Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 10 de novembro de 2014 Páx. 46864

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 20 de outubro de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cospeito, para a delimitación dos núcleos rurais de Broz, Carracido, A Escoleira, O Monte e Pereiras.

O Concello de Cospeito remitiu documentación do expediente de referencia, que xunta proxecto técnico de modificación redactado pola consultora EPTISA e datado en xaneiro de 2014, para os efectos da súa aprobación definitiva, ao abeiro do artigo 85, puntos 5 e 7, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Cospeito e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

Cospeito conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas polo Concello Pleno o 14 de abril de 1997. Do acordo de aprobación definitiva foron excluídas, entre outras determinacións, todas as delimitacións de núcleos rurais.

A tramitación da presente modificación puntual consistiu en:

• 18.8.2011. Remisión do documento de inicio á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que exime a modificación de sometemento a avaliación ambiental estratéxica (Decisión do 20 de setembro de 2011).

• 12.12.2011. Informe favorable da Dirección Xeral de Infraestruturas.

• 26.12.2011. Informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo que indica distintas deficiencias que se deben corrixir.

• 29.3.2012. Aprobación inicial da modificación polo Pleno do Concello.

• 12.4.2012-4.7.2012. Exposición pública da modificación, mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia do 4 de maio de 2012, El Progreso do 11 de abril e La Voz de Galicia do 16 de abril; e notificouse a aprobación inicial aos concellos limítrofes. Non se recibiu ningunha alegación.

• Recadáronse os seguintes informes sectoriais:

– Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural de Lugo (24.4.2012). Do informe cabe deducir a inafección de infraestruturas en que esta consellería ten responsabilidade.

– Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Lugo (16.5.2012). Conclúe a inafección de espazos naturais.

– Axencia Galega de Infraestruturas (15.6.2012). Reitera o indicado no informe emitido anteriormente pola Dirección Xeral de Infraestruturas o 12.12.2011.

– Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria de Lugo (25.9.2012), sobre os dereitos mineiros rexistrados que afectan o municipio de Cospeito.

– Confederación Hidrográfica Miño-Sil, emitido o 27.6.2012, de carácter desfavorable.

– Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (DXPC) (25.9.2012), de carácter desfavorable.

• 28.6.2013. Emisión de informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, favorable condicionado á observancia de indicacións.

• 16.7.2013. Emisión de informe da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, de carácter desfavorable.

• 27.1.2014. Emisión de informe da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, de carácter favorable, condicionado á inclusión de varias medidas correctoras.

• 30.1.2014. Aprobación provisional da modificación polo Concello Pleno.

• 9.5.2014. Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en que se sinalan varias deficiencias que se deben corrixir.

• 31.7.2014. Novo acordo plenario de aprobación provisional do proxecto enmendado.

II. Aspectos xerais.

II.1. A modificación ten por obxecto a delimitación de cinco asentamentos de poboación no municipio de Cospeito: Broz e Carracido –na parroquia de S. Martiño de Pino–, A Escoleira –na parroquia de S. Xiao de Támoga–, e O Monte e Pereiras –na parroquia de S. Paio de Arcillá–, co fin de favorecer determinadas actuacións edificatorias neles (novas vivendas e ampliación das existentes).

II.2. Os cinco asentamentos contan con topónimo recoñecido no nomenclátor autonómico (Decreto autonómico 6/2000), así como no elaborado polo Instituto Nacional de Estatística.

II.3. Como resultado dos cambios introducidos, o conxunto das delimitacións afecta unha superficie global dunhas 21,61 ha, nas cales existe un total de 44 vivendas, o que deita unha densidade media lixeiramente superior a 2 viv./ha.

III. Observacións.

Ao longo da tramitación do expediente cumpríronse as exixencias da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 31 de xullo de 2014 e obtivéronse os informes sectoriais preceptivos de xeito favorable. Nomeadamente, achegouse informe favorable en materia de telecomunicacións, recoñecéronse as vías que anteriormente non se incluían e acreditouse suficientemente o cálculo da consolidación edificatoria aplicable.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cospeito corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Á vista de todo o que antecede, e ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) en relación co 93.4, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, resolvo:

1º. Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Cospeito, para delimitación dos núcleos rurais de Broz, Carracido, A Escoleira, O Monte e Pereiras.

2º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

3º. De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2014

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
P.S. (Decreto 122/2014, do 25 de setembro; DOG núm. 184, do 26 de setembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza