Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 7 de novembro de 2014 Páx. 46746

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan, para o curso 2014/15, os contratos-programa con centros educativos e se establecen as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes desta consellería.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, coa finalidade de desenvolver medidas encamiñadas cara a un sistema educativo de calidade, que garanta a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade e que posibilite que cada alumno e cada alumna desenvolva ao máximo as súas potencialidades.

O artigo 120 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas potenciarán e promoverán a autonomía dos centros, de forma que os seus recursos económicos, materiais e humanos poidan adecuarse aos plans de traballo e organización que elaboren, unha vez que sexan convenientemente avaliados e valorados.

O desenvolvemento lexislativo propio de Galicia afonda neste principio, tanto desde o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade como no mesmo desenvolvemento curricular que se está a desenvolver. Neste sentido, a iniciativa de contratos-programa trata de constituír tamén un instrumento de apoio ás novidades introducidas pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e pretende potenciar de forma prioritaria o desenvolvemento das competencias clave, especialmente a competencia matemática, así como a mellora da convivencia nos centros e o logro da excelencia educativa. O fin último é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver ao máximo posible as súas potencialidades e, en definitiva, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.

Xa que logo, preténdese que os centros educativos analicen, por unha banda, as súas fortalezas e debilidades e propoñan medidas específicas de actuación e, por outra, que a Administración educativa proporcione os recursos necesarios para o desenvolvemento de proxectos realistas nos cales participe a comunidade educativa e as institucións do contorno.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular os contratos-programa e establecer as condicións para desenvolver nos centros educativos programas para a mellora do éxito escolar do alumnado durante o curso escolar 2014/15.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos públicos, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, seguintes:

a) Centros de educación infantil e primaria.

b) Centros de educación primaria.

c) Centros públicos integrados.

d) Institutos de educación secundaria.

Sección 2ª. Programas para a mellora do éxito escolar

Artigo 3. Programa de centro para a mellora do éxito escolar

Os centros educativos poderán elaborar un programa para a mellora do éxito escolar do alumnado, sobre unha ou varias das actuacións que se establecen no artigo 5.

Artigo 4. Obxectivos do programa

O programa, en función das actuacións que o integren, deberá perseguir os seguintes obxectivos:

a) Identificar e dar resposta ás dificultades do alumnado en relación coa aprendizaxe.

b) Lograr un clima de aula e de centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe.

c) Favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables para mellorar a súa formación e previr os riscos de exclusión social.

d) Mellorar o nivel de adquisición das competencias clave de todo o alumnado nas etapas de ensino obrigatorio, poñendo especial atención no desenvolvemento da competencia matemática.

e) Reducir a taxa de abandono escolar.

f) Apoiar a evolución e a integración do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender, afondando nos coñecementos dalgún campo de actividade.

g) Mellorar a calidade da educación e os niveis de éxito escolar.

h) Implicar as familias do alumnado na súa educación e nos procesos de ensino e aprendizaxe.

i) Promover a mellora da calidade na xestión dos centros.

j) Lograr a colaboración da Administración local, dos empregadores e doutras institucións naqueles ámbitos que favorecen a escolarización e a formación da poboación.

Artigo 5. Actuacións do programa e destinatarios

O programa que elaboren os centros poderá recoller unha ou varias das actuacións que se relacionan a continuación, considerando as necesidades e os intereses dos seus destinatarios.

1. Reforzo, orientación e apoio (PROA).

Destinatarios:

– Alumnado dos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e alumnado de educación secundaria obrigatoria que presenta dificultades de aprendizaxe, así como aquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural en que se desenvolve.

2. Mellora das competencias clave:

Coa finalidade de priorizar as accións para a mellora da competencia matemática, o desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia e poderá incluír tamén actuacións para a mellora da competencia en comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Destinatarios:

– Todo o alumnado de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

As actividades propostas nesta actuación e que coincidan coas desenvolvidas noutros plans promovidos pola Consellería non poderán ser obxecto de financiamento.

3. Mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.

Destinatarios:

– Alumnado dos centros educativos, e particularmente dos que impartan a etapa de educación secundaria obrigatoria, e que teñan alumnado que presente alteracións do comportamento, alumnado con problemas graves de conduta e alumnado en risco de abandono temperán ou absentismo.

4. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Destinatarios:

– Alumnado dos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e alumnado de educación secundaria que presenta unha destacada capacidade e motivación para aprender.

5. Mellora da calidade na xestión dos centros.

Destinatarios:

– Centros de educación infantil e primaria.

– Centros de educación primaria.

– Centros públicos integrados.

– Institutos de educación secundaria.

Artigo 6. Elaboración do programa e requisitos

O programa que elabore o centro para a mellora do éxito escolar do alumnado concretará as actuacións que se pretenden desenvolver, de entre as que se establecen no artigo 5 desta resolución, e identificará para cada unha delas, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Razóns que xustificarían a actuación, cos datos que procedan.

b) Logros que se perseguen e indicadores de medida temporalizados. Para a súa concreción teranse en conta indicadores como:

– A taxa de éxito escolar nos distintos niveis ou etapas, tomando como referencia os resultados das distintas avaliacións e das PAU, entre outros.

– A taxa de idoneidade do alumnado para cada un dos niveis de ensino obrigatorio.

– A análise das necesidades educativas e socioeconómicas do contorno.

– Os datos de inserción laboral, se procede.

– Os resultados dos sistemas de xestión da calidade, se é o caso.

c) Accións que se pretenden desenvolver e a súa temporalización. Estas accións deberán ser concretas, innovadoras e orientadas aos logros que se perseguen. As accións poderán comportar singularidades en canto a:

– Horario de apertura e peche do centro.

– Organización do currículo.

– Organización e características dos recursos humanos.

– Necesidades de formación do profesorado.

– Asignación e/ou distribución de recursos materiais.

– Modelo de xestión organizativa e pedagóxica que requiran as accións.

d) Estratexias de coordinación entre centros na transición do alumnado de primaria a secundaria, se é o caso.

e) Implicación das familias do alumnado, doutras institucións e de empresas, se é o caso.

f) Colaboración da Administración local e doutras administracións, se é o caso.

g) Necesidade de novos recursos que implica a actuación, temporalizados.

h) Proceso de seguimento e avaliación interna que se vai realizar de cada unha das actuacións.

2. O programa será elaborado polo equipo directivo do centro que, previamente, deberá realizar unha análise sobre os procesos que se veñen desenvolvendo no centro para identificar as súas fortalezas e debilidades.

3. Valorarase positivamente que a participación na convocatoria conte coa aprobación do claustro e do consello escolar do centro.

Artigo 7. Compromisos do centro educativo

O centro educativo co cal se acorde o desenvolvemento dun programa, conforme o previsto nesta resolución, ademais dos compromisos que deriven das actuacións recollidas nel, deberá asumir, polo menos, os seguintes compromisos:

– O centro realizará un seguimento periódico das actuacións previstas no programa, cando menos con carácter trimestral, e reflectir documentalmente as circunstancias e os resultados acadados.

– O profesorado implicado terá que participar nas actividades de formación que se planifiquen tanto desde o centro como desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– O equipo directivo terá que participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– O centro garantirá a participación activa do director ou directora e outro membro do equipo directivo nas reunións do traballo en rede que desde a Administración educativa se establezan.

– A comunidade educativa terá que coordinarse e cooperar en rede para mellorar a calidade do servizo educativo e acadar os obxectivos fixados.

– A comunidade educativa terá que participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.

Artigo 8. Actuacións da Administración educativa

A Administración educativa da Xunta de Galicia, na procura da mellora do sistema educativo, desenvolverá, nos centros con que acorde o desenvolvemento de programas previstos nesta resolución, actuacións como as que seguen:

a) Apoio aos centros e ao profesorado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria daralle apoio específico aos centros educativos que desenvolvan programas dos previstos nesta resolución, polo menos, nos seguintes aspectos:

– Asesoramento, a través dos servizos de inspección educativa.

– Asesoramento e asistencia de servizos específicos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tales como persoal, orientación, formación do profesorado e xestión económica, entre outros.

– Formación específica ao equipo directivo e ao profesorado implicado no programa.

– Potenciación do traballo en rede dos centros docentes para o intercambio de coñecementos e experiencias.

b) Difusión das boas prácticas que se desenvolvan nos centros educativos.

As boas prácticas, identificadas no desenvolvemento dos programas nos diferentes centros, poderán ser divulgadas, en colaboración cos propios centros educativos, co fin de constituír modelos de referencia de organización e xestión destes.

c) Recursos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, dotará os centros de recursos específicos para o desenvolvemento do programa acordado, se é o caso.

Sección 3ª. Proceso de solicitude e selección dos programas

Artigo 9. Proceso e prazo de solicitude

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

– Certificación da aprobación do programa polo consello escolar (anexo II).

– Certificación da aprobación do programa polo claustro (anexo III).

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Criterios de selección dos programas

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, á vista dos programas presentados polos centros, seleccionará aqueles que, respondendo aos requisitos establecidos nesta convocatoria, sexan viables na súa execución e no marco dos recursos dispoñibles.

2. Os programas que se autoricen serán seleccionados conforme os seguintes criterios:

a) A concreción e viabilidade dos obxectivos perseguidos, das accións previstas e do proceso de avaliación.

b) A coordinación e implicación dos centros adscritos, ou aos que están adscritos, para a transición do alumnado desde a educación primaria á educación secundaria obrigatoria.

c) Centros en cuxo contorno sociocultural predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros.

d) Centros con taxas baixas de éxito escolar.

e) Centros con baixos resultados académicos, asociados a problemas de convivencia no centro, sempre que se prevexa esa actuación no programa.

f) A implicación das familias, do concello e doutras institucións para o desenvolvemento do programa.

g) O nivel de apoio do claustro e do consello escolar na aprobación do programa.

h) A participación do centro nos plans de autoavaliación e mellora da calidade na educación.

i) A participación do centro en programas ou proxectos de innovación nos últimos tres anos.

j) A participación do centro nos contratos-programa, con avaliación positiva por parte da comisión de seguimento.

Artigo 11. Comisión de selección

1. Baixo a presidencia da persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes.

2. A comisión estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, da Subdirección Xeral de Recursos Humanos e da Subdirección Xeral de Centros, os/as inspectores/as xefes do Servizo Territorial de Inspección Educativa, a persoa titular da xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, e unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que realizará as funcións de secretaría. As persoas subdirectoras poderán ser substituídas por xefes/as de servizo, se é o caso.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica, constituída por persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para efectos de elaboración de informes sobre os programas de actuación presentados.

4. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 12. Procedemento de selección dos programas

1. O contrato-programa explicitará, cando menos, o seguinte:

– Os logros que se perseguen, mediante os indicadores acordados, para cada actuación.

– As actuacións que se inclúen no programa.

– Os compromisos do centro educativo.

– As actuacións e achegas da Administración educativa.

– A comisión de seguimento.

2. Entre os programas presentados, a comisión seleccionará aqueles que, cumprindo os requisitos da convocatoria, se consideren viables.

3. A comisión de selección concretará cos centros educativos todos aqueles aspectos dos programas seleccionados que se plasmarán no contrato-programa.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez rematado o proceso de selección dos programas e realizada a concreción dos contratos-programa, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web.

2. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que resolverá a relación final dos programas seleccionados.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Formalización do contrato-programa

Os centros que sexan autorizados para o desenvolvemento dun programa asinarán coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un contrato-programa, que recolla as actuacións do programa e os acordos entre o centro e a comisión de selección.

Artigo 15. Recursos para o desenvolvemento do programa

Para o desenvolvemento das actuacións establecidas no contrato-programa, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotará os centros dos recursos financeiros e de persoal considerados necesarios.

Sección 4ª. Seguimento, avaliación e certificación

Artigo 16. Seguimento e avaliación do contrato-programa

1. O equipo directivo do centro supervisará o desenvolvemento do programa conforme o proceso de seguimento e avaliación interna previsto nel e dará conta aos órganos de participación e goberno, aos pais, nais ou titores/as legais, así como ás institucións que participan no programa.

2. A inspección educativa realizará, ao longo de cada curso académico, o seguimento e a avaliación das diferentes actuacións previstas no programa, e informará periodicamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A avaliación do programa realizada polo centro educativo para cada curso académico reflectirase nunha memoria final que, ademais de servir para dar conta ante a comunidade educativa, porase á disposición da comisión de seguimento do acordo e incorporarase, así mesmo, á memoria anual do centro.

4. Para o seguimento do programa establecerase unha comisión de seguimento do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o centro educativo. Esta comisión estará integrada por representantes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da dirección do centro educativo e o inspector ou inspectora do centro. A composición da comisión concretarase no acordo entre a Administración educativa e o centro.

5. A comisión estará presidida por un representante da Administración educativa e reunirase, se é o caso, por instancia dela. Esta comisión ten as funcións seguintes:

a) Facer o seguimento e a avaliación da execución do acordo a partir da información que facilita o centro educativo e a inspección.

b) Analizar o grao de consecución dos obxectivos e compromisos acordados a través dos indicadores establecidos.

c) Formular propostas de modificación dos recursos en relación co desenvolvemento do programa.

d) Propor as modificacións que se consideren necesarias nos obxectivos, nas actuacións e nas medidas acordadas para a continuidade do programa ou a súa supresión, se é o caso.

6. O centro educativo ten que certificar o valor conseguido nos indicadores que establece o acordo e achegar a documentación que lle sexa requirida pola comisión de seguimento.

Artigo 17. Certificación de participación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria certificará a participación do profesorado directamente implicado nos programas, como actividades de innovación educativa e recoñecerá, se procede, as boas prácticas derivadas da aplicación dos programas en función dos resultados do seu seguimento e avaliación.

Artigo 18. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file