Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 5 de decembro de 2014 Páx. 50158

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2015, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo (Boletín Oficial del Estado número 184, do 2 de agosto), e da Orde do 19 de novembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia número 233, do 27 de novembro).

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) núm. 3820/85, do Consello, e a Directiva 91/439/CEE, do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A formación obrigatoria dos condutores establécese como algo diferente da que actualmente existe para a obtención dos permisos de condución á cal se refire a Directiva 91/439/CEE do Consello, do 29 de xullo de 1991, sobre o permiso de condución, incorporada ao ordenamento interno polo Regulamento xeral de condutores, aprobado polo Real decreto 772/1997, do 30 de maio. A nova formación difire desta última tanto na súa estrutura como no seu contido e destinatarios. Por unha parte, establécese unha cualificación inicial que debe obterse con independencia do permiso de condución e, por outra, unha formación continua dirixida a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos. As materias sobre as que se exixen coñecementos afectan fundamentalmente a actividade de transporte a que se dedican profesionalmente estes condutores.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que, no seu capítulo VI (artigos 14 a 17) e no seu anexo V, recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, e o órgano competente pode publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

Con base nas ditas previsións ditouse a Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se estableceron as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal, co obxecto de incidir na transparencia destes procesos, se incluíron as normas que ten que ter en conta necesariamente o tribunal designado para a súa realización e avaliación.

Na dita norma previuse expresamente unha habilitación á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para levar a cabo as sucesivas convocatorias de exame, con respecto ás premisas recollidas na orde.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo; na Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003; no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, e na Orde do 19 de novembro de 2009 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

1. Esta resolución dítase ao abeiro da base décima da Orde do 19 de novembro de 2009 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por medio da cal se habilita o titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as convocatorias e calendarios das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Polo exposto, e con sometemento ás bases previstas na Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse, por medio desta resolución, as probas que se van realizar no ano 2015.

3. Realizaranse nove convocatorias, que se desenvolverán nos meses que a seguir se detallan, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E.

– As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar consonte o seguinte calendario:

– Primeira convocatoria: entre o 21 de xaneiro e o 4 de febreiro de 2015.

– Segunda convocatoria: entre o 25 de febreiro e o 11 de marzo de 2015.

– Terceira convocatoria: entre o 8 de abril e o 22 de abril de 2015.

– Cuarta convocatoria: entre o 20 de maio e o 3 de xuño de 2015.

– Quinta convocatoria: entre o 24 de xuño e o 8 de xullo de 2015.

– Sexta convocatoria: entre o 29 de xullo e o 12 de agosto de 2015.

– Sétima convocatoria: entre o 16 de setembro e o 30 de setembro de 2015.

– Oitava convocatoria: entre o 4 de novembro e o 18 de novembro de 2015.

– Novena convocatoria: entre o 9 de decembro e o 23 de decembro de 2015.

4. Os prazos para inscribirse ás probas previstas no punto anterior serán os seguintes:

– Primeira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do 24 de novembro de 2014 ata o 2 de xaneiro de 2015, ambos inclusive.

– Segunda convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 3 de xaneiro de 2015 ao 6 de febreiro de 2015, ambos inclusive.

– Terceira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 7 de febreiro ao 20 de marzo de 2015, ambos inclusive.

– Cuarta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 21 de marzo ao 29 de abril de 2015, ambos inclusive.

– Quinta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 30 de abril ao 5 de xuño de 2015, ambos inclusive.

– Sexta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 6 de xuño ao 10 de xullo de 2015, ambos inclusive.

– Sétima convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 11 de xullo ao 28 de agosto de 2015, ambos inclusive.

– Oitava convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 29 de agosto ao 16 de outubro de 2015, ambos inclusive.

– Novena convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 17 de outubro ao 20 de novembro de 2015, ambos inclusive.

5. Para inscribirse nas probas será necesario presentar, dentro do prazo previsto no punto anterior, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, acompañada do impreso de autoliquidación de taxas polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de non prestar o consentimento para que a Administración consulte telematicamente os seus datos de identidade e residencia, o aspirante deberá achegar tamén copia do DNI e, se for o caso, da documentación que acredite a súa residencia habitual en Galicia de conformidade co disposto na Orde do 19 de novembro de 2009.

6. Os aspirantes excluídos ou non admitidos á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, se for o caso, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

7. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sx.cmati@xunta.es.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2014

Helena de Lucas de Santos
Directora xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file