Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 20 de agosto de 2014 Páx. 35882

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2014 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) para o curso 2014/15.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Axencia Turismo está a levar adiante unha política de asistencia económica ás/aos estudantes do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (en diante CSHG), que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico dos/as estudantes que cursen as titulacións do CSHG.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Axencia Turismo de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

O obxecto desta resolución é a convocatoria de bolsas de matrícula, excelencia e rendemento, en réxime de concorrencia competitiva, para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), para o curso 2014/15.

Artigo 2. Clases e contías das axudas

As modalidades de axuda, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, alcanzarán unicamente unha parte porcentual dos prezos da matrícula en réxime externo da titulación que se matricule.

Segundo a contía, as bolsas distribúense da seguinte forma:

Bolsas tipo I: cobren aproximadamente o 80 % da matrícula en réxime externo.

Bolsas tipo II: cobren aproximadamente o 50 % da matrícula en réxime externo.

Segundo os requisitos académicos e económicos, as bolsas divídense en 3 grupos:

A. Bolsas de matrícula.

a) 4 bolsas tipo I para o 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

b) 6 bolsas tipo II para o 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

c) 2 bolsas tipo II para o 1º curso de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña.

d) 3 bolsas tipo II para o 4º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

B. Bolsas de excelencia.

4 bolsas tipo I para o 1º curso Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

C. Bolsas de alto rendemento.

a) 2 bolsas tipo II para o 2º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

b) 2 bolsas tipo II para o 3º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

Artigo 3. Solicitantes

Poderán solicitar esta axuda os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza nalgunha das titulacións do CSHG para o curso 2014/15.

Artigo 4. Requisitos xerais específicos

Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:

1. Ser español, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o propio estudante ou os seus sustentadores se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estancia.

2. Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.

3. Matricularse por primeira vez no curso para o que se pide a axuda.

4. Non ter en vigor unha axuda ou exención do CSHG.

5. Optar só por un tipo de bolsa (matrícula, excelencia ou alto rendemento).

Para ter dereito ás axudas de matrícula desta resolución serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Para as bolsas de 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas axudas.

b) Para as bolsas de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, acreditar ter superado o bacharelato (ou equivalente), ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores, antes de que remate o prazo de solicitude destas axudas.

c) Para as bolsas de 4º curso de Diploma Superior e necesario estar matriculado/a en 3º de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e superar o curso (a excepción do STAGE), na 1ª convocatoria.

d) Que a renda familiar non supere os límites de renda establecido nesta resolución.

Para ter dereito ás axudas de excelencia desta resolución serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 8 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas axudas.

Para ter dereito ás axudas de alto rendemento desta resolución serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a en 1º ou 2º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e superar o curso (a excepción do STAGE), cunha nota media en 1ª convocatoria de curso, igual ou superior nun 20 % á nota media da 1ª convocatoria do seu curso.

Artigo 5. Formalización e presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico info@cshg.es

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado TU200A) e documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada de documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vaian ser presentados por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A solicitude (anexo I, modelo normalizado TU200A) e documentación complementaria poderán presentalos en formato papel, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

En ambos os dous casos, xunto coa solicitude (anexo I) deberán achegar:

1. Para alumnos/as que inicien estudos no CSHG e soliciten bolsa de matrícula:

a) Copia do DNI/NIE do/a solicitante e dos membros da familia maiores de 14 anos, só no caso de que non se autorice a súa consulta.

b) Certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade, ou tarxeta da PAAU, que inclúa a nota media para os/as que se matriculen en diploma superior. Bacharelato (ou equivalente) para os que se matriculen en certificado.

c) Certificado municipal de empadroamento do/a solicitante e de todos os membros que compoñan a unidade familiar, só no caso de que non se autorice a súa consulta.

d) Certificacións de ingresos (IRPF/datos fiscais) de todos os membros da unidade familiar maiores de 18 anos, do ano 2013. A autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia dos ingresos, vai implícita coa presentación da solicitude, de conformidade co artigo 20.3 da Lei de subvencións e só se presentará no caso de que o solicitante ou os demais membros da unidade familiar deneguen expresamente o consentimento.

e) Certificacións catastrais literais de todos os membros da unidade familiar, só no caso de que non se autorice a súa consulta.

f) Copia do libro de familia.

Se procede para os casos que sexa necesario, incluír:

a) Xustificante de orfandade absoluta do/a solicitante.

b) Documentación acreditativa da independencia familiar e económica.

c) Xustificante da condición e grao de discapacidade dos membros da unidade familiar, só no caso de que non se autorice a súa consulta ou sexa expedido por outra comunidade autónoma.

d) Título oficial de familia numerosa (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas), só no caso de que non se autorice a súa consulta ou sexa expedido por outra comunidade autónoma.

e) Xustificante de estudos universitarios de membros da unidade familiar menores de 25 anos e residentes fóra do domicilio familiar, durante o curso 2013/14.

f) Xustificación de viuvez, estado de solteiro, separación ou divorcio do pai ou a nai do/a solicitante.

2. Para alumnos/as que inicien estudos no CSHG e soliciten bolsa de excelencia:

a) Copia do DNI/NIE do/a solicitante e dos membros da familia maiores de 14 anos, só no caso de que non se autorice a súa consulta.

b) Certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade, ou tarxeta das PAAU, que inclúa a nota media para os que se matriculen en diploma superior. Bacharelato (ou equivalente) para os que se matriculen en certificado.

3. Para alumnos/as matriculados/as con anterioridade en titulacións do CSHG e soliciten bolsa de matrícula:

A excepción da certificación de estudos, requírese a documentación contida no número 1 deste punto (alumnos/as que inician estudos no CSHG).

4. Para alumnos/as matriculados que soliciten bolsa de alto rendemento:

Non é preciso ningunha documentación específica. Só cubrir a solicitude.

Artigo 7. Comisión avaliadora

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: o titular da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario/a: o titular do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, que actuará como membro do órgano con voz e voto.

Vogais:

A persoa titular do departamento de Coordinación Académica do CSHG.

Un/unha asesor/a técnico/a da Axencia Turismo de Galicia.

A persoa titular do departamento de Márketing do CSHG.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puider asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 8. Selección

Bolsas de matrícula:

Concederáselle unha axuda, que consistirá no desconto do importe que o/a alumno/a teña que aboar pola matrícula en réxime externo segundo o tipo ( tipo I ou tipo II ) da bolsa.

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a puntuación obtida pola renda familiar e o seu expediente académico, ata esgotar o número de bolsas destinado para cada modalidade.

Para as catro primeiras puntuacións de Diploma Superior as bolsas serán de tipo I e de tipo II para as seis seguintes (50 %). En Certificado serán de tipo II. Para 4º de Diploma Superior serán de tipo II.

A puntuación por solicitante será o resultado de ponderar a renda familiar nun 60 % e o expediente académico nun 40 %.

A puntuación obtida da renda familiar (A) será segundo os límites de renda no punto 12 do artigo 9.

A puntuación obtida no expediente académico (B) virá dada pola fórmula: (cualificación expediente-5) * 4/5.

Para o cálculo das notas do expediente:

Para 1º curso de Diploma Superior empregarase a cualificación na proba de acceso á universidade (PAAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso.

Para 1º curso de Certificado empregarase a cualificación do expediente de bacharelato (ou equivalente), ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores.

Para 4º curso de Diploma Superior para os alumnos/as do curso 2013/14 empregarase a cualificación do expediente calculado seguindo as seguintes porcentaxes por curso como segue:

Nota do 1º curso : 70 % teoría, 20 % práctica, 10 % Stage.

Nota do 2º curso: 70 % teoría, 20 % práctica, 10 % Stage.

Nota do 3º curso: 100 % teoría.

A puntuación total será o resultado da suma de A e B.

En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate de acordo co expediente académico dos/as solicitantes afectados/as.

Bolsas de excelencia:

A selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, en función da nota da proba de acceso á universidade (PAAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica.

A ordenación das solicitudes e a proposta de concesión realizaranse priorizando as solicitudes en atención á maior nota a menor ata esgotar o número de bolsas destinado para esta modalidade.

Bolsas alto rendemento:

A selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, en función da nota media en 1ª convocatoria do curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira actualmente cursado.

A ordenación das solicitudes e a proposta de concesión realizaranse priorizando as solicitudes en atención da maior nota a menor ata esgotar o número de bolsas destinado para esta modalidade.

Artigo 9. Límites de renda e puntuacións

1. A renda familiar obterase pola agregación das rendas do exercicio 2013 de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculadas segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, procederase do seguinte xeito:

– Primeiro. Sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro.

– Segundo. Deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

3. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen a declaración do IRPF seguirase o procedemento descrito no parágrafo primeiro deste apartado anterior e do resultado obtido restaranse os pagamentos a conta efectuados.

4. A presentación da solicitude de axuda implicará a autorización á Axencia Turismo de Galicia para obter os datos necesarios para determinar a renda para os efectos da axuda a través das correspondentes administracións tributarias.

5. Para o cálculo da renda familiar para os efectos de bolsa, son membros computables da familia o pai e a nai, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, se é o caso, o/a solicitante, os irmáns solteiros menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar o 31 de decembro de 2013 ou os maiores de idade, cando se trate de persoas con discapacidade, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se considerarán membros computables o cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa que se atope unido por análoga relación, así como os fillos se os houber.

6. No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais non se considerará membro computable aquel que non conviva co/a solicitante da bolsa. Terá, non obstante, a consideración de membro computable, de ser o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación cuxas rendas se incluirán dentro do cómputo da renda familiar.

7. Nos casos en que o/a solicitante alegue que é o único membro da unidade familiar, deberá acreditar con que medios económicos conta. No caso de que os ingresos acreditados resulten inferiores aos gastos soportados, considerados indispensables (vivenda, manutención, etc.) entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda, para os efectos de axuda, computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o punto 5 deste artigo. De non xustificar suficientemente estes extremos, a solicitude será obxecto de denegación.

8. Achada a renda familiar para os efectos de bolsa segundo o establecido nos puntos anteriores, aplicaranse as deducións seguintes:

a) O cincuenta por cento de renda computable por cada un dos membros da unidade familiar distinto do sustentador principal e do seu cónxuxe.

b) 500,00 euros por cada irmán, incluído o/a solicitante, que conviva no domicilio familiar, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral e 765,00 euros para familias numerosas de categoría especial, sempre que teñan dereito a este beneficio. Cando sexa o/a propio solicitante o/a titular da familia numerosa, as cantidades sinaladas serán computadas en relación cos fillos que a compoñan.

c) 1.811,00 euros por cada irmán ou fillo do solicitante ou propio solicitante que estea afectado de discapacidade, legalmente cualificada, de grao igual ou superior ao 33 %. Esta dedución será de 2.881,00 euros cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

d) 1.176,00 euros por cada fillo menor de 25 anos que curse estudos universitarios e resida fóra do domicilio familiar, cando sexan dous ou máis os fillos estudantes con residencia fóra do domicilio familiar por razón de estudos universitarios.

e) Incrementaranse os límites de renda media por membro da unidade familiar aplicables nun 20 por cento cando o/a solicitante sexa orfo/a absoluto.

9. A bolsa solicitada será denegada no caso de que a renda media por membro da unidade familiar sexa superior a 14.273,00 euros.

10. A bolsa solicitada será denegada cando as actividades económicas das que sexan titulares os membros computables da familia teñan un volume de facturación, en 2013, superior a 155.500 euros. Para os efectos do cómputo do dito valor de volume de facturación, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

11. Denegarase a bolsa, calquera que sexa a renda familiar calculada segundo o disposto nos artigos anteriores, cando o valor dos elementos indicativos do patrimonio do conxunto de membros computables da familia supere algún ou algúns dos limiares seguintes:

a) A suma dos valores catastrais dos predios urbanos que pertenzan aos membros computables da familia, excluída a vivenda habitual, e aqueles bens que se atopan afectos a actividades económicas realizadas por calquera dos membros computables da unidade familiar, non poderá superar 42.500,00 euros. En caso de inmobles nos que a data de efecto da última revisión catastral estivese comprendida entre o 1 de xaneiro de 1990 e o 31 de decembro de 2002 multiplicaranse os valores catastrais por 0,49. No caso de que a data da mencionada revisión fose posterior ao 31 de decembro de 2002, os valores catastrais multiplicaranse polos coeficientes seguintes:

– Por 0,43 os revisados en 2003.

– Por 0,37 os revisados en 2004.

– Por 0,30 os revisados en 2005.

– Por 0,26 os revisados en 2006.

– Por 0,25 os revisados en 2007.

– Por 0,25 os revisados en 2008.

– Por 0,26 os revisados en 2009.

– Por 0,28 os revisados en 2010.

– Por 0,30 os revisados en 2011.

Nos inmobles enclavados na Comunidade Foral de Navarra, o valor catastral multiplicarase en todo caso por 0,50.

b) A suma dos valores catastrais dos predios rústicos que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130 euros por cada membro computable. A Dirección General del Catastro facilitará a relación de municipios que corresponden a cada unha das situacións indicadas, para os efectos de aplicación do coeficiente de ponderación.

c) A suma dos rendementos netos reducidos do capital mobiliario máis o saldo neto positivo de ganancias e perdas patrimoniais pertencente aos membros computables da familia, excluíndo as subvencións recibidas para adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual e, se é o caso, a renda básica de emancipación non poderá superar 1.700,00 euros.

d) Cando sexan varios os elementos indicativos do patrimonio descritos nos apartados anteriores de que dispoñan os membros computables da familia, calcularase a porcentaxe de valor de cada elemento respecto do límite correspondente. Denegarase a bolsa cando a suma das referidas porcentaxes supere 100.

e) Para os efectos do cómputo do valor dos elementos a que se refiren os parágrafos anteriores, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

12. A renda media por membro da unidade familiar puntuarase seguindo os seguintes tramos:

Renda media por membro da unidade familiar (en euros)

familiar (en euros)

Puntuación

14.273 ou más

Excluído

13.831 a 14.272

0

13.389 a 13.830

0,25

12.948 a 13.388

0,5

12.506 a 12.947

0,75

12.065 a 12.505

1

11.623 a 12.064

1,25

11.183 a 11.622

1,5

10.741 a 11.182

1,75

10.300 a 10.740

2

9.858 a 10.299

2,25

9.417 a 9.857

2,5

8.975 a 9.416

2,75

8.534 a 8.974

3

8.093 a 8.533

3,25

7.651 a 8.092

3,5

7.211 a 7.650

3,75

6.769 a 7.210

4

6.328 a 6.768

4,25

5.886 a 6.327

4,5

5.445 a 5.885

4,75

5.003 a 5.444

5

4.562 a 5.002

5,25

4.120 a 4.561

5,5

3.679 a 4.119

5,75

0 a 3.678

6

Artigo 10. Ingresos e gastos. Modelo de declaración xurada

No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias do/a solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, é necesario realizar unha declaración xurada na que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar incluíndo ademais unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

Artigo 11. Resolución e publicación

A competencia e instrución do procedemento de concesión para resolver estas axudas corresponde ao titular da Axencia Turismo de Galicia.

1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, para logo expoñer as listas das solicitudes admitidas e excluídas con indicación das causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios do CSHG. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas, na epígrafe de «Titulacións � Bolsas e Financiamento» do enderezo www.cshg.es

2. Os/as interesados/as disporán dun prazo de dez días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación presentada, durante ese prazo poderán formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Axencia Turismo de Galicia, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, e procederase ao seu arquivo de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

3. Rematado o prazo de enmenda de información, a comisión levantará acta das súas deliberacións e elaborará unha listaxe de axudas concedidas cos/as solicitantes que obtiveron bolsa de acordo cos criterios fixados para cada unha das axudas establecidas nesta orde. Así mesmo, elaborará outra listaxe de solicitudes denegadas coas causas de exclusión. As propostas provisorias de concesión formuladas pola comisión, así como as listaxes de solicitudes denegadas, publicaranse na internet, na epígrafe de «Titulacións � Bolsas e Financiamento» do enderezo www.cshg.es. A dita publicación terá só efectos informativos.

4. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará a través da Axencia Turismo de Galicia, un informe-proposta de resolución que incluirá, para cada unha das axudas establecidas, unha relación de solicitantes seleccionados e outra de solicitudes denegadas coas causas de denegación ao titular da Axencia Turismo de Galicia, quen emitirá resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia, coa cal se entenderán notificados para todos os efectos os/as solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12. Aboamento e xustificación das bolsas

Unha vez notificada a resolución de concesión mediante a correspondente orde de resolución que se publicará do Diario Oficial de Galicia o/a beneficiario/a poderá descontar dos prezos da matrícula o tipo de axuda que lle foi concedido.

Artigo 13. Obrigas dos/as solicitantes e beneficiarios/as

Os/as solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e desfrute da bolsa.

c) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

d) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Axencia Turismo de Galicia.

e) Informar ao órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

Artigo 14. Autorizacións

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Axencia Turismo de Galicia para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade de convivencia.

b) Comprobar por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, logo de consentimento da persoa interesada.

c) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda.

d) A reserva que o/a peticionario/a poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso, terá que expresarse por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso, de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

e) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.20.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia no punto correspondente ao CSHG publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e tipo de axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 15. Duración das bolsas e renovación

a) A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro a/o alumno/a ao que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido nalgunha das dúas modalidades de bolsa.

b) As bolsas de matrícula concédense durante a totalidade dos cursos dos que se compón a titulación para a que foi concedida, sempre que non exista unha variación substancial da situación económica e o/a alumno/a cumpra os requisitos para o seu mantemento. Enténdese que existe unha variación substancial cando a situación económica en cada un dos anos fiscais seguintes á concesión da bolsa supere en 6.000,00 euros ou máis á renda media establecida para obter bolsa este ano.

c) Os/as solicitantes que aspiren á renovación da bolsa de matrícula deberán presentar os datos fiscais referidos a cada un dos membros computables da unidade familiar: os datos fiscais do 2013; copia da declaración de IRPF ou, se é o caso, o borrador do IRPF confirmado, correspondente o dito exercicio 2013 e certificado de empadroamento actualizado para efectos de confirmar que non se produciron variacións no número de integrantes computables da unidade familiar. Téñase en conta que esta documentación deberá ser achegada obrigatoriamente por todos os membros computables da unidade familiar que o 31 de decembro de 2013 teñan unha idade igual ou superior a 18 anos.

d) As bolsas de excelencia académica concederanse pola totalidade dos cursos dos que se compoña a titulación para a que foi concedida, sempre e cando o/a alumno/a cumpra os requisitos para o seu mantemento no curso seguinte. O/a alumno/a deberá obter unha media no curso anterior, igual ou superior nun 20 % a nota media ponderada da súa promoción ou curso.

e) As bolsas de alto rendemento concederanse para o curso que foi solicitada, sendo necesario para a súa renovación optar de novo ao proceso de selección.

f) A concesión da bolsa para unha titulación non supón, en ningún caso, o seu mantemento se desexa iniciar unha titulación diferente. Non terán dereito a bolsa os/as alumnos/as que desexen matricularse no curso de Convalidación do Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña.

g) O/a alumno/a que obteña unha bolsa para cursar unha titulación do CSHG, e que, non tendo finalizados os cursos dos que se compón esta, desexe iniciar outra titulación diferente, perdería os dereitos da bolsa dos que estivo gozando.

h) O/a alumno/a que cause «baixa voluntaria» implicará a perda da bolsa para reiniciar ese curso e cursar os seguintes.

i) O/a alumno/a que acumule 2 o máis sancións por faltas graves ou unha moi grave poderá perder a bolsa.

j) A cualificación de stage incompleto ou insatisfactorio supón a perda da bolsa.

k) A non entrega da documentación exixida para acreditar a situación económica e patrimonial da unidade familiar ou a presentación fóra do prazo establecido, será motivo de exclusión.

Artigo 16. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Artigo 17. Protección de datos de carácter persoal

A Axencia Turismo de Galicia velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade, técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Turismo de Galicia revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2014

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file