Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 18 de setembro de 2014 Páx. 41566

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada Subestación Novo Balaídos 132 kV-nova subestación, situada no termo municipal de Vigo (Pontevedra) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2013/280-4).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 13.12.2013 Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa da infraestrutura eléctrica denominada Subestación Novo Balaídos 132 kV-nova subestación, acompañada da preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo consta nesta solicitude e no anteproxecto presentado, proxéctase a realización dunha nova subestación eléctrica (Novo Balaídos), que substituirá a actual subestación Balaídos. Esta actuación execútase dentro do marco que establece o novo PXOM de Vigo, aprobado en data do 16.5.2008, no cal se establece a necesidade de substituír a actual subestación de intemperie por unha nova subestación constituída por tecnoloxía blindada, que mellora a eficacia da instalación, así como os niveis de impacto ambiental e a integración co medio urbano.

A nova subestación non se situará no mesmo lugar onde se atopa a actual subestación Balaídos (avenida Alcalde de Portanet, 31, Vigo), senón nunha parcela próxima coa axeitada cualificación urbanística, incluída na zona delimitada no PXOM como Actuación illada AA 01, parcela SXE.

A implantación da nova subestación, de relación de transformación 132/15 kV e unha potencia de 120 MVA, consistirá na instalación dun parque de 132 kV e outro de 15 kV mediante celas blindadas illadas en SF6 aloxadas nun edificio de fábrica cuberto; ambos os niveis de tensión en configuración dobre barra e catro transformadores de potencia 132/15 kV de 30 MVA con illamento de aceite.

Segundo. O 3.1.2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa da citada infraestrutura eléctrica (Subestación Novo Balaídos 132 kV-nova subestación); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 29.1.2014 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 4.2.2014.

Durante o período en que o devandito anteproxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. O 6.2.2014 a xefatura territorial trasladou unha separata técnica do anteproxecto da citada infraestrutura eléctrica ao Concello de Vigo, na súa calidade de Administración con bens e dereitos afectados, para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este organismo emitiu informe, con data do 24.3.2014, en que sinala que a solicitude de licenza urbanística está en trámite, así como a expropiación dos terreos. O 25.4.2014 Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a súa conformidade con este informe.

Cuarto. O 29.4.2014 a xefatura territorial emitiu informe sobre o anteproxecto denominado Subestación novo Balaídos 132 kV-nova subestación, de carácter favorable no que atinxe aos requisitos técnicos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas,

RESOLVE:

• Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada Subestación Novo Balaídos 132 kV-nova subestación, situada no termo municipal de Vigo e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que axustarse ás especificacións e planos que figuran no anteproxecto presentado pola empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A., asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio con nº 201304184 e data do 27.11.2013, e no cal figura un orzamento de 6.729.948,67 euros.

Segunda. Dentro do prazo dun ano, contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Terceira. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas