Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 17 de decembro de 2014 Páx. 51412

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de decembro de 2014 pola que se clasifica de interese para o fomento da economía social a Fundación para la Organización de Nuevas Técnicas Empresariales (Fonte).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación para la Organización de Nuevas Técnicas Empresariales (Fonte) con domicilio na Aldea de Arriba, número 33A, en Santa Marta de Babío, Bergondo (A Coruña).

Feitos.

1. Lorenzo Juan Capllonch Blanco, secretario do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Organización de Nuevas Técnicas Empresariales (Fonte) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 14 de xullo de 2014, ante a notaria María José Gil Caballero, co número de protocolo 377, por Juan José Landeira Lourido, Carlos Moreno Sánchez, Genaro Ripoll Pazos, Armando Fernández-Xesta Vázquez, Luis Manuel Gurriarán Rodríguez, José Javier Guillamett Fernández e Lorenzo Juan Capllonch Blanco que actúan no seu propio nome e dereito e a entidade Construcciones Rústicas Gallegas, S.L. que actúa representada por Raquel Landeira Vega.

Esta escritura foi emendada por outra, outorgada tamén na Coruña o 10 de outubro de 2014, ante a mesma notaria, co número de protocolo 550.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o fomento da economía social.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Juan José Landeira Lourido como presidente; Luis Manuel Gurriarán Rodríguez como vicepresidente; José Javier Guilamett Fernández como tesoureiro; Lorenzo Juan Capllonch Blanco como secretario; e a entidade Construcciones Rústicas Gallegas, S.L., que actúa representada por Raquel Landeira Vega, Carlos Moreno Sánchez, Genaro Ripoll Pazos e Armando Fernández-Xesta Vázquez como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social da Fundación para la Organización de Nuevas Técnicas Empresariales (Fonte), de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o fomento da economía social e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de novembro de 2014,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o fomento da economía social a Fundación para la Organización de Nuevas Técnicas Empresariales (Fonte), adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza