Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 18 de setembro de 2014 Páx. 41518

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de setembro de 2014 pola que se amplía a dotación orzamentaria da subvención convocada ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a apertura de novos establecementos comerciais e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN217A).

A Orde do 27 de decembro de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 23, do 4 de febreiro de 2014, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a apertura de novos establecementos comerciais e procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN217A).

No artigo 1 da orde e artigo 2.1 do seu anexo I –Bases reguladoras–, precísase que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 08.02.751-A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 500.000 euros.

No artigo 8.4 do anexo I da orde tamén se sinala que «O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendidas ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións (...)».

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de remanentes doutras convocatorias do ano 2014, de conformidade co disposto polo artigo 31.2.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 27 de decembro de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 23, do 4 de febreiro de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a apertura de novos establecementos comerciais e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN217A).

2. O incremento da dotación será de 265.130,66 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751-A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria previsto ascende a 765.130,66 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria