Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 12 de setembro de 2014 Páx. 38393

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2014, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a inscrición de embarcacións no censo da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

• Antecedentes.

1. O día 10 de novembro de 2008 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de novembro de 2008 pola que se aprobaba o censo específico de titulares de permisos que os habilita para exercer a actividade pesqueira e marisqueira na reserva mariña de interese pesqueiro (en diante Remip) Os Miñarzos.

2. Posteriormente, con base na normativa de creación da reserva mariña e de uso e xestión levouse a cabo a actualización do antedito censo mediante a Resolución do 2 de febreiro de 2010 da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños (DOG núm. 38, do 5 de febreiro). Como consecuencia desta actualización aprobouse, mediante a Resolución do 10 de maio de 2010, o censo definitivo de titulares de permisos que habilitan para exercer a actividade pesqueira e marisqueira na Remip-Os Miñarzos que foi publicado no Diario Oficial de Galicia do día 2 de xuño de 2010.

3. O día 18 de maio de 2011, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños ditou resolución pola que se abría o prazo de presentación de solicitudes para a inscrición no censo da Remip-Os Miñarzos (DOG núm. 110, do 9 de xuño). Rematado o prazo de presentación de solicitudes e a súa valoración, a antedita dirección xeral resolveu o día 29 de setembro de 2011 e no Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro de 2011 publicouse a lista definitiva das embarcacións seleccionadas e non seleccionadas para a súa inclusión no censo.

4. O día 7 de decembro de 2011 publícase o censo provisional, aprobado pola Resolución do 3 de novembro de 2011 da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, dos titulares de permisos de explotación que os habilitan para exercer a actividade pesqueira e marisqueira na Remip-Os Miñarzos.

5. O día 19 de marzo de 2014 o órgano de xestión, seguimento e control (en diante Oxesco) da Remip-Os Miñarzos, na súa reunión ordinaria, debateu entre outras cuestións, a proposta de ampliar o censo da reserva presentada por parte dos vogais deste órgano.

• Consideracións legais e técnicas.

1. O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, modificado polo Decreto 240/2008, do 2 de outubro, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva, como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

Así, no seu artigo 7, no cal se establecen as condicións de acceso, di que será necesario estar inscrito nun censo específico para poder realizar, entre outras, as actividades da pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona: anzois, nasas, enmalle, a pesca da centola con gancho, e de conformidade co establecido no Plan de xestión integral así como para a recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anemones, percebe, peneira ou calquera outro recurso específico que se recolla no marco do antedito plan.

2. A Orde do 27 de novembro de 2007 pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009, define no seu artigo 3 o procedemento que se debe seguir para a elaboración do censo de embarcacións autorizadas.

3. O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria, modificado polo Decreto 131/2012, do 31 de maio, atribúelle á Secretaría Xeral do Mar a dirección e a coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura, entre outras.

4. O día 19 de marzo de 2014, o Oxesco da Remip emitiu informe favorable sobre a proposta de ampliar o censo da reserva para todas aquelas embarcacións, que tendo porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e que conten coas modalidades autorizadas na normativa de creación, uso e xestión da reserva, así o soliciten as persoas propietarias e/ou armadoras aínda que xa estean inscritas no censo provisional aprobado pola Resolución do 3 de novembro de 2011 da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Iniciar o proceso para a inscrición de embarcacións no censo da Remip-Os Miñarzos de acordo coas seguintes consideracións:

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral do Mar por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario que se corresponde con anexo I da Orde do 27 de novembro de 2007. Así mesmo, tamén está dispoñible na guía de procedementos e servizos: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos

Xunto coa solicitude achegarase copia do DNI da persoa que asine a solicitude.

3. As embarcacións que soliciten a inscrición deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) O permiso de explotación da embarcación que estará en vigor deberá conter algunha das modalidades autorizadas no ámbito da Remip-Os Miñarzos de acordo co establecido nos artigos 5 e 6 bis do Decreto 87/2007, do 12 de abril, o artigo 4 da Orde do 27 de novembro de 2007 e o Plan de xestión integral aprobado para o ano 2014.

b) A embarcación terá porto base na Comunidade Autónoma galega e deberá estar inscrita no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo da flota pesqueira operativa.

4. As embarcacións incluídas no censo provisional da Resolución do 3 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños (DOG núm. 233, do 7 de decembro), tamén precisan presentar a solicitude para seren incluídas no censo definitivo.

5. Para poder desenvolver a actividade pesqueira no ámbito da Remip-Os Miñarzos, as embarcacións deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Permitir a instalación dun sistema de localización conectado ás baterías principais e de reserva da embarcación o que impide o seu apagado mentres a embarcación estea operativa (artigo 7.3 da Orde do 27 de novembro de 2007 modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009: «Para facilitar os labores de seguimento e control da actividade pesqueira e/ou marisqueira, os armadores das embarcacións inscritas no censo deberán permitir a instalación de dispositivos de identificación»).

b) Comunicar telefonicamente ou por radio VHF a entrada e saída na Remip-Os Miñarzos (artigo 7.1. da Orde do 27 de novembro de 2007: «Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas no momento de acceder á reserva. Así mesmo, deben notificar a súa saída, o número de artes caladas ou empregadas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que lle permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar a comprobación dos datos transmitidos»).

c) Comunicación das capturas. Esta información será enviada semanalmente á persoa responsable do seguimento científico a través de relacións específicas. A información será tratada de xeito confidencial e poderá ser utilizada exclusivamente con fins científicos e de xestión.

6. Para asegurar a sustentabilidade das pesqueiras no ámbito da Remip-Os Miñarzos establecerase o sistema de control do esforzo seguinte:

a) Crearase unha bolsa de esforzo sobre a base dos resultados do seguimento científico realizado no período (2008-2012).

b) Non computan na bolsa de esforzo as embarcacións inscritas no censo con porto base en Lira.

c) A distribución da bolsa anual xestionarase por campañas anuais de pesca e non por anos naturais. A campaña anual de pesca comezará o 1 de xullo de cada ano.

d) Para o período 2014-2015 o número de xornadas permitidas será de 4.120. Para o cómputo de xornadas traballadas utilízanse todas as modalidades de pesca.

e) Unha xornada equivale polo menos a 4 horas de traballo dentro do ámbito da Remip-Os Miñarzos con todo ou parte da arte ou aparello dentro da área. O cálculo do esforzo pesqueiro realizado por embarcacións de distinto porte realizarase atendendo á seguinte táboa:

Tipo

TRB

GT

Coeficiente

I

< 1.5

< 1.00

× 0,5 xornadas

II

1.5-2.49

1.00-1.74

× 0,5 xornadas

III

2.50-4.99

1.75-4.24

× 0,5 xornadas

IV

5.00-7.49

4.25-7.49

× 1 xornada

V

7.50-9.99

7.50-9.99

× 1 xornada

VI

10.00-19.99

10.00-19.99

× 1,5 xornadas

VII

>=20

>=20

× 1,5 xornadas

f) No suposto de que a bolsa de esforzo se esgote antes de rematar a campaña anual de pesca, poderá verse incrementada a dita bolsa nunha porcentaxe máxima do 25 % que automaticamente se detraerá da bolsa da campaña seguinte. No suposto dun sobrante da bolsa de esforzo, transferirase á campaña anual seguinte (cun máximo do 25 %). Se dous anos consecutivos precisan de trasvase de esforzo, procederíase á revisión das xornadas da bolsa de esforzo.

g) A xestión da bolsa de esforzo no segundo semestre deste ano requirirá a súa incorporación ao Plan de xestión integral aprobado para o ano 2014, polo que será preciso engadir un novo anexo ao plan.

7. A contratación dos gardapescas para a realización de labores de control, vixilancia e seguimento da Remip-Os Miñarzos levarase a cabo ao abeiro da orde de axudas a proxectos colectivos.

8. O seguimento científico estará dirixido e coordinado por un/unha director/a das reservas mariñas con interese pesqueiro de Galicia, que terá como funcións principais:

a) Velar pola consecución dos obxectivos da reserva establecidos no artigo 2 do Decreto 81/2007, do 12 de abril.

b) Velar polo cumprimento dos acordos adoptados no Oxesco.

c) Informar o Oxesco do funcionamento e evolución da reserva.

d) Deseñar e realizar unha análise das ameazas da reserva.

e) Elaborar, en colaboración cos representantes do sector, os plans de xestión integral plurianuais e avaliar o seu cumprimento.

f) Elaborar, en colaboración cos representantes do sector, os plans de acción anuais e avaliar o seu cumprimento.

g) Coordinar o comité asesor integrado por investigadores e técnicos da Administración, xunto coas asistencias técnicas das confrarías con frota inscrita no censo da reserva.

h) Velar polo bo funcionamento das instalacións e equipamento empregado na xestión e vixilancia da reserva.

i) Informar quincenalmente o Oxesco e as confrarías con frota inscrita no censo do consumo da bolsa de esforzo.

j) Establecer mecanismos para a consecución dos acordos e solución de conflitos.

k) Formar o persoal involucrado na xestión e vixilancia da reserva.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2014

Juan Carlos Maneiro Cadillo
Secretario xeral do Mar