Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 17 de outubro de 2014 Páx. 44525

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 10 de outubro de 2014 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN201H).

missing image file

A Orde do 24 de xullo de 2014, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 145, do 1 de agosto, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN201H).

No artigo 1.3, parágrafo primeiro do anexo I-Bases reguladoras, establece a consideración de actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2014 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19.

O artigo 19.1, do anexo I-Bases reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionada á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2.2 da convocatoria, fixando o prazo para presentala ata o 10 de novembro de 2014.

Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 19.1 do anexo I da orde, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos/as beneficiarios/as.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 19.1 do anexo I da Orde do 24 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN201H).

O primeiro parágrafo do artigo 19.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. O pagamento da subvención quedará condicionada á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2.2 da convocatoria e ata o 24 de novembro de 2014, do orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación: (...)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria