A disposición adicional segunda do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, determina que a consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas e as entidades empresariais e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes. Esta colaboración ten como finalidade, entre outras, a posibilidade de impartir módulos profesionais incluídos en títulos de formación profesional ou módulos formativos incluídos en certificados de profesionalidade nas instalacións das empresas, co fin de garantir que a formación se realice cos equipamentos propios da actividade, así como a actualización profesional.
Pola Orde do 6 de xuño de 2104, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Diario Oficial de Galicia do 16 de xuño), autorizáronse proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos en colaboración con diversas entidades.
Desde o momento da publicación desta orde, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinou máis convenios de colaboración en materia de formación profesional dual para o curso 2014/15 e seguintes.
Na súa virtude, co fin de pór en funcionamento este proxecto de formación profesional dual de carácter experimental, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto a autorización e a implantación dun proxecto experimental de formación profesional dual de ciclos de formación profesional polo réxime de persoas adultas en centros educativos, en colaboración con diversas entidades, que vén ampliar os proxectos autorizados pola Orde do 6 de xuño de 2104 (Diario Oficial de Galicia do 16 de xuño).
O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80 % os gastos de funcionamento ocasionados coa posta en marcha destas ensinanzas no centro educativo e os gastos do profesorado pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria necesario para impartir estas ensinanzas.
Artigo 2. Proxecto de formación profesional autorizado
Autorízase un proxecto experimental de formación profesional no centro 27006528-CIFP As Mercedes, en colaboración coas empresas José Estévez As Ferreiras, S.L.; Maquinaria Agrícola del Noroeste, S.L., e Agrobarreiro, S.L., para que ata 15 persoas poidan realizar o ciclo formativo de grao medio de Electromecánica de Maquinaria (MTMV03).
Artigo 3. Plan de formación e aprendizaxe
A distribución da formación curricular, a distribución global e duración do proxecto, a temporalización dos módulos profesionais, a adquisición por parte do alumnado de cualificacións e unidades de competencia e a especificación das horas de formación que se realizarán no centro educativo e na empresa para cada módulo profesional recóllense no convenio subscrito entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as empresas colaboradoras.
O convenio poderá ser consultado no enderezo http://www.edu.xunta.es/fp/convenios-dual.
Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes
Para poderen acceder a este proxecto de formación profesional dual as persoas aspirantes deberán cumprir o seguinte:
a) Ter entre dezaseis e vinte e nove anos no momento de inicio do programa formativo, no caso dos ciclos de grao medio.
b) Cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos establecidos no artigo 36 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, para poder matricularse en todos os módulos profesionais do ciclo formativo correspondente, e que se detallan no modelo de solicitude, no anexo I desta orde.
c) Carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou polo sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
d) Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para poder efectualo.
e) Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
Artigo 5. Lugar e prazo de presentación de solicitude
1. Cada solicitante presentará unha única solicitude, segundo o modelo do anexo I, que se entregará no CIFP As Mercedes ou en calquera dos centros que teñen autorizados proxectos de formación profesional dual e que figuran no anexo II desta mesma orde. Irán dirixidas á dirección do centro educativo do CIFP As Mercedes.
Se a persoa solicitante presenta máis dunha solicitude, non se terá en conta a súa petición.
2. Este modelo de solicitude estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.
3. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 3 de decembro ata as 13.00 horas do día 17 de decembro de 2014.
Artigo 6. Documentación
Coa solicitude de admisión deberase achegar a seguinte documentación:
a) Copia do DNI ou NIE, no caso de non dar o consentimento para a comprobación dos datos de identidade no sistema de verificación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro.
b) Certificación académica relativa aos requisitos de acceso, no caso de non ter realizado os estudos ou as probas de acceso no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
c) Currículo co formato Europass, que se poderá elaborar no enderezo https://europass.cedefop.europa.eu/es/documents/curriculum-vitae.
Artigo 7. Procedemento de admisión e matrícula
1. O procedemento de admisión realizarase en dúas fases:
a) Na primeira fase, o centro educativo, logo de analizar a documentación presentada e de verificar os requisitos das persoas solicitantes, o 18 de decembro fará pública no taboleiro de anuncios a relación provisional de persoas solicitantes, ordenada alfabeticamente, con indicación do requisito de acceso ao ciclo formativo. Así mesmo, o centro educativo procederá na mesma data ao envío da devandita listaxe á entidade colaboradora.
Esta publicación realizarase tamén na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp.
Contra esta listaxe, as persoas solicitantes poderán presentar ante a dirección do centro a correspondente reclamación, no prazo de tres días hábiles desde tal publicación.
Logo de resolver as reclamacións presentadas o día 23 de decembro, publicarase no taboleiro de anuncios do centro educativo e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a listaxe coa relación definitiva de persoas solicitantes. Así mesmo, o centro educativo procederá na mesma data ao envío da devandita listaxe á entidade colaboradora, de maneira que as persoas que non figuraran na listaxe provisional e sexan incluídas na listaxe definitiva se incorporen ao proceso de selección por parte da entidade colaboradora ou a empresa.
b) Na segunda fase, a entidade colaboradora, a partir da listaxe facilitada polo centro educativo e no prazo do 19 ao 31 de decembro, seleccionará as persoas para participar no proxecto de formación profesional dual, que non poderán exceder o número máximo de alumnado a que se refire o artigo 2 desta orde.
Para tal fin, e en virtude do convenio subscrito coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a entidade colaboradora realizará as probas de coñecementos e capacitación profesional e as entrevistas psicoprofesionais para seleccionar as persoas candidatas que teñan o perfil que mellor se adapte ás características da actividade propia da empresa.
Finalizado o período de selección, o centro educativo publicará no taboleiro de anuncios a listaxe de persoas admitidas, a listaxe de persoas en espera ordenadas por orde de prioridade e a listaxe de persoas non seleccionadas. Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp.
2. As persoas admitidas deberanse matricular na secretaría do CIFP As Mercedes, antes das 13.00 horas do día 9 de xaneiro de 2015.
3. Contra a relación definitiva de solicitantes á que se refire o punto 1, alínea a), e contra as listaxes de persoas admitidas a que se refire o punto 1, alínea b), as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada, no prazo máximo dun mes, ante a persoa titular da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Artigo 8. Número mínimo de solicitudes de matrícula
A autorización da oferta do proxecto experimental de formación profesional dual quedará condicionada a que exista un número mínimo de doce persoas seleccionadas. Un número menor de persoas seleccionadas exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento este proxecto experimental de formación profesional dual, e mentres que non se dispoña desta autorización non se poderá formalizar matrícula ningunha.
Artigo 9. Comunicación á inspección
A dirección do centro educativo, quince (15) días antes do inicio da actividade formativa nas empresas, remitirá aos servizos de inspección educativa das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Educativa unha copia do convenio de colaboración, a relación do alumnado matriculado no ciclo formativo e o nome da empresa onde vai realizar a súa formación. Os servizos de inspección trasladarán esta información á Inspección de traballo.
Utilizarase o mesmo procedemento para comunicar as baixas ou posibles modificacións do alumnado na empresa.
Artigo 10. Protección de datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Alumnado cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n,15704 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxfp@edu.xunta.es.
Artigo 11. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Xa que logo, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. Coas solicitudes das persoas interesadas deberanse achegar os documentos ou as informacións previstas nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que fosen presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa ausencia, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Artigo 12. Modelos normalizados de formularios
Para calquera outro trámite distinto da presentación da solicitude, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Disposición adicional primeira. Proxectos de formación profesional dual autorizados con anterioridade
Aos proxectos experimentais de formación profesional dual que foron autorizados con anterioridade a esta orde seralles de aplicación o regulado no artigo 9.
Disposición adicional segunda. Ordenación académica e avaliación do alumnado
Este proxecto regularase polo recollido na Orde do 6 de xuño de 2104 (Diario Oficial de Galicia do 16 de xuño) en canto á titoría, ao desenvolvemento da formación, á avaliación, á continuidade no proxecto por parte do alumnado, ao módulo de formación en centros de traballo e aos módulos xa superados ou validados por parte do alumnado.
Todos os aspectos relativos á ordenación académica e á avaliación sobre formación profesional inicial non recollidos nesta orde ou na Orde do 6 de xuño de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 16 de xuño) rexeranse polas normas que con carácter xeral regulan as ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución
Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2014
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO II
Centros educativos en que se pode presentar a solicitude
Código do centro |
Centro |
Enderezo |
Localidade |
Correo |
Teléfono |
15024513 |
CIFP Someso |
Rúa Someso, 6 |
A Coruña |
cifp.someso@edu.xunta.es |
981282200 |
15027770 |
IES A Sardiñeira |
Avenida da Sardiñeira |
A Coruña |
ies.sardineira@edu.xunta.es |
981247316 |
15015767 |
CIFP Politécnico de Santiago |
Rúa Rosalía de Castro, 133 |
Santiago de Compostela |
cifp.politecnico.santiago@edu.xunta.es |
981522062 |
27006528 |
CIFP As Mercedes |
Avenida de Madrid, 75 |
Lugo |
cifp.asmercedes@edu.xunta.es |
982221212 |
32009131 |
IES Universidade Laboral |
Rúa Universidade, 18 |
Ourense |
ies.universidade.laboral@edu.xunta.es |
988226304 |
36020064 |
CIFP Carlos Oroza |
Avenida Montecelo, 16 |
Pontevedra |
cifp.carlos.oroza@edu.xunta.es |
986847002 |
36011579 |
IES A Guía |
Avenida Dona Fermina, 1 |
Vigo |
ies.guia@edu.xunta.es |
986375111 |
36011634 |
IES Politécnico de Vigo |
Rúa Torrecedeira, 88 |
Vigo |
ies.politecnico.vigo@edu.xunta.es |
986213025 |
36013448 |
CIFP Manuel Antonio |
Avenida de Madrid, s/n, (apartado 3138) |
Vigo |
cifp.manuel.antonio@edu.xunta.es |
986273800 |
36017430 |
IES Ricardo Mella |
Estrada vella de Madrid, 177 |
Vigo |
ies.ricardo.mella@edu.xunta.es |
986253711 |