Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 13 de agosto de 2014 Páx. 34854

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de agosto de 2014 pola que se convocan novamente para o ano 2014 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

O pasado 24 de xaneiro de 2014 publicouse a orde de axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 para o ano 2014, a cal se dotou dun total de 100.000 euros para a aprobación das solicitudes. Dado o número de solicitudes e que actualmente se dispón dun orzamento maior, cómpre convocar de novo para este ano estas axudas no marco deste programa.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2014 novamente a liña de axuda en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia (procedemento MR351A).

2. A dita liña de axuda está establecida na Orde do 19 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 82, do 29 de abril de 2013).

3. Esta axuda ten como finalidade:

a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

4. As solicitudes desta axuda tramitaranse de acordo coa presente orde e coas bases reguladoras da Orde do 19 de abril de 2013.

Artigo 2. Beneficiarios e investimentos elixibles

1. Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:

a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (en diante CUMA), sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro) de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.

b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.

c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.

2. Os investimentos elixibles son os que figuran no artigo 4 das bases reguladoras. No caso das solicitudes a que fai referencia a disposición adicional segunda desta orde, poderán ser elixibles os investimentos que se realicen con data de gasto e pagamento posterior á data inicial de solicitude, e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

3. Non se concederán axudas ás entidades beneficiarias das axudas convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOG nº 16, do 24 de xaneiro de 2014).

Artigo 3. Requisitos dos beneficiarios

1. Requisitos comúns a todas as entidades.

a) Cumprir os requisitos para ser beneficiario recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Con carácter xeral, o número mínimo de socios da entidade solicitante será de:

i) Seis socios nas CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario e cooperativas agrarias. Naquelas entidades en que estea xustificado por razóns do seu especial interese social, o número de socios poderá ser igual a 4.

ii) Catro socios nas cooperativas de explotación comunitaria da terra e tres socios nas SAT procedentes de fusión.

iii) Sete socios no caso de entidades con personalidade xurídica propia e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade.

iv) Se se producir a baixa dun socio nos termos descritos no artigo 20 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a entidade beneficiaria estará obrigada a substituílo no prazo máximo dun ano sempre que o número quedase por baixo do mínimo estipulado nas alíneas anteriores.

c) Xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos. As entidades beneficiarias non poden vender, doar nin ceder en uso os bens obxecto de subvención antes de cinco anos desde a súa adquisición ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

d) Toda a maquinaria propiedade das entidades beneficiarias é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións. Para favorecer unha maior eficiencia na súa utilización, poderase compartir a maquinaria entre varias entidades que subscriban entre si acordos de cooperación e/ou servizos a terceiros, sempre que non superen o 50 % do total das actividades realizadas, de acordo co estipulado no artigo 111.7 da Lei de cooperativas de Galicia.

e) As CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común e as cooperativas agrarias recollidas no artigo 2.1.a) e b), están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

f) A maquinaria obxecto de axuda deberá estar, en todo caso, inscrita no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculada cando a tipoloxía da máquina o requira.

g) No caso de investimentos vinculados á fase de produción agraria non inscritibles no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

h) As entidades beneficiarias non terán a consideración de empresa en crise; no caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02); no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

i) En ningún caso se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal. En todo caso, para verificar o cumprimento destes requisitos, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non se encontraren en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

j) Ademais, deberán cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo ás axudas Feader. Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate e levarase a cabo no momento de presentación da solicitude de pagamento.

k) Tamén deberán comprometerse a non allear a máquina ou o equipamento agrario para o cal se solicitou a axuda durante un período de cinco anos a partir da súa adquisición. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos no Regulamento (EU) 937/2012, polo que se modifica o texto do artigo 5, número 2, do Regulamento (EU) 65/2011, no cal se establece que os intereses se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pago para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en mais de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

2. Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario:

a) Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais, agás que por razóns do seu especial interese social, estea xustificado non ter en conta esta limitación.

b) Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de 5 anos, exceptuando os supostos de baixa xustificada previstos nos seus estatutos.

c) As entidades deberán establecer no seu Regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de carácter funcional.

d) Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda por un período mínimo de 5 anos, nos termos establecidos e asinados no RRI.

3. Requisitos específicos para as cooperativas agrarias.

a) As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.

b) Deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e das normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.

c) Deberán acreditar un importe neto da cifra de negocio anual de polo menos 500.000 €, agás que por razóns do seu especial interese social estea xustificado non ter en conta este requisito.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á «Carpeta do cidadán» da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación común que se debe presentar

1. Para solicitar esta axuda presentarase a seguinte documentación:

a) Anexo I.

b) Anexo II (certificación do acordo de solicitude de subvención).

c) Anexo III (certificación dos compromisos e obrigas exixidos na orde).

d) Anexo IV (declaración dos compromisos dos socios).

2. Copia cotexada do NIF da entidade solicitante. Tamén deberán presentar copia cotexada do DNI do representante só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para consulta de datos do DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

3. No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axuda, copia cotexada da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Así mesmo nas entidades que xa presentasen solicitude de axuda noutras convocatorias, deberán presentar os estatutos se foron modificados.

4. Copia da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia cotexada do impreso de alta no censo de actividades económicas.

5. Copia do balance, conta de resultados e do TC2 da empresa do último exercicio, debidamente cotexados.

6. Memoria xustificativa asinada polo presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa, como mínimo, e na mesmo orde, os seguintes puntos:

a) Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc.

b) Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo NIF, enderezo e condición de socio ou non socio.

7. Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou un equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, o cal se acreditará documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

a) Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.

b) Descrición técnica.

c) Carga de traballo prevista.

d) Rendementos previstos.

e) Orzamento desagregado.

f) Custos horarios.

g) Financiamento previsto.

h) Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.

8. No caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes de fusión, deberán presentar a relación das explotacións participantes na fusión e certificado acreditativo da súa titularidade.

9. En todos os casos o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 24.2 do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

10. Non obstante o disposto no punto anterior, a presentación dentro do prazo establecido nesta orde da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

– O anexo I, completamente cuberto.

– Descrición detallada dos investimentos que se van realizar.

11. A falta de calquera desta documentación determinará a inadmisibilidade da solicitude.

Artigo 6. Documentación específica que presentarán as CUMA ou SAT que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e cooperativas agrarias

As CUMA ou SAT que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e cooperativas agrarias, adicionalmente deberán presentar a seguinte documentación:

1) Copia cotexada do acordo asembleario en que se aprobe o Regulamento de réxime interno (RRI).

2) As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores deberán presentar:

a) Copia cotexada do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión dela, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.

b) Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.

3) No caso de CUMAS e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e agroforestal e que sexan de nova creación, xustificación acreditativa de que máis do 50 % dos socios que utilizan os servizos obxecto de axuda son agricultores profesionais, mediante algún dos seguintes documentos:

a) Certificado de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

b) No caso de non dispor da cualificación como prioritaria, fotocopia cotexada da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou doutras acreditadas coa presentación do informe de vida laboral.

c) Quedan exceptuadas as entidades en que estea xustificado non ter en conta este requisito, por razón do seu especial interese social, segundo a definición do punto 5 do artigo 2 das bases reguladoras.

4) As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no cal se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

5) Nas CUMA e SAT os socios deberán presentar un documento de compromiso, asinado polo interesado, de utilización dos bens obxecto da axuda por un período mínimo de cinco anos desde a data de concesión da axuda, segundo o anexo IV.

6) No caso de investimentos en maquinaria e equipamento non inscritible no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinadas nos artigos 5 e 6, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 9. Contía económica das axudas

1. No caso das CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria, indicadas no artigo 2.1.a) desta orde, a porcentaxe de axuda será de ata o 40 % segundo se localice a entidade beneficiaria en zona ordinaria, e do 50 % en zonas desfavorecidas ou de montaña, ata un máximo de subvención de 100.000 euros, segundo o investimento elixible. No caso de estudos técnico-económicos, de viabilidade a subvención máxima será de 1.500 euros.

2. No caso das cooperativas agrarias recollidas no artigo 2.1.b) desta orde, a porcentaxe de axuda será de ata o 35 % segundo se localice a entidade beneficiaria en zona ordinaria, e do 45 % en zonas desfavorecidas ou de montaña, ata un máximo de subvención de 100.000 euros, segundo o investimento elixible. No caso de estudos técnico-económicos, de viabilidade, a subvención máxima será de 1.500 euros.

3. No caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT recollidas no artigo 2.1.c) desta orde, a porcentaxe de axuda será de ata o 35 % segundo se localice a entidade beneficiaria en zona ordinaria, e do 45 % en zonas desfavorecidas ou de montaña, ata un máximo de subvención de 20.000 euros, por explotación fusionada. No caso de estudos técnico-económicos de viabilidade, a subvención máxima será de 600 euros.

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes e desempate

Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

Para a selección das peticións que se aprobasen, teranse en conta os seguintes criterios:

1) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

a) Cooperativa agraria con sección específica de maquinaria ou CUMA: 6 puntos.

b) Cooperativa agraria con servizo de maquinaria: 5 puntos.

c) SAT que teña por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria agrícola en común: 4 puntos.

d) SAT procedente de fusión ou cooperativa de explotación comunitaria da terra: 3 puntos.

e) Outras entidades con personalidade xurídica propia: 1 punto.

2) Atendendo á súa actividade:

a) Subsector agrario especialmente sensible: 3 puntos.

b) Outros subsectores non sensibles: 1 punto.

3) Atendendo á porcentaxe de mulleres que integren o consello reitor da entidade solicitante:

a) Do 40 % ao 50 %: 1 punto.

b) > 50 %: 3 puntos.

4) Atendendo ás solicitudes de axuda presentadas nos últimos anos:

a) Aquelas entidades que non presentaron ou non se lles concedeu unha axuda con cargo á Orde do 19 de abril de 2013 (DOG nº 82, do 29 de abril) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013, 3 puntos.

b) Aquelas entidades que non presentaron ou non se lles concedeu unha axuda con cargo á Orde do 23 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012, 2 puntos.

c) Aquelas entidades que non presentaron ou ás cales non se concedeu unha axuda con cargo á Orde do 10 de febreiro de 2011 (DOG nº 32, do 16 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, e se convocan para o ano 2011, 1 punto.

2. En caso de igualdade na aplicación do baremo, que se establece no artigo 13 da Orde do 19 de abril, concederase axuda ao solicitante que non recibise unha subvención regulada pola Orde do 19 de abril de 2013 (DOG do 29 de abril) sobre as axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia. Se aínda persiste o empate, terase en conta en segundo lugar a maior puntuación obtida no criterio de valoración referente á tipoloxía da entidade solicitante e, por último, se aínda continúa o empate, terase en conta o maior número de socios da entidade asociativa.

Artigo 11. Tramitación, condicións e resolución

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do procedemento corresponderá ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

2. As condicións de concesión son as establecidas na orde de bases.

3. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 2 meses desde a publicación desta orde.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos. Ademais, na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados, así como que a operación é cofinanciada polo Feader, dentro do eixe prioritario 1, de mellora da competitividade do sector agrario e forestal de Galicia.

Artigo 12. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 13. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader, e informarase tamén os beneficiarios do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

2. Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 e 500.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa ou un panel publicitario, respectivamente, na cal figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema do Feader «Europa inviste no rural».

3. Así mesmo, neste senso deberase tamén cumprir o establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Prazo de xustificación e solicitude de pagamento da subvención

1. Para esta convocatoria, a xustificación dos investimentos subvencionados, que figura no parágrafo 4 do artigo 22 da Orde do 19 de abril de 2013, deberase realizar ata o 31 de outubro de 2014, inclusive.

2. Para efectuar o pagamento da axuda concedida, é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Comunicación de realización dos investimentos, segundo o modelo do anexo VI.

b) Solicitude de pagamento segundo o modelo do anexo VII.

c) Os xustificantes de gastos, que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de setembro). No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «Cofinanciado con fondos comunitarios». Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento orixinal ou cotexado que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. Non se admitirán procedementos de financiamento mediante leasing ou renting.

d) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo o artigo 12 alínea d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, segundo o modelo do anexo V.

f) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

Artigo 15. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 75 %, efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

– Aplicación orzamentaria 12-22-712C-7700 código de proxecto 2007-00425, importe para o ano 2014 en un millón setecentos corenta e dous mil trescentos setenta e cinco euros con sete céntimos (1.742.375,07 €).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Disposición adicional primeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 e no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, e nos regulamentos que o desenvolven, así como tamén no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Disposición adicional segunda

Os expedientes de axuda presentados ao abeiro da convocatoria establecida na Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOG nº 16, do 24 de xaneiro de 2014) respecto dos cales non se ditou resolución expresa de concesión da axuda poderanse ter en conta nesta convocatoria de 2014, sempre que a persoa interesada así o solicite expresamente no prazo establecido na convocatoria na solicitude normalizada, que cumpra co disposto nesta convocatoria e que non se realice ningún cambio de investimentos con respecto do solicitados inicialmente; no caso contrario, deberá presentar unha nova solicitude de axuda.

Disposición derradeira unica

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2014

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf
MR351AG.pdf