Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 18 de setembro de 2014 Páx. 41520

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 110/2014, do 4 de setembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago Inglés.

A Lei 3/1996, do 10 maio, de protección dos Camiños de Santiago, en diante LPCS, (DOG núm. 101, do 23 de maio) dispón no seu artigo 1 que: «Para os efectos da presente lei, enténdese como Camiño de Santiago todas as rutas históricas recoñecidas documentalmente. No mesmo artigo establécese que a ruta principal é o “Camiño Francés”, e que as outras rutas que se enmarcan na denominación xeral de “Camiño de Santiago” se corresponden coas actualmente coñecidas como “Camiño Portugués”, “Ruta da Prata”, “Camiño do Norte”, “Camiño de Fisterra”, “Camiño Inglés” e “Ruta do mar de Arousa e Ulla”».

O Camiño Inglés é polo tanto unha das rutas históricas recoñecidas como Camiño de Santiago. Existe documentación histórica abundante sobre peregrinacións marítimas durante o século XII e seguintes desde Escandinavia e as illas Británicas, que arribaban na costa galega para continuar viaxe por terra ata a tumba do apóstolo Santiago. Os dous lugares costeiros de Ferrol e A Coruña, pola súa excepcional localización estratéxica, son os puntos de partida das dúas alternativas desta ruta terrestre.

Baseándose nos estudos previos realizados nos anos 90, a delimitación da traza publicada en 1998 e coa actualización dos traballos documentais e de campo con metodoloxía etnográfica e a antropoloxía cultural aplicada ao territorio para identificar os camiños tradicionais de longa distancia que unen os lugares principais de paso, realizouse unha nova proposta de traza e de delimitación do seu territorio histórico que se considera fundamentada e coherente cos principios de protección e conservación do patrimonio cultural.

Esta proposta foi sometida ao informe do Pleno do Comité Asesor do Camiño de Santiago, que a aprobou por unanimidade o día 25 de setembro de 2012.

De acordo co procedemento establecido no artigo 5 da LPCS, e en virtude das competencias que ten atribuídas en virtude do artigo 13.1.b e 14.2.1.d do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou o expediente de delimitación da ruta do Camiño Inglés do Camiño de Santiago por medio da Resolución do 3 de outubro de 2012 (DOG núm. 199, do 18 de outubro), o que foi notificado aos concellos afectados pola proposta.

Na devandita resolución acordouse abrir un trámite de información pública coa exposición ao público do expediente na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago de Compostela, no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Coruña e nas dependencias municipais que en cada concello se dispuxeron para estes efectos.

Durante ese período presentáronse trinta e catro alegacións que os servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural analizaron nos seus aspectos culturais e normativos.

Do seu exame e á vista dos argumentos e da información achegada, estimouse xustificada a necesidade de formular algunha modificación na proposta da delimitación incoada. Estas modificacións estudadas no seu conxunto supoñen pequenas variacións tanto do trazado coma do seu territorio histórico, mais non producen unha alteración significativa no total, xa que se modificou algo menos do 1,00 % da superficie do territorio histórico. Estas modificacións afectan os concellos de Ferrol (no que aínda que varía o trazado, non se aumenta o alcance do territorio histórico) Narón, Oroso e Santiago de Compostela.

No concello de Ferrol e Narón, as modificacións redúcense a pequenos axustes baseados na aplicación dos criterios xerais da delimitación e o achegamento da ruta á costa, reducíndose parcialmente o territorio histórico. No concello de Narón considerouse así mesmo necesario incorporar como trazado complementario, polo seu valor patrimonial, o percorrido que pasa xunto ao muíño de mareas das Aceas do Ponto. No concello de Oroso a modificación redúcese a unha pequena traza funcional necesaria para dar continuidade ao camiño no lugar de Oroso Pequeno. Finalmente, no concello de Santiago de Compostela o trazado incoado variouse para recoller unha alternativa máis próxima á antiga entrada á cidade desde A Coruña, pasando polo ámbito da parroquia de Enfesta e máis próximo ao Castro de Formarís, nunha zona que conserva a estrutura tradicional de camiños e arborado e máis próxima ás referencias documentais.

Así mesmo, considerarse necesario solicitar un informe ao organismo público Puertos del Estado para recoller unha valoración sobre a posible concorrencia de competencias nos ámbitos do dominio público portuario. Dada a relevancia deste informe, procedeuse á suspensión temporal do prazo para resolver o procedemento. Transcorridos tres meses desde a devandita petición sen que fose emitido o informe, levantouse a suspensión e seguiuse co procedemento.

Para os efectos de dar publicidade e trámite de audiencia aos posibles novos afectados polas modificacións sinaladas, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acordou publicar no Diario Oficial de Galicia a xustificación e os planos en que se recolleron as devanditas modificacións (DOG núm. 123, do 1 de xullo 2014). Durante este trámite de audiencia foi presentada unha única alegación.

En aplicación dun criterio semellante ao tratamento do conxunto histórico de Santiago de Compostela na delimitación do resto dos trazados dos Camiños xa definitivamente delimitados, considerouse necesaria e conveniente a exclusión do ámbito do territorio histórico do Camiño de Santiago Inglés das delimitacións dos conxuntos históricos de Ferrol Vello, barrio da Magdalena de Ferrol, Cidade de Betanzos e Cidade Vella da Coruña, que xa teñen a declaración de ben de interese cultural como conxuntos históricos, e polo tanto un grao de protección meirande que o da catalogación do territorio histórico, lembrando que neste ámbito rexerá o disposto nos artigos 45 e 47.2 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Rematada a instrución do procedemento, segundo os antecedentes devanditos e o establecido nas disposicións vixentes, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei 3/1996, de protección dos camiños de Santiago, e na Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, cómpre proceder á súa resolución definitiva.

Á vista dos antecedentes, e da proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a delimitación do Camiño de Santiago Inglés, segundo os planos do anexo deste decreto.

Segundo. Ordenar a inscrición do Camiño de Santiago Inglés, coa categoría de territorio histórico, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Notificar esta aprobación aos concellos afectados pola delimitación, co obxecto de que o trazado do camiño e o ámbito do seu territorio histórico sexan incorporados aos seus planeamentos urbanísticos, o que implicará a necesaria autorización previa da Consellería de Cultura nas intervencións que se produzan no ámbito da delimitación, agás nos casos establecidos no artigo 47.2 da Lei 8/1995 ou resolución expresa de delegación ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 3/1996.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file