Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 11 de setembro de 2014 Páx. 38304

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 29 de agosto de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Entrimo.

O Concello de Entrimo remite o Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Logo de analizar o expediente e os documentos que integran o PXOM de Entrimo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Entrimo conta, na actualidade vixente, cun proxecto de ordenación do medio rural aprobado definitivamente o 30.6.2003.

2. Iniciada a tramitación do novo PXOM, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial o 7.3.2011.

3. O Concello pleno en sesión do 25.10.2011 aprobou inicialmente o plan xeral e someteuno a información pública durante dous meses, mediante anuncios no DOG do 8.11.2011; e nos xornais La Región do 2.11.2011 e Faro de Vigo do 3.11.2011. Simultaneamente, déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Lobeira e Lobios e solicitáronse os informes sectoriais requiridos nas correspondentes lexislacións.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Entrimo (DOG do 19.12.2013).

5. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente o PXOM en sesión do 10.12.2013 e remitiuno á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitando a súa aprobación definitiva.

6. En virtude do artigo 85.5 da LOUG, o 13.1.2014 a SXOTU requiriu o Concello de Entrimo para a corrección dunha serie de deficiencias documentais observadas.

7. O PXOM de Entrimo, coa corrección das deficiencias sinaladas, foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 30.5.2014; e remitido novamente á SXOTU para a súa aprobación definitiva.

8. No expediente remitido constan os informes municipais previstos no artigo 85.1 LOUG: técnico (24.11.2010 e 21.10.2011) e Secretaría (13.12.2010 e 27.5.2014); os informes sectoriais e certificación da secretaria interventora do Concello (27.5.2014) da solicitude de informe e non contestación por parte de varios organismos.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG, para resolver sobre a aprobación definitiva, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o PXOM; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable; e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

Comprobouse que o Concello incorporou as observacións formuladas no informe da SXOTU previo á aprobación inicial, coas seguintes consideracións:

– Dada a configuración formal do ámbito e a súa proximidade á igrexa de Santa María a Real, a ordenanza residencial pechada no quinteiro RP-2 non resulta congruente coas características do contorno, no cal se aplica maioritariamente a Ordenanza RA (2) residencial aberta (B+1), non axustándose ao establecido no artigo 104.c) da LOUG.

– O réxime de concesión de licenzas será o que derive da LOUG na súa redacción dada pola Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

– O artigo 214 deberase entender no sentido de que as actividades extractivas son usos autorizables no solo rústico de especial protección forestal.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, visto o sinalado no punto II anterior, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal de Entrimo, coas consideracións sinaladas no punto II desta orde, nomeadamente canto que no ámbito do cuarteirón RP-2 (2) resultará de aplicación a Ordenanza RA (2) residencial aberta (B+1), en aplicación do establecido no artigo 104.c) da LOUG.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas