Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 7 de novembro de 2014 Páx. 46738

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 139/2014, do 23 de outubro, polo que se crea e regula a Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria.

O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde, establecendo que corresponde aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios. Así mesmo, no seu artigo 51 establece que os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios, protexendo a súa seguridade e saúde.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no título segundo o réxime de competencias da Comunidade Autónoma. Relacionadas cos controis na cadea alimentaria cabe sinalar as competencias en materia de pesca, acuicultura e marisqueo (artigo 27.15); as competencias en materia de sanidade interior (artigo 33); a competencia exclusiva en agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado (artigo 30.I.3); e a competencia exclusiva en materias relacionadas coa defensa das persoas consumidoras e usuarias, todo isto sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia (artigo 30.I.4).

En execución do mandado constitucional, o Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, nos seus artigos 9 e 15, atribúe aos poderes públicos o deber de adoptar cantas medidas sexan convenientes para protexer e defender os dereitos das persoas consumidoras, especialmente no que fai referencia á saúde e seguridade, así como ao dereito a unha información clara e veraz sobres os diferentes bens, e a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 18.10 ordena aos órganos competentes das administracións públicas desenvolveren as actividades necesarias para o control sanitario e a prevención dos riscos para a saúde derivados dos produtos alimenticios. Nesa mesma liña, o artigo 11 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como dereitos básicos dos consumidores a protección fronte aos riscos que poidan comprometer a súa saúde ou seguridade derivados das relacións de consumo, así como o dereito a unha información clara, veraz e transparente sobre os diferentes bens, produtos e servizos.

Por outra parte, a Unión Europea efectuou neste campo unha reforma lexislativa que comeza co Regulamento (CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria, que considera que a execución das políticas públicas debe asegurar un elevado nivel de protección da vida e a saúde das persoas e que a libre circulación de alimentos seguros e saudables é un aspecto esencial do mercado interior e contribúe de xeito significativo á saúde e benestar da cidadanía, así como aos seus intereses sociais e económicos, engadindo que só pode conseguirse a libre circulación de alimentos e pensos dentro da Comunidade se os requisitos de seguridade alimentaria non difiren significativamente dun Estado membro a outro e os sistemas de control oficial establecidos para garantir a aplicación dos ditos requisitos resultan equivalentes.

O Regulamento (CE) nº 882/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde animal e benestar dos animais establece os requisitos que deben cumprir os sistemas de control oficial dos Estados membros, co fin de velar por que se cumpran a lexislación sobre pensos e alimentos e a normativa sobre saúde e benestar dos animais e facer o correspondente seguimento e verificar que os explotadores de empresas alimentarias cumpren os requisitos pertinentes das ditas normas en todas as etapas da produción, a transformación e a distribución. Así mesmo, establece que, para conseguir unha implantación global e uniforme dos controis oficiais, os Estados membros deben establecer e aplicar plans nacionais de control plurianuais de acordo cunhas directrices amplas elaboradas a nivel comunitario.

En cumprimento do establecido no dito Regulamento (CE) nº 882/2004, elaborouse o Plan nacional de control oficial da cadea alimentaria en España, no cal se describen as actividades de control oficial que se realizarán ao longo de toda a cadea alimentaria, desde a produción primaria ata os puntos de venda ao consumidor final, e se recolle quen son as autoridades competentes en cada caso. O obxectivo é asegurar que os controis abrangen todos os sectores e todas as etapas da cadea de produción de pensos e alimentos, incluíndo os aspectos relacionados coa seguridade alimentaria, a hixiene dos pensos e alimentos, a calidade e os requisitos de composición, a etiquetaxe, a protección das indicacións xeográficas, das denominacións de orixe e da agricultura ecolóxica, así como os aspectos relacionados coa saúde e benestar dos animais e a sanidade vexetal.

O mesmo regulamento, no seu artigo 4, punto 3º, establece que, cando exista unha delegación de competencias para levar a cabo os controis oficiais nunha ou varias autoridades distintas da autoridade competente central, garantirase unha coordinación eficaz e efectiva entre todas as autoridades involucradas. Esta mesma exixencia é aplicable, segundo o punto 5º do mesmo artigo, no caso de que existan distintas unidades dunha mesma autoridade que son competentes para levar a cabo os controis oficiais da cadea alimentaria.

Así mesmo, a Decisión 2007/363/CE da Comisión, do 21 de maio de 2007, que establece as directrices que se aplicarán, nos plans nacionais de controis da cadea alimentaria, sinala a necesidade de garantir a coordinación efectiva das actividades e a cooperación nas autoridades competentes e, entre elas, especialmente sobre as cuestións que requiren unha acción conxunta de diferentes servizos dunha autoridade competente ou de diversas autoridades competentes.

Na nosa comunidade autónoma, as competencias naqueles ámbitos que poden ter incidencia no control da cadea alimentaria atópanse repartidas entre diversos órganos das actuais consellerías de Economía e Industria; do Medio Rural e do Mar; de Sanidade e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Esta dispersión, que se xustifica na especialización dos labores de control que cada órgano desenvolve, pode pór en risco o correcto fluxo de información entre eles. Por iso, co fin de lograr unha axeitada adaptación dos estándares establecidos na normativa comunitaria, este decreto desenvolve un instrumento organizativo de coordinación das actividades que, no eido do control oficial da cadea alimentaria, levan a cabo distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria que se crea e se regula a través deste decreto está chamada, así pois, a exercer un labor que se ten demostrado fundamental neste eido: o da comunicación de información relevante a tempo, así como o da adecuada planificación, coordinación e supervisión das tarefas de control oficial ao longo de toda a cadea de produción, elaboración, distribución e venda dos produtos alimenticios. Tamén será un órgano de grande importancia á hora de establecer e unificar criterios interpretativos en relación coa aplicación da lexislación alimentaria. Deste xeito contribúese a consolidar a confianza das persoas consumidoras nos controis na cadea alimentaria ao mesmo tempo que se evitan duplicidades de inspección nos/as produtores/as e operadores/as comerciais.

En atención a todo o anteriormente exposto, parece oportuno crear e regulamentar, na nosa comunidade autónoma, o funcionamento dun órgano que garanta unha coordinación eficaz e efectiva entre todos os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia involucrados no control oficial da cadea alimentaria.

Na súa virtude, por iniciativa dos/das conselleiros/as de Economía e Industria; do Medio Rural e do Mar; de Sanidade e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de outubro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación da Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria, así como a determinación da súa composición, das súas funcións e do seu réxime de funcionamento.

A Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria estará adscrita á consellería competente en materia de agricultura e gandaría.

Artigo 2. Fins

A Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria será o instrumento para garantir a intervención, en todas as fases da cadea alimentaria, dos dispositivos de control oficial necesarios e impulsar a participación e coordinación de todos os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma involucrados na garantía do cumprimento da normativa alimentaria, incluíndo a información ás persoas consumidoras de acordo coa protección dos seus dereitos básicos.

Artigo 3. Composición

1. Estarán representadas na Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria as consellerías competentes en materia de control oficial da cadea alimentaria, tanto no eido da produción primaria como no das fases posteriores a esta. Por tanto, formarán parte da Mesa as consellerías con competencias en materia de agricultura e gandaría; de pesca, acuicultura e marisqueo; de sanidade e de xestión dos subprodutos da cadea alimentaria. Tamén estará representada a consellería que teña a competencia en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias.

2. A Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria estará composta por unha persoa en representación de cada unha das consellerías participantes. Os membros da Mesa serán nomeados por tempo indefinido, polo/a conselleiro/a competente por razón da materia, entre persoas que presten servizos na consellería con rango mínimo de subdirector/a ou asimilado, logo da solicitude da consellería que teña a presidencia da Mesa.

3. A Mesa contará cun presidente ou presidenta, nomeado/a por un período de dous anos entre os seus membros. A presidencia será rotatoria e recaerá entre as persoas representantes das consellerías competentes en materia de sanidade; de agricultura e gandaría; de pesca, marisqueo e acuicultura; e de protección das persoas consumidoras. No primeiro ano a presidencia será exercida pola persoa representante da consellería competente en materia de sanidade. A posterior orde rotatoria será establecida por decisión da Mesa adoptada por unanimidade das persoas que a compoñen. No caso de que non se produza acordo, a orde será a de prelación das diferentes consellerías segundo o establecido na estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

4. A persoa que teña a presidencia da Mesa nomeará un/unha secretario/a, que non formará parte dela e que actuará con voz pero sen voto. A persoa que ocupe a secretaría será un/unha empregado/a ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e o seu mandato finalizará cando o da persoa que ocupe a presidencia.

5. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os membros da Mesa poderán ser substituídos polas persoas que se designen como suplentes. Esta designación realizarase canda a dos titulares entre persoas que presten servizos na respectiva consellería con rango mínimo de xefe/a de servizo ou asimilado.

O réxime de suplencia da presidencia da Mesa será o establecido no artigo 16.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

6. Na composición da Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 4. Funcións da Mesa

A Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria terá as seguintes funcións:

a) Planificar e coordinar o cumprimento dos obxectivos dos organismos executivos de control oficial, competentes nos diferentes ámbitos da cadea alimentaria e dependentes das correspondentes consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma, todo iso de acordo coa lexislación vixente en cada momento.

b) Acordar e realizar as comunicacións aos operadores da cadea alimentaria que considere axeitadas para facilitar e garantir o cumprimento da normativa de aplicación.

c) Propoñer a posición da Comunidade Autónoma de Galicia nas cuestións que, no eido do control da cadea alimentaria e da información ás persoas consumidoras de acordo coa protección dos seus dereitos básicos, sexan tratadas nos distintos órganos da Administración xeral do Estado con competencia na materia, así como facilitar, impulsar e facer o seguimento da implementación en Galicia dos acordos adoptados polos ditos órganos.

d) Elaborar a proposta de Plan plurianual de control oficial da cadea alimentaria de Galicia, elevalo, a través da consellería a que pertenza a persoa que exerza a presidencia da Mesa, ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, así como coordinar e avaliar a súa implementación e revisalo en prol da consecución dos seus obxectivos.

e) Estudar e redactar, para a súa aprobación polo Consello da Xunta, o informe anual de execución do Plan plurianual de control oficial da cadea alimentaria e aqueloutras propostas que, tanto desde o punto de vista funcional como organizativo, poidan incidir nunha maior garantía dos dereitos da cidadanía en relación coa cadea alimentaria e no relacionado coa información ás persoas consumidoras de acordo coa protección dos seus dereitos básicos.

f) Unificar criterios interpretativos en relación coa aplicación da lexislación alimentaria.

g) Detectar necesidades formativas do persoal encargado do control oficial e promover accións para a súa formación.

h) Calquera outra función relacionada co control da cadea alimentaria que lle sexa encomendada por acordo do Consello da Xunta.

Artigo 5. Convocatorias e sesións

1. A Mesa xuntarase, de xeito ordinario, unha vez cada dous meses. Tamén poderá ser convocada pola presidencia, de xeito extraordinario, cantas veces sexa necesario, por iniciativa propia ou por solicitude de calquera dos seus membros.

2. Para a válida constitución da Mesa para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a concorrencia das persoas que teñan a presidencia e a secretaría ou, de ser o caso, aqueles que os substitúan e, cando menos, da metade dos membros.

3. Por petición de calquera dos seus membros poderán asistir ás xuntanzas da Mesa, logo da decisión favorable da presidencia, funcionarios/as, persoal facultativo ou técnico ao servizo das administracións públicas, así como persoas cunha acreditada traxectoria persoal ou profesional no eido do control da cadea alimentaria. Todas estas persoas que asistan á Mesa farano con voz pero sen voto.

4. Os acordos da Mesa adoptaranse por unanimidade dos seus membros.

Artigo 6. Actas

De cada reunión da Mesa será levantada acta, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

Os acordos adoptados obrigarán aos órganos representados na Mesa.

Artigo 7. Grupos de traballo

Sempre que o xulgue conveniente, a Mesa poderá establecer grupos de traballo que teñan por finalidade a análise de temas ou actividades específicas. A designación das persoas que formen os grupos de traballo será realizada pola presidencia da Mesa logo do acordo dos seus membros. Os integrantes dos grupos de traballo, que non teñen por qué ter a condición de membros da Mesa, poderán ser funcionarios/as, persoal facultativo ou técnico ao servizo das administracións públicas, así como persoas cunha acreditada traxectoria persoal ou profesional no eido do control da cadea alimentaria.

Os grupos de traballo informarán a Mesa, a través da súa presidencia, dos resultados da súa actividade.

Artigo 8. Réxime xurídico

A Mesa rexerase pola lexislación básica sobre órganos colexiados, polas normas contidas na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo disposto neste decreto.

Os membros da Mesa poderán aprobar un regulamento de réxime interior do órgano.

Disposición adicional única. Impacto económico para a Administración autonómica

Os membros da Mesa realizarán as súas funcións como parte das funcións inherentes ao órgano administrativo a que prestan servizos. Por tal motivo, a participación neste órgano colexiado non xerará dereitos económicos nin indemnizacións por asistencia aos seus membros.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, por iniciativa das consellerías integrantes da Mesa e logo de designación da consellería que debe participar na elaboración do respectivo proxecto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de outubro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza