Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 9 de outubro de 2014 Páx. 43764

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de setembro de 2014 pola que se establece o procedemento de selección e nomeamento de persoal interino do corpo de médicos forenses e se convoca a correspondente bolsa.

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios interinos que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, en tanto non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489.1 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se for o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza serán competentes para o nomeamento de interinos, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, se for o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1996, os funcionarios dos corpos de médicos forenses e dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial dependen organicamente da comunidade autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á cal corresponden as competencias nesta materia, de conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Por outra parte, o Decreto 119/2005, do 6 de maio, de creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), establece, respecto do corpo de médicos forenses, que as subdireccións territoriais do dito instituto son os centros de traballo e de destino en que os funcionarios pertencentes ao dito corpo prestarán os seus servizos.

Neste marco legal corresponde, por tanto, á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regular con criterios obxectivos a selección e o nomeamento de funcionarios interinos médicos forenses para prestaren os seus servizos no Imelga, así como a súa toma de posesión e o seu cesamento.

Polo anteriormente exposto, tras a negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza en Galicia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto a regulación do sistema de selección do persoal funcionario interino do corpo de médicos forenses que prestará servizos no Imelga e mais do réxime aplicable ao seu nomeamento e cesamento, así como a convocatoria da correspondente bolsa de interinos.

Artigo 2. Procedemento de selección de funcionarios interinos e réxime xurídico aplicable

1. Co obxecto de dispoñer dunha relación de persoas que desexen traballar no Imelga, mediante a publicación desta orde constituirase unha bolsa de selección de persoal interino para a cobertura temporal das prazas do corpo de médicos forenses.

A dita bolsa terá ámbito autonómico e os candidatos deberán optar por unha zona de preferencia. A bolsa estará integrada polos candidatos seleccionados, ordenados nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 3 desta orde, na cal figurará, así mesmo, a zona de preferencia indicada na súa solicitude.

2. De se esgotar a bolsa indicada no número anterior, e sempre que as necesidades do servizo o xustifiquen, procederase á cobertura dos postos de traballo solicitados recorrendo ás listaxes do servizo público de emprego da comunidade autónoma.

3. Aos funcionarios interinos seralles de aplicación o réxime de dereitos dos funcionarios de carreira na medida en que sexa adecuado á natureza da súa condición, e quedan integrados, para efectos de seguridade social, no réxime xeral da Seguridade Social.

4. Os integrantes da bolsa que teñan a condición de discapacitados deberán acreditar a compatibilidade funcional co desempeño de tarefas que corresponden ao corpo de médicos forenses como condición indispensable para poderen ser nomeados como funcionarios interinos.

Capítulo II
Convocatoria e bases da bolsa

Artigo 3. Convocatoria da bolsa de interinos

Coa publicación da presente orde procédese á convocatoria da bolsa de selección de persoal interino do corpo de médicos forenses, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Requisitos xerais para a integración na bolsa de selección de persoal interino do corpo de médicos forenses

1. Os aspirantes a formar parte da bolsa de selección de persoal interino do corpo de médicos forenses deberán reunir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa convocatoria, os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española, un mínimo de 16 anos de idade e non ter a idade de xubilación forzosa.

b) Estar en posesión, ou estar en condicións de o obter para a data de finalización do prazo de presentación de instancias, do título de licenciado en medicina ou equivalente.

c) Non ter sido condenado por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que se obtivese a cancelación de antecedentes penais ou a rehabilitación.

d) Non estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, salvo que fose debidamente rehabilitado.

e) Non ser separado mediante procedemento disciplinario do servizo dunha Administración pública, bardante de que fose debidamente rehabilitado.

f) Non estar incurso en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

g) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do corpo.

h) Non ser cesado como persoal interino por falta de capacidade ou rendemento nos últimos tres anos.

Os requisitos exixidos para formar parte da bolsa de interinos serán exixibles, así mesmo, desde o nomeamento, e ata o cesamento, como funcionario interino.

2. Para formar parte da bolsa de selección de persoal interino deberá reunirse, ademais, algún dos seguintes requisitos:

a) Ter superado algún dos exercicios dos dous últimos procesos selectivos para ingreso no corpo de médicos forenses.

b) Ter prestado servizos durante un período mínimo de seis meses no corpo de médicos forenses.

c) Ter participado en cursos de formación con impartición de materias relacionadas coa actividade médico-forense nos últimos tres anos.

Segunda. Solicitudes de participación

1. As solicitudes para participar nesta convocatoria deberán presentarse no prazo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os candidatos deberán empregar necesariamente o formulario de solicitude posto ao seu dispor na Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX), no enderezo https://www.xunta.es:444/sxpa/AIX/.

O dito formulario, que deberá ser cuberto e validado necesariamente polo solicitante na citada aplicación informática, será o que, unha vez impreso e asinado, se deba presentar en formato papel nos lugares indicados no punto sexto desta base segunda.

Quedarán automaticamente excluídos os solicitantes que non cubran os campos obrigatorios exixidos na aplicación informática. Igualmente deberá o interesado optar no dito formulario pola zona de preferencia en que desexe estar incluído, xa que, en caso contrario, a súa solicitude será rexeitada sen máis trámites.

3. Canda a solicitude deberase achegar necesariamente a documentación acreditativa dos requisitos exixidos para o acceso ao corpo de médicos forenses e, en todo caso, orixinal ou copia cotexada da seguinte:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI).

b) Fotocopia do documento acreditativo da titulación exixida para o ingreso no corpo ou do xustificante de ter aboadas as taxas para a súa expedición. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, canda a solicitude deberá presentarse o documento orixinal, ou unha copia cotexada deste, que acredite a súa homologación.

c) Para acreditar os servizos prestados como médico forense na Administración de xustiza ou como médico en institucións sanitarias públicas españolas, deberanse achegar os correspondentes certificados de servizos prestados emitidos pola Administración competente.

d) No caso de persoas con minusvalidez, presentarase un certificado acreditativo do grao desta, así como unha certificación de compatibilidade para o desempeño das funcións do corpo de médicos forenses, expedidos polo equipo de valoración e orientación correspondente da Comunidade Autónoma galega, ou por calquera outro órgano competente doutra comunidade.

e) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos restantes requisitos, así como dos méritos alegados.

4. Teranse en conta unicamente aqueles requisitos e méritos que os interesados fagan constar expresamente na súa solicitude de incorporación á bolsa e que estean acreditados de conformidade co previsto no número anterior.

5. O persoal interino do corpo de médicos forenses ao servizo da Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre prestando servizos durante o prazo de presentación de instancias e que desexe integrarse na bolsa regulada na presente orde deberá presentar a correspondente solicitude. De non o facer, poderá continuar no seu posto de traballo ata o seu cesamento, pero non será incluído de oficio pola Administración nas novas listas.

Igualmente, as persoas integrantes de bolsas anteriores que non se atopen prestando servizos e que desexen integrarse na bolsa regulada na presente orde deberán presentar a correspondente solicitude. En caso contrario non serán incluídas na nova bolsa de oficio pola Administración.

6. As solicitudes, unha vez validadas e impresas e coa documentación correspondente, deberán necesariamente presentarse en formato papel asinadas polo interesado en calquera dos seguintes lugares:

– Rexistro único do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de San Caetano en Santiago de Compostela (A Coruña).

– Calquera outro órgano ou rexistro oficial da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio.

– Polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As que se presenten nas oficinas de Correos enviaranse por correo certificado, para o cal se presentarán nas ditas oficinas en sobre aberto co obxecto de seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren remitidas; sen o cumprimento destes requisitos, as ditas solicitudes serán rexeitadas.

Non se admitirán as solicitudes enviadas por fax ou correo electrónico.

A data que conste no selo de rexistro de entrada ou do certificado da oficina de Correos debe encontrarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que a citada data se atope fóra do prazo de presentación de solicitudes, ou non conste na instancia remitida o selo do certificado da oficina de Correos, considerarase como presentada fóra de prazo e non será admitida.

Terceira. Valoración de méritos e ordenación dos interesados na bolsa de interinos

1. Constituirase a bolsa de persoal interino do corpo de médicos forenses atendendo á puntuación outorgada aos solicitantes admitidos segundo o criterio de valoración de méritos que a seguir se especifica, referidos á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

I. Tempo de servizos prestados.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto dos méritos previstos nesta epígrafe será de 32 puntos, en función de:

a) Servizos como médico forense na Administración de xustiza: 2 puntos por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0055 por día, establecéndose os meses como de trinta (30) días.

b) Servizos como médico en institucións sanitarias públicas españolas: 1 punto por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0027 por día, establecéndose os meses como de trinta (30) días.

II. Probas de acceso superadas.

A puntuación máxima posible por esta epígrafe será de 30 puntos, en función de:

a) Pola superación de exercicios do último proceso selectivo concluso para o corpo de médicos forenses: 15 puntos por exercicio superado.

b) Pola superación de exercicios do penúltimo proceso selectivo concluso para o corpo de médicos forenses: 10 puntos por exercicio superado.

III. Formación académica.

A puntuación máxima posible por esta epígrafe será de 20 puntos, en función de:

a) Especialidade en medicina legal e forense: 10 puntos.

b) Especialidade en psiquiatría, traumatoloxía, anatomía patolóxica, medicina do traballo, radioloxía, medicina interna e medicina familiar e comunitaria, así como o doutoramento en medicina: 8 puntos por especialidade ou doutoramento.

c) Outras especialidades: 2 puntos por especialidade.

IV. Formación específica.

Pola asistencia a cursos de formación nos cales se impartisen materias relacionadas coa actividade de médico forense e fosen convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, colexios oficiais de médicos, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, así como por outros organismos cando fosen homologados por unha Administración pública: 0,01 puntos por cada hora, ata un máximo de 6 puntos.

Non serán valorados de conformidade co disposto nesta epígrafe aqueles cursos que poidan ser valorados segundo o disposto en calquera outra epígrafe deste artigo.

V. Coñecementos de lingua galega.

A acreditación de coñecementos da lingua galega mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e pola Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente, valorarase exclusivamente, segundo o máximo nivel alcanzado, conforme un dos seguintes apartados:

Certificado Celga 4 ou equivalente: 1 punto.

Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: 3 puntos.

Curso de linguaxe xurídica superior: 5 puntos.

VI. Formación informática.

Pola asistencia a cursos de formación informática (sistemas operativos, tratamento de textos, tratamento de imaxes, folla de cálculo, bases de datos, internet e correo electrónico), así como a cursos de fotografía e métodos de reprodución, convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, así como os convocados polas organizacións sindicais cando fosen homologados por unha Administración pública: 0,01 puntos por cada hora, ata un máximo de 4 puntos.

VII. Idiomas.

A acreditación de coñecementos de linguas estranxeiras mediante certificados expedidos por centros oficiais no marco europeo de referencia, 1 punto por certificado, ata un máximo de 3 puntos.

Cuarta. Formación das listas e aprobación da bolsa

1. As listas, tanto provisionais coma definitivas, publicaranse na páxina web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e mais na intranet de Xustiza.

O anuncio de exposición destas listas provisionais e definitivas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Os interesados terán dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de exposición das listas provisorias de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia para formularen reclamacións ou emendar os defectos que padeza a súa solicitude, de ser o caso. Nas citadas listas figurará, así mesmo, a causa de exclusión.

Cando remate o prazo previsto no parágrafo anterior, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará a lista definitiva de admitidos e excluídos, na cal figurará a baremación provisional dos méritos dos aspirantes admitidos, que se publicará na forma establecida no número 1 desta base cuarta.

3. Os interesados terán dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de exposición das citadas listas en que figure a baremación provisional de méritos dos aspirantes admitidos no Diario Oficial de Galicia para formularen as alegacións que coiden pertinentes en relación coa dita baremación provisional.

Cando remate o prazo previsto no parágrafo anterior, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará a lista definitiva da bolsa de interinos, ordenados por puntuación, que se publicará na forma establecida no número 1 desta base cuarta.

4. As listas definitivas da bolsa de interinos citadas no número anterior entrarán en vigor o día seguinte ao da publicación do anuncio da súa exposición no Diario Oficial de Galicia e substituirán as listas vixentes, que quedarán anuladas nesa mesma data, sen que isto supoña ningún dereito para os integrantes delas. Porén, aquelas persoas que á entrada en vigor da nova bolsa se encontren prestando servizos como funcionarios interinos seguirán desempeñando o posto de traballo ata que proceda o seu cesamento.

Capítulo III
Réxime xeral de convocatorias

Artigo 4. Vixencia e novas convocatorias

1. A bolsa de persoal interino do corpo de médicos forenses definitivamente constituída terá unha vixencia de tres anos, prorrogables por un ano máis, sen prexuízo de que poida ter unha vixencia menor, segundo o sinalado a seguir.

2. A Dirección Xeral de Xustiza, tras consulta á Comisión Paritaria de Interinos, poderá proceder á convocatoria de nova bolsa de persoal interino, conforme o disposto nesta orde, no prazo dun ano contado desde a publicación da proposta definitiva da bolsa resultante da presente ou sucesivas convocatorias, e en calquera momento sempre que se produzan circunstancias excepcionais ou modificacións lexislativas que así o aconsellen.

Capítulo IV
Xestión da bolsa de interinos

Artigo 5. Órgano competente

A Dirección Xeral de Xustiza levará a cabo a xestión da bolsa de persoal interino do corpo de médicos forenses.

Artigo 6. Procedemento de solicitude de nomeamento de funcionarios interinos

A solicitude debe ser formulada pola persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga a través da OPAX (http://opax.xunta.es), seleccionando a opción que corresponda e gravándoa, tras cubrir todas as súas partes (en caso contrario, a solicitude será rexeitada sen máis trámites). Unha vez gravada a solicitude, pasará automaticamente a estar dispoñible na bandexa de entrada da correspondente xefatura territorial, que a rexistrará e dará continuidade ao trámite. O estado de tramitación de todas as peticións desde a súa gravación estará dispoñible para o órgano solicitante na parte de consulta de solicitudes da persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga na OPAX.

Artigo 7. Selección, chamamento e toma de posesión de funcionarios interinos

1. O proceso de selección e chamamento de candidatos, así como da aceptación por estes das prazas ofertadas, será telemático. Este proceso divídese en tres fases:

a) Anuncio da oferta de prazas e chamamento de candidatos. Cada mércores –ou, de non poder ser, o día seguinte hábil–, ata as 14.00 horas, os departamentos territoriais competentes para o chamamento publicarán a relación de prazas ofertadas, ordenadas por orde cronolóxica de presentación. Esta relación incluirá as prazas que, aceptadas para a dotación con interino, fosen solicitadas ata as 9.00 horas do día hábil anterior, e expresará o motivo da cobertura. Así mesmo, publicarase a relación de persoas preseleccionadas para cubrir aquelas segundo a orde de prelación que resulta do artigo 3 desta orde, cunha ratio de dúas persoas por cada praza ofertada.

Se o chamamento corresponde a unha persoa que está traballando como médico forense interino na Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, correrá a vez e conservará o mesmo posto na bolsa.

A ratio de dúas persoas só se respectaría no caso de que haxa polo menos un candidato da zona de preferencia correspondente para cada unha das prazas ofertadas. Nos demais casos, e para garantir a cobertura das prazas, o sistema informático seleccionará as seguintes persoas dispoñibles dentro da bolsa de acordo coa súa posición, ata chegar á primeira que asegure o chamamento. De non haber ningún candidato da zona de preferencia da praza ofertada, atenderase ao fixado no punto 3 da disposición adicional primeira desta orde, ata que se regularice a situación.

A publicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no punto 2 deste artigo.

b) Aceptación de prazas ofertadas. As persoas incluídas na relación de preseleccionadas disporán dun prazo, que irá desde a publicación ata as 14.00 horas do día seguinte hábil, para cumpriren coa obriga de comunicar a aceptación de prazas (establecendo entre elas a orde de preferencia no caso de aceptaren varias) ou para manifestar expresamente o seu rexeitamento da oferta. A comunicación de cada participante deberá conter, como mínimo, todas as prazas que sexan da súa zona de preferencia. A aceptación será obrigatoria para a zona de preferencia e soamente será posible modificar a orde de preferencia na elección. Se non comunica a súa participación, aínda que as prazas fosen cubertas polos outros participantes, entenderase que rexeita a oferta e, por tanto, será excluído da bolsa. Esta comunicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no punto 2 deste artigo. Se non se efectúa a comunicación da aceptación antes de que venza o dito prazo, considerarase que a persoa preseleccionada non acepta ningunha das prazas ofertadas.

c) Publicación das persoas seleccionadas. Cada luns –ou, no seu defecto, o día seguinte hábil–, ata as 14.00 horas, os departamentos territoriais competentes publicarán, na forma prevista no punto 2 deste artigo, a relación de prazas aceptadas e as persoas seleccionadas.

2. Para o desenvolvemento do proceso previsto no punto anterior, tanto as publicacións que realicen os departamentos territoriais coma as comunicacións que a eles dirixan as persoas interesadas realizaranse a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza. Para tal fin, a todos os compoñentes da bolsa de interinos facilitaráselles, de non o teren xa, un usuario de acceso. Os códigos de identificación da conta de usuario e do contrasinal serán de uso persoal e intransferible.

Os usuarios poderán obter da aplicación informática confirmación da realización dos trámites.

En caso de avaría do sistema poderán enviar as súas solicitudes por fax, así como presentalas no rexistro do departamento territorial.

Segundo o permita o desenvolvemento da tecnoloxía que soporta este proceso, a Dirección Xeral de Xustiza poderá aprobar o establecemento doutros mecanismos de acceso electrónico e telecomunicación.

3. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de xustiza notificarán a exclusión da bolsa de interinos ás persoas que a través do dito proceso fosen chamadas para aceptar todas as prazas da súa zona e non as aceptaran expresamente. As prazas non cubertas serán incluídas na seguinte oferta de prazas.

4. Desde a publicación das persoas seleccionadas, estas disporán dun prazo máximo de tres días hábiles para tomaren posesión ante a xefatura territorial competente, e nese momento presentarán, como requisito inescusable, os documentos que se relacionan a seguir, agás causa de forza maior apreciada, de ser o caso, pola Administración, e tendo en conta que a falta de presentación supón a renuncia ao nomeamento e a exclusión automática da bolsa:

a) Declaración responsable ou documento xustificativo de que non foron condenadas por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que se obtivese a cancelación dos antecedentes penais ou a rehabilitación.

b) Declaración responsable ou documento xustificativo de que non foron separadas mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración pública e de non estaren inhabilitadas para o desempeño das funcións públicas, salvo que fosen debidamente rehabilitadas.

c) Declaración de non se acharen incursas en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

d) Certificado médico recente que acredite que non padecen defecto físico ou enfermidade psíquica ou física que as incapacite para o desempeño do cargo.

e) Aquelas persoas que teñan a condición legal de discapacitadas con grao igual ou superior ao 33 por 100 deberán presentar certificación do equipo de valoración e orientación correspondente da Comunidade Autónoma galega, ou de calquera outro órgano competente doutra comunidade, que acredite a súa capacidade funcional para desempeñar as tarefas propias do corpo cuxas funcións van desempeñar.

f) Documento acreditativo da titulación exixida para o ingreso no corpo. Esta documentación deberá presentarse unicamente no primeiro nomeamento que se realice como funcionario interino.

5. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non sexa previsible coa anticipación suficiente, ou cando polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos debidamente acreditadas sexa necesaria a súa cobertura de forma urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderase realizar telefonicamente desde o momento en que se produza a necesidade.

O chamamento seguirá a orde da bolsa e efectuarase nos mesmos termos ca os chamamentos ordinarios, sendo o prazo para tomar posesión nestes nomeamentos urxentes de 24 horas desde a comunicación telefónica co interesado.

Na seguinte publicación das adxudicacións dos últimos chamamentos ordinarios realizados na provincia figurarán tamén os chamamentos urxentes efectuados.

Artigo 8. Cesamento

1. Os nomeamentos que se efectúen ao abeiro da presente orde terán carácter temporal, e a relación de servizos extinguirase cando desapareza a urxencia ou necesidade que determinou a cobertura do posto, cando se reincorpore de forma efectiva o funcionario titular con dereito a reserva do posto de traballo que estea a ser cuberto en réxime de interinidade e, en todo caso, cando o posto de traballo sexa cuberto de forma efectiva por un funcionario de carreira por calquera dos sistemas legalmente establecidos.

2. Nos supostos de cesamento de interino previstos no número anterior, de existir outro posto desocupado no mesmo centro de destino poderase, sempre que este sexa susceptible de cobertura e as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan, autorizar a continuidade do dito interino.

3. Tamén constituirán causas de cesamento as seguintes:

a) Falsidade nalgún dos requisitos exixidos ou circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.

b) Sanción por falta grave ou moi grave imposta por vía disciplinaria, de acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial e no Regulamento xeral de réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 796/2005, do 1 de xullo.

c) O cumprimento da idade forzosa de xubilación, excepto que se acordase a prolongación de permanencia no servizo activo.

d) A declaración de incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez.

e) A renuncia do interesado.

f) A falta de reincorporación do funcionario interino, unha vez esgotada a duración máxima da situación de incapacidade temporal ou cando se emitise informe do servizo de inspección competente en que se acorde a súa incorporación.

g) Expiración do prazo, ou cando desaparezan as razóns de necesidade ou urxencia polas que foi nomeado.

h) A falta evidente de capacidade que lle impida cumprir coas funcións asignadas e manifestada nun rendemento insuficiente, sempre e cando non comporte inhibición, nos termos establecidos no artigo 10 da presente orde.

i) Supresión da praza desempeñada.

O cesamento do funcionario interino polas causas indicadas nas alíneas a), b), c), d), e), f) e h) suporá, así mesmo, a súa exclusión definitiva da bolsa de selección de persoal interino.

4. Cando se produza o cesamento dun funcionario interino será colocado ao final da bolsa, agás cando non alcanzase un ano de servizo entre todos os destinos servidos durante os últimos nomeamentos que nunca fosen computados para estes efectos. Os servizos prestados refírense a nomeamentos xerados para o mesmo corpo en que cesan, aínda que estes sexan consecuencia dunha bolsa anterior.

Artigo 9. Causas de exclusión da bolsa de selección de interinos

1. Serán causas de exclusión as indicadas no artigo 8.3 desta orde.

2. Así mesmo, cando a persoa a quen corresponde o chamamento para un posto concreto coincidente coa zona de preferencia non acepte o seu nomeamento, non presente en prazo a documentación prevista nesta orde ou non se presente para tomar posesión, entenderase que renuncia ao nomeamento e quedará excluída da bolsa.

Igualmente serán excluídas da bolsa as persoas preseleccionadas que non cumpran coa obriga de comunicar a súa participación na oferta de prazas da súa zona de preferencia, aínda que as prazas ofertadas sexan cubertas polos outros preseleccionados, xa que neste caso se entenderá que rexeita o chamamento.

3. Non obstante, non procederá a exclusión da bolsa cando a persoa seleccionada demostre e poña en coñecemento da correspondente xefatura territorial, de conformidade co previsto no punto 4 deste artigo, as seguintes situacións:

a) Incapacidade temporal, mediante parte de baixa médica expedido por un facultativo da Seguridade Social que acredite a situación de incapacidade o día que se produce o chamamento.

b) Maternidade, se a renuncia se produce entre o quinto mes de embarazo e a décimo oitava semana posterior ao parto.

c) Coidado de fillos menores de tres anos de idade ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, enfermidade ou accidente non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, sempre que se acredite a convivencia cos ditos fillos ou familiar.

d) Adopción ou acollemento, se a renuncia se produce dentro das dezaseis semanas seguintes á chegada do adoptado ou acollido ao novo fogar. Este prazo ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do adoptado ou acollido, e por cada un no caso de adopcións ou acollementos múltiples.

Nos supostos de adopción internacional, se for necesario o desprazamento previo ao país de orixe do adoptado ou acollido, este prazo poderase arrequentar ata tres meses.

e) Incoación de dilixencias xudiciais nos casos de violencia sobre a muller.

f) Actividade profesional no sector público ou privado. Neste suposto o dereito á suspensión do chamamento prevista no número seguinte só se poderá exercer por unha única vez.

4. En todos os supostos relacionados no punto anterior, agás no caso previsto na alínea a), para evitar a exclusión da bolsa, o interesado deberá ter solicitada e autorizada a suspensión de chamamentos con anterioridade a que estes se produzan, para o que deberá presentar na xefatura territorial correspondente a documentación acreditativa necesaria.

Os efectos da suspensión produciranse desde o décimo día natural seguinte ao da presentación da correspondente solicitude no rexistro da xefatura territorial correspondente.

Unha vez finalizada a causa xustificativa da suspensión de chamamentos, o interesado comunicarao á xefatura territorial no prazo máximo de quince días (15) hábiles contados desde a referida finalización, para a súa reincorporación ao seu posto na bolsa. O incumprimento desta obriga implicará a exclusión da bolsa.

5. Serán excluídos da bolsa os integrantes que o soliciten. Así mesmo, e quitado que concorra causa xustificada alegada que sexa acollida pola correspondente comisión, en calquera momento durante a vixencia daquela, os que deixen de reunir as condicións previstas nesta orde, así como os que soliciten o cesamento voluntario no posto onde estean traballando, salvo que o dito cesamento sexa para desempeñar actividade profesional no sector público ou privado, suposto este no cal, por unha única vez durante a vixencia da bolsa, a solicitude de cesamento non implicará a exclusión da bolsa senón a suspensión de chamamentos, sendo de aplicación as previsións establecidas no número anterior respecto da obriga de comunicación da finalización da dita causa de suspensión.

Artigo 10. Cesamento por falta de capacidade

1. A persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga poderá propor á Dirección Xeral de Xustiza, a través da xefatura territorial correspondente, o cesamento do funcionario interino por falta de capacidade ou rendemento.

2. A proposta de cesamento será motivada e notificaralla a persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga ao interesado para que nun prazo de dez (10) días hábiles presente as alegacións que considere oportunas, poñéndose á súa disposición, a petición do interesado, a documentación durante o mesmo prazo. Neste prazo o interesado poderá achegar a documentación que considere oportuna e propor proba sobre as circunstancias que motivan a proposta.

3. A xefatura territorial correspondente incoará o expediente, e na mesma resolución acordará dar traslado da proposta de cesamento e das alegacións recibidas ás organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza de Galicia, as cales no prazo de dez (10) días naturais poderán efectuar por escrito as consideracións e propor as probas que coiden procedentes. A xefatura territorial correspondente, unha vez practicadas as probas consideradas pertinentes, enviará o informe concernente, con todo o expediente, á Dirección Xeral de Xustiza.

4. Logo de proposta da subdirección xeral competente en materia de recursos humanos, a persoa titular da dirección xeral resolverá nun prazo de dez (10) días hábiles.

5. A duración do procedemento establecido neste artigo non pode exceder os seis meses contados desde a súa data de iniciación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, producirase a súa caducidade.

6. A resolución de cesamento por falta de capacidade ou rendemento levará consigo o cesamento do funcionario interino no posto que ocupe e a exclusión da bolsa de interinos.

7. O cesamento do funcionario interino por finalizar as causas que motivaron o seu nomeamento non impedirá a continuación do procedemento no caso de que sexa nomeado de novo e non concluíse o prazo de seis meses desde a data de iniciación do expediente.

8. En ningún caso se procederá á apertura do expediente regulado neste artigo cando dos feitos informados derive responsabilidade disciplinaria do funcionario. Neste caso procederase á apertura do correspondente expediente de acordo co procedemento establecido no Real decreto 796/2005, do 1 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Artigo 11. Período de prácticas

1. Os aspirantes da bolsa que non teñan completados, ao menos, seis meses de servizos efectivos no respectivo corpo durante os cinco anos inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria da bolsa e que sexan nomeados terán a consideración de interinos en prácticas.

2. O período de prácticas terá unha duración de seis meses desde o nomeamento, computándose o dito período de forma continuada ou en períodos acumulables. Durante este período de prácticas terán os mesmos dereitos retributivos ca o resto dos interinos.

3. Finalizado o período de prácticas, a persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga, nas súas funcións de colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza, emitirá un informe sobre o rendemento do interino. O informe favorable implicará a superación do período de prácticas e o aspirante quedará integrado con carácter definitivo na bolsa e, no caso de que continúe prestando servizos, producirase a renovación automática do seu nomeamento como funcionario interino.

4. No momento en que se formalice un novo nomeamento sen ter transcorrido o período máximo de seis meses, a correspondente xefatura territorial procederá a comunicar á persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga a existencia do dito período de prácticas, coa extensión e alcance destas.

5. En caso de que o informe da persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga sexa desfavorable, a xefatura territorial iniciará o correspondente expediente contraditorio, no cal se poderán solicitar outros informes e o aspirante a interino afectado poderá presentar as alegacións e propor as probas que ao seu dereito conveñan no prazo de cinco días hábiles desde que se lle notificou o inicio do expediente. Se a xefatura territorial está conforme co informe da persoa titular da dirección ou subdirección do Imelga, resolverá a non superación do período de prácticas, co conseguinte cesamento no posto e a exclusión definitiva da bolsa. Para estes efectos seguiranse os trámites previstos no artigo 10 desta orde.

Artigo 12. Participación, información e seguimento

1. Os sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsa de interinos a través dunha comisión paritaria integrada por un representante de cada sindicato e da Dirección Xeral de Xustiza, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento.

2. En cada xefatura territorial constituirase unha comisión de selección dos integrantes da bolsa, que se deberá reunir tan sequera unha vez ao mes para analizar as peticións e levar o control da correspondente bolsa. Estas comisións estarán compostas por un representante da xefatura territorial e por un representante de cada un dos sindicatos que conformen a Mesa Sectorial de Xustiza.

3. A Comisión Paritaria de Interinos será a encargada da vixilancia, control e seguimento da correcta aplicación do contido na presente orde. Así mesmo, resolverá as cuestións interpretativas que poidan xurdir, coa finalidade de aplicar criterios homoxéneos e evitar posibles contradicións.

4. As xuntas de persoal, como órganos colexiados, poderán solicitar a información que consideren necesaria sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de funcionarios interinos, así como ter acceso informático á bolsa ou, no caso de non poder ser así, obter as copias correspondentes.

5. Nas comisións a que se refire o presente artigo procurarase alcanzar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Disposición adicional única. Zonas de preferencia

1. Establécense as seguintes zonas de preferencia, ás cales deben optar os solicitantes sinalando unha delas na súa solicitude, xa que en caso contrario a dita solicitude será rexeitada sen máis trámites:

Zona 1: A Coruña.

Zona 2: Lugo.

Zona 3: Ourense.

Zona 4: Pontevedra.

2. En todo caso, a Comisión Paritaria de Interinos, atendendo ás necesidades do servizo, á efectividade da bolsa ou ao número de solicitudes, poderá establecer que na bolsa única de ámbito autonómico queden integrados obrigatoriamente todos os solicitantes, non sendo de aplicación, para este caso, as previsións establecidas nesta orde relativas á zona de preferencia.

3. De non existiren ou de se esgotaren os integrantes dunha zona concreta de preferencia, os candidatos pertencentes ás restantes zonas de preferencia estarán obrigados, coas consecuencias que se sinalan na presente orde, a aceptar o chamamento que se produza.

Disposición transitoria única. Réxime de nomeamento de interinos

Mentres non sexa aprobada e publicada a bolsa de selección de funcionarios interinos definitiva con suxeición ás normas contidas nesta orde, seguiranse nomeando funcionarios interinos para postos do corpo de médicos forenses consonte a normativa e convocatoria anterior.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 10 de maio de 2006 sobre selección e nomeamento de médicos forenses interinos (Diario Oficial de Galicia núm. 100, do 26 de maio).

Disposición derradeira primeira. Normativa supletoria

Para o non previsto nesta orde aplicarase supletoriamente, cando así sexa posible, o disposto na Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 28 de novembro de 2013, pola que se regula a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 234, do 9 de decembro).

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza