante o período da bolsa e non ausentarse del sen comunicación e autorización previa do/a responsable da formación do/a bolseiro/a, no caso dos/as bolseiros/as destinados/as no exterior.

– Desempeñar as actividades de formación obxecto da bolsa, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a Dirección Xeral xunto co/coa responsable do organismo/proxecto onde o/a bolseiro/a realice as súas prácticas.

– Levar a cabo o plan de formación acordado polo/a responsable da Dirección Xeral e o/a responsable do organismo/proxecto onde realiza as prácticas e cumprir coas normas de funcionamento e actividades que sexan determinadas.

– Entregar mensualmente ao responsable da formación na Dirección Xeral un informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa correspondente ás actividades desenvolvidas durante o tempo de desfrute dela.

– Desprazarse cando así se acorde co/coa responsable da Dirección Xeral e do organismo/ proxecto onde realiza a formación.

– Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde se estea a desenvolver a bolsa para a realización das actividades formativas.

– Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

– Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

– Mencionar a súa condición de bolseiro/a nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación en que participe.

3. Plan formativo.

Unha vez incorporado/a ao seu destino, o/a bolseiro/a desenvolverá o plan formativo acordado. O devandito plan incluirá, polo menos, unha primeira parte na cal o/a bolseiro/a se formará na estrutura, estratexias e programación da institución/organización de que se trate. A segunda parte do plan formativo permitirá ao/á bolseiro/a formarse na práctica das fases do ciclo dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento (identificación, formulación, seguimento e avaliación final).

De ser o caso, os/as bolseiros/as seleccionados/as desprazaranse á sede principal do organismo onde realicen as súas prácticas durante un período que establecerá a Dirección Xeral, co fin de coñecer os/as responsables nos países onde se van realizar as estadías de formación, así como a estrutura, as estratexias e os programas do organismo correspondente.

4. Contía.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

Os/as bolseiros/as destinados/as no exterior recibirán en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros ou gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos internos necesarios no desenvolvemento da bolsa, unha contía máxima de 3.000 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Esta axuda de viaxe ten a consideración de pagamento anticipado, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os gastos sinalados anteriormente terán que ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2014, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Do mesmo xeito, no caso de existir dispoñibilidade orzamentaria, poderase facilitar ás persoas bolseiras a asistencia a cursos de formación ou a realización de misións específicas que a Dirección Xeral considere convenientes, mediante o aboamento dos gastos ocasionados con motivo desas actividades, logo de xustificación documental deles. Os billetes axustaranse sempre ás tarifas máis económicas.

Os gastos sinalados no parágrafo anterior terán que ser xustificados antes do 15 de decembro de 2014, para as actuacións realizadas no ano 2014, e antes do 15 de xullo de 2015, para as actuacións realizadas no ano 2015, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os gastos sinalados nos parágrafos anteriores acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Quinta. Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nos seguintes parágrafos, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

A comisión de valoración adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, de forma supletoria, aos regulamentos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión estará composta polos seguintes membros:

Presidenta/e: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior ou a persoa en quen delegue.

Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, unha/un experta/o en cooperación para o desenvolvemento designada/o pola presidencia da comisión avaliadora e unha persoa designada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

A composición da comisión de valoración farase pública no portal web:

http://www.cooperaciongalega.org

A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo, ata un máximo de 20 puntos:

a) Estudos de posgrao relacionados coas materias obxecto das bolsas de formación. Por ter cursado un máster universitario, curso de posgrao universitario, curso de especialización universitaria ou equivalente, específico na materia de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria, recoñecido oficialmente e cunha duración igual ou superior a 100 horas lectivas: 5 puntos.

b) Outras titulacións distintas da establecida como requisito na base segunda, letra d. Por estar en posesión doutros títulos universitarios de grao, posgrao, máster ou equivalente: 0,5 puntos por titulación, cun máximo dun punto.

c) Expediente académico. Pola nota media do título universitario con que concorre á bolsa: 0,5 para a cualificación de notable e 1 punto pola cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra.

d) Por coñecemento da lingua galega, ata un máximo dun punto. A valoración do certificado de nivel superior exclúe a do/s certificado/s de nivel inferior:

– Por estar en posesión do certificado Celga 4, titulación equivalente ou superior: 1 punto.

– Por estar en posesión do certificado Celga 2, titulación equivalente ou superior: 0,5 puntos.

e) Por coñecemento do idioma inglés, francés e/ou portugués: ata un máximo de 3 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/s certificado/s de nivel inferior da mesma lingua:

– Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 1 punto.

– Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 0,5 puntos.

– Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 0,25 puntos.

f) Por cada curso de formación directamente relacionado coa cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria, de 18 ou máis horas, ata un máximo de 3 puntos:

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,5 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 18 horas e ata 39 horas: 0,25 puntos por curso.

g) Por cada curso de formación relacionado coa informática, de 18 ou máis horas, ata un máximo de 2 puntos.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,5 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 18 horas e ata 39 horas: 0,25 puntos por curso.

h) Pola participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento ou acción humanitaria, calquera que fose a relación xurídica do/a participante coa entidade executora do proxecto: 0,5 puntos por cada 3 meses, ata un máximo de 2,5 puntos.

i) Pola realización de tarefas de voluntariado social debidamente acreditadas, non relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria: 0,5 puntos por cada 6 meses, ata un máximo de 1,5 puntos.

A acreditación dos méritos realizarase mediante fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante o correspondente certificado oficial expedido pola escola oficial de idiomas ou institucións ou centros recoñecidos oficialmente, segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa (MCERL). Valorarase nesta epígrafe o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos no punto 2.e. desta base.

Nas epígrafes referidas a idiomas, informática e cursos de formación relacionados co obxecto destas bolsas non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

As tarefas de voluntariado e a participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento acreditaranse mediante certificado expedido pola correspondente entidade onde se realizaron ou fotocopia compulsada do contrato ou contratos de traballo e certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.

A comisión non valorará aqueles méritos dos/as candidatos/as que non estean acreditados documentalmente, os cursos que non acrediten as horas de duración, os cursos inferiores a 18 horas lectivas, os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares e aqueles que teñan data posterior á de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

3. Unha vez rematado o proceso de valoración dos méritos das persoas solicitantes, a comisión de valoración confeccionará a lista provisional de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor puntuación. Esta lista provisional expoñerase no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral e na páxina web da Cooperación Galega http://www.cooperaciongalega.org

4. Abrirase un prazo de 3 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da lista provisional, co fin de realizar consultas e reclamacións sobre esta. Seguidamente, a comisión de valoración resolverá as reclamacións e, a seguir, expoñerase a lista definitiva de posibles bolseiros/as, nos mesmos lugares e forma citados anteriormente, xunto coa puntuación mínima para acceder á entrevista.

5. Entrevista persoal.

A comisión realizará unha entrevista persoal presencial cos/coas aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos/das candidatos/as, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista.

Na entrevista valoraranse as aptitudes e actitudes persoais dos/as aspirantes para a realización das actividades que se vaian desenvolver, o coñecemento dos temas de cooperación, a súa motivación e iniciativa, así como a facilidade de expresión oral, podendo, se é o caso, incluír unha proba de aptitude psicolóxica. A devandita entrevista será valorada de 0 a 10 puntos, e será necesario para poder acceder a unha das bolsas convocadas acadar unha puntuación mínima de 4 puntos nela.

A comisión facilitará aos/ás aspirantes antes da realización da entrevista os criterios específicos que se avaliarán nela.

6. A comisión valorará, unha vez realizada a entrevista e tendo en conta a formación e o perfil dos/as aspirantes e o coñecemento dos idiomas dos países en que o español non sexa a lingua predominante, a idoneidade de cada un/unha dos/as candidatos/as en función dos destinos propostos.

7. No caso de empate, terá preferencia a solicitude con maior puntuación na alínea a) do baremo e en segundo lugar a de maior puntuación na alínea f). De persistir o empate resolverase atendendo á data de presentación da solicitude e, de ser a mesma, a preferencia será polo/a candidato/a de maior idade.

8. A comisión emitirá un informe coa relación de persoas propostas entre os/as aspirantes que acaden unha maior puntuación, indicando os destinos propostos para cada unha delas, que se fará pública mediante a inserción no taboleiro de anuncios e na páxina web http://www.cooperaciongalega.org. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polas persoas solicitantes valoradas cun mínimo de 4 puntos na fase de entrevista, segundo orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos/as adxudicatarios/as.

9. O órgano instrutor, de acordo co informe elevado pola comisión de valoración, elaborará a proposta de resolución e elevaraa, pola súa vez, ao órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que ditará resolución, de acordo co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Segundo o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os catro meses, contados a partir da publicación desta convocatoria. As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado anteriormente.

11. No suposto de que as persoas adxudicatarias non acepten a bolsa, ou renuncien unha vez aceptada, esta poderá ser adxudicada ao/á seguinte aspirante que figure na listaxe de reserva en función da súa puntuación, procedéndose do mesmo xeito no caso de renuncias sucesivas.

12. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Sexta. Publicidade, aceptación, renuncia e reintegro

1. A resolución de concesión das bolsas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web http://www.cooperaciongalega.org, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as delas.

2. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos/as beneficiarios/as, estes/as deberán comunicar á Dirección Xeral no prazo máximo de dez días a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, achegarán certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa, certificado médico oficial e acreditación de dispoñer da cobertura asistencial segundo o sinalado na base cuarta, punto dous. Transcorridos os dez días, se os/as beneficiarios/as non se manifestan en ningún sentido, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A renuncia durante a vixencia da bolsa, que deberá comunicarse mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea con, polo menos, un mes de antelación á data en que desexa facela efectiva, dará lugar á devolución das cantidades percibidas, salvo causas xustificadas debidamente acreditadas e aceptadas polo órgano concedente da bolsa e determinará, en todo caso, a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

Sétima. Natureza xurídica da relación

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e o/a beneficiario/a, sen prexuízo da alta no réxime xeral da Seguridade Social de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Oitava. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, tras a correspondente certificación da Dirección Xeral do bo aproveitamento das prácticas, de acordo coa emitida polo/a responsable do proxecto a que está adscrito o/a bolseiro/a.

No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, o/a bolseiro/a percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

Novena. Causas de extinción e revogación da bolsa

1. A condición de bolseiro/a extínguese por:

– Expiración do período de duración da bolsa.

– Renuncia.

– Enfermidade ou accidente que o/a incapacite para o desenvolvemento das tarefas obxecto da bolsa de formación.

2. Darán lugar á revogación da bolsa, sen prexuízo das causas xerais establecidas na normativa de axudas públicas, logo de instrución de procedemento contraditorio:

– O incumprimento por parte do/a bolseiro/a das obrigas relacionadas na base cuarta, contraídas coa aceptación da bolsa.

– A ausencia inxustificada.

– A obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou destinala para finalidades distintas para a que foi concedida.

3. A revogación da bolsa obrigará o/a beneficiario/a, no seu caso, ao reintegro das cantidades percibidas, incluídos os xuros de demora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto na normativa de aplicación.

Décima. Información aos órganos fiscalizadores

Os/as beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décima primeira. Cláusula xeral. Modificación das condicións. Incompatibilidades

1. A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Estas bolsas son incompatibles co desfrute doutras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos ou premios).

Décima segunda. Notificacións e requirimentos

De conformidade co disposto no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos/ás interesados/as farase a través do taboleiro de anuncios da Dirección Xeral e da páxina web http://www.cooperaciongalega.org. Esta forma de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución de concesión ao/á beneficiario/a, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1 da Lei 30/1992.

Décimo terceira. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producira o acto presunto.

Décimo cuarta. Memoria final

No prazo máximo dun mes desde a finalización do período de formación, as persoas bolseiras presentarán á Dirección Xeral unha memoria detallada co resumo das actividades realizadas no seu destino, así como unha certificación do/a responsable do proxecto de que se trate, do/a coordinador/a xeral da OTC ou do/a responsable da oficina do organismo correspondente, que será avaliada pola Dirección Xeral, e expedirase, de ser as ditas actividades avaliadas positivamente, un certificado acreditativo do bo aproveitamento do período formativo, con indicación da súa duración.

missing image file
missing image file
missing image file