Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 19 de novembro de 2014 Páx. 47872

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de novembro de 2014 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Economistas de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponderon á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio de Economistas de Lugo acordou en asemblea xeral do 4 de decembro de 2013 a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido na Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar os estatutos do Colexio de Economistas de Lugo, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio de Economistas de Lugo

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Personalidade xurídica e capacidade de obrar

O Colexio de Economistas de Lugo é unha corporación de dereito público amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que se rexe pola lexislación vixente en materia de colexios profesionais, polas disposicións xerais que regulan a profesión de economista e a súa organización profesional e polos presentes estatutos.

O Colexio de Economistas de Lugo constitúese como autoridade competente, de acordo co establecido no artigo 3 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, no ámbito das competencias que lle outorga a lexislación vixente.

Por ser unha corporación de dereito público, está suxeita ao dereito administrativo, salvo nas cuestións de índole civil e penal, que quedan sometidas ao réxime xurídico correspondente, así como as relacións co seu persoal, que se rexerán pola lexislación laboral.

O Colexio de Economistas de Lugo atópase encadrado na organización colexial dos economistas de España formada polo Consello Xeral de Economistas de España, os Consellos Xerais Autonómicos e os Colexios de Economistas.

Artigo 2. Ámbito territorial

Constitúe o ámbito territorial do Colexio a provincia de Lugo e a súa sede fíxase na rúa Tuñas Bouzón, nº 2, entresollado (27001) Lugo.

Artigo 3. Fins do Colexio

1. O Colexio de Economistas de Lugo é a entidade que agrupa, coordina e representa nos ámbitos provincial, autonómico e nacional o Colexio de Economistas de Lugo e os profesionais colexiados, e ordena, defende e protexe no ámbito da súa competencia, e de acordo co establecido polas leis, o exercicio profesional, e tutela os intereses dos consumidores e usuarios dos servizos prestados polos colexiados.

2. No exercicio das súas funcións, o Colexio de Economistas tutelará os dereitos e intereses dos usuarios de servizos prestados polos profesionais colexiados. Así mesmo, velará pola subscrición de convenios de intercambio, de acordos ou calquera clase de relacións con organizacións similares ou afíns dentro do seu ámbito.

3. Son fins esenciais do Colexio os seguintes:

1. Ordenar e controlar o exercicio da profesión, dentro do marco legal respectivo e o ámbito das súas respectivas competencias.

2. Exercer a representación exclusiva da profesión, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

3. Asegurar que a actividade dos seus colexiados se someta, en todo caso, ás normas deontolóxicas da profesión, salvagardando o interese xeral dos cidadáns.

4. Participar e colaborar coa administración na defensa das profesións, os profesionais e os usuarios dos seus servizos.

5. Realizar as actuacións necesarias para a integración do quefacer profesional na sociedade, articulando todas as iniciativas precisas para iso.

6. Atender os colexiados e os consumidores e usuarios a través do servizo creado para ese efecto.

7. A cooperación administrativa co obxecto de atender solicitudes de información sobre os seus colexiados, as sancións firmes, as peticións de inspección ou investigación que formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea.

8. Contribuír a proxectar unha imaxe positiva dos colexiados e axudar a situar o colectivo como un grupo profesional de referencia na sociedade.

9. Facilitar as mellores solucións específicas para os colexiados nos ámbitos de desenvolvemento profesional e relacional.

Artigo 4. Funcións do Colexio

Corresponde ao Colexio de Economistas de Lugo o exercicio das seguintes funcións, no seu ámbito territorial:

1. Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

2. Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que poidan ser solicitadas ou acorde formular por propia iniciativa.

3. Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

4. Participar nos consellos ou organismos consultivos da Administración na materia de competencia da profesión de economista.

5. Estar representados nos padroados universitarios.

6. Participar na elaboración dos plans de estudo e emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión do economista, manter permanente contacto con eles e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos profesionais.

7. Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

8. Facilitar aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

9. Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando para que ofreza á sociedade niveis de competencia e calidade suficiente, pola ética e dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial, de acordo coas normas deontolóxicas do economista.

10. Velar para que a conducta dos colexiados en materia de comunicacións comerciais sexa axustada ao disposto na lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como, se for o caso, o segredo profesional.

11. Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión e outros análogos, provendo ao sostemento económico mediante os medios necesarios.

12. Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados e impedir a competencia desleal entre eles.

13. Adoptar as medidas conducentes a evitar a intrusión profesional.

14. Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

15. Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigacións dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

16. Emitir informes e ditames, para os exclusivos efectos da taxación de custas e de xura de contas, sobre baremos de honorarios profesionais aplicados en procedementos xudiciais ou administrativos.

17. Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

18. Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos en que o Colexio teña creados os servizos adecuados e nas condicións que se determinen nos estatutos do Colexio.

19. Organizar, se for o caso, cursos para a formación profesional dos posgraduados.

20. Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos profesionais e regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

21. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para que se solicitou.

22. Intervir, se for o caso, en vía de mediación ou arbitraxe.

23. Contribuír ao desenvolvemento da sociedade en xeral, mediante o apoio de accións que reafirmen o exercicio dos principios democráticos e os dereitos humanos e a responsabilidade social.

24. Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

25. Todas aquelas que lle sexan atribuídas pola lexislación do Estado e a Comunidade Autónoma ou por outras normas de rango legal ou regulamentario, e as que lle sexan delegadas polas administracións públicas ou derivadas de respectivos convenios de colaboración.

26. Calquera das outras que, sen estaren comprendidas nas anteriores, supoñan a prestación dun servizo de interese xeral en beneficio dos colexiados.

TÍTULO II
Dos colexiados

CAPÍTULO I
Condicións para a colexiación e o exercicio profesional

Artigo 5. Requisitos para a colexiación

Para pertencer ao Colexio é necesario reunir os seguintes requisitos:

1. Ter nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea ou dun terceiro Estado a que a Unión Europea aplique, de forma recíproca e efectiva, o principio de liberdade de circulación de profesionais, tanto a nivel de establecemento como de prestación ocasional de servizos, salvo os casos de dispensa legal e o disposto en convenios ou tratados subscritos por España.

2. Estar en posesión de calquera das seguintes titulacións:

a) As comprendidas no Real decreto 871/1977, do 26 de abril.

b) Licenciado en Economía, licenciado en Administración e Dirección de Empresas, licenciado ou diplomado en Ciencias Empresariais, licenciado en Ciencias Actuariais e Financeiras, licenciado en Investigación e Técnicas de Mercado, así como aqueloutros que sexan recoñecidos como habilitantes para o exercicio da profesión polas autoridades competentes.

c) Calquera outra nova titulación superior emitida por universidades españolas en substitución das xa mencionadas no número 2.1. que teña plenos efectos habilitantes para o exercicio profesional como economista no Estado español.

d) Calquera titulación ou acreditación que, recoñecida ou emitida pola Administración española en virtude da aplicación do sistema xeral de recoñecemento de títulos superiores dos Estados membros da Unión Europea, habilite para o exercicio profesional como economista.

3. Solicitar o ingreso no Colexio na forma que estea prevista.

4. Aboar a cota de ingreso fixada pola Xunta Xeral, en función dos custos asociados á tramitación e tendo en conta os servizos prestados.

5. Ter plena capacidade xurídica non estando incurso en incapacidade para exercer a profesión.

Artigo 6. Colexiados de honra

A Xunta de Goberno poderá acordar a designación como membro de honra do Colexio de Economistas de Lugo daquelas persoas, economistas ou non, que reúnan relevantes méritos no ámbito académico ou profesional de calquera actividade relacionada coa materia económica ou que destaquen polos seus eminentes servizos ao Colexio.

Esta designación non comportará outros dereitos que os meramente honoríficos. As persoas así designadas non poderán exercer a profesión de economista sen reuniren os requisitos xerais de titulación e incorporación colexial.

Artigo 7. Obrigatoriedade da colexiación

A incorporación ao Colexio será obrigada para o exercicio da profesión de economista, en calquera das súas formas. Non entanto, a colexiación será potestativa para os funcionarios, e o persoal laboral das administracións públicas para a realización de funcións administrativas e para a realización de actividades propias da súa profesión por conta da Administración a que pertenzan.

A Xunta de Goberno perseguirá con todos os medios que a lexislación lle confire os que utilicen a denominación profesional de economistas sen estaren colexiados.

O economista deberá colexiarse no Colexio de Economistas de Lugo cando o seu domicilio profesional único ou o principal, en caso de ter varios, estea no ámbito territorial deste Colexio. Non entanto, bastará a incorporación a un só colexio de economistas para exercer en todo o territorio nacional, sen necesidade de ningunha comunicación, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente os seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

Soamente os profesionais colexiados poden utilizar a denominación de economistas, e, noutro caso, deben limitarse á titulación académica que corresponda.

O acceso e exercicio da profesión rexerase polo principio de igualdade de trato e non-discriminación, en particular por razón de orixe racial, étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos da sección III do capítulo III do título II da Lei 66/2003.

No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Organizarase un sistema de cooperación entre os colexios xerais de economistas, para os efectos de poder colaborar no coñecemento e sanción polo colexio de inscrición das actuacións do profesional fóra do ámbito territorial en que estea inscrito, que poidan vulnerar os deberes colexiais, deontolóxicos ou os dereitos dos consumidores e usuarios.

Artigo 8. Formas de exercicio profesional

A profesión de economista pode levarse a cabo a través dos seguintes réximes:

a) Exercicio libre, xa sexa individualmente ou en forma de sociedade. Para acceder ao exercicio libre requirirase efectuar a declaración correspondente ao Colexio.

b) Dependencia laboral.

c) Relación administrativa.

Ademais dos colexiados persoas físicas, o Colexio de Economistas de Lugo recoñece o exercicio profesional de economista ás sociedades profesionais, con todos os dereitos e obrigacións recoñecidos na Lei 2/2007, de sociedades profesionais, cuxo exercicio profesional se rexerá polo previsto na lexislación aplicable, sen que o Colexio estableza outras restriccións que as sinaladas nas leis aplicables.

As exixencias para exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións que poidan afectar os economistas, así como as restricións ás súas comunicacións comerciais nas profesións colexiadas, serán só as que se establezan por lei.

As sociedades profesionais inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, creado para ese efecto, e o Colexio exercerá sobre elas os dereitos e competencias que outorga ao Colexio a mencionada lei.

Artigo 9. Tramitación e procedemento da colexiación

1. A Xunta de Goberno fixará os criterios administrativos de actuación para tramitar a solicitude de incorporación ao Colexio de quen cumpra os requisitos exixidos para a colexiación e establecerá as delegacións de facultades necesarias aos órganos administrativos do Colexio para a súa consecución.

2. A Xunta de Goberno, á vista da documentación presentada e sen prexuízo das dilixencias de información e comprobación da documentación presentada admisible legalmente, no prazo de noventa días resolverá motivadamente as solicitudes de incorporación, accedendo ou denegando as incorporacións en virtude do disposto na normativa legalmente aplicable.

3. Contra a resolución ditada, o interesado poderá interpor recurso no prazo dun mes ante o consello autonómico competente.

4. As solicitudes poderán realizarse na secretaría do Colexio ou a través do portelo único habilitado na páxina web do Colexio.

Artigo 10. Adquisición e perda da condición de colexiado

A condición de colexiado adquírese por acordo da Xunta de Goberno do Colexio ou, se for o caso, do acordo que resolva o recurso interposto.

Pérdese a condición de colexiado por calquera dos seguintes motivos:

1. Por petición propia manifestada polo colexiado mediante escrito. A Xunta de Goberno aceptará por escrito a baixa voluntaria, salvo que conste á Xunta de Goberno a continuidade no exercicio da profesión de economista e a obrigatoriedade legal de estar colexiado no Colexio para o devandito exercicio. A resolución denegatoria da baixa deberá ser motivada e notificada coas advertencias dos recursos que couberen.

2. Por resolución expresa da Xunta de Goberno pola falta de pagamento reiterada das cotas correspondentes a tres períodos trimestrais, logo de notificación expresa por escrito ao colexiado, sen prexuízo do dereito a exixir o pagamento das cotas debidas.

3. Por perda das condicións requiridas legal ou estatutariamente para o ingreso.

4. Por sanción de suspensión temporal ou expulsión definitiva prevista no réxime disciplinario imposta polo órgano competente, logo de tramitación de expediente disciplinario, con audiencia previa do interesado, ou como consecuencia de pena accesoria imposta polo órgano xudicial competente.

5. Por incapacidade legal.

6. Por falecemento.

Os trámites poderán realizarse na secretaría do Colexio ou a través do portelo único habilitado na páxina web do Colexio.

CAPíTULO II
Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 11. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados:

1. Exercer as funcións propias do economista conforme o estatuto profesional, sexa individualmente ou asociado con outros profesionais. Para que sexa recoñecido o exercicio profesional de economista por medio dunha sociedade profesional, esta deberá reunir os requisitos exixidos legalmente e constar inscrita no Rexistro do Colexio.

2. Recibir apoio do Colexio ante todo tipo de persoas e entidades públicas e particulares en relación co seu exercicio profesional.

3. Asistir con voz e voto ás reunións da Xunta Xeral.

4. Elixir e ser elixidos para ocupar cargos na Xunta de Goberno e calquera dos órganos electivos que correspondan no seo do Colexio.

5. Utilizar os servizos colexiais conforme as condicións establecidas para iso.

6. Comisionar o Colexio, nos casos que teña establecido o servizo, en substitución procesual para o cobramento en vía contenciosa ou precontenciosa das retribucións debidas como consecuencia do exercicio profesional, satisfacendo por iso á corporación os dereitos establecidos ao respecto.

7. Ser informados periodicamente da marcha do Colexio por medio de publicacións, sesións informativas, xuntas xerais ou outros medios que estableza a Xunta de Goberno, e participar nas actividades que organice o Colexio, segundo os casos.

8. Utilizar a denominación de economista e cantas prerrogativas lles estean recoñecidas no seu exercicio profesional, así como dispor do selo e papel profesional de economistas en exercicio libre cando se atope na dita situación.

9. Cantos outros dereitos deriven por conexión necesaria dos anteriores ou sexan establecidos mediante o correspondente acordo corporativo.

Artigo 12. Deberes dos colexiados

Son deberes dos colexiados:

1. Exercer a profesión de acordo coas leis, as normas deontolóxicas e técnicas establecidas para a profesión.

2. Defender os intereses confiados polos usuarios dos servizos profesionais do economista e gardar o segredo profesional sobre todos os asuntos en que interveñan.

3. Actualizar os seus coñecementos e técnicas de traballo e asegurar o adecuado nivel de calidade nos traballos realizados.

4. Cumprir estes estatutos e as súas normas de desenvolvemento, así como as resolucións ditadas polos órganos do Colexio con reserva dos recursos pertinentes.

5. Comparecer ante os órganos colexiais cando foren requiridos, salvo causa xustificada.

6. Exercer os cargos e funcións colexiais para os que foren designados.

7. Satisfacer as cotas establecidas.

8. Comunicar ao colexio o seu domicilio, así como os cambios neste e noutros datos de interese colexial. No devandito domicilio notificaranse cantos acordos, convocatorias e demais comunicacións que o Colexio deba facer. O cambio de domicilio non notificado non producirá efectos colexiais. As notificacións, dentro da normativa legal, poderán facerse por medios electrónicos.

TÍTULO III
Dos órganos de goberno

Artigo 13. Órganos esenciais

1. Son órganos esenciais do Colexio de Economistas de Lugo a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano presidente na súa condición respectiva de órgano plenario, órgano de goberno e órgano presidencial.

2. A duración do mandato dos órganos de goberno do Colexio de Economistas de Lugo será de catro anos.

CAPíTULO I
Da Xunta Xeral

Artigo 14. Carácter

A Xunta Xeral de colexiados é o órgano supremo de goberno do Colexio, composta por todos os colexiados, e pode ter carácter ordinario e extraordinario.

Son competencias exclusivas da Xunta Xeral:

a) A aprobación e reforma dos estatutos e das normas deontolóxicas colexiais.

b) A aprobación da xestión do órgano de goberno e do seu presidente.

c) A aprobación dos orzamentos e das contas anuais do Colexio.

Artigo 15. Asistencia á Xunta

Todos os colexiados teñen o dereito de asistir con voz e voto ás reunións da Xunta Xeral.

Os colexiados poden facerse representar por outro colexiado expresa e nominativamente designado para o efecto. As delegacións de voto deberán acreditarse fidedignamente, de modo que poida comprobarse a sinatura do representado e a identidade do representante, antes da celebración da Xunta.

A representación poderá indicar ou non o senso en que se emite o voto delegado.

Non será admisible a representación para as eleccións á Xunta de Goberno; neste caso deben seguirse os procedementos de voto persoal ou por correo establecidos para o devandito suposto.

Artigo 16. Constitución

Consideraranse constituídas as xuntas, en primeira convocatoria, cun mínimo de asistencia do 50 % dos colexiados, e en segunda convocatoria, calquera que for o seu número, excepto naqueles casos que estes estatutos requiran outros mínimos.

Artigo 17. Convocatoria e orde do día

A fixación da orde do día das xuntas xerais corresponde á Xunta de Goberno. Os colexiados poderán propor por escrito á Xunta de Goberno a inclusión de puntos na orde do día, que deberán ser obrigatoriamente tratados se van avalados pola sinatura dun 10 % dos colexiados. Esta proposición deberá ser comunicada cunha antelación de, polo menos, dez días naturais ao sinalado para a celebración da Xunta Xeral.

A convocatoria para a Xunta Xeral, expresando a orde do día, a data, a hora e o lugar da reunión, remitirase por correo, servizo de mensaxaría ou outro análogo, incluída a convocatoria telemática e a publicación no portelo único da web, sempre que sexa tecnicamente posible e quede asegurada a súa recepción, polo menos, con quince días naturais de antelación á data de celebración da Xunta Xeral.

Cando se produza a ampliación da orde do día a que se refire o parágrafo primeiro, reflectirase coa maior antelación que sexa posible no portelo único da web do Colexio para coñecemento do resto dos colexiados.

Cando se trate de Xunta Xeral extraordinaria e o requira a urxencia dos asuntos que se van tratar, a convocatoria poderá cursarse con oito días naturais de antelación.

A partir da remisión da convocatoria aos colexiados, estarán á súa disposición os antecedentes e documentos relativos aos acordos comprendidos na orde do día.

Artigo 18. Presidencia

Corresponde ao decano presidente ou ao membro da Xunta de Goberno que o substitúa presidir a reunión da Xunta Xeral e dirixir o seu desenvolvemento, concedendo o uso da palabra de acordo coa correspondente orde do día, e velar polo bo desenvolvemento da Xunta. Poderá establecer o número de intervencións, a súa duración, as quendas a favor e en contra e o modo de deliberar e adoptar acordos.

Artigo 19. Adopción de acordos

Os acordos poderán adoptarse por votación a man alzada ou nominal, aberta ou secreta, de acordo coa resolución que adopte a Presidencia, oída a Xunta, segundo a transcendencia e carácter dos acordos que se vaian adoptar.

Entenderanse adoptados os acordos por asentimento se, consultada a Xunta, non houber oposición de ningún dos asistentes. Non poderán adoptarse acordos sobre cuestións que non constasen previamente na orde do día.

Os acordos que se adopten respectarán os límites establecidos pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Os asistentes á Xunta, ao final dela, poderán facer constar por escrito as súas observacións ou obxeccións sobre o desenvolvemento da sesión, que se unirán á acta.

Os acordos adoptaranse, calquera que sexa o número de asistentes e salvo o disposto nestes estatutos para determinadas materias, por maioría de votos emitidos, e en caso de empate resolverá o voto do decano presidente.

Artigo 20. Suspensión

Cando o número de colexiados asistentes, presentes e representados sexa inferior ao 10 % do censo dos colexiados e o requira a importancia da cuestión, a Presidencia poderá acordar a suspensión da Xunta, e efectuará nova convocatoria dentro dos trinta días naturais seguintes. A orde do día da nova xunta, deberá incluír, como mínimo, as cuestións incluídas na orde do día da xunta suspendida.

Artigo 21. Xunta Xeral ordinaria

A Xunta Xeral ordinaria reunirase dúas veces ao ano.

1. No primeiro trimestre para deliberar e adoptar acordos en relación coa seguinte orde do día:

a) Aprobación das contas anuais e presentación do informe de auditoría do exercicio anterior.

b) Memoria anual elaborada pola Xunta de Goberno sobre actividades do ano anterior. Esta memoria deberá facerse pública a través da páxina web nos termos e prazos sinalados na normativa vixente.

c) Proxectos en curso de realización.

d) Debate e votación das propostas que a Xunta de Goberno acordase incluír na convocatoria.

e) Rogos e preguntas.

2. Antes de finalizar o exercicio:

a) Aprobación do orzamento que para o exercicio seguinte propoña a Xunta de Goberno.

b) Nomeamento de auditores.

c) Debate e votación das propostas que a Xunta de Goberno acordase incluír na convocatoria.

d) Rogos e preguntas.

Artigo 22. Xunta Xeral extraordinaria

A Xunta Xeral reunirase con carácter extraordinario sempre que sexa convocada con este carácter pola Xunta de Goberno por propia iniciativa ou por solicitude de, polo menos, o 5 % dos colexiados. Neste último caso, a solicitude deberá indicar concretamente as cuestións e propostas sometidas a discusión e decisión da Xunta Xeral.

En ningún caso poderán tratarse asuntos que non sexan expresa e claramente incluídos na convocatoria, sen prexuízo do dereito de ampliación previsto nos presentes estatutos.

Artigo 23. Acordos impugnables

Poderán ser impugnados os acordos das xuntas que sexan contrarios á lei, se opoñan aos estatutos ou lesionen, en beneficio dun ou varios colexiados, os intereses dos outros ou do Colexio.

Serán nulos de pleno dereito e anulables os actos e acordos dos órganos colexiais nos casos previstos nas leis xerais e na Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa aplicable.

Para a impugnación dos acordos están lexitimados todos os colexiados e a Xunta de Goberno. Cando se trata de decisións de órganos colectivos a que o colexiado asista con dereito de voto, será necesario que votase en contra da súa aprobación. Para estes efectos os colexiados poderán pedir nos casos legalmente establecidos facer constar o seu voto discrepante.

Se a Xunta de Goberno considera que os acordos adoptados pola Xunta Xeral son perturbadores para a marcha da corporación ou de transcendencia e importancia excepcionais ou contrarios á lei ou aos presentes estatutos, suspenderá no prazo de cinco días mediante acordo motivado, ata que resolva o Consello Galego de Colexios de Economistas, a quen se dará conta da situación en informe razoado, quen deberá resolver no prazo de dez días hábiles. No caso de que non se ratifique a suspensión, o decano do colexio promoverá a impugnación do acordo ante a xurisdición contencioso-administrativa para que resolva sobre a legalidade do acto suspendido.

CAPíTULO II
Da Xunta de Goberno

Artigo 24. Composición

A Xunta de Goberno estará integrada polo decano presidente, o vicedecano, e 6 vogais. De entre os vogais serán elixidos os cargos de secretario e tesoureiro.

Artigo 25. Elección dos cargos e duración do mandato

Os membros da Xunta de Goberno designaranse por elección directa e secreta, na cal poden participar todos os colexiados cunha antigüidade mínima de 6 meses no Colexio na data da elección e que non estean incursos en ningún procedemento de baixa colexial segundo o disposto no artigo 10 dos presentes estatutos.

O mandato dos membros da Xunta de Goberno durará catro anos e poden ser reelixidos.

Artigo 26. Convocatoria

A convocatoria das eleccións será efectuada pola Xunta de Goberno cunha antelación de 30 días naturais á data sinalada para ela, que non será computada para eses efectos. A convocatoria será cursada aos colexiados dentro dos cinco días seguintes ao acordo a que adopte.

Para a notificación e publicación aos colexiados da convocatoria de eleccións e no procedemento poderá utilizarse calquera medio legalmente admitido, incluídos os medios telemáticos e electrónicos, así como a publicación no portelo único.

Artigo 27. Censo electoral

O censo dos colexiados con dereito a voto será exposto na sede colexial con, polo menos, trinta días naturais de antelación á data da elección. As reclamacións, se for o caso, poderán ser interpostas dentro dos dez días hábiles seguintes á publicación do censo, e serán resoltas e notificadas dentro dos tres días hábiles seguintes ao da súa recepción.

O censo electoral poderá publicarse no portelo único facendo constar os datos de coñecemento público dos profesionais colexiados de acordo coa lei ómnibus e lexislación de protección de datos.

Artigo 28. Requisitos dos candidatos

Para poder ser proclamado a calquera cargo da Xunta de Goberno é necesario estar incluído no censo electoral e non estar inhabilitado para o exercicio da profesión nin ser sancionado polo Colexio polo tempo que dure a sanción imposta.

Os anteriores requisitos deberán cumprirse no momento de proclamación da candidatura e manterse no momento de acceso ao cargo e durante o seu exercicio.

Artigo 29. Presentación das candidaturas

As candidaturas á Xunta de Goberno deberán ser propostas por dez ou máis electores, cunha antelación de, polo menos, 15 días naturais respecto ao día sinalado para a elección, que non será computado para estes efectos. Ningún candidato poderá figurar en máis dunha candidatura. É válida a concorrencia dos mesmos candidatos na súa presentación.

A proposta de candidatura deberá conter tantos candidatos como cargos se sometan a elección. Así mesmo, deberá indicarse o nome e domicilio do seu representante, quen actuará en nome da candidatura e recibirá a notificación dos acordos relativos ao proceso electoral. De non efectuarse designación de representante, asumirá a representación da candidatura a persoa proposta para o cargo de decano.

Artigo 30. Proclamación dos candidatos

A proclamación dos candidatos efectuarase dentro dos dous días hábiles seguintes á finalización do prazo de presentación.

As candidaturas poden renunciar á súa proclamación ata tres días hábiles antes da súa elección.

Cando non resulte proclamada máis dunha soa candidatura, a proclamación equivale á elección dos seus integrantes para os cargos por que sexan propostos.

Artigo 31. Remisión aos colexiados

As listas de candidatos proclamados e a documentación necesaria para o voto por correo están remitidas polos servizos administrativos do Colexio a todos os colexiados cunha antelación de, polo menos, quince días naturais respecto da data sinalada para a elección, mediante os sistemas legalmente admitidos.

Artigo 32. Comisión Electoral

1. A Comisión Electoral está formada por catro membros elixidos por sorteo de entre todos os colexiados con dereito a voto. No mesmo sorteo elixiranse outros tantos suplentes, que só serán convocados no caso de que os titulares acrediten imposibilidade manifesta para realizaren as súas funcións.

A condición de membro da Comisión Electoral é incompatible coa de propoñente, candidato, interventor ou representante dalgunha das candidaturas.

O sorteo para a designación dos membros da Comisión Electoral realizarase, sempre que se presente máis dunha candidatura, dentro do mesmo prazo de proclamación destas, e dentro dos dous días seguintes á súa elección convocaranse os compoñentes da Comisión Electoral para o acto de aceptación dos seus cargos e constitución do citado órgano.

A Comisión Electoral elixirá de entre os seus membros un presidente e un secretario.

2. A Comisión Electoral velará pola legalidade e o funcionamento democrático das eleccións e, en especial, polo principio de igualdade de todas as candidaturas. As súas funcións son:

a) Supervisar a veracidade e o cumprimento das normas éticas e deontolóxicas dos programas electorais.

b) Interpretar as normas estatutarias sobre as eleccións aos membros da Xunta de Goberno.

c) Resolver as reclamacións que poidan producirse a partir do momento da súa constitución.

d) Constituír a mesa electoral, realizar e supervisar o escrutinio no día das eleccións e proclamar os resultados electores.

3. Os membros da Comisión Electoral terán dereito a ser reintegrados dos gastos de desprazamento ocasionados con motivo do exercicio das súas funcións.

Artigo 33. Campaña electoral

As candidaturas poderán realizar, ao seu cargo, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. No entanto, non poderán servirse, para os efectos anteriores, dos medios materiais nin persoais do Colexio, con excepción das instalacións colexiais para realizar reunións ou outros actos relacionados coa campaña electoral.

Os representantes das candidaturas poderán solicitar ao Colexio unha copia do censo electoral, así como os datos de contacto dos colexiados, de acordo coa lexislación vixente. O uso por parte dos candidatos destes datos queda estritamente limitado á campaña electoral concreta.

O Colexio enviará o programa das candidaturas e publicarao na web unha vez que a Comisión Electoral comprobe a veracidade do seu contido e a súa adecuación ás normas éticas e deontolóxicas.

Artigo 34. Mesa electoral

Os membros da Comisión Electoral constituiranse en mesa electoral o día sinalado para a votación e no local sinalado na convocatoria, para presidiren o proceso de votación. O presidente e o secretario da Comisión Electoral exercerán o mesmo cargo na mesa electoral.

Os membros da mesa electoral poderán ausentarse temporalmente da votación, pero polo menos dous deles deberán estar presentes.

Artigo 35. Papeletas de voto

As papeletas de voto deben ter as mesmas características. A Comisión Electoral editará un mínimo de papeletas, que será o mesmo para todas as candidaturas. As papeletas editadas pola Comisión Electoral poranse ao dispor dos candidatos. Naqueles casos en que as candidaturas desexen dispor dun número de papeletas superior, poden solicitar á Comisión Electoral a edición de máis exemplares, que, en todo caso, correrán a cargo da candidatura que o solicite.

Así mesmo, a Comisión Electoral facilitará as papeletas aos electores que desexen exercer o seu voto por correo.

Artigo 36. Forma de votación

Os colexiados poderán emitir o seu voto persoalmente durante o horario sinalado para a votación, que será de, polo menos, oito horas. Así mesmo, poderán emitir o seu voto por correo enviando ao Colexio a papeleta e sobre de votación, contidos noutro sobre asinado e pechado en que conste o nome do colexiado remitente, e no cal se incluirá unha fotocopia do seu documento nacional de identidade.

Os sobres e papeletas de voto por correo deben recibirse no Colexio antes de finalizar a votación e logo da proclamación de candidatos. Para este efecto, procederase a rexistrar nun libro, a cargo do secretario do Colexio ou de quen asuma as súas funcións, os sobres recibidos, que serán entregados á Comisión Electoral; esta realizará o cotexo das sinaturas, e consignará as incidencias ocorridas, se for o caso, para posibilitar a comprobación por parte dos candidatos ou os seus interventores o día da votación.

O voto emitido persoalmente anula o voto enviado previamente por correo. No caso de que se reciba máis dun voto por correo remitido polo mesmo elector, ambos serán considerados nulos. Unha vez concluída a votación, procederase a incluír os votos válidos recibidos por correo introducindo na urna o sobre interior que contén a papeleta de votación.

A Xunta de Goberno facilitará o exercicio do dereito ao voto, que tamén poderá ser realizado electronicamente sempre que se dispoña dos medios adecuados para iso. En todo caso, este modo de votación debe permitir acreditar a identidade do colexiado e a inalterabilidade do contido da mensaxe, así como o carácter persoal, indelegable, libre e segredo do sufraxio emitido telematicamente. O voto emitido persoalmente anula o voto electrónico.

Artigo 37. Xornada electoral

Unha vez constituída a mesa electoral, iniciarase a votación á hora sinalada, un membro da mesa comprobará o dereito do votante a participar na votación e introducirase dentro da urna a papeleta de votación contida no sobre facilitado a este respecto. Poderá habilitarse unha ou máis urnas distribuíndo entre elas por orde alfabética os electores; a cargo de cada unha das urnas permanecerá sempre, polo menos, un membro da mesa. Haberá en todo momento á disposición dos electores papeletas impresas cos nomes integrantes de cada unha das candidaturas e sobres de votación para contelas.

Artigo 38. Interventores

Cada candidatura poderá designar ata tres interventores. Con independencia de devandita designación, os propios candidatos e o representante da candidatura, se for o caso, poderán actuar, así mesmo, no proceso de votación. Un candidato, interventor ou representante de cada unha das candidaturas poderá asistir en todo momento con voz e sen voto ás sesións da mesa electoral e pode formular a esta as súas peticións ou reclamacións, así como facer constar na acta as mencións que considere necesarias, sen interromper o curso da votación.

Artigo 39. Votos nulos

Serán nulos os sufraxios emitidos en modelo distinto do oficial ou que teñan engadidos, enmendas ou alteracións que dificulten coñecer con claridade o sentido da elección efectuada polo votante ou os cargos e candidatos por que vota, ou cando se conteñan no sobre de votación papeletas de máis dunha candidatura. Cando no sobre se conteña máis dunha papeleta da mesma candidatura, computarase como un só voto a favor desta.

Artigo 40. Escrutinio

Unha vez concluída a votación, procederase ao escrutinio abrindo o sobre de votación e lendo en voz alta o contido da papeleta. Unha vez concluído o escrutinio, a mesa electoral proclamará o resultado e levantará acta expresiva do desenvolvemento da votación, incidencias ou reclamacións formuladas polos electores, candidatos, membros da mesa e interventores das candidaturas, e a resolución adoptada pola mesa respecto diso, número total de electores, de sufraxios emitidos, de votos válidos, nulos e en branco, e o resultado final da elección para cada unha das candidaturas.

A acta será subscrita por un membro de cada candidatura ou o seu representante ou interventor e os membros da mesa e uniranse a ela as papeletas ou sobres de votación sobre os cales se formulou expresamente algunha reclamación e se solicitou a súa unión á acta. Os demais votos computados sen incidencia serán destruídos polos servizos administrativos do Colexio.

Artigo 41. Reclamacións en materia electoral

Corresponde á Comisión Electoral resolver en primeira instancia as controversias e incidencias do proceso electoral. Para a comunicación e publicación dos acordos da Comisión Electoral poderá utilizarse calquera medio legalmente admitido, incluídos os telemáticos e electrónicos, así como a publicación no portelo único da páxina web.

Contra os acordos da Comisión Electoral poderá interporse recurso ante o Consello Galego de Colexios de Economistas dentro dos tres días seguintes á súa notificación. Transcorridos cinco días desde a interposición sen se ditar resolución expresa, entenderanse desestimados por silencio administrativo e quedará esgotada a vía corporativa.

Os recursos interporanse ante a Comisión Electoral, que os remitirá co seu informe ao Consello Galego de Colexios de Economistas dentro das vinte e catro horas seguintes.

Artigo 42. Toma de posesión

Transcorrido o prazo establecido para recorrer no artigo anterior sen que se interpuxese recurso ningún, ou desestimado expresa ou tacitamente o interposto, se for o caso, a Xunta de Goberno elixida tomará posesión e iniciará as súas funcións dentro dos cinco días seguintes.

Ata a toma de posesión da nova Xunta de Goberno, a Xunta saínte continuará nas súas funcións, excepto canto ás competencias sobre o proceso electoral que veñen atribuídas á Comisión Electoral por estes estatutos.

Artigo 43. Cobertura de vacantes

As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán provistas ata a expiración do seu mandato en virtude do correspondente acordo da Xunta de Goberno. A designación de quen substitúa o decano, vicedecano, secretario e tesoureiro deberá recaer en quen previamente fose membro da Xunta. Os demais membros serán substituídos por un colexiado que conte cunha antigüidade mínima de 6 meses no Colexio, fose ou non previamente membro da Xunta de Goberno.

Se as vacantes sucesivas ou simultaneamente producidas na Xunta afectan máis da metade dos membros inicialmente elixidos, procederase á convocatoria de eleccións anticipadas. Neste caso, os membros restantes e, se for o caso, o secretario técnico procederá a convocar a Comisión Electoral, conforme o artigo 32 dos estatutos, que efectuará a inmediata convocatoria de novas eleccións.

CAPíTULO III
Das competencias da Xunta de Goberno e réxime de funcionamiento

Artigo 44. Competencias

A Xunta de Goberno ten competencias para a plena dirección e administración do Colexio para a consecución dos seus fins e a este respecto exercerá cantas facultades non se atopen expresamente atribuídas á Xunta Xeral.

En concreto correspóndelle:

a) Con relación aos colexiados:

1. Resolver sobre a admisión de novos colexiados, facultade que pode delegar.

2. Establecer as cotas colexiais que satisfarán os colexiados e os dereitos por utilización dos distintos servizos.

3. Facilitar aos tribunais e autoridades de calquera orde as designacións de colexiados chamados a intervir como peritos, para o cal se constituirán unha ou máis quendas de actuación profesional, de acordo coas normas de funcionamento que para tal efecto aprobe.

4. Asesorar os colexiados nas súas reclamacións fundadas como consecuencia do exercicio da profesión, dentro das posibilidades orzamentarias establecidas e para este efecto pode asumir a súa representación ante todo tipo de entidades públicas e persoas privadas.

5. Exercer as facultades disciplinarias respecto dos colexiados.

6. Asumir a xestión de cobramento de honorarios profesionais no caso de taxación de custas, mediante acordo e no caso de que estivese previsto e haxa un servizo para o efecto.

7. Establecer os regulamentos de réxime interior que se consideren convenientes e as normas que deben observar os colexiados no exercicio da profesión, segundo o disposto nos presentes estatutos, en tanto non se dicta a norma regulamentaria interior, ou ben, unha vez dictada, en aplicación e desenvolvemento dela, e interpretar con carácter xeral os presentes estatutos e demais normas colexiais.

8. Actuar para que sexan cumpridas polos colexiados as normas relativas ao exercicio profesional, tanto no relativo á consideración debida a outros colexiados, como respecto dos destinatarios dos seus servizos profesionais.

9. Velar pola necesaria independencia no exercicio profesional dos economistas.

10. Procurar o mantemento do nivel de calidade dos servizos profesionais dos colexiados e da actualización dos seus coñecementos, impedindo o exercicio da profesión por quen careza da titulación e coñecementos requiridos en cada caso.

11. Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as diferenzas xurdidas canto á execución ou retribución dos traballos profesionais realizados polos colexiados.

12. Intentar conseguir o maior nivel de emprego dos colexiados.

13. Crear, impulsar e desenvolver as comisións precisas para o cumprimento dos fins colexiais e aprobar as súas normas de funcionamento.

14. Concretar acordos ou convenios de colaboración con todo tipo de entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos fins corporativos.

15. Resolver sobre a edición de publicacións, sexan de carácter unitario ou periódico, do Colexio, e determinar os seus órganos de redacción e dirección, se é o caso.

16. Desenvolver actividades de formación e especialización mediante calquera fórmula de xestión directa ou concertada con outras entidades, para o cal pode promover a constitución de centros docentes ou institutos universitarios e participar nas súas actividades.

17. Propoñer os honorarios orientativos para os efectos de taxación de custas.

18. En xeral, todas aquelas competencias que non estean especificamente, por disposición legal ou estatutaria, atribuídas á Xunta Xeral ou ao decano ou outros órganos do Colexio.

b) Con relación aos organismos públicos:

1. Defender os colexiados no exercicio das súas funcións profesionais.

2. Exercer o dereito de petición ante toda clase de autoridades.

3. Participar na elaboración dos plans de estudo das titulacións que habiliten para o exercicio profesional como economista.

4. Establecer os correspondentes acordos de colaboración coas universidades e centros de ensino de economía ou materias relacionadas nos distintos niveis docentes.

5. Participar na elaboración dos programas e designar vogais para os tribunais de convocatorias públicas de emprego en que se requira algún dos títulos facultativos do economista.

6. Fomentar a investigación e a docencia das ciencias económicas e empresariais e os correspondentes graos e posgraos da área económica e de empresa.

7. Emitir informes e ditames nas materias que lle sexan solicitadas polas administracións públicas e designar economistas para as súas funcións peculiares naqueles casos en que se requiran a súa intervención autoridades de calquera clase.

8. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

9. Representar o Colexio nos actos oficiais.

c) Con relación aos recursos do Colexio:

1. Administrar os recursos colexiais, o seu patrimonio e ingresos ordinarios e extraordinarios de calquera clase.

2. Someter á aprobación da Xunta Xeral o proxecto dos orzamentos anuais do Colexio, así como as contas de cada exercicio económico.

3. Contratar o persoal necesario para desenvolver as actividades do Colexio, fixar as súas condicións laborais e asignarlle as súas funcións.

Artigo 45. Reunións e adopción de acordos

1. A Xunta de Goberno reunirase polo menos trimestralmente e, en todo caso, cando sexa convocada polo decano presidente ou por petición dunha terceira parte dos seus membros. A convocatoria de reunións ordinarias deberá efectuarse cunha antelación de, polo menos, setenta e dúas horas, xuntando a orde do día. As reunións extraordinarias por razóns de urxencia poderán ser convocadas cunha antelación de vinte e catro horas. A convocatoria e a celebración das reunións poderán realizarse por medios electrónicos e telemáticos, sempre que sexa posible e quede asegurada a participación e a constancia dos acordos.

2. Será obrigatoria a asistencia ás xuntas. A falta non xustificada a tres sesións consecutivas poderá considerarse como renuncia tácita irrevogable ao cargo de membro da Xunta, logo de audiencia por escrito ao membro afectado.

3. Para que a Xunta de Goberno poida adoptar validamente acordos, será necesario que concorran presentes ou representados o 50 % dos seus membros en primeira convocatoria. Media hora despois, en segunda convocatoria, bastará a asistencia persoal ou representada de cinco dos membros da Xunta, dos cales un debe ser o decano ou persoa a quen corresponda a súa substitución de conformidade co sinalado no artigo 31.

4. Os acordos adoptaranse por maioría de votos presentes ou representados. Para outorgar a representación para este efecto bastará unha autorización escrita do ausente que indique a persoa que asumirá a súa representación e a sesión da Xunta para a cal se outorga. En caso de empate, dirimirá o voto do decano presidente.

5. As propostas poderán ser aprobadas por asentimento, se non existe oposición a elas por parte de ningún dos asistentes, nin solicitude de que se sometan a votación; ou por votación, e este último caso debe expresarse na acta o resultado desta. Nas actas consignaranse os asistentes e unha breve referencia ao tratado e aos acordos adoptados e someterase á aprobación da mesma ou da seguinte Xunta. Os asistentes á reunión poderán solicitar a consignación dalgún aspecto na acta, e o sentido do seu voto respecto dos acordos adoptados pola Xunta. Os acordos que se adopten respectarán os límites establecidos pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

6. A Xunta de Goberno poderá constituír unha comisión executiva da Xunta de Goberno, que estará integrada polo decano, o vicedecano, o secretario e o tesoureiro, e calquera outro membro da Xunta pode ser convocado, por decisión do decano. A Comisión Executiva dará conta dos seus acordos ao Pleno da Xunta de Goberno na seguinte reunión para a súa ratificación.

7. A Xunta de Goberno poderá constituír grupos de traballo para o cumprimento de fins específicos, e establecerá a súa composición, obxectivos e normas de funcionamento.

Artigo 46. Funcións do decano presidente

O decano presidente, ou quen estatutariamente faga as súas veces, asume a representación legal do Colexio ante as administracións públicas, organismos públicos e todo tipo de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nas actuacións externas que resulten necesarias ou convenientes aos fins do Colexio, e leva a cabo todo tipo de actos xurídicos, tanto unilaterais como bilaterais, comparecencias, outorgamentos e subscrición de calquera clase de documentos públicos ou privados, naquelas materias que se atopen estatutariamente asignadas á súa competencia, ou que, aínda correspondendo a outros órganos, proceda levar a efecto, acreditando, neste último caso, a concorrencia do acordo en cuxo cumprimento intervén.

Corresponden ao decano presidente, ademais, as seguintes funcións

1. Velar polo cumprimento das normas regulamentarias e dos acordos que dicten os órganos superiores e o propio Colexio.

2. Convocar e presidir todas as reunións da Xunta de Goberno, da Comisión Executiva e das Xuntas Xerais, abrir, dirixir e levantar tales reunións, gozando de voto de calidade en caso de empate.

3. Adoptar, por razóns de urxencia, os acordos necesarios dentro das competencias atribuídas á Xunta de Goberno, dos cales dará conta ao Pleno desta ou á Comisión Executiva na seguinte reunión.

Para todas as súas facultades, o decano terá a máxima autoridade e voto de calidade e por iso as súas disposicións deberán ser acatadas sen prexuízo dos recursos que, se for o caso, se poidan interpor contra elas.

Artigo 47. Funcións do vicedecano

Corresponde ao vicedecano substituír o decano presidente en caso de ausencia, imposibilidade ou vacante, así como exercer todas as funcións que este lle delegue.

En caso de ausencia ou incapacidade do decano presidente e do vicedecano, substituiraos o membro da Xunta de maior antigüidade no Colexio, sen que a dita substitución poidan corresponder a quen exerza as funcións de secretario.

Artigo 48. Funcións do secretario

O secretario terá como misión:

1. Redactar e dirixir as citacións para as convocatorias a xuntas de goberno e xerais, así como para calquera acto do Colexio, conforme as ordes que reciba do decano presidente.

2. Redactar as actas das xuntas xerais e das sesións da Xunta de Goberno, coidando de que se trasladen, logo de aprobadas, ao libro correspondente, e asinándoas co presidente. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión, podendo, no entanto, emitir o secretario xeral certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, co visto e prace do decano presidente, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

3. Levar dous libros de actas, un para xuntas de goberno e outro para as xerais.

4. Levar ou coidar de que se leven os libros de rexistro de correspondencia de entrada e saída así como o arquivo da documentación do Colexio, incluído o rexistro de sociedades profesionais.

5. Recibir a correspondencia e solicitudes que se dirixan ao Colexio e dar conta delas ao presidente, co seu informe verbal ou escrito sobre o seu contido.

6. Expedir as certificacións que procedan.

7. Elaborar a memoria anual colexial prevista na Lei 1/2010, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva do Parlamento Europeo e do Consello relativa aos servizos no mercado interior.

8. Responsabilizarse do portelo único que teña implantado o Colexio e do seu funcionamento.

9. Responsabilizarse do servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios.

10. Exercer a xefatura do persoal ao servizo do Colexio.

Artigo 49. Funcións do tesoureiro

Corresponde ao tesoureiro propor o necesario para a mellor administración dos recursos do Colexio e autorizar o libramento de fondos do Colexio de acordo coas autorizacións da sinatura mancomunada que a Xunta de Goberno acorde.

Así mesmo, correspóndelle supervisar o mantemento dos libros e da documentación contable e a elaboración da contabilidade e das contas anuais, así como someter á Xunta de Goberno os proxectos de orzamentos anuais para a súa ulterior consideración pola Xunta Xeral.

Artigo 50. Funciones dos vogais

Os vogais desempeñarán no seo da Xunta as funcións que esta lles encomende.

TÍTULO IV
Dos recursos económicos colexiais

Artigo 51. Recursos económicos

O Colexio de Economistas de Lugo ten plena capacidade xurídica e de obrar no ámbito económico e patrimonial para o cumprimento dos seus fins.

Os recursos corporativos estarán integrados por:

1. Polas cotas ordinarias de incorporación, se for o caso, e de carácter periódico, así como as extraordinarias, unhas e outras na contía e frecuencia que se estableza nos orzamentos anuais da Xunta de Goberno. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición. No entanto, a Xunta de Goberno poderá revisar a contía das cotas, e dita revisión debe ser sometida á ratificación da Xunta Xeral nos orzamentos do ano seguinte.

2. Polos dereitos por expedición de documentos, impresos, legalización de sinaturas, ditames, laudos e outros análogos.

3. Polos ingresos de edicións e publicacións do Colexio.

4. Polos dereitos de matrícula correspondentes ás actividades formativas organizadas polo Colexio, en virtude das competencias dispostas nos presentes estatutos, así como os ingresos obtidos polo desenvolvemento dos programas de bolsas que poidan establecerse.

5. Polos honorarios por informes, ditames ou actuacións periciais directamente asumidos polos órganos colexiais por solicitude de entidades públicas ou particulares nos casos legalmente establecidos.

6. Polos xuros e rendas dos distintos elementos do patrimonio corporativo.

7. Polas subvencións, herdanzas ou doazóns que poida recibir de todo tipo de persoas físicas ou xurídicas.

8. Polos ingresos derivados de convenios ou concertos con empresas ou entidades.

9. Polos ingresos por patrocinio ou publicidade.

10. Por calquera dos outros ingresos que corresponda percibir ao Colexio.

Artigo 52. Disposición dos fondos

Os libramentos de fondos do Colexio realizaranse da forma en que o determine a Xunta de Goberno, e, en todo caso, débese garantir o adecuado control interno e ser autorizados como mínimo por dous membros dela, un dos cales debe ser o tesoureiro ou quen faga as súas veces.

Artigo 53. Orzamentos anuais

O orzamento anual do Colexio será elaborado pola Xunta de Goberno e aprobado pola Xunta Xeral de colexiados.

Os orzamentos en vigor consideraranse prorrogados para o exercicio económico seguinte se, chegado este, non foron obxecto de aprobación os novos orzamentos, e engadiranse os importes ou partidas que sexan consecuencia de disposicións aplicables en materia de persoal ou acordos da Xunta de Goberno, sempre con carácter de provisionalidade ata a aprobación dos novos orzamentos colexiais.

Artigo 54. Auditoría

As contas do exercicio do Colexio deberán ser sometidas anualmente a unha auditoría externa, legalmente homologada, o informe emitido presentarase á Xunta Xeral ordinaria correspondente. Corresponderá á Xunta Xeral o nomeamento de auditor conforme a normativa aplicable.

TÍTULO V
Do libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio

Artigo 55. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web e colaborará coas administracións públicas no necesario para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os interesados poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia, nos termos sinalados na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A través do referido portelo único o Colexio ofrecerá a seguinte información, de xeito claro, inequívoca e gratuíto:

a) Os medios e condicións de acceso aos rexistros públicos de economistas e de sociedades profesionais.

b) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

c) O acceso ao Rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

d) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

3. O Colexio adoptará as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporará para iso as tecnoloxías precisas, creará e manterá as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, os colexios profesionais e, se for o caso, os consellos xerais e autonómicos poderán pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, inclusive coas corporacións doutras profesións.

4. Para cumprimento do disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 2/1974, do 13 de febreiro, Lei de colexios profesionais, o Colexio facilitará ao Consello Galego de Colexios de Economistas e ao Consello Xeral de Colexios de Economistas a información concernente ás altas, baixas dos economistas colexiados e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

Artigo 56. Memoria anual

1. O Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, elaborará unha memoria anual que conteña, polo menos, a información estipulada na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web do Colexio.

3. O Colexio fornecerá ao Consello Galego de Colexios de Economistas e ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España a información necesaria para elaborar a memoria anual das devanditas corporacións conforme o previsto na normativa vixente.

Artigo 57. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente por calquera consumidor ou usuario ou profesional colexiado, así como as asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados que se refiran ao seu ámbito de competencias e trasladará aos colexios xerais de economistas competentes aquelas que, de acordo coa normativa, correspondan ao ámbito de competencia destes.

3. O servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, se for o caso, corresponda.

4. A regulación deste servizo preverá a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

TÍTULO VI
Das infraccións e sancións

Artigo 58. Facultades disciplinarias

A Xunta de Goberno poderá acordar a imposición de sancións aos colexiados por actos ou omisións realizados con motivo do seu exercicio profesional que sexan contrarios a disposicións estatutarias, ao prestixio, competencia e deontoloxía profesionais, á honorabilidade da profesión, ao respecto debido aos seus compañeiros ou aos dereitos dos usuarios dos seus servizos profesionais.

A imposición de sancións por falta leve corresponderá directamente á Xunta de Goberno e require audiencia previa do interesado no termo de oito días. Cando se trate de faltas graves ou moi graves, será necesaria a tramitación de expediente na forma establecida nos artigos seguintes.

Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos do exercicio da potestade disciplinaria que corresponde ao Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio dos consumidores e usuarios, o Colexio utilizará os oportunos mecanismos de comunicación e cooperación administrativa entre autoridades competentes establecidos pola Lei 17/2009. As sancións impostas polo Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español e deberán notificarse expresamente ao Colexio en que estea inscrito o economista sancionado.

Artigo 59. Comisión de Deontoloxía

A Comisión de Deontoloxía estará formada por cinco colexiados con antigüidade de, polo menos, cinco anos, elixidos para este efecto pola Xunta de Goberno para un mandato de catro anos. As vacantes existentes na Comisión serán cubertas por designación da Xunta de Goberno.

Corresponde á Comisión de Deontoloxía, por instancias da Xunta de Goberno:

1. A incoación e instrución de expedientes por faltas graves ou moi graves.

2. Emitir os informes que en materia disciplinaria lle sexan solicitados pola Xunta de Goberno.

Artigo 60. Procedemento sancionador

Poderá iniciarse o proceso de solicitude de sancións a petición de parte interesada, sexa membro do Colexio, un terceiro que alegue xusta causa ou a propia Xunta de Goberno de oficio.

O procedemento sancionador por faltas graves e moi graves iniciarase mediante acordo da Comisión de Deontoloxía, designando, de entre os seus membros, instrutor do expediente. O instrutor practicará as actuacións necesarias para a averiguación dos feitos e a formulación do correspondente prego de cargos, dando traslado ao interesado para que poida, no prazo de oito días, formular alegacións respecto diso e propor os medios de proba que sexan pertinentes para a súa defensa.

Unha vez concluído o expediente, a Comisión de Deontoloxía formulará a proposta de resolución para a súa consideración pola Xunta de Goberno.

Artigo 61. Sancións

As sanciones que se imporán serán las seguintes:

a) Por falta leve:

1. Apercibimento por oficio.

2. Amoestación.

b) Por falta grave:

1. Suspensión no exercicio profesional por tempo de ata tres meses.

c) Por falta moi grave:

1. Suspensión no exercicio profesional desde tres meses ata dous anos.

2 Baixa definitiva no Colexio e no exercicio profesional de economista.

Artigo 62. Graduación de faltas

a) Son faltas leves:

1. A neglixencia simple no cumprimento dos deberes estatutarios e profesionais que non ocasione prexuízo a outros economistas ou aos usuarios dos servizos do economista.

2. A falta de respecto cara ao cliente ou cara a outros economistas ou terceiros que non implique publicidade nin causación de prexuízos.

3. A comunicación a terceiros sen causa xustificada de datos coñecidos con ocasión do exercicio profesional, cando non derive diso prexuízo ningún para o cliente ou para outros.

4. A emisión de facturas ou minutas notoriamente desproporcionadas ou excesivas.

5. O incumprimento dos deberes profesionais estatutarios ou dos acordos ditados pola Xunta de Goberno, sempre que iso non supoña prexuízo para o Colexio, para o cliente ou para outros economistas.

6. A realización de actividades publicitarias que non se axusten á legalidade.

7. A vulneración dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos profesionais prestados polos seus colexiados que non revista gravidade.

b) Considéranse faltas graves:

1. As relacionadas na letra anterior como faltas leves cando supoñan prexuízo para o Colexio, para o cliente ou para outros economistas ou terceiros.

2. A reiteración en falta leve dentro do ano seguinte á firmeza da primeira ou posteriores sancións.

3. A falta grave de respecto ou consideración cara a outros economistas ou cara aos destinatarios dos servizos profesionais do economista, ou cando se realice con publicidade ou se dirixa aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións.

4. A emisión de minutas ou facturas por conceptos inexistentes ou por actuacións profesionais non realizadas e a sinatura de informes ou traballos non realizados polo economista que os subscriba.

5. A competencia desleal.

6. A actuación profesional sen o cumprimento dos requisitos establecidos segundo o caso para o exercicio por conta propia ou allea.

7. As actuacións profesionais constitutivas de falta segundo as leis administrativas, civís, da lexislación de consumo ou penais, ou de ilícito, con prexuízo para o cliente segundo as leis civís.

c) Son faltas moi graves:

1. O incumprimento das obrigacións regulamentarias, estatutarias, deontolóxicas ou dos acordos ditados pola Xunta de Goberno dentro da súa competencia, cando ocasionen un prexuízo grave para o Colexio ou para outros economistas, para o cliente ou para outras persoas.

2. A participación en actuacións constitutivas de intrusión respecto da profesión de economista ou que faciliten o exercicio de terceiros das facultades peculiares do economista sen ter a titulación ou a incorporación profesional necesaria.

3. A infracción continuada das normas sobre incompatibilidades.

4. As actuacións profesionais que resulten constitutivas de delito, con independencia da responsabilidade penal ou civil que proceda respecto diso.

5. A reiteración en falta grave dentro dos dous anos seguintes á firmeza da primeira ou posteriores sancións, e as faltas que, segundo a lexislación de protección dos consumidores e usuarios dos seus servizos profesionais, teñan a natureza de moi graves.

Artigo 63. Publicidade de acordos sancionadores

Para a comunicación e publicación dos acordos de imposición de sancións firmes ao colexiado e demais persoas que teñan interese lexítimo no procedemento, poderá utilizarse calquera medio legalmente admitido, incluídos os telemáticos e electrónicos, entre eles a publicación no portelo único da web.

Informarase por escrito a todos os colexiados, así como aos organismos públicos a que houber lugar, sobre a suspensión temporal ou a baixa doutro colexiado que poida derivar dun acordo sancionador.

Os colexiados coñecerán, a través do portelo único, o estado de tramitación dos procedementos disciplinarios en que teña consideración de interesado e recibirán a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

En todo caso, procurarase conciliar o deber de información aos colexiados coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 64. Prescrición e caducidade

As faltas leves prescriben aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos de térense producido os feitos constitutivos delas.

As actuacións do procedemento sancionador interrompen a prescrición e continuará seu cómputo a partir de que o procedemento se vise detido por causa non imputable directamente ao interesado. Así mesmo, interrompen a prescrición as actuacións xudiciais seguidas para o establecemento de responsabilidades penais ou civís directamente vinculadas á actuación profesional do economista.

As sancións impostas pola comisión de faltas leves, graves e moi graves caducarán aos seis meses, dous anos e tres anos, respectivamente, e os ditos prazos comezarán a computarse desde a firmeza do acordo sancionador.

Artigo 65. Rehabilitación

A rehabilitación das sancións impostas pode instarse, unha vez cumprida a sanción, a partir dos seis meses seguintes se a falta é leve, dos dous anos se a falta é grave e dos catro anos se se trata de falta moi grave.

A rehabilitación acordarase se non se acreditou no expediente a comisión de feitos análogos aos que motivaron a sanción durante o tempo transcorrido desde o cumprimento desta, e procederase á cancelación da anotación da sanción no expediente do colexiado.

Deberá ser instada polo interesado á Xunta de Goberno, que resolverá no prazo de 60 días hábiles.

TÍTULO VII
Do réxime de recursos contra os acordos corporativos

Artigo 66. Impugnación dos actos, recursos e resolucións do colexio sometidas ao dereito administrativo

1. O Colexio ten a obrigación de resolver de forma expresa sobre cantas cuestións lle sexan presentadas, con aplicación do establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común canto ao silencio administrativo cando non se dictase resolución dentro do prazo de seis meses. Os actos e resolucións suxeitos ao dereito administrativo emanados do Colexio non poñen fin á vía administrativa.

2. Contra as resolucións dos órganos de goberno do Colexio e os actos de trámite, se estes últimos deciden directa ou indirectamente o fondo do asunto, determinan a imposibilidade de continuar o procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, cabe interpor recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios de Economistas. O prazo para a interposición do recurso de alzada será dun mes, se o acto for expreso. Se non o for, o prazo será de tres meses, que se computará desde o transcurso dos seis meses establecidos como prazo máximo para ditar resolución.

3. Contra a resolución dun recurso de alzada non caberá ningún outro recurso administrativo, salvo o recurso extraordinario de revisión previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Esgotada a vía administrativa, o interesado poderá impugnar o acto ante a xurisdición contencioso-administrativa conforme o previsto na súa Lei reguladora.

5. A través do portelo único estableceranse as vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

6. O establecido nos números anteriores enténdese sen prexuízo da competencia que corresponda á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para coñecer dos recursos que se interpoñan contra os actos e resolucións ditados polo Colexio no exercicio de funcións administrativas delegadas pola devandita Administración.

TÍTULO VIII
Da disolución e liquidación do Colexio

Artigo 67. Disolución

O Colexio poderá disolverse por vontade dos seus membros, por cumprimento do fin para que foi constituído, por non poder cumprilo mesmo ou por sentenza xudicial firme.

Para que o Colexio de Economistas de Lugo sexa disolto por vontade dos seus membros, será necesario que o acordo de disolución sexa adoptado pola Xunta Xeral extraordinaria convocada para o devandito efecto e que reúna o voto favorable, en votación secreta, das catro quintas partes dos seus membros.

Acordada a disolución do Colexio, a Xunta de Goberno, incrementada en tres colexiados dos máis antigos, converterase en comisión liquidadora e como tal procederá a reclamar todas as cantidades que tiver pendentes de cobramento, a pagar o que se deba e a realizar os bens que existan no seu patrimonio.

Artigo 68. Liquidación

Practicadas as anteriores operacións, no caso de que queden cantidades no activo do Colexio, serán repartidas pola comisión liquidadora entre todos os seus membros dados de alta nese momento e en proporción aos seus anos de antigüidade.

Todo o anterior é sen prexuízo de que a propia Asemblea Xeral extraordinaria acorde destinar total ou parcialmente o remanente a fins sociais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Os presentes estatutos entrarán en vigor unha vez aprobados pola consellería competente en materia de colexios profesionais, que verificará a súa adecuación á legalidade e ordenará, se é o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación.