Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 3 de decembro de 2014 Páx. 49862

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia dispoñendo que:

«1. Mediante esta lei se autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación desta, sen que supoña incremento ningún de gasto público».

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos (DOG número 10, do luns, 16 de xaneiro de 2012) procedeuse ao desenvolvemento da autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientan na súa actuación.

O modelo de entidade instrumental elixido, o de axencia, seguiu as determinacións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, lei que vén de ser modificada no seu artigo 87.1 polo parágrafo 2 da disposición derradeira segunda da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico:

«1. Nas axencias públicas autonómicas constituirase unha comisión de control, baixo a dependencia orgánica do consello reitor. En todo caso, estará integrada por un representante da consellaría competente en materia de facenda, un representante da axencia pública autonómica, un representante da consellaría de adscrición e un representante da consellaría competente en materia de avaliación e reforma administrativa».

En consecuencia, con esta modificación lexislativa cómpre adaptar o artigo 17 («A Comisión de Control») do Estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (anexo I do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos) ao novo marco normativo.

Doutra banda, modifícase o número 5 do artigo 13 («Consello Reitor») do Estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa finalidade de incorporar entre as súas vogalías a unha representación da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.

Ademais, o proxecto de decreto engade un novo parágrafo ao artigo 3 e un novo punto ao artigo 21 (punto 2.3.4.) no que se dispón a creación dos departamentos provinciais da Área de Modernización das Administracións Públicas. Deste xeito créanse catro departamentos provinciais, que teñen encomendada a xestión de competencias desta área no ámbito provincial.

Esta modificación resulta precisa como consecuencia da integración na Amtega dos postos de traballo de escalas informáticas das consellerías e organismos, entre os que se atopaban moitos postos de traballo situados noutras localidades que pasaron a depender funcionalmente da Área de Modernización das Administracións Públicas da Amtega. Cómpre, polo tanto, crear unha estrutura periférica do organismo, co fin de coordinar eses postos e asumir a xestión das competencias da área nas provincias.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos

O anexo I do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, modifícase nos seguintes termos:

Un. Engádese un novo parágrafo no artigo 3.

«A Axencia conta con departamentos provinciais da Área de Modernización das Administracións Públicas nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra».

Dous. O número 5 do artigo 13 queda redactado da seguinte forma:

«5. Cada unha das restantes consellerías e a Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia estarán representadas no Consello Reitor por un/unha vogal».

Tres. O artigo 17 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 17. A Comisión de Control

1. A Comisión de Control, baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor, estará composta polos seguintes membros:

a) Unha persoa representante da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa, que exercerá a presidencia da Comisión.

b) Unha persoa representante da consellería en materia de facenda.

d) Unha persoa representante da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.

e) Unha persoa representante da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

f) Unha secretaría, que corresponderá á persoa que exerza a Secretaría do Consello Reitor.

2. Os membros da Comisión de Control serán designados polo Consello Reitor, por proposta das persoas titulares das consellerías competentes en materia de avaliación e reforma administrativa e materia de facenda, da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, e da persoa titular da Dirección da Amtega entre o persoal destas con rango mínimo de xefe/a de servizo.

3. En ningún caso, os membros da Comisión de Control serán coincidentes cos membros do Consello Reitor, a excepción dos membros que non teñan dereito a voto no dito consello.

4. O cargo na Comisión de Control non será retribuído».

Catro. Engádese un novo punto no artigo 21.

«Artigo 21.2.3.4. Departamentos provinciais da Área de Modernización das Administracións Públicas

Son funcións destes departamentos:

a) Coordinar coa Dirección de Área todas as actuacións de xestión de aplicacións, medios TIC e xestión de posto de traballo no seu ámbito de competencia.

b) Participar na coordinación e xestión das iniciativas de soporte de aplicacións e sistemas informáticos no seu ámbito de competencia.

c) Participar na xestión e supervisión da atención ao usuario e a xestión dos sistemas e plataformas de posto de traballo e parque ofimático.

d) Implantar no seu ámbito de actuación as normas, estándares e procedementos en actividades de soporte de aplicación e sistemas informáticos e asegurar o seu cumprimento para a obtención da calidade destes e da satisfacción das persoas usuarias.

e) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección da área ou pola Dirección da Amtega».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza