Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 11 de setembro de 2014 Páx. 38307

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2014, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se aproba e se acorda a publicación da Instrución 7/2014, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, sobre regulación do prazo e do procedemento mediante o cal os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 1 de setembro de 2014, un novo concerto coa entidade Policlínica Vigo, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada, incluídos na súa carteira de servizos á poboación, beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente os elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a Administración determine do concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares do dito concerto indícase expresamente que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social, que ten a obriga de protexer, poidan elixir libremente o contratista como provisor de asistencia sanitaria especializada.

Na páxina web da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde publicáronse as instrucións correspondentes para a tramitación de solicitudes dos beneficiarios da Seguridade Social que elixan o Centro Povisa como provisor de asistencia sanitaria especializada, para xeral coñecemento da cidadanía.

Non obstante, tendo en conta o contido das instrucións, considerouse conveniente que, sen prexuízo de que as referidas instrucións estean accesibles no portal web http://www.sergas.es, se proceda á súa publicación no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

Por iso, de conformidade co previsto na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares do concerto coa entidade Policlínica Vigo, S.A., co disposto no artigo 21 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 29 n) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑEN:

No exercicio das respectivas competencias, a aprobación e a publicación no Diario Oficial de Galicia da Instrución 7/2014, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, sobre regulación do prazo e do procedemento mediante o cal os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2014

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo Mª Nieves Domínguez González
Secretario xeral técnico da Consellería Xerente do Servizo Galego
de Sanidade de Saúde

Instrución 7/2014, do 1 de setembro, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, sobre regulación do prazo e do procedemento mediante o cal os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 1 de setembro de 2014, un novo concerto coa entidade Policlínica Vigo, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na súa carteira de servizos á poboación, beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente os elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a Administración determine do concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, por resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social, que ten a obriga de protexer, poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

De acordo con iso, co obxecto de regular o prazo e o procedemento mediante o cal os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada, dítanse as seguintes instrucións:

Primeira. Obxecto

Esta instrución ten por obxecto regular o prazo e o procedemento mediante o cal os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Segunda. Titulares do dereito de elección

Poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Xestión Integrada de Vigo, como provisor de asistencia sanitaria especializada, os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e do concello de Vigo que actualmente están asignados á área de Povisa.

Non será necesaria a realización de ningunha solicitude para aqueles usuarios que teñan Povisa como centro de referencia e desexen continuar con este mesmo hospital como provisor de asistencia sanitaria especializada.

Terceira. Forma e lugar de exercicio do dereito de elección

1. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada efectuarao a persoa autorizada ou mediante titor legal, quen achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo co modelo do anexo.

b) Documento identificativo do solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte, que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un titor ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do interesado.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, de ser o caso, orixinal da autorización específica do interesado.

2. A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda ao interesado ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo.

O persoal do centro comprobará a documentación presentada e as solicitudes e os documentos que se xunten serán remitidos á Xerencia de Xestión Integrada de Vigo ou ao lugar que esta determine.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta, coa indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición.

Cuarta. Prazo para exercer o dereito de elección

O prazo inicial para que os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada estenderase desde a publicación destas instrucións ata o 30 de novembro.

Posteriormente abrirase anualmente un novo período para que os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano de vixencia do concerto indicado.

No caso de que, os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa non formulen durante estes períodos ningunha solicitude, entenderase que optan por manter o provisor de asistencia sanitaria especializada que teñen nese momento.

No caso dos pacientes que, por cambio de lugar de domicilio ou por calquera outra causa que comporte o cambio automático da referencia no centro de atención especializada, se incorporen aos centros de saúde que se atopen entre os que teñan Povisa como poboación asignada, o exercicio da libre elección levarase a cabo no momento de asignación do médico de atención primaria.

Quinta. Efectos do dereito de elección

O cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada será efectivo cando o usuario opte libre e voluntariamente pola prestación de asistencia especializada e sexa adscrito polo Servizo Galego de Saúde, sen que existan prazos de carencia para realizar atención sanitaria.

A adscrición ao Complexo Hospitalario da Xestión Integrada de Vigo será autorizada pola persoa titular da súa xerencia ou persoa en quen delegue.

A solicitude así formulada polos beneficiarios levará implícita a súa permanencia ata, como mínimo, a apertura do seguinte período anual en que de novo poderán exercer o seu dereito.

Sexta. Excepción

Estas instrucións non se referirán ao exercicio do dereito de libre elección de centro sanitario recollido na Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias que, en calquera caso, será exercido na forma que especificamente se teña regulado para o caso.

Sétima. Vixencia

Estas instrucións producirán efectos desde a data da súa formalización.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2014

Mª Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file