Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 22 de xullo de 2014 Páx. 31994

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 88/2014, do 3 de xullo, polo que se regula o sistema de substitución de sancións impostas por incumprimento da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e se establecen os criterios básicos dos programas preventivos que dela derivan.

O artigo 3.15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, define a saúde pública como o conxunto de iniciativas, actividades e servizos organizados polas administracións públicas para mellorar a saúde da poboación mediante intervencións colectivas ou sociais, que teñen por obxectivo a identificación e modificación, se é o caso, dos factores protectores e de risco para a saúde que evitan ou condicionan a aparición de morbilidade, mortalidade prematura e discapacidade.

A Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, enmárcase no contexto das políticas de saúde pública que as administracións públicas deben promover e completar con programas de prevención e control, segundo o mandato especificado no seu articulado.

Así, a citada Lei 11/2010, do 17 de decembro, no seu título II, establece os instrumentos de intervención para garantir as actuacións en materia de prevención do consumo en menores de idade e nos artigos 28 e 29, do seu capítulo III, recolle a posibilidade de substitución das sancións impostas derivadas de infraccións leves ou graves, pola realización de traballos ou actividades en beneficio da comunidade. Especificamente, no número 2 do artigo 28, aconséllase que cando a persoa sancionada sexa menor de idade prevaleza a substitución da sanción económica imposta, pola súa inclusión en programas preventivos de carácter formativo ou informativo, ou de tratamento, recordando a conveniencia de que iso non interfira nas súas actividades escolares comúns. Con tal fin, empraza a Administración autonómica a desenvolver regulamentariamente os criterios básicos de programas preventivos que consistirán na realización de servizos á comunidade e/ou cursos formativos de comportamento e concienciación sobre o consumo de alcohol.

Tendo en conta o anterior, este decreto regula o sistema de substitución das sancións impostas, tendo como obxecto desenvolver o especificado nos citados artigos 28 e 29 da Lei 11/2010, do 17 de decembro.

Na súa virtude, de conformidade co establecido artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xullo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular o sistema de substitución das sancións impostas pola comisión de infraccións administrativas tipificadas como leves ou graves na Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, así como establecer os criterios básicos dos programas preventivos de substitución que dela derivan.

Artigo 2. Supostos de aplicación

Os órganos aos que a Lei 11/2010, do 17 de decembro, lles atribúe no seu artigo 30 a competencia para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves ou graves, poderán dispoñer a substitución destas, polas seguintes medidas alternativas:

a) Ás persoas maiores de idade, por traballos ou actividades en beneficio da comunidade cando así sexa solicitado polo infractor ou polo seu representante legal.

b) Ás persoas menores de idade, pola realización de traballos ou actividades en beneficio da comunidade e/ou pola realización de programas preventivos de carácter formativo ou informativo, ou de tratamento, logo de solicitude do/da menor e coñecemento e aceptación dos seus pais, nais, titores/as ou gardadores/as legais e coa compatibilidade coas actividades escolares ou laborais.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Calquera persoa sancionada en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia pola comisión dalgunha infracción recollida na Lei 11/2010, do 17 de decembro, como leve ou grave, poderá solicitar a substitución da sanción pola realización das actividades a que se refire o artigo anterior, de conformidade co procedemento previsto no presente decreto.

2. Os/as representantes legais das persoas menores de idade sancionadas ao abeiro da Lei 11/2010, do 17 de decembro, poderán participar nas actividades formativas e de concienciación sobre o consumo de alcohol substitutivas da sanción.

Artigo 4. Principio de colaboración institucional

1. As administracións competentes e as institucións, organizacións non gobernamentais ou asociacións sectoriais ou comunitarias, que desenvolvan a súa actividade no respectivo ámbito territorial, establecerán mecanismos de colaboración e cooperación mediante os cales se poida canalizar a realización das actividades substitutivas a que se refire o artigo anterior, tal e como se prevé nos artigos 4.b) e 39 da Lei 11/2010, do 17 de decembro.

2. De conformidade co mesmo principio, procurarase que a persoa sancionada cumpra as medidas ou realice as actividades substitutivas no seu concello de residencia, independentemente do lugar onde fose cometida a infracción. Neste caso, o concello de residencia poderá facerse cargo de tutelar as actividades substitutivas, comunicando ao órgano sancionador a súa aceptación.

Artigo 5. Obxectivos

Os obxectivos que se perseguen cos programas preventivos de substitución, cuxos criterios básicos regula o presente decreto, son os seguintes:

1. A prevención do consumo de alcohol en menores de idade, mediante actividades de tipo preventivo-formativo, tendo en conta as características psicoevolutivas propias da idade do suxeito sancionado, e as variables socio-ambientais que en tal conduta conflúen.

2. A singularización e individualización da medida substitutiva, en prol de lograr unha maior efectividade preventiva.

3. A orientación preferente ao carácter educativo e reparador da substitución da sanción imposta.

4. A implicación dos pais, nais e persoas que exerzan a titoría ou garda legal, na modelaxe e recondución da conduta dos/das seus/súas representados/as menores de idade, ofertándolles a información, o apoio e a axuda que, para iso, sexan necesarios.

5. A implicación na prevención do consumo de bebidas alcohólicas do maior número de institucións e organizacións sociocomunitarias existentes no contorno.

6. O valor exemplificante das sancións impostas salvagardando sempre a dignidade e a identidade da persoa sancionada no seu ámbito comunitario.

7. A contribución a aumentar a percepción social do risco asociado ao consumo de alcohol, tanto a nivel xeral da sociedade galega coma especialmente na mocidade.

8. A oferta de oportunidades de cambio e desenvolvemento persoal ás persoas sancionadas, facilitándolles a posibilidade de se enfrontaren a tarefas e metas solidarias que axuden a visualizar novos horizontes e valores que permitan dar, mediante a reflexión e a realización de actividades altruístas, novas e diferentes perspectivas á súa existencia.

Artigo 6. Réxime xeral da substitución de sancións

1. A persoa menor de idade sancionada por infraccións leves ou graves tipificadas na Lei 11/2010, do 17 de decembro, poderá, con autorización dos/das seus/súas representantes legais, solicitarlle ao órgano sancionador a substitución da sanción imposta, de acordo co especificado no artigo 28 da dita lei.

2. Aínda que a substitución de sancións só se pode solicitar unha vez, no suposto de que o sancionado sexa un menor de idade, é posible a acumulación de sancións para os efectos de substitución cando, iniciado o procedemento de substitución da primeira sanción imposta e non tendo rematado este, a persoa menor de idade fose novamente sancionada por infraccións cometidas con anterioridade á imposición da primeira sanción; neste caso, poderá substituír a totalidade das sancións impostas, ata ese momento, ampliando a duración do programa conforme o criterio de equivalencia establecido no artigo 7 do presente decreto.

3. Fóra dos casos anteriores, calquera persoa menor de idade poderá volver voluntariamente a acceder aos servizos de prevención, se así o desexa el/ela ou os seus pais, nais, titores/as ou gardadores/as legais, pero sen o beneficio indicado anteriormente.

4. Solicitada a inclusión nun programa de substitución, aquelas persoas menores de idade que teñan xa instaurado un patrón de consumo ou policonsumo que evidencie a existencia de dependencia, poderán ver igualmente substituída a sanción que lle sexa imposta, se acepta de seu, ou a través da persoa que o represente legalmente, ingresar nun programa de tratamento de deshabituación nalgún centro acreditado. Esta situación deberá xustificarse mediante informe dun psicólogo con formación en trastornos adictivos ou médico, onde conste a unidade, centro, servizo ou establecemento debidamente acreditado en que se realice o programa de tratamento.

5. A persoa maior de idade sancionada pola comisión de infraccións leves ou graves tipificadas na Lei 11/2010, do 17 de decembro, poderá solicitar ao órgano sancionador a substitución da sanción imposta pola realización de traballos ou actividades en beneficio da comunidade.

6. As solicitudes formuladas só se poderán denegar cando concorran circunstancias obxectivas ou criterios técnicos debidamente motivados que xustifiquen a exclusión ou improcedencia da medida substitutiva.

Artigo 7. Criterio de equivalencia

De conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, cada hora de medida substitutiva, incluído o traballo comunitario ou social, equivalerá ao importe de vinte euros (20 €) de multa. O límite máximo da duración conxunta da tarefa substitutiva e dos cursos formativos de comportamento e concienciación sobre o consumo de alcohol non excederá, en ningún caso, as 300 horas.

Artigo 8. Procedemento de substitución

1. Para os casos en que proceda a substitución da infracción de acordo co previsto no artigo 28 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, na notificación da sanción farase mención expresa da posibilidade de que a persoa infractora ou o/a seu/súa representante legal soliciten a substitución da sanción.

2. O procedemento iniciarase sempre por instancia da persoa infractora ou da persoa que legalmente a represente, mediante solicitude ao órgano sancionador para que acorde, se é o caso, a substitución da sanción imposta polas medidas establecidas na Lei 11/2010, do 17 de decembro, de conformidade co previsto no presente decreto.

3. O prazo máximo de presentación da solicitude será de dez días a partir da notificación da sanción.

4. O órgano sancionador ditará o acordo de procedencia, ou non, de substitución da sanción imposta nun prazo máximo de quince días, contados a partir da entrada da solicitude no órgano competente para resolver. De non se emitir a resolución no prazo indicado, entenderase estimada a solicitude de substitución formulada.

5. O acordo de procedencia da substitución da sanción levará consigo a suspensión do prazo de prescrición da sanción polo tempo de duración da medida substitutiva.

6. O acordo deberá ser aceptado formalmente pola persoa infractora nun prazo máximo de dez días contados desde a data da súa notificación.

Artigo 9. Desenvolvemento da actividade substitutiva

1. Durante o tempo de duración da medida substitutiva, a autoridade competente, directamente ou a través da organización que teña ao seu cargo a responsabilidade das actividades, poderá solicitar información sobre o desenvolvemento destas para os efectos de efectuar o seguimento oportuno das asistencias ou dos resultados das tarefas que se lle impuxesen á persoa sancionada.

2. Cando da información facilitada resulte que a persoa sancionada non cumpre coas tarefas asignadas, non participa nas actividades prescritas, se constate unha manifesta falta de cumprimento nos obxectivos inherentes a aquelas, as abandone ou as rexeite, procederá a execución da multa imposta de conformidade co previsto no artigo 28.4 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, logo de audiencia da persoa interesada.

3. Cando da información solicitada resulte acreditado que a persoa infractora cumpriu satisfactoriamente o seu compromiso, a autoridade competente acordará a remisión da sanción ou sancións impostas.

Artigo 10. Desenvolvemento do procedemento de substitución e da actividade substitutiva ou programa de substitutivo en menores de idade

Para os casos en que proceda a substitución de sancións por infraccións cometidas por persoas menores de idade previstas no artigo 28 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, e, unha vez aprobada a solicitude correspondente, o procedemento que seguirá o órgano competente para resolvela constará de tres fases:

a) Fase inicial.

b) Fase intermedia ou de cumprimento.

c) Fase de avaliación e finalización.

Artigo 11. Fase inicial

1. Iniciado o procedemento de substitución, o órgano sancionador comunicaralle á persoa solicitante, ou á persoa que a represente legalmente, cal é o organismo, institución ou entidade encargada da tutela da substitución. Esta, tras entrevistar o solicitante, deberá emitir informe, favorable ou non, cara á súa inclusión nun plan de substitución da sanción imposta, axustándose ao modelo que consta no anexo I deste decreto.

2. A incomparecencia inxustificada á entrevista así como o rexeitamento da persoa sancionada, ou da persoa que a represente legalmente, do programa proposto, implicará a execución da sanción imposta.

3. O informe da entrevista coa proposta efectuada e o escrito de consentimento informado aceptando a medida substitutiva, asinado pola persoa solicitante da substitución e os/as seus/súas representantes legais no caso de menores de idade, comunicaránselle ao órgano sancionador que poderá manifestar os reparos que considere pertinentes en caso de que se incumpra algún dos requisitos previstos normativamente para a substitución.

4. Tendo en conta o anterior, o órgano sancionador acordará se procede ou non a substitución da sanción imposta nun prazo máximo de quince días, contados a partir da entrada da solicitude no órgano competente para resolver.

5. O acordo de procedencia da substitución da sanción levará consigo a suspensión do prazo de prescrición da sanción polo tempo de duración da medida substitutiva, así como a suspensión da súa execución.

6. O acordo seralle notificado a persoa solicitante e ao órgano da consellería competente en materia de sanidade que teña atribuído o exercicio das funcións en materia de trastornos adictivos e programas de fomento de estilos de vida saudables.

7. De non se emitir a resolución no prazo indicado, entenderase estimada a solicitude de substitución formulada.

Artigo 12. Fase intermedia ou de cumprimento

1. Esta fase componse de tres elementos ou accións:

a) Entrevista motivacional.

b) Acción informativa/formativa sensibilizadora e de reflexión sobre consumo de alcohol.

c) Actividades de interese comunitario.

2. Na execución das accións previstas no punto anterior deberán respectarse os criterios básicos establecidos nos anexos II, III e IV do presente decreto.

3. O rexeitamento, ou abandono total ou parcial das tarefas encomendadas ou a non comparecencia inxustificada en calquera das actividades comportará a exclusión deste programa de substitución e a execución da sanción imposta, logo de audiencia da persoa interesada.

Artigo 13. Fase de avaliación e finalización

1. Realizada a actividade ou programa substitutivo, a persoa coordinadora ou responsable deste emitirá informe sobre o cumprimento dos obxectivos e actividades propostas, e remitirao ao órgano sancionador. En caso de que o informe fose desfavorable, deberá concretar os motivos ou incidencias que fundamenten tal parecer.

2. Recibido o informe e acreditado que a persoa infractora cumpriu satisfactoriamente o seu compromiso, o órgano sancionador acordará a remisión da sanción ou sancións impostas.

3. En caso de incumprimento total ou parcial da medida substitutiva, o órgano sancionador acordará a execución da sanción inicialmente imposta, salvo causa de forza maior debidamente acreditada, de conformidade co previsto no artigo 29.5 da Lei 11/2010, do 17 de decembro.

Artigo 14. Sistema de información

Co fin de cumprir o establecido no artigo 17 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, o órgano sancionador deberá remitir, coa periodicidade que se determine, a información que lle demande a consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade poderán solicitar a información individualizada para a valoración das infraccións que, por contía, lles corresponda resolver.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO II
Criterios técnicos básicos para a realización da entrevista motivacional regulada
no artigo 12 do presente decreto

a) Será realizada, polo/pola coordinador/a do programa, profesional responsable a cargo do proceso de substitución. Para isto, debe estar previamente informado/a e familiarizado/a coa oferta de recursos sociais e comunitarios existentes no concello onde o/a menor realice a actividade substitutiva.

b) A entrevista terá unha función informativa, motivacional e de valoración/orientación.

c) Entre os seus obxectivos estará establecer lazos de empatía e comunicación entre o/a sancionado/a e o/a entrevistador/a.

d) No caso de persoas menores de idade, terá que establecer igualmente eses lazos coas persoas proxenitoras ou responsables legais, desdramatizando a situación e reconducíndoa a unha valoración ponderada e xusta. Deberá formularse a sanción e a substitución desta, como unha medida educativa e reeducadora, como unha «ocasión para educar» que require o apoio e colaboración de todos/as.

e) O/a entrevistador/a deberá avaliar os factores de risco e protección fronte ao consumo en cada caso avaliado e poderá ofertar a derivación do suxeito aos/ás profesionais ou organismos pertinentes, se así o require o caso: centros educativos, sanitarios, actividades de ocio, deportivas, de asociación, etc., tratando de dar en cada caso a mellor orientación personalizada e singularizada posible en función dos recursos a que se poida acceder.

f) Poderá ofertarse aos pais, nais, titores/as ou gardadores/as legais, recursos formativos e de apoio existentes no ámbito municipal ou comunitario que axuden a comprender, mellorar e intervir correctamente en problemas relacionados coa educación dos/das seus/súas fillos/as.

g) O resultado final da entrevista motivacional é personalizar, individualizar a actividade que se lle asigne ao/á sancionado/a, así como a duración e o tempo que lle dedicará a cada unha, que deberá reflectirse nun documento de conformidade asinado por ambas as dúas partes. No caso dunha persoa menor de idade, ten que ser asinado por todas as partes: a persoa responsable da entrevista, o/a menor e o seu pai, nai ou representantes legais. O documento ten que recoller a totalidade dos datos sobre os compromisos consensuados, a confidencialidade inherente ao proceso, e detallará o vínculo non laboral que existirá entre persoa menor e o centro onde se redima da sanción.

h) O/a entrevistador/a que realice esta valoración, será, preferentemente, o/a coordinador/a responsable encargado de realizar o seguimento de todo o proceso.

ANEXO III
Criterios técnicos básicos para a realización da actividade informativa/formativa sensibilizadora e de reflexión sobre consumo de alcohol, regulada no artigo 12
do presente decreto

a) Será obrigatoria a asistencia do/da sancionado/a a unha sesión de catro horas de duración mínima con formato de foro-debate en número non superior a 25 persoas, onde se traballará sobre o consumo do alcohol, os seus riscos, causas, consecuencias, implicacións legais, alternativas de ocio, etc. Nela fomentarase a participación e interactividade das persoas asistentes e deberá ser moderada preferiblemente polo/a mesmo/a profesional que realizou a valoración dos/das asistentes, observando as intervencións das persoas avaliadas.

O obxectivo básico e fundamental desta sesión é incrementar a percepción do risco sobre o consumo de alcohol entre a mocidade e promover a adopción de opcións persoais e grupais encamiñadas á prevención do consumo de bebidas alcohólicas tanto na sociedade galega en xeral, como máis especificamente, na mocidade.

É importante entre os/as relatores/as a presenza de profesionais relacionados con este tipo de problemas (policía local, autonómica ou garda civil, persoal sanitario que avale os riscos para a saúde, un/unha docente, unha vítima ou un/unha familiar de vítima dun accidente de tráfico, asociacións de exalcohólicos/as, etc.), así como profesionais que informen sobre as implicacións legais do incumprimento da lei.

b) Perseguirase posibilitar a reflexión sobre a conduta obxecto da sanción, a través da observación de profesionais expertos/as no tema e de persoas cuxa vida resultou afectada polo seu consumo, así como as posibles consecuencias dunha reincidencia tanto a nivel legal, social, de saúde, etc.

ANEXO IV
Criterios técnicos básicos para a realización das actividades de interese comunitario, regulada no artigo 12 do presente decreto

a) Consistirán na realización efectiva de traballos ou actividades en beneficio da comunidade, con supervisión e seguimento dos profesionais responsables designados.

Serán acordadas durante a entrevista motivacional, e asignadas en horario compatible coas actividades escolares ou laborais. Unha vez concluído o período previsto, o/a menor pode continuar desenvolvendo a actividade realizada, se así o desexa, en coherencia co propósito reiterado pola Xunta de Galicia de promover o asociacionismo e o voluntariado na mocidade galega.

b) A tutela do/da menor e das súas actividades corresponderá ao/á profesional responsable de coordinar o proceso, e supervisado/a por alguén con responsabilidade na institución elixida, e que en todo momento informará o/a coordinador/a co obxecto de modificar ou corrixir o cumprimento observado. O/a titor/a deberá fomentar a proximidade e ter doada e continua accesibilidade para ao/á mozo/a. Tamén estar informado/a do comportamento e actitudes do/da mozo/a no desempeño das súas tarefas.

c) O abandono das tarefas encomendadas total ou parcialmente, sen causa xustificada, anula totalmente o proceso de substitución, e entenderase como incumprimento do compromiso asinado e como unha renuncia explícita á solicitude de substitución formulada pola persoa sancionada, xerando que a sanción se faga efectiva integramente, mediante a emisión de tal proposta contida en informe técnico previo, de carácter preceptivo, polo/pola coordinador/a responsable.

d) Poderanse acordar actividades de colaboración no propio centro escolar onde o/a menor se encontre escolarizado/a, sendo estas previamente negociadas co departamento de orientación e a dirección. Nalgún caso pódese acordar unha mellora da actitude ou o rendemento académico, colaborar con ONG con actividades sociais, actividades deportivas, cursos de primeiros auxilios, compromisos coa familia, etc.

missing image file