Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 19 de decembro de 2014 Páx. 51763

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2014 pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos.

A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, prevé, no seu punto quinto, que a consellería competente en materia de residuos, por proposta da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., fixará as condicións de adhesión das entidades locais ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos e aprobará o modelo para a formalización da adhesión.

De acordo coa disposición citada, a adhesión ao sistema de xestión institucional de residuos domésticos será voluntaria para as entidades locais no marco do disposto na lexislación de residuos e no Plan de xestión de residuos urbanos, e efectuarase mediante negocio xurídico-administrativo, que será formalizado entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. como xestora do sistema.

A finalidade que se persegue co establecemento das condicións para a adhesión voluntaria é a de asegurar o funcionamento do sistema de xestión institucional dos residuos domésticos. Este sistema configúrase como un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais voluntariamente adheridas a este, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos procurando a máxima eficiencia no uso de recursos públicos.

Así mesmo, na citada disposición adicional establécese que, unha vez publicadas as condicións de adhesión, os negocios xurídicos subscritos polas entidades locais coa Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. para a xestión dos residuos urbanos municipais entenderanse modificados e adaptados ás condicións aprobadas, unha vez transcorrido o prazo de dous meses desde a publicación das condicións de adhesión, salvo que dentro do dito prazo as entidades locais remitan un acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo cal se desiste do negocio xurídico subscrito.

As previsións anteriores complétanse co disposto no punto sexto da dita disposición adicional, onde se sinala que, entre as condicións para a adhesión, figurarán as dun tempo mínimo e a relativa á que o non pagamento das cantidades que se aboarán en concepto de canon unitario de tratamento por tonelada posibilitará a retención do endebedado con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, configura este departamento como órgano da Administración da Comunidade Autónoma competente en materia, entre outras, de ambiente; atribuenselle competencias e funcións sobre o fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez vista a proposta efectuada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., ao abeiro da habilitación contida na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro. Establecer as condicións de adhesión das entidades locais ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia, xestionado de acordo coa Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e a disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, que se detallan no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar o modelo para a formalización da adhesión voluntaria ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos polas entidades locais que non forman parte actualmente deste, que se inclúe como anexo II desta resolución.

Terceiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución e os seus anexos, de acordo co disposto no punto cinco da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, e para os efectos previstos nela.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Anexo I
Condicións de adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos

As condicións que rexen a adhesión ao sistema de xestión institucional son as seguintes:

1. Voluntariedade da adhesión: a adhesión ao sistema de xestión institucional de residuos domésticos promovido pola Administración autonómica será voluntaria no marco do disposto na lexislación de residuos e no Plan de xestión dos residuos urbanos.

2. Natureza xurídica da relación: a relación xurídica entre as entidades locais e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema de xestión colectiva de residuos municipais, terá natureza xurídica administrativa, de acordo co establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

A Administración autonómica, como promotora do sistema e en garantía das súas finalidades de interese xeral, para asegurar o seu funcionamento, disporá das competencias e potestades establecidas na lexislación de residuos, e en particular das facultades establecidas na disposición adicional citada, como as de fixar as condicións de adhesión, actualizar e revisar o canon unitario e ditar os acordos de retención nela regulados.

3. Formalización da adhesión: efectuarase mediante negocio xurídico-administrativo, que se formalizará entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema, seguindo o modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos. Cando sexan mancomunidades as que se adhiran ao sistema, estas, antes da formalización, deberán dar traslado á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. da participación de cada entidade local na dita mancomunidade. Nos negocios xurídicos xa subscritos por mancomunidades que, de acordo coa disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, se modifiquen e adapten a estas condicións de adhesión, a participación de cada entidade local na mancomunidade deberá comunicarse á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. no prazo de dous meses desde a publicación das condicións de adhesión ao sistema de xestión institucional de residuos domésticos.

4. Xestora do sistema: a realización das operacións de tratamento dos residuos domésticos no marco do sistema de xestión institucional efectuaraa a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá garantir o cumprimento dos obxectivos establecidos na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia; na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados; na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e nos correspondentes plans de residuos aprobados pola Xunta de Galicia.

5. Prazo mínimo de adhesión: en garantía da sustentabilidade financeira do sistema, para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos que se van tratar, establécese un prazo mínimo de adhesión de cinco anos, que se entenderá tacitamente prorrogado por iguais períodos de tempo, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar á xestora do sistema un acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo cal renuncia a continuar adherida ao sistema de xestión institucional.

Respéctase o prazo de vixencia establecido nos negocios xurídicos xa subscritos polas entidades locais coa Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. para a xestión dos residuos urbanos municipais, que, de acordo coa disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, se modifiquen e adapten a estas condicións de adhesión. Unha vez vencido o prazo previsto neles, estes negocios entenderanse tacitamente prorrogados por períodos de cinco anos, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar á xestora do sistema o acordo a que se refire o número anterior.

6. Establecemento dun canon unitario de tratamento por tonelada de residuos: as entidades locais adheridas ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos deberán aboar un canon unitario de tratamento por tonelada cuxa fixación, actualización e revisión se efectuará de conformidade co establecido pola disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

En particular, a consellería competente en materia de residuos publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia a actualización anual do canon conforme a índice de prezos de consumo no mes de xaneiro de cada exercicio, de acordo co indicado na disposición adicional citada.

7. Aboamento do canon unitario: a xestión, liquidación e cobramento do canon unitario corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais e cuxo aboamento deberá producirse nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

De conformidade co artigo 4 da citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. deberá facer chegar a factura mensual ás entidades locais adheridas antes de que se cumpran quince días naturais desde que finalice a prestación mensual obxecto de facturación.

En garantía de transparencia do sistema as entidades locais poderán verificar as operacións de tratamento realizadas nun prazo non superior a trinta días naturais a contados desde que finalice a prestación correspondente ao mes facturado. Para estes efectos, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., xuntará á factura mensual un anexo I en que se relacionan os quilos totais por día depositados polo cliente nas instalacións de Sogama e, se o solicita, poderase xuntar ademais un anexo II en que se detallan os quilos recollidos detallando a empresa de recollida e a matrícula por cada entrada nas instalacións de Sogama. No caso de entrega en instalacións sen báscula, pesaranse os colectores nas instalacións de Cerceda, e ratearase o número de toneladas pesadas no mes correspondente polo número de habitantes de dereito de cada un dos municipios que entreguen os seus residuos na planta ou, se é o caso, pola porcentaxe que os municipios decidan conxuntamente, e enviaránselles coa factura os quilos totais por día depositados na instalación de entrega e o rateo calculado para o cliente. O prazo máximo de pagamento da factura mensual é de trinta días naturais contados desde a data en que ten lugar a verificación dos labores de tratamento dos residuos.

8. Efectos do non pagamento do canon unitario: en garantía da sustentabilidade financeira do sistema e de acordo co establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, no caso de non pagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario, incluídas aquelas que se tivesen xerado polo dito concepto unha vez transcorrido o prazo de dous meses desde a entrada en vigor da Lei 11/2013, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo a súa normativa reguladora.

Para estes efectos teranse en conta as seguintes regras:

– Transcorrido o prazo máximo de pagamento da factura establecido nestas condicións de adhesión, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. procederá a dirixir apercibimento á entidade local de que solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local se non se verifica o pagamento no prazo máximo de trinta (30) días.

– Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectuase o pagamento, a sociedade pública solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, se é o caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións. Á dita solicitude xuntarase copia do apercibimento realizado ao concello instando o pagamento da débeda, así como da acreditación da recepción por parte do concello do dito apercibimento. No caso de retencións que se realizarán a entidades locais polas débedas das mancomunidades en que estean integradas, indicarase a débeda que se lle deberá reter a cada entidade local individualmente, unha vez aplicadas as porcentaxes de participación na mancomunidade.

As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.

– Cando o obrigado ao pagamento fose unha mancomunidade de municipios, os concellos integrantes desta serán responsables solidarios, na parte que corresponda segundo a súa porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade, das débedas xeradas ao xestor institucional do sistema polo non pagamento do canon unitario.

9. Tipoloxía dos residuos: os residuos domésticos cuxo tratamento poderá realizarse no marco do sistema de xestión institucional serán aqueles que, tendo esa natureza segundo o establecido pola lexislación de residuos, así determinen os correspondentes plans de residuos aprobados pola Xunta de Galicia e figuren na autorización ambiental integrada da sociedade pública xestora do sistema institucional.

A propiedade dos residuos entregados pola entidade local pasará a ser da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

10. Compromisos da entidade local: a adhesión da entidade local ao sistema de xestión institucional de residuos domésticos implica a plena aceptación das condicións de adhesión establecidas pola Administración autonómica.

Así mesmo, a entidade local que se adhira ao sistema deberá cumprir as seguintes obrigas:

– Adecuar, en caso necesario, as ordenanzas sobre residuos municipais e outras disposicións ou contratos con terceiros, para posibilitar o cumprimento dos compromisos asumidos mediante a súa adhesión ao sistema de xestión institucional.

– Entregar os residuos domésticos procedentes da recollida ordinaria nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no Plan de xestión dos residuos de Galicia (no horario que estea establecido), así como nas condicións fixadas, de ser o caso, pola normativa en materia de residuos, ao xestor institucional co fin de que este proceda, segundo os casos, á súa valorización material, enerxética ou á súa eliminación.

– A entidade local deberá garantir que os camións que transporten os residuos (i) cumpren as garantías de seguridade e hixiene, particularmente no referente a escorrementos de lixiviados e malos olores; (ii) sométense á obriga da súa pesada en báscula dado que a facturación se levará a cabo con base nesas pesadas; (iii) os seus condutores observan a normativa establecida para o funcionamento da correspondente estación de transferencia ou planta de pretratamento. A Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá impedir o acceso ás súas instalacións en caso de que se incumpran as ditas condicións.

– Aboar á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., nos termos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos.

O número de toneladas determinarase en función das pesadas en báscula debidamente homologada dos vehículos que transporten os residuos. No caso de entrega en instalacións sen báscula, pesaranse os colectores nas instalacións de Cerceda.

11. Obrigas da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

Na súa condición de xestora do sistema, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. asume as seguintes obrigas:

– A xestión dos residuos domésticos que as entidades locais entreguen ao sistema integral de xestión institucional de residuos domésticos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no Plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado de residuos.

– A valorización enerxética e material dos residuos domésticos e, de ser o caso, a eliminación en vertedoiro controlado da fracción dos ditos residuos para os cales non se poida dar outro tratamento.

– A realización de accións para a mellora da xestión e prevención de residuos do sistema integral de xestión institucional de residuos domésticos, incluídas as actuacións de formación e sensibilización.

– A xestión, liquidación e cobramento do canon unitario de tratamento por tonelada corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais de acordo co número 7 destas condicións de adhesión.

Anexo II
Modelo de documento de adhesión ao sistema público e integrado de xestión institucional de residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia

Contido do documento:

I. Identificación de:

– Lugar e data de subscrición.

– Comparecentes por Sogama e a entidade local.

– Habilitación dos comparecentes para a sinatura.

II. Parte expositiva.

1. O sistema público e integrado de xestión institucional de residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia xestionado por Sogama de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, configúrase como un modo de xestión colectiva dos residuos municipais promovido pola Xunta de Galicia, cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos procurando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

2. O dito sistema deberá asegurar, mediante a valorización enerxética e material dos residuos domésticos e eliminación en vertedoiro controlado da fracción dos ditos residuos para os cales non exista outro tratamento previsto na lexislación vixente, que a xestión integrada dos residuos se efectúa garantindo o cumprimento de todos os obxectivos recollidos nos correspondentes plans de residuos, cuns niveis máximos de protección, buscando un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema.

3. Na Comunidade Autónoma de Galicia, no momento actual, a valorización enerxética das fraccións non valorizables materialmente dos residuos domésticos unicamente pode levarse a cabo no Complexo Medioambiental de Cerceda titularidade de Sogama.

4. Sogama, na súa condición de xestora institucional, debe asumir a realización das actividades de tratamento dos residuos das entidades locais voluntariamente adheridas ao sistema que procedan da recollida ordinaria que aquelas efectúen pola súa conta e que se transportasen ata as estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no Plan de xestión dos residuos de Galicia.

5. A viabilidade económica do sistema institucional de xestión integral dos residuos domésticos fundaméntase na existencia dun canon único por tonelada aplicable con carácter xeral a todas as entidades adheridas. A fixación, actualización e revisión determínase de conformidade co disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

6. De acordo coa citada disposición adicional vixésimo primeira da Lei de orzamentos de Galicia para o ano 2014, a adhesión das entidades locais ao sistema público e integrado de xestión institucional de residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia levarase a efecto mediante negocio xurídico-administrativo, que será formalizado entre a entidade local e Sogama como xestora do sistema. A entidade local mostrou a súa disposición a adherirse ao sistema de xestión institucional de residuos domésticos seguindo a tramitación oportuna e adoptando os acordos correspondentes os órganos competentes dela.

7. Neste acordo regúlanse as condicións para a adhesión das entidades locais ao sistema público e integrado de xestión institucional de residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia nos termos establecidos na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e na disposición adicional vixésimo primeira da Lei de orzamentos de Galicia para o ano 2014, axustándose o seu contido ás condicións de adhesión e ao modelo de formalización da adhesión aprobado pola consellería competente en materia de residuos.

III. Cláusulas.

1ª. Obxecto.

O acordo ten por obxecto formalizar a adhesión voluntaria da entidade local ao sistema público e integrado de xestión institucional de residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia promovido pola Administración autonómica e xestionado por Sogama. A adhesión réxese polas condicións establecidas por resolución da consellería competente en materia de residuos, de conformidade coa disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

2ª. Tipoloxía de residuos.

Os residuos domésticos cuxo tratamento poderá realizarse no marco do sistema de xestión institucional serán aqueles en que, tendo esa natureza segundo o establecido pola lexislación de residuos e procedendo da recollida municipal ordinaria, así o determinen os correspondentes plans de residuos aprobados pola Xunta de Galicia e figuren na autorización ambiental integrada da sociedade pública xestora do sistema institucional.

A propiedade dos residuos entregados pola entidade local pasará a ser de Sogama.

3ª. Compromisos da entidade local.

A adhesión da entidade local ao sistema de xestión institucional de residuos domésticos implica a plena aceptación das condicións de adhesión establecidas pola Administración autonómica.

Así mesmo, a entidade local que se adhira ao sistema deberá cumprir as seguintes obrigas:

– Adecuar, en caso necesario, as ordenanzas sobre residuos municipais e outras disposicións ou contratos con terceiros, para posibilitar o cumprimento dos compromisos asumidos mediante a súa adhesión ao sistema de xestión institucional.

– Entregar os residuos domésticos procedentes da recollida ordinaria nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no Plan de xestión dos residuos de Galicia (no horario que estea establecido), así como nas condicións fixadas, se é caso, pola normativa en materia de residuos, ao xestor institucional co fin de que este proceda, segundo os casos, á súa valorización material, enerxética ou á súa eliminación.

– A entidade local deberá garantir que os camións que transporten os residuos (i) cumpren as garantías de seguridade e hixiene, particularmente no referente a escorrementos de lixiviados e malos olores; (ii) sométense á obriga da súa pesada en báscula dado que a facturación se levará a cabo con base nesas pesadas; (iii) os seus condutores observan a normativa establecida para o funcionamento da correspondente estación de transferencia ou planta de pretratamento. Sogama poderá impedir o acceso ás súas instalacións en caso de que se incumpran as ditas condicións.

– Aboarlle a Sogama, nos termos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos tendo en conta que:

• O número de toneladas determinarase en función das pesadas en báscula debidamente homologada dos vehículos que transporten os residuos. No caso de entrega en instalacións sen báscula, pesaranse os colectores nas instalacións de Cerceda.

• O importe do canon unitario por tratamento por tonelada, de acordo coa disposición adicional vixésimo primeira da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, fíxase na cantidade de (...) euros/tonelada máis IVE para o ano (...) e actualizarase anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo. A súa contía publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das revisións que procedan en virtude do apartado terceiro da disposición adicional vixésimo primeira da citada Lei de orzamentos. Estas revisións, de producirse, modificarán a contía do canon unitario de conformidade co establecido na citada disposición adicional.

• En garantía da sustentabilidade financeira do sistema e de acordo co establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, en caso de non pagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo a súa normativa reguladora.

Para estes efectos teranse en conta as seguintes regras:

• Transcorrido o prazo máximo de pagamento da factura establecido nestas condicións de adhesión, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. procederá a dirixir apercibimento á entidade local de que solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local se non se verifica o pagamento no prazo máximo de trinta (30) días.

• Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectuase o pagamento, a sociedade pública solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións. Á dita solicitude xuntarase copia do apercibimento realizado ao concello en que se insta o pagamento da débeda, así como a acreditación da recepción por parte do concello do dito apercibimento. No caso de retencións que se realizarán a entidades locais polas débedas das mancomunidades en que estean integradas, indicarase a débeda que se deberá reter a cada entidade local individualmente, unha vez aplicadas as porcentaxes de participación na mancomunidade.

• As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.

• Cando o obrigado ao pagamento fose unha mancomunidade de municipios, os concellos integrantes desta serán responsables solidarios, na parte que corresponda segundo a súa porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade, das débedas xeradas ao xestor institucional do sistema polo non pagamento do canon unitario.

4º. Obrigas de Sogama.

Na súa condición de xestora do sistema asume as seguintes obrigas:

– A xestión dos residuos domésticos que as entidades locais entreguen ao sistema integral de xestión institucional de residuos domésticos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado de residuos.

– A valorización enerxética e material dos residuos domésticos e, de ser o caso, a eliminación en vertedoiro controlado da fracción dos ditos residuos para os que non se poida dar outro tratamento.

– A realización de accións para a mellora da xestión e prevención de residuos do sistema integral de xestión institucional de residuos domésticos, incluídas as actuacións de formación e sensibilización.

– A xestión, liquidación e cobramento do canon unitario de tratamento por tonelada corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais cuxo aboamento se realizará nos termos establecidos pola Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

De conformidade co artigo 4 da citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. deberá facer chegar a factura mensual ás entidades locais adheridas antes de que transcorran quince días naturais desde que finalice a prestación mensual obxecto de facturación.

En garantía de transparencia do sistema, as entidades locais poderán verificar as operacións de tratamento realizadas nun prazo non superior a trinta días naturais contados desde que finalice a prestación correspondente ao mes facturado. Para estes efectos, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. xuntará á factura mensual un anexo I en que se relacionan os quilos totais por día depositados polo cliente nas instalacións de Sogama e, se o solicita, poderase xuntar ademais un anexo II en que se indiquen os quilos recollidos detallando a empresa de recollida e a matrícula por cada entrada nas instalacións de Sogama. No caso de entrega en instalacións sen báscula, pesaranse os colectores nas instalacións de Cerceda, e rateaarase o número de toneladas pesadas no mes correspondente polo número de habitantes de dereito de cada un dos municipios que entreguen os seus residuos na planta ou, se é o caso, pola porcentaxe que os municipios decidan conxuntamente, e enviaráselles coa factura os quilos totais por día depositados na instalación de entrega e o rateo calculado para o cliente. O prazo máximo de pagamento da factura mensual é de trinta días naturais contados desde a data en que ten lugar a verificación dos labores de tratamento dos residuos.

5ª. Vixencia.

En garantía da sustentabilidade financeira do sistema, para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos que se van tratar, establécese un prazo mínimo de adhesión de cinco anos, que se entenderá tacitamente prorrogado por iguais períodos de tempo, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar á xestora do sistema un acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo cal renuncia a continuar adherida ao sistema de xestión institucional.

6ª. Resolución e efectos.

A adhesión ao sistema de xestión institucional concluirá:

– Por expiración do prazo pactado, de acordo co expresado na cláusula 5.

– Mediante mutuo acordo das partes.

– Por rescisión derivada do incumprimento grave das obrigas asumidas por algunha das partes.

– Por calquera outra causa prevista no marco normativo vixente.

No suposto de que no momento de instarse a resolución da adhesión se tivesen prestado servizos de forma efectiva que estean pendentes de pagamento, a entidade local deberá aboar o importe correspondente a Sogama.

7ª. Réxime xurídico e xurisdición.

A relación xurídica entre as entidades locais e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema de xestión colectiva de residuos municipais, terá natureza xurídica administrativa, de acordo co establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

As cuestións litixiosas que puidesen derivar do acordo de adhesión serán de coñecemento da xurisdición contencioso-administrativa.