Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 19 de novembro de 2014 Páx. 47912

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 14/2013, do 26 de
decembro, de racionalización do sector público de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do 7 de abril de 2014, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación coa disposición derradeira décimo primeira da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia, ambas as partes considéranas liquidadas de conformidade cos seguintes compromisos:

a) Ambas as partes manifestan que o artigo 68.1 da Ley 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que resulta modificado pola disposición derradeira décimo primeira da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, debe interpretarse no sentido de que será aplicable, en todo caso, o principio de eficacia nacional recollido na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, desenvolto, en particular, no artigo 6 e no capítulo V da dita lei.

b) Ambas as partes entenden que, sen prexuízo do establecido na alínea a), o réxime de autorización fixado no dito artigo 68.1 debe interpretarse de acordo coas previsións da Ley 20/2013, do 9 de decembro, de forma que a autorización do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de autorización de servizos sociais para o inicio de actividades, modificación substancial e cesamento de actividades, aí recollida, só será exixible en relación cos servizos sociais que comporten prestacións ligadas á saúde pública.

Segundo. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 16 de outubro de 2014

Cristóbal Montoro Romero

Ministro de Facenda e Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza